Novas

Monterroso prepárase para celebrar a Feira de Santos

O Goberno local do Concello de Monterroso ven de presentar o cartel co que este vai ano promocionar a Feira de Santos, unha das feiras máis emblemáticas do noso país.
A feira celebrarase o vindeiro día 1 de novembro na localidade da comarca da Ulloa que ultima os preparativos para a esta cita, declarada de Interese Turístico de Galicia. Neste momento o Goberno municipal está facendo as xestións pertinentes para solicitar que sexa declarada de Interese Turístico Nacional.
A celebración desta feira está documentada dende o ano 1219 e como todos os anos, prevé reunir na localidade a miles de persoas que gozarán dun enorme escaparate de produtos de temporada. Gastronomía, música, cultura e tradición, van ter cabida na Feira das Feiras, a Feira de Santos.

Na imaxe: o alcalde, Eloy Pérez e os concelleiros Jessica Rodríguez e Balbino Martínez.

Ardendo

Cando escribo, Israel está a punto de invadir Gaza, Gonzalo Caballero renuncia ás Primarias, comeza a chover e rematou o San Froilán. Xa estamos, de novo, en faena.

As cálidas festas tivéronnos absorbidos, e para completar esa abducción os técnícos aplicáronlle ás músicas similar incremento de decibelios que o mercado aplica á cesta da compra. O son foi especialmente horrísono na Mosqueira e na Praza do Seminario, de xeito que os espectadores sensibles percibíamos no peito impactos sonoros físicos, tendo que alonxarnos douscentos metros para escoitar axeitadamente os altofalantes.

Remataron as festas; recuperarémonos das agresións sonoras. Comeza a chover; volvemos a crer no outono. Vaise Caballero; a gran esperanza bermella ten o camiño libre. Hai guerra na terra de Deus, e non hai deus que sexa quen de parala.

Non cadran as contas: Ser terrorista non equivale a ser parvo. Un terrorista aplica o terror selectivamente para manter os apoios ou tolerancias, por iso non entendo que Hamas desatara contra Israel un ataque masivo sangrante, repugnante e pensase saír ben do intento.

Os peor pensados poden cavilar que foi un desatino de extremistas israelís para xustificar outro desatino masivo. Os non tan maquiavélicos, poden estimalo o primeiro acto dunha traxedia á que poderían sumarse outros paises da contorna, tentando borrar Israel do mapa. Pero aplicando o sentidiño que os galegos vimos herdando, non se lle ve sentido ao desafío, doéndonos dos inocentes que o sufriron, e dos que sufran un virapau descomunal, sabendo de parte de quen hai que poñerse, e de que o imperio da razón non é a razón da forza. Empeza o frío, pero esto está ardendo.

Lugo solidarízase coas pacientes de cancro de mama

A Praza Maior de Lugo tinguiuse un ano máis de cor rosa para conmemorar o Día contra o cancro de mama. Diversas autoridades xuntaronse no acto celebrado esta mañá ante o concello lucense, entre as que se atopaban representantes do consistorio, da deputación e da subdelegación do goberno. Tamén estiveron presentes varios alumnos do colexio Franciscanos portando camisetas e paraugas de cor rosa.

Neste acto interviron a presidenta da Asociación Española Contra o Cancro de Lugo, Mariluz Abella, e María José Sandamil, paciente que tivo a oportunidade de compartir nun emotivo discurso como foi súa experiencia coa enfermidade.

 

A Asociación Si, hai saída denuncia que, malia a prohibición do goberno, Naturgy realiza cortes de subminstración a persoas vulnerables

Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero denunciamos os cortes de subministración de luz e gas que, malia a prohibición do goberno, está a levar a cabo Naturgy a persoas en situación de gran vulnerabilidade, entre elas moitas vítimas de violencia de xénero, con todo o que isto implica, xa que non poden cociñar, ademais de perder os escasos alimentos que gardan nos seus frigoríficos, que, como é lóxico, se estropean deixando de ser aptos para o seu consumo, non dispoñen de auga quente, quedando, ademais incomunicadas, dado que tampouco poden recargar os seus teléfonos móviles, que son, na maioría dos casos, o único medio do que dispoñen para comunicarse, sendo ademais esta situación aínda mais grave nos fogares nos que hai menores ou persoas maiores, máxime agora que se achega o frío cos prexuízos derivado disto para a súa saúde, e, por suposto, no caso das vítimas de violencia de xénero, que se ven privadas da única ferramenta ao seu alcance para pedir axuda se son agredidas.

A ninguén se nos escapa o tremendo perigo que isto implica e as tremendas consecuencias que pode chegar a ter.
Por se isto non fora suficientemente grave, ditos cortes non son comunicados en moitas ocasións en tempo e forma, malia, reiteramos, que, en calquera caso, polo momento, e ata finais de ano están prohibidos, atopándose os usuarios con esta tremenda situación de súpeto e a imposibilidade de entenderse ca comercializadora cando contactan telefónicamente para tentar chegar a un acordo, como pode ser o fraccionamento dos pagos, xa que a única resposta que reciben, case sempre, ademais, con moi malos modos, é a repetición, coma se
fora un mantra, por parte dos teleoperadores de Naturgy, da débeda que teñen e que deberán abonar na súa totalidade para que a subministración lles sexa restablecida, ademais do reenganche da mesma.

Son moitos os casos, ademais, nos que estas débedas se ven considerablemente incrementadas por facturacións incorrectas, que en Naturgy nin admiten, nin, menos aínda, corrixen.

Outra gravísima consecuencia destes atropelos é que moitos usuarios que, pola súa situación de extrema vulnerabilidade, cumpren os requisitos para acceder ao bono social de luz e gas, se ven imposibilitados para solicitalo, debido a débeda que teñen con Naturgy, e que, como é lóxico, se incrementa cada vez mais e mais, entrando nunha espiral da que lles resulta imposible saír.

Lamentablemente, a sensación de impotencia, a desesperación que chegan a sentir, fai que case ninguén se decida a denunciar os abusos dos que están a ser obxecto por parte de Naturgy, que atropela aos usuarios con total impunidade unha e outra vez.

Desde Si, hai saída manifestamos a nosa intención de loitar por todos os medios posibles, malia que lamentablemente son escasos, para denunciar, tentar subsanar estas situacións e que se respecten os dereitos destas persoas, e, como primeira medida, ademais de aos medios de comunicación, como xa estamos a facer, trasladaremos esta información a o Goberno en funcións, así como ao Defensor do Pobo.
Tal vez non consigamos nada, pero o que é innegable é que o silencio ante tales abusos non é unha opción.

Asociación Si, hai saída

Morre un traballador en Friol tras sufrir unha caída

Sucedeu ás tres desta tarde nunha explotación gandeira situada no lugar de A Cabana, na parroquia friolesa de Nodar. Un veciño localizouno tirado e sangrando no interior dun establo e alí acudiron diversos medios que foron alertados desde o 112 Galicia tras as primeiras chamadas de axuda.

Deste xeito, mobilizáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os membros do GES de Friol e de Protección Civil e os axentes da Garda Civil.

Sen embargo, nada puido facerse por esta persoa, e axiña confirmouse o seu falecemento.

Os axentes de seguridade indicaron que se trataba dun accidente no ámbito do traballo, e posiblemente provocado por unha caída.

Comeza a montaxe dos novos asentos do Pazo dos Deportes

Tras realizar na pasada semana o traballo de carpintería, a empresa adxudicataria comezou a montaxe das novas cadeiras nas localidades, coa
previsión de ter  renovado o chamado “fondo estadio” para o partido do vindeiro mércores entre CB Breogán e Bursaspor da competición europea Basketball Champions League (BCL).

Os traballos de montaxe continuarán nas vindeiras semanas, ata completar renovación das bancadas da metade inferior, tanto as localidades que teñen asentos grises como as que non teñen asento. Instalaranse 2.000 novos asentos, de cor azul e con respaldo pregable.

As tarefas desenvolveranse por fases,  tendo en conta o calendario de encontros nas próximas semanas, tal e como se acordou coa empresa e cos clubs. O obxectivo é que o Pazo manteña a capacidade nos días nos que se disputen os partidos de CB Breogán e Ensino.

Cortada ao tráfico a LU-P-3402 dende o luns 16 ao 6 de novembro por obras do Campo da Feira do Viveiró, en Muras

As obras de humanización do Campo da Feira do Viveiró, en Muras, obrigan a cortar o tráfico na estrada LU-P-3402 dende o vindeiro luns, 16 de outubro, ata o 6 de novembro. A vía estará pechada á circulación na súa totalidade, dende o lugar de Paleira a Viveiró, quedando habilitado e debidamente sinalizado como desvío alternativo o acceso polas estradas provinciais LU-P-3811 e LU-P-3804.

Esta actuación, que se atopa xa na fase final, servirá para acondicionar este espazo público tan empregado pola veciñanza e facelo máis accesible. A Deputación achega 371.200€, o 93% do orzamento necesario para as obras, que tamén executa.

O proxecto inclúe a renovación das redes de servizos: pluviais e saneamento, alumeado público, abastecemento de augas, enerxía eléctrica e telecomunicacións. Ademais, plantaranse un total de 23 árbores e transplantaranse 3 existentes.

Trátase dunha actuación dunha obra de interese  para o concello de Muras, tamén en termos económicos, xa que o Campo da Feira do Viveiró é moi empregado pola veciñanza e acolle eventos moi importantes para o municipio e a comarca como a Feira do Mel, que se celebra a mediados de novembro.

O home e o can estrearáse en Lugo nos Codex cinema

O vindeiro venres  Codex Cinema, estreará a premiada película ‘O home e o can’, producida por Ézaro Films e dirixida por Ángel de la Cruz. O filme, rodado integramente en galego e en branco e negro, conta con Manuel Manquiña e Paula Chaves como protagonistas dunha historia que conectará cos espectadores de moitas maneiras, pero especialmente a través da súa volta ás nosas orixes, a esa Galicia rural cada vez máis despoboada, onde a soidade non elixida asolágao ás veces todo, e na que o contraste coa Galicia urbana é cada vez máis acusado.

“O personaxe -Manuel- é un home sinxelo, natural, que ten dificultade de expresión. Para acomodalo, tratei de simplificar a súa linguaxe ao máximo, buscando características físicas que eu identifico”, sinala o actor Manuel Manquiña. Más coñecido polo seu traballo noutro tipo de papeis, Manquiña afirma non obstante que se atopa “cómodo no drama”.

Ao seu lado, no seu primeiro papel en cinema, Paula Chaves abandonou unhas semanas a súa faceta como música para poñerse na pel de Paula, unha nova perdida, envolvida nunha procura que parece inalcanzable, que será clave para Manuel, do mesmo xeito que el o será para ela. “Non podemos estar máis satisfeitos coa traxectoria do proxecto porque antes de estrearse en salas xa se fixo con trece galardoes.” -afirma o director, Ángel de la Cruz. De la Cruz levaba moito tempo imaxinando esta historia, que bebe directamente das fontes do neorrealismo.

“Quería facer unha homenaxe ao neorrealismo, volver mostrar realidade, sen adornos”. E, nese camiño cara á simplificación, cara ao cinema máis puro, o actor Manuel Manquiña estivo sempre na mente do director para interpretar a Manuel, o protagonista desta historia. “Desde o primeiro momento, o personaxe de Manuel era Manquiña: non houbo máis opcións nin propostas, el é Manuel. Veremos a un Manquiña nun rexistro completamente diferente ao que nos ten afeitos”, asegura Ángel de la Cruz. A BSO da película, foi composta e interpretada polo pianista e compositor musical ourensán Jaime Fernández Garrido.

340 novas prazas de estacionamento gratuíto na contorna do HULA

O Hula contará con 340 novas prazas de estacionamento gratuíto. O recinto, situado ao carón da entrada principal do centro sanitario, xa está operativo cumprindo os obxectivos, segundo indicou a rexedora, de “mellorar o máximo posible os servizos periféricos dun equipamento tan concorrido como é complexo hospitalario e de dar resposta á reivindicación da cidadanía que segue atopando elevadas as tarifas do parking subterráneo”.

A intervención, que supuxo un investimento municipal de máis de 156.000 euros, consistiu no acondicionamento de dúas parcelas que no seu conxunto suman 11.510 metros cadrados. A súa entrada en funcionamento eleva a 853 as prazas de aparcamento de balde habilitadas nos últimos anos polo Concello na contorna do complexo médico xa que, no seu día, os traballos de repintado das prazas que rodean o edificio permitiron gañan 150 novos espazos na vía pública, mentres que os dous aparcadoiros municipais creados nas inmediacións suman un total de 703 prazas.

No San Froilán

O San Froilán en Lugo, para os festeiros, é o centro do mundo. Tiven nova ocasión de comprobalo a pasada fin de semana, que arredor pode pasar o que pase, que o importante é o que pase aquí.

O sábado, ao non comer na casa non vin a tele a mediodia. Xa a diario me estou quitando, pola sucesión de desgrazas que se nos ofrecen, quizais para que cavilemos o felices que somos por ter un unha vida medianamente tranquila. Pola tarde paseamos, curioseamos, escoitamos a “Sons e soños” na Mosqueira, a Catuxa Salóm en Santa María e asomámonos ao concerto de Ciudad Jara, ademais de deixarnos caer nas últimas sillas baleiras nun par de bares, comprobando que o abarrote era total.

Xa na casa vin na tele, por enésima vez, a historia de Tutankamon, perfecto telón de fondo para o traballo nocturno, sempre coa sensación de que o San Froilán dominaba o mundo como festa total.

O domingo, a portada de La Voz abofeteoume coa tráxica nova de que estoupou – outra vez – a guerra entre os Palestinos e Israel e que o mundo enteiro trema polo ocorrido e as súas consecuencias. E decátome que as festas son limitadas, aínda que nos conmovan. Que non é noticia a vida senón a morte. Que mentras aquí a festa enchía as rúas, ás cinco e media da tarde, comezaba unha guerra que no primeiro día causou medio milleiro de mortos. E como o mundo é cada vez máis pequeno, a guerra témola ao lado, aínda que non nos deamos conta. Aínda que mañá nos esquezamos dela. Aínda que miremos para outro lado.

Razón tiñan os romanos en proporcionar “pan e circo”, festa en fin. Daquela, o mundo era máis grande e as traxedias de fóra tardaban en turbar a paz da contorna.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com