Novas

Veciños da Rúa Serra Gañidoira piden medidas xudiciais contra dous residentes conflitivos

Os veciños dun edificio da Rúa Serra Gañidoira de Lugo din vivir un calvario por mor de dous veciños, unha nai duns 70 anos e o seu fillo de arredor dos 50, que non deixan de provocar intencionadamente situacións que incomodan á comunidade.

Segundo os veciños, estes inquilinos levan máis de dúas décadas facendo ruído, gritando, insultando, denunciando, ameazando e mesmo agredindo non só no interior do edificio, se non mesmo polas ventás e na rúa; pero que nos últimos meses estes incidentes se viron incrementados, tendo que recurrir en varias ocasións á presenza policial. É por iso que o pasado mes de xullo, varios dos residentes acudiron aos xuzgados a interpoñer unha denuncia contra estes inquilinos.

Tampouco é a primeira vez que estas persoas son denunciadas por mor do seu comportamento cara os seus conveciños. Segundo algúns afectados, estas persoas xa foran denunciadas e expulsadas da súa anterior vivenda por unha situación semellante á que están a vivir agora.

Convocados case 36.000 lucenses entre os 70 e os 79 anos para recibir as vacinas de covid e gripe

Preto de 36.000 lucenses entre os 70 e os 79 anos están sendo convocados para recibir as doses contra a gripe e o COVID-19, das cales 23.000 o farán no HULA, case 7.500 no hospital da Mariña e 5.400 no anexo ao IES Río cabe de Monforte. Unha vez que este grupo de idade estea completado, será o turno das persoas entre os 60 e os 69 anos, seguidos dos pacientes de risco e outros grupos considerados como candidatos.

Esta campaña estase a levar a cabo despois de que o Sergas abrira este xoves os vacinódromos en toda a comunidade para axilizar a administración das vacinas. Iso si, para evitar os desprazamentos innecesarios, os maiores de 80 anos foron citados nos seus centros de saúde habituais.

Aquelas persoas que foron avisadas poderán presentarse nos seus centros de vacinación entre as 8.30 e as 14.00 horas e de 15.30 a 21.00 horas.

Praza de Santo Domingo

Novo corte de auga en Lugo, desta vez na Praza de Santo Domingo

Continúan os cortes de auga no concello de Lugo, desta volta na Praza de Santo Domingo dende a rúa da Raíña ata a Rúa San Marcos.

O Consistorio vén de anunciar polas súas redes sociais o cese do suministro da traída na tarde de hoxe, aínda que a Brigada de Augas estima que o servizo se retomará esta mesma xornada.

O Hospital da Costa de Burela acolle unha xornada sobre saúde mental e discapacidade intelectual

O Hospital da Costa de Burela acollerá unha xornada sobre saúde mental e discapacidade intelectual mañá ás 9.30 horas no seu salón de actos. Da man dos Os doutores Ángel Carracedo, Investigador e coordinador da Fundación Pública Galega de Mediciña Xenómica; e Luis Carlos Álvarez, Psicólogo clínico do Complexo Hospitalario
Universitario de Santiago de Compostela, tratarase a importancia da saúde mental en persoas con discapacidade intelectual.

Este encontro está co-organizado pola entidade viveirense de ASPANANE en colaboración coa Federación galega de asociacións de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (FADEMGA Plena inclusión Galicia) e está declarada de “interese sanitario” pola Consellería de Sanidade.

O Parque de Bombeiros de Vilalba contará cunha nova escaleira articulada de 30 metros que custará 930.000 euros

O Parque de Bombeiros de Vilalba contará cunha nova auto-escaleira xiratoria para ser máis eficientes nos labores de rescate e de combate do lume nos incendios. Así se acordou nun Pleno do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento que se celebrou esta mañá.

Acordouse sacar a licitación o subministro deste novo equipamento por 930.000€, que se incorporará para mellorar o equipo co que conta o parque chairego. Esta escaleira ten co último tramo articulado 30 metros de altura, o que equivale a uns 10 pisos dun edificio, o que facilita ter un acceso rápido a lugares elevados en situacións de emerxencia, como incendios en inmobles altos.

Rúa Mallorca de Lugo

Trasladado ao HULA un home baixo un posible brote psicótico

Esta noite a policía local interviu tras un aviso de que un home de 44 anos estaba gritando e golpeando os escaparates da Avenida da Coruña, aínda que foi localizado na Rúa Mallorca. Tras proceder á súa identificación e comprobar que podía estar baixo un brote psicótico, requeriuse a presenza dunha ambulancia que trasladou ao home ao HULA.

Outras intervencións 

Esta madrugada tamén foi auxiliada pola policía local unha persoa baixo o efecto de pastillas e alcol na Rúa Mariña Española, que foi trasladada ao HULA para recibir atención médica.

Igualmente foi necesaria a presenza doutra patrulla nun local de lecer da mesma Rúa Mariña Española ao comprobar que excedía o límite de apertura de horario. A pesar de ter o enreixado baixado, no interior atopábanse unha trintena de persoas, polo que a policía procedeu co desaloxo do espazo e levantou unha acta de denuncia por infracción da normativa de Espectáculos Públicos de Galicia.

Rúa Ourense en Lugo

A policía local de Lugo multa a un motorista que conducía baixo os efectos das drogas, sen seguro e sen a ITV en regra

A policía local de Lugo multou onte pola tarde a un motorista que conducía baixo o efecto das drogas, sen seguro e sen ITV. Este feito producíuse despois de que os axentes detectaran a conducción irregular pola rúa Ourense, resultado do consumo de estupefacientes. Tras darlle o alto ao conductor e facerlle as pertinentes probas, este deu positivo en cocaína e THC. Tamén comprobaron que a motocicleta circulaba sen o seguro obrigatorio e coa ITV caducada.

Os axentes procederon, polo tanto, a abrir un expediente sancionador cunha multa de 1000 euros, a retirada de 6 puntos e a inmobilización do vehículo polo consumo de drogas; unha multa de 1250 euros pola falta de seguro e outra de 200 euros pola ITV caducada.

Positivo en alcolemia na Ronda da Muralla

Esta madrugada a policía local tamén multou a un conductor que circulaba pola Ronda da Muralla baixo os efectos do alcol. As probas de alcolemia arroxaron unha tasa de 0,55mg/l, polo que os axentes procederon a sancionar ao condutor con 1000 euros de multa, a retirada de 6 puntos do permiso e a inmobilización do vehículo.

Réplicas de instrumentos medievais chegan ao Xoan Montes da man da mostra ‘A memoria do son’

A mostra ‘A memoria do son’, composta por varias réplicas de instrumentos medievais do Centro de Artesanía e Deseño, inicia en Lugo unha itinerancia polos conservatorios de Galicia.

Esta tarde inaugurouse a exposición no Conservatorio de Música Xoan Montes. A exposición inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez; ou dos datos recollidos en distintos documentos literarios e históricos como o os manuscritos das Cantigas de Santa María de Alfonso X.

No último ano e medio, expúxose nunha trintena de localidades de Galicia e noutros puntos de España e, coa inauguración de hoxe, inicia unha itinerancia coa que se pretende chegar aos conservatorios de Galicia.

Ademais das reconstrucións de instrumentos medievais, a mostra inclúe propostas interactivas, como un salterio no que as persoas visitantes poden interpretar melodías de cantigas de Afonso X e Martín Códax. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado-  que incorporan os contidos da exposición de forma lúdica.

A exposición conta cun catálogo, en catro idiomas, editado en papel, pero tamén está dispoñible para descargar, en formato pdf, na web cultura.deputacionlugo.gal.

 

O PSOE de Abadín reclama unha residencia de anciáns que prometeu o alcalde

Os socialistas de Abadín reclaman ao alcalde que cumpra co seu compromiso de construír unha residencia de maiores no municipio. O partido levará esta cuestión ao vindeiro pleno extraordinario, que se celebrará o 9 de novembro.

Dende o PSOE afirman que o alcalde anunciou no 2021 que o consistorio crearía unha residencia no prazo de menos dun ano e que o custo, financiado polo Concello, acadaría os 1,5 millóns de euros. Segundo os socialistas, pasado o prazo do remate da obra presentaron unha nova proposta para pedir información, pero o alcalde cambiara o seu criterio. “Soubemos que xa non ía ser financiada polo Concello, que tiñan que asinar un convenio coa Consellería, e que esta ía achegar un pouco máis do 50% do orzamento total, valorado en 2 millóns de euros”, sinalou o voceiro do PSdeG no concello, Pablo Díaz.

“Non imos permitir que sexa outra promesa incumprida do alcalde como foron as axudas económicas que ía a dar aos sectores afectados pola pandemia, ou o acordo para o arranxo do céspede do campo de fútbol ou o PXOM entre outros”, sentenciou Pablo Díaz, xa que considera que esta residencia de maiores é “necesaria e demandada polas nosa veciñanza” para así ” poder atender ás persoas maiores e en situación de dependencia no noso concello”.

O Festival de Jazz de Lugo celebrará a súa trixésimo terceira edición en novembro

Coma todos os outonos, volve un ano máis o Festival de Jazz de Lugo, que se celebrará entre o 3 e o 19 de novembro a súa XXXIII edición.

O festival congregará tanto a estrelas e primeiras figuras internacionais como a novos valores do jazz europeo, e por suposto, ao máis destacado do jazz nacional e galego.

Esta nova edición, organizada pola Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, chega a Lugo con 23 concertos que se repartirán entre os tres escenarios habituais – Círculo das Artes, Club Clavicémbalo e Casa do Saber – e achegará a Lugo a agrupacións como Ton Risco & Marcos Teira, Mike Stern Band, Kike Perdomo Quinteto, Camille Thurman & The Darrell Green Quartet ou Gran Canaria Big Band, entre outras.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com