Novas

O BNG de O Páramo convoca unha concentración ante a falta de persoal no centro de Saúde

O grupo do BNG de O Páramo convoca unha concentración o vindeiro xoves 26 de outubro “en defensa da atención primaria e para demandar que non deixen ao Páramo sen médicos”.

Dende a corporación municipal do BNG denuncian que no centro de saúde da localidade os dous médicos dispoñibles non pasan consulta de xeito continuo debido a vacacións e baixas laborais. “Neste centro de saúde pasa consulta un profesional catro horas ao día mais nunca se sabe exactamente o horario no que vai estar no centro. Nesta tesitura é imposible que o persoal sanitario poida atender a demanda de pacientes que ten o centro”, afirman.

Segundo o BNG paramés, esta situación “pon en risco a saúde dos máis vulnerables, ademais do trastorno que isto causa sobre todo ás persoas maiores que non saben nunca a que hora teñen consulta”. Por iso convocan unha concentración o próximo 26 de outubro ás 12.00 horas ante o centro de Saúde de O Páramo, á que animan a participar “a todos os que poidan a acudir a defender a atención primaria e o dereito a unha sanidade pública e de calidade para o noso pobo”.

A concelleira polense Nicole Grueira será a presidenta de Novas Xeracións do PP

Nicole Grueira presidirá as Novas Xeracións de Galicia despois de ser a única candidata que presentou a súa candidatura para estar á fronte da organización xuvenil do PP. A polense entregou onte máis de 350 avais de membros da organización das catro provincias -catro veces máis que os 90 requiridos- ante a Comisión Organizadora do Congreso, que se celebrará o próximo 18 de novembro.

Unha vez formalizada a candidatura mediante a entrega dos avais, entre o xoves 26  e o 2 de novembro terá lugar unha campaña interna para a recollida de apoios e a presentación do proxecto co que Grueira aspira a liderar a organización.

“Preséntome con ganas, ilusión e responsabilidade para continuar o traballo exemplar realizado por Adrián Pardo e o seu equipo ao longo destes anos cun obxectivo claro: continuar traballando pola mocidade galega, polos seus intereses e pola potenciación do seu papel na sociedade”, afirmou a candidata no momento de presentar a súa candidatura.

Grueira, concelleira e portavoz popular no consistoriode Pol, foi a candidata do PP máis nova nas pasadas eleccións municipais aos seus 22 anos.

Urbanismo prepara unha nova Ordenanza municipal que rexerá a Avaliación Técnica dos Edificios

A concellería de Sostibilidade Urbana e Recursos Internos anunciou hoxe que o Concello de Lugo está a elaborar unha nova ordenanza municipal referente á Avaliación Técnica de Edificios.

Esta ordenanza ten por obxectivo regular esta materia acatando así os últimos cambios lexislativos que entraron en vigor recentemente e que obrigan á substitución das antigas Inspeccións Técnicas de Edificios (ITEs) por informes de avaliación que reflictan o grao de cumprimento que está a exercer a propiedade de terreos e inmobles no que ten que ver coa súa conservación, rehabilitación ou co estado ruinoso dos mesmos.

A nova ordenanza contemplará os termos polos que pasará a rexerse o deber de inspección técnica periódica das edificacións que determine o seu estado de conservación, o acatamento da lei vixente sobre accesibilidade universal e, para os edificios de uso residencial de vivenda colectiva, o grao de eficiencia enerxética.

O documento incluirá tanto as edificacións que quedan suxeitas a esta obriga coma os prazos e condicións nos que deban realizarse as inspeccións e informes, en función da súa antigüidade, tipoloxía, uso predominante ou catalogación en materia de patrimonio cultural.

A Ordenanza – que levará aparellada, de xeito necesario, a derogación da normativa municipal que regulaba ata o momento a figura das Inspeccións Técnicas – recollerá as condicións de realización destas inspeccións, ao tempo
que se establecerá a obriga de realizar de xeito periódico un informe de avaliación dos edificios, que acreditará o cumprimento das condicións das edificacións e construcións, calquera que sexa o seu uso e tipoloxía, cunha antigüidade superior aos 50 anos; ou cando polo estado de deficiente conservación así o requira o Concello.

A maiores, o Concello abre un proceso de consulta pública co fin de que os sectores e colectivos máis afectados pola aplicación da norma poidan realizar as súas achegas. Durante os vindeiros 15 días as persoas ou entidades interesadas en realizar algunha suxestión poderán enviala ao correo ordenanzaurbarnismo@lugo.gal co fin de poder incorporalas, se procede, ao proxecto que se redacte.

O Concello anuncia varias actividades no Cemiterio Municipal polo Día de Defuntos

O Concello de Lugo busca dinamizar as visitas ao cemiterio municipal con diversas actividades enmarcadas nas celebracións do 1 de novembro.

Un ano máis repetirase a iniciativa da ‘árbore da luz’, na que todas as persoas que se acheguen ao camposanto poderán deixar as súas mensaxes para os defuntos a través de cintas que se colgarán da árbore instalada na entrada.

O 29 de outubro e o 1 de novembro, o cemiterio encherase de música durante todo o día, coas agrupacións da asociación Músico Crisanto realizando distintos concertos entre as 11:30 e as 13:30 horas, e pola tarde de 16 a 18 horas. O día 2, celebrarase a ofrenda floral da Corporación Municipal a todos os defuntos do Cemiterio Municipal, mentres que as lecturas dramatizadas de Don Juan Tenorio, a cargo de Palimoco Teatro, terán lugar o día 9 a partir das 20:30 horas; e o día 19, con dous pases ás 19:30 e ás 20:30. As entradas para ambas representacións teatrais poderanse retirar na Oficina de Turismo da praza do Campo, ou reservarse chamando ao Cemiteirio.

As actividades continuarán co concerto da lembranza o 08 de novembro ás 18:30 horas; e co IX Concurso de Fotografía Estampas de Paz e Acougo, que terá lugar do 01 de outubro até o 30. Nesta edición versará sobre a simboloxía oculta que se reflicte nas construcións funerarias dos cemiterios. Pode consultarse máis información contactando coa área de Participación.

Para reforzar o aumento das visitas ao camposanto polo Día de Defuntos, os días 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro reforzarase o bus urbano que conecta o centro co Cemiterio, habilitando liñas especiais comunicando de xeito continuo o Cemiterio coa rolda da Muralla.

 

 

Volve o Castañazo a Chantada despois de catro anos

O festival Castañazo volve a Chantada despois de catro anos, cun cartel que mestura unha morea de bandas galegas e estatais. Celebrarase da man da Asociación O Castañazo entre os días 27 e 28 de outubro.

Fillas de Cassandra, Narco, Tremenda Jauría, Lágrimas de sangre, Rastreros e Grande Amore tocarán o venres 27; e o sábado 28 será a quenda para Dakidarría, Mafalda, Tropa do Carallo, Sons of Aguirre & Scilla, Arrhythmia e Rebeliom do Inframundo.

O cartel musical complétase cunha programación aberta e de balde, como o Ourizo Rock, con propostas pensadas para público infantil – actuacións dos combos xuvenís da Casa da Música de Chantada e Ramón Gato, e o espectáculo teatral Mus Museum de A Run Run Teatro – o sábado pola mañá, no Auditorio Municipal; e Cantos de Taberna e un pasarrúas de Mekanika Rolling Band ao longo da tarde, ademais dun magosto popular.

Xuventude e Lugo Monumental preparan actividades para o Samaín

O espírito do Samaín inundará Lugo grazas ás actividades propostas pola Asociación Lugo Monumental e a Concellería de Xuventude.

O vindeiro martes 31 de outubro, 73 locais do centro histórico repartirán doces a todos os nenos que se acheguen aos comercios adscritos nunha nova edición de “Truco ou trato” proposta pola asociación Lugo Monumental. Para iso, tan só terán que “ameazar” ao persoal coa frase “truco ou trato”. Non é preciso que estean disfrazados, aínda que dende a asociación recomendan que se disfracen “para que se divirtan máis”. Tamén se repartirán centos de cestas con forma de cabaza para que os nenos recollan os seus doces. Para facilitar o recorrido, este venres 27 publicaranse as instruccións detalladas e un un plano de Google Maps coa situación dos establecementos participantes na web www.lugomonumental.es.

O Concello de Xuventude tamén prepara actividades de Samaín dirixidas á mocidade lucense de entre 14 e 35 anos. O martes 31 celebrarase un rastrexo nocturno na contorna do Centro Histórico de Lugo, que consistirá nun  xogo por equipos onde cada grupo participante deberá superar unha serie de probas e desafíos terroríficos. A actividade comezará ás 21:00 horas na Praza Horta do Seminario.

Así mesmo, a programación municipal destinada á mocidade lucense comezará este xoves 26 co obradoiro de cociña “Recetas de Samaín”, que terá continuidade o día 2 de novembro baixo o título “Día dos mortos: benvidos a México”, no mercado municipal de Quiroga Ballesteros.

Ambas actividades serán de balde, pero é necesario inscribirse a través da web Xuventude Activa!

 

O Concello de Lugo avisa dun corte de auga na ronda da República Arxentina

O Concello de Lugo anuncia que esta tarde o suministro de auga na ronda da República Arxentina estará cortado.

Ao mesmo tempo recalcan o servizo quedará restablecido esta mesma xornada, segundo a estimación da Brigada de Augas.

A avaría da Calzada das Gándaras, resolta

Dende a Área de Transición Ecolóxica anunciouse que a avaría do suministro da Calzada das Gándaras quedaba arranxada. Este comunicado vén despois das queixas dos veciños da zona, que denunciaban levar dous días sen auga.

A OCU alerta aos prexudicados por Herrero Brigantia e aconsella que denuncien

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) prestou orientación a todos os posibles damnificados polas inversións en Herrero Brigantina e aconsella que reúnan todos os detalles relacionados con estas inversións. A organización fai esta recomendación despois de recibir unha morea de reclamacións por parte dos afectados tras non poder recuperar o diñeiro gastado nos produtos financeiros desta firma.

O primeiro consello da OCU aos inversores é tratar de recuperar estes produtos mediante un escrito á compañía. En caso de non obter unha resposta satisfactoria, ínstase a reunir toda a documentación relativa á transacción, coma correos electrónicos, publicidade, contratos, resgardos de pagos e calquera documentación que respalde unha reclamación e que evidencien posibles irregularidades. O seguinte paso sería interpoñer unha denuncia nas dependencias da Garda Civil ou da Policía Nacional.

Continúa a folga das traballadoras da limpeza ante a inacción da patronal de mellorar o convenio

Continúa a folga das traballadoras de limpeza en prol dun convenvenio que aseguran “é dos máis baixos de toda Galiza”. Despois de dúas semanas de parón, esta mañá tomaron a Praza Maior de Lugo para reivindicar unha mellora dos salarios tirando fregonas ao chan. “O salario anual dunha limpadora está 1800 euros por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional, e ademais este é un sector altamente feminizado e con moita parcialidade, o que agrava a precariedade laboral”, explica Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos.

Dende a CIG afirman que os efectos de dúas semanas sen servizos de limpeza en moitos espazos públicos e privados xa se está a notar, pero a pesar de todo a patronal, a asociación estatal ASPEL, ten paralizadas as negociacións. Como resposta, Castiñeira pide a todos os traballadores que non asuman labores de limpeza que non lles corresponden para presionar máis, se cabe, á patronal. “Con isto o único que están facendo é vulnerar os dereitos fundamentais das compañeiras, que levan unha semana en folga perdendo o seu salario para sacar adiante este convenio”, afirma Castiñeira, que ademais anuncia que a folga se materá de forma indefinida.

Trala protesta convocouse para mañá un novo acto de protesta que consistirá nunha caravana de vehículos por toda a capital lucense, e que partirá dende o edificio sindical da Ronda da Muralla a partir das 11.30 horas.

 

Os veciños de Nadela, en pé de guerra ante o novo horario de consulta médica do ambulatorio

A Plataforma en Defensa da Sanidade e Especialidades do HULA denuncia que o novo horario que establece a Consellería de Sanidade para a atención facultativa do centro médico de Nadela non é suficiente. Así o comunica o coordinador da plataforma veciñal, José Manuel Carballo, que defende que os veciños “non o van permitir”.

Dende a Plataforma piden á Consellería que un médico pase consulta cinco días á semana e que polo menos haxa, como mínimo, un ATS .”Estamos fartos de que a Xunta estea a xogar coa saúde, ca educación e coa terceira idade”, afirma Carballo, que ademais, ameaza ao Conselleiro de Sanidade con medidas drásticas. “Movilizaremos Lugo se é preciso ata lograr o noso obxectivo. O Conselleiro e o PP xa teñen experiencia de como actuamos ante casos coma este”, asegura o coordinador.

A Consellería de Sanidade expresou nun comunicado que o consultorio de Nadela contará cun facultativo médico só tres días á semana. Ademais, unha enfermeira especialista en Familiar e Comunitaria asistirá aos pacientes cinco días á semana, con horario de mañá. Tamén contará con equipamento específico para asistencia de pacientes con enfermidades crónicas comúns – como a diabetes e a hipertensión -, e farán “especial fincapé na prevención cardiovascular, paliativa e comunitaria”, asegura.

No mesmo comunicado, Sanidade anuncia que “en ningún caso a Xunta prevé o peche do centro”, pero dende a Plataforma de Defensa de Sanidade temen que este novo horario facultativo sexa unha antesala ao peche do ambulatorio. “É un recorte continuo na Sanidade. Os presupostos da Xunta para a Sanidade para 2024 non medra, merman. As súas medidas son os recortes en áreas como a saúde, a educación e a terceira idade”, anuncia Carballo.

O centro médico reabriu o pasado mes de setembro o servizo de enfermaría despois de permanecer pechado durante o verán, obrigando aos pacientes a ser derivados a Fingoi para as consultas médicas.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com