Novas

Lugo continúa sen director da Banda de Música Municipal

O Concello de Lugo segue a buscar quen ocupe a dirección da Banda de Música Municipal, xa que o actual director, David Fiuza, atópase de excedencia.

Dende o Consistorio sinalan que levan meses tentando atopar un sustituto temporal, pero que a tarefa non lles está resultando doada. Pablo Permuy, responsable de recursos Humanos do Concello, sinalou que lle pediron ao outro aspirante presentado ao proceso selectivo, e que polo tanto figuraba nunha lista de candidatos á contratación, que aceptara o posto de sustituto, pero este rexeitou esta opción. “A continuación convocouse un proceso para a cobertura do posto, mediante Comisión de Servizos á que se presentaron varias solicitudes. Porén, só unha reunía todas as condicións xa que se requiría ser funcionario de carreira, mais esa persoa nunca acreditou a perceptiva autorización da Administración de orixe para poder incorporarse e o proceso culminou sen candidato”, explicou o concelleiro.

A tenenta de alcaldesa de Cultura, Maite Ferreiro, afirmou que o Concello segue a buscar unha alternativa e recalcou “a preocupación do Goberno local pola necesidade dunha dirección que todo o mundo quere para a Banda e a Escola Municipal de Música”.

 

O Concello determina que o valor do emprazamento do antigo colexio do Sagrado Corazón é de algo máis de 1,2 millóns de euros

O Concello de Lugo e Afundación están preto de acadar un acordo para permutar os terreos do antigo colexio público do Sagrado Corazón por outra parcela de titularidade municipal. Segundo Paula Alvarellos, tenenta de alcaldesa de Sostibilidade Urbana, o solar onde se emplaza o antigo CEIP “é unha superficie moi ampla, de 5.764’59 m²” e estaría tasado nuns 1.230.490 euros.

No caso de firmar o acordo, a seguinte fase do proceso sería a firma dun convenio a tres bandas, da man da Xunta, para que este organismo constrúa un novo centro de atención primaria que a cidadanía do barrio do Sagrado Corazón vén reclamando hai tempo. A concelleira afirmou que este novo centro “cumprirá á perfección o cometido de albergar unhas dependencias moi necesarias nas que se dará servizo a máis de 7.000 persoas”.

Urbanismo pide á Xunta toda a documentación sobre o PXOM dende a solicitude de rexistro do documento aprobado

A concelleira de Urbanismo remitiu esta mañá unha comunicación á consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na que esixe á Xunta toda a posible documentación xerada ao respecto do PXOM de Lugo dende a solicitude de rexistro efectuada polo Concello en xullo. “Ante a falta de comunicación oficial por parte do ente autonómico, e a raíz da filtración de informacións oficiosas aos medios de comunicación que están a xerar inseguridade entre a veciñanza, o Concello vaise persoar para poder acceder á información  que a Xunta non nos facilita”, sinalou Paula Alvarellos.

Ademais, a edil acusa á Xunta de empregar o estado do PXOM con fins partidistas. “Todo o que sabemos ao respecto do estado do rexistro do PXOM é o que Executivo galego filtra aos medios de comunicación nun acto de deslealdade institucional sen precedentes na nosa cidade. Non consta nin un só requirimento de documentación, nin ningunha petición de subsanación de erros, nin moito menos ningunha petición de reunión, ben técnica ou política, efectuada por parte da Xunta ao respecto do Plan Xeral. Sospeitamos que todo forma parte dunha campaña orquestrada para intentar obter rédito electoral convertendo un documento clave para o futuro da cidade nunha arma arreboladiza e nunha batalla entre administracións na que usa aos veciños e veciñas de Lugo como reféns”, sinalou.

Tamén se pronunciou a alcaldesa de Lugo, que afeou o “uso partidista” das institucións galegas e afirmou que a súa man “está tendida” para por en marcha o Plan Xeral “que permita seguir avanzando no crecemento da cidade”.

Reinos de taifas

Diante das esquivas maiorías absolutas, os que non as conseguen pactan para levar adiante os seus programas, utilizando a aritmética para sumar os votos precisos. Nas corporacións así formadas, hai unha presidencia – representación natural do goberno – que coordina as diversas tendencias, que por decoro solucionan as diferencias en privado ofrecendo de cara ao exterior unha postura unica.

O do goberno de España co conflito palestino-israelí non é de recibo, e causa desazón nas persoas sensatas. Se o titular do goberno marca o sentir oficial do país, é bochornoso que unha ministra diga algo diferente. Sabemos que a auga e o aceite non poden mesturarse, pero os ministerios dun país civilizado teñen que ter unha especial argamasa para non perder auga nin aceite.

Na provincia, a imaxe é mellor. Quen leva un tema, non se mete nos asuntos dos outros. E nin as festas se mesturan co Arde Lucus, nin os titulares das corporacións participan en actos que outros teñen en concesión.

Fomos aprendendo. Hai anos, nun acto nun concello lucense no que subían as autoridades de diversas institucións a entregar agasallos, os nacionalistas do goberno municipal molestáronse porque só subíu a Alcaldesa, tendo que recordarlles que unha institución non pode ser representada máis ca por unha persoa, á parte da salomónica solución que Branca impoñía a Orozco, falando sempre os dous. En Lugo só figuran os que deben figurar, sen conflito de intereses. En Madrid, peor coordinados, aplican ben antiga “memoria histórica”, e xa que o que preocupa está relacionado co Islám, volven aos “Reinos de taifas”.

O BNG de Lugo organiza unha viaxe para acudir á manifestación a favor de Palestina en Santiago

O BNG de Lugo pon en marcha unha viaxe para acudir á manifestación en prol de Palestina que se celebrará na Alameda de Santiago de Compostela o vindeiro 28 de outubro.

Para facilitar a asistencia, porán a disposición de todos aqueles que queiran acudir un autobús que sairá dende a Estación de Tren de Lugo ás 16.00 horas. A viaxe terá un custo de 5 euros e para anotarse é preciso chamar ao 982 225 812.

O Caudal Fest 2024 vende o 60% dos seus abonos en 24 horas

Vinte e catro horas despois da súa saída á venda, o Caudal Fest anunciaba a través das súas redes sociais que o 60% dos abonos para a vinderira edición – que será a sexta, e que se celebrará os días 20 e 21 de setembro de 2024- xa foran adquiridos.

Mikel Izal, Viva Suecia, Arde Bogotá, Ginebras, Nil Moliner ou Carlos Sadness son os primeiros cabezas de cartel que actuarán no Caudal Fest 2024. Estarán acompañados de grupos como Barry Brava, Ladilla Rusa, Siloé, Huecco, Karavan, Tu Otra Bonita, Ramón Mirabet, Xina Mora, e os galegos Monoulious DOP.

Ao longo das vindeiras semanas desvelaranse próximas novidades desta edición, que buscará ser a máis exitosa da historia do festival ata o de agora. En 2023, o evento reuniu a 37.567 persoas en Lugo, supoñendo un retorno económico de 7,3 millóns de euros.

O PP de Lugo solicita desbloquear o PXOM cunha proposición de emerxencia

O PP presenta unha proposición de emerxencia ante a situación de bloqueo do 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo, que leva paralizado dende o ano 2019.

“Dende o momento que se deu a coñecer que a Confederación paralizaba a tramitación do Plan Xeral pedimos diálogo coa CHMS presidida por un cargo do PSOE, así como tamén co equipo redactor, e solicitamos unha xuntanza de voceiros obtendo, de momento, a calada por resposta”, apuntan dende o PP, que desexan que o Concello resolva canto antes esta cuestión para “empezar a traballar na súa mellora e actualización adaptado á nova realidade do municipio co obxecto de captar investimentos, facilitar o impulso de novos proxectos empresariais e de vida así como a planificación ordenada do territorio”.

Os Codex Cinema acollen un coloquio co director Ángel de la Cruz e a actriz Estíbaliz Veiga, do filme “O home e o can”

Os Codex Cinema reciben este venres 27 ás 20.30 horas ao director do filme galego “O home e o can” Ángel de la Cruz e á actriz Estibaliz Veiga, que farán unha presentación da película e ao remate da mesma, un breve coloquio.

Ademais, este fin de semana as salas dos Codex estrean dous novos filmes: “A contadora de películas”, da directora Lone Sherfig, e a francesa “Divertimento”, dirixida por Marie-Castille Mention- Shaar

En “A contadora de películas”, María Magnolia é unha chilena que, a pesar de vivir nunhas condicións de vida difíciles, tenta transmitirlle a súa paixón pola arte á súa filla, María Margarita, que se converterá na contacontos da vila, onde a maior parte dos seus habitantes non poden pagar unha entrada de cine.

“Divertimento” retrata a historia real de Zahia Ziouani, unha moza francesa de orixe arxelino que soña con ser directora de orquestra. A súa irmá xemelga, Fettouma, é violonchelista profesional. Ambas medran acompañadas pola música clásica sinfónica e gustaríalles que esta música fose accesible a todas as persoas e en todas partes. Como conseguir ese sono tan ambicioso nos anos noventa, sendo muller, de orixe alxerina e vivindo en Seine-Saint-Denis? Con determinación, paixón, valentía e, sobre todo, co incrible proxecto de crear a súa propia orquestra, Divertimento.

Un home de avanzada idade de Guntín, hospitalizado por unha posible inhalación de fume

Un home de avanzada idade foi evacuado en ambulancia e sen consciencia por unha posible inhalación de fume. O 112 Galicia tivo constancia desta incidencia quince minutos antes das 21 horas do martes tras a chamada dun dos familiares do afectado, que o atopou inconsciente na súa vivenda de Meixaboi, en Guntín de Pallares.

Ata o lugar trasladáronse os profesionais sanitarios, os Bombeiros de Chantada – que non chegaron a actuar- , o GES de Monterroso e axentes da Garda Civil.

Os membros do GES de Monterroso realizaron as medicións correspondentes e comprobaron que os resultados eran negativos, aínda que a estancia afectada xa estaba ventilada cando chegaron. Deste xeito, explicaron que o home posiblemente inhalara unha importante cantidade de fume dunha cociña de leña que non funcionaba correctamente.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com