Novas

imaxe de stock

Confirmados Luar na Lubre e La M.O.D.A para o San Froilán

Dúas novas confirmacións para o San Froilán 2023. Os concertos de Luar na Lubre e La M.O.D.A.

Luar na Lubre estará en Lugo o 9 de outubro a partir das 21h na praza de Santa María o seu novo traballo, Luar na Lubre XX Encrucillada, un libro-disco que compila os case 40 anos de historia da banda.

A banda burgalesa La M.O.D.A ocupará o escenario da Horta do Seminario o 11 de outubro a partir das 22:00.

 

O ensino na Terra de Lemos, unha grande historia

Remata o verán, recomeza o tempo da formación en todos os niveis, e de novo cobra toda a súa actualidade a actividade formativa que, en definitiva, a todos nos compete. E resulta bo momento para botar a ollada cara atrás, para coñecer e estimar a traxectoria que o ensino tivo na nosa terra ata chegar á actualidade, onde cristalizan todos os esforzos e experiencias de tempos anteriores.

Os estudos históricos educativos, recientes como relativamente reciente é a educación regulada no país, que abarca pouco máis de dous séculos, veñen reflectir unha auténtica historia social, que se a historia que aprendemos hai tempo era unha sucesión de batallas, esta é tamén a historia dunha batalla da sociedade a prol da formación dos seus membros.

Non hai moito que veu a luz un meritorio estudo histórico educativo sobre “O ensino na Terra de Lemos nos seculos XIX e XX”, do profesor e inspector de educación Pedro Gómez Álvarez, que despertou a miña atención. O especialista en historia de Educación Antón Costa di que o estudo da historia do ensino nas Terras de Lemos estaba sen facer, e que resultou “máis dinámico do esperado”, destacando o excepcional traballo do autor no estudo das fontes informativas e dos resortes de xestión das administracións, percibíndose nel o rigor e a “mirada de inspector”, rompendo todas as lanzas que fagan falla en pro das escolas de todos, coa énfase que puxera o histórico Luís Bello na reforma social democrática coa expansión das escolas públicas. Conclúe o profesor Costa o seu limiar con “beizón para quen botou horas mil para entender o que pasou e así poder comunicalo con adecuada transparencia”.

Fálanos Pédro Gómez Álvarez do ensino en Bóveda, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, pero antes fala da historia daquela terra, da súa significación social, das xentes máis sobranceiras e da xente do pobo; da política e das ideoloxías; da prensa e da instrución… chamando a atención que xa en 1812, a constitución de Cádiz dispuxera que “En todos los pueblos de la Monarquía se establecieran escuelas de primeras letras, en las que se enseñara a los niños a leer, a escribir y contar, y el catecismo de la religión católica, que comprenderá también una breve exposición de las obligaciones civiles”.

Estuda o autor con todo detalle, primeiro o distrito e despois cada un dos seis concellos, as escolas de primeiras letras ou o ensino da latinidade, escolas e mestres… de xeito que constitúe unha auténtica viaxe ao pasado dándonos a coñecer un panorama que hoxe nos parece dun país moi lonxano no espazo no tempo, dándonos conta moi claramente que se está a falar de nós mesmos hai só un par de séculos.

Como exemplo de feitos singulares que relata, e moito máis que unha anécdota, teño que reflictir o que indica que en 1910 o Reitor dos Escolapios, coas debidas autorizacións, para manter dignamente en pé o colexio que antes fóra Seminario, vendeu ao museo de Berlín o cadro “A adoración dos Reis”, de Van der Goes, despois de ofrecerllo por moito menos ao Ministerio de Instrucción pública, que declinou a oferta.

Certamente ésta é unha historia do ensino nas terras de Lemos, pero é, como non podía ser menos, unha historia humana… historia de xentes con fotos e nomes, de escolas e mestres – tamén mestras, claro -, con feitos e cifras, pero chea de vida, desde os primeiros tempos ata aqueles que moitos puidemos xa vivir, tendo tamén especial papel a época que puidésemos chamar contemporánea, iniciada nos anos 70, onde se consolidou todo o moderno sistema de ensino na comarca e en Galicia.

O libro “O ensino nas Terras de Lemos nos séculos XIX e XX”, de Pedro Gómez Álvarez, é un amplo e fondo estudo da sociedade e da vida da comarca dos últimos dous séculos, imprescindible para calquera persoa vencellada ao mundo da educación; libro que ten que resultar de cabeceira para as xentes da comarca, e interesante pescuda de interese xeral para quen queira saber de “onde vimos”, como viviron os nosos avós e os nosos pais, e como foi unha parte moi importante na historia deste país. É coma unha viaxe no tempo, que todos podemos facer para reencontrarnos co que fomos; e para valorar o que temos, recoñecendo os esforzos e o traballo dos que viviron antes ca nós.

Para Pedro Gómez Álvarez, que en Lemos tivo o epicentro do seu traballo no mundo educativo (moitos identificámolo como “Pedro, o inspector de Monforte), esta obra é a satisfacción dunha “débeda íntima, persoal, nun marco de lembranzas e de afectos”; para quen a recibe é un agasallo intelectual, un inconmensurable esforzo de investigación e xustiza cara a unha terra, un tempo e unha realidade que todos merecemos coñecer e valorar, “débeda íntima que” -dicía Antón Costa – “ninguén lle reclamara nunca”, pero que todos debemos valorar porque este tipo de débedas hai moi poucos que as recoñezan e moitísimos menos que cheguen a satisfacelas.

Parabéns entusiastas por este magnífico traballo, axeitado colofón a tan grande historia.

https://ensinolemosdezanovevinte.wordpress.com/

Un home resultou ferido en Xermade tras saírse da vía co seu vehículo

Varios particulares contactaban ás 19:20 horas deste domingo co 112 Galicia para informar do accidente. Indicaban que un coche que circulaba pola AG-64, quilómetro 47, á altura de Candamil, saírase da vía e dera varias voltas de campá. Incluso algún dos alertadores dicía que o coche estaba envorcado.

Así, os xestores do 112 puxeron de inmediato a situación en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilalba, dos axentes de Tráfico e dos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Segundo a información recibida no 112 Galicia por parte dos Bombeiros, o ferido estaba totalmente liberado. Tras chegar ao lugar, colaboraron co persoal sanitario na evacuación do ferido e posteriormente procederon coa limpeza da vía.

Morre un home nunha praia de Barreiros

Uns surfistas, tras decatarse da situación, sacaron da auga ao varón ao que os servizos sanitarios, unha vez na area, trataron de reanimar sen que nada se puidera facer por salvarlle a vida.

Uns minutos antes da unha deste mediodía, varios particulares informaban ao 112 Galicia de que uns surfistas que se atopaban na praia, entre a da Gaivota e a de Coto, sacaran a un home da auga inconsciente.

Desde o 112 Galicia nada mais recibir a chamada dos alertadores, pasou aviso decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Do mesmo xeito informouse a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Garda Costas de Galicia e á Garda Civil.  Sen embargo, tras tratar de reanimalo, os sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida.

Ata o lugar tamén acudiron os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, que, tras chegar ao punto comunicaron ao 112 que o home estaba falecido.  Segundo indicaron, todo parece indicar que unha indisposición puido ser a causa do falecemento.

As obras de peonalización de Quiroga Ballesteros destapan dúas lápidas de orixe romana

Durante a execución dos traballos de peonalización na rúa Quiroga Ballesteros foron achadas dúas lápidas funerarias de orixe romana. Na primeira inspección levada a cabo onte a  mañá polo Servizo municipal de Arqueoloxía puido constatarse que as pezas posúen un relevante valor histórico, xa que a súa datación situase entre o século I e o século II da nosa era. As pezas atópanse fora do contexto funerario para o que foron concibidas, polo que os arqueólogos consideran que puideron pertencer a un mausoleo dunha necrópole próxima, como a localizada na Praza de Ferrol nas escavacións arqueolóxicas dos aparcadoiros soterrados en 1986, que foi desmantelada en período romano para ampliar a cidade amurallada e cuxos restos foron reutilizados con posterioridade para distintos proxectos de obra civil e edificacións.

Unha das lápidas atópase nun excelente estado de conservación e conten información de valor histórico relevante. Na súa inscrición pode apreciarse o seu carácter funerario pola utilización da fórmula “Dis Manibus” (implorando a protección dos deus Manes, os deuses dos defuntos), que pertenceu ao sepulcro dunha muller chamada posiblemente Rufina. Na outra lápida non se observa aparentemente ningunha inscrición, polo que todo indica que estaba alisada e preparada para ser gravada pero nunca chegou a facerse, aínda que é necesario esperar a probas posteriores para confirmalo. A natureza granítica de ambas pezas suxire unha posible relevancia social dos destinatarios e polo aspecto é posible que no seu momento chegaran a ser policromadas con pigmentos vermellos.

O éxito do filme “Julia” fai que os Codex Cinema volvan programalo a vindeira semana

Os cine Codex colgaron o cartel de completo na tarde de onte coa estrea do documental “Julia”, que rinde homenaxe a todas as nosas avoas e o seu inquebrantable legado. Tras unha viaxe que a levou por 15 prestixiosos festivais de cine en tres continentes, “Julia” regresou ao seu lugar de orixe para o seu esperado lanzamento nos cines Codex de Lugo que contaron coa presenza do seu director, o lucense Jacobo Lagüela.

Logo do éxito de onte, os Codex Cinema volverán a proxectar o documental o xoves, venres e sábado da semana que ven.

Despois desta estrea tan esperada, “Julia” comezará unha nova etapa do seu percorrido para ser proxectada en escolas, concellos e asociacións culturais de todo o país. Este conmovedor produto audiovisual busca chegar a aqueles lugares onde a súa mensaxe e a súa historia poidan inspirar e emocionar a xente nova e maiores do rural e da urbe.

O documental é un percorrido pola vida de Julia e invita aos espectadores a embarcarse nunha viaxe lenta entre pasado e presente. Este documental feito ao longo de 8 anos do director xunto coa súa avoa, é memoria artística e unha chamada de atención; se esquecemos de onde vimos, nunca saberemos a onde imos. Julia documenta a extinción e abandono do rural como o coñecemos a través dos ollos da súa protagonista, unha muller de 87 anos de idade coa esperanza de salvar as súas raíces e de comunicar a importancia das mesmas ás xeracións que están por vir. “…Elas foron as heroínas e as escravas dun sistema que as obrigaba a traballar fora e dentro da casa, cargando unha responsabilidade e representando unha filosofía que aínda vertebra os valores da nosa sociedade. ¿e ti, lembras de onde ves?”

 

A Xunta estenderá o Carné Xove aos mozos da Galicia exterior

A Xunta facilitará que os mozos que residen na diáspora teñan acceso ao Carné Xove antes de que remate o ano. Así o sinalou a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, nunha visita aos participantes no campo de voluntariado para a emigración que se está a celebrar en Castro de Rei, e no que estivo acompañada do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e do delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, Javier Arias.

Fabiola García sinalou que con esta medida a xuventude que reside na Galicia do exterior contará coas mesmas vantaxes que a que vive na nosa comunidade. Así, eles tamén poderán acceder aos descontos en establecementos turísticos, comercios, transporte, cine, museos ou librarías aos que dá dereito o Carné Xove en todo o territorio nacional e nos 40 países europeos que están adheridos a este programa.
A vintena de participantes neste campo de voluntariado, procedentes de Arxentina, Venezuela, Brasil, Cuba e Uruguai, foron os primeiros en recibir esta maña o Carné Xove e xa poderán utilizalo durante a súa estancia.

Xermade contará co apoio do Goberno para impulsar o futuro Centro Internacional de Tornaría

A subdelegada do Goberno Isabel Rodríguez, comunicou hoxe ao alcalde de Xermade Roberto García, durante á inauguración do Encontro Internacional de Torneiros da Madeira 2023 que se celebra na vila, “o apoio do Goberno para impulsar o futuro Centro Internacional de Tornaría, o cal achegará máis de 400.000 euros ao Concello para rehabilitar a antiga casa reitoral.

Rodríguez  puxo en valor a importancia desta xornada para o pobo, “permitindo admirar pezas artesanais dun gran valor cultural”, así como un nexo de reunión dos “expertos da elaboración de pezas e expositores”, continuando así a difusión de técnicas e innovacións.

Neste senso, a subdelegada manifestou o seu sentimento de ledicia ao poder contemplar anos de avances nunha cita única en Galicia e con proxección internacional, sendo beneficioso para o municipio ao ser a principal testemuña deste oficio, remarcando que “son os únicos que están a seguir producindo e investigando novas técnicas, materiais e formas.”.

Oficio tradicional

O encontro de carácter internacional, que congrega a preto de 4.000 visitantes na vila, contará este ano con torneiros procedentes de países como Francia, Reino Unido ou Portugal. Durante o evento, os expertos en tornaría mostrarán como traballan e as novidosas técnicas e materiais que están a empregar para dar formas ás pezas, das que escollerán unha para participar nun museo itinerante pola xeografía galega.

 

 

Os centros de convivencia de Lugo contarán cunha ampla e variada programación sociocultural

A área de Cohesión Social, que dirixe a edil Ana González Abelleira, vén de deseñar da man das e dos técnicos municipais, un variado programa que contempla accións lúdicas pero tamén socioeducativas e psicofísicas coas que “dende o Executivo local pretendemos mellorar a calidade de vida da veciñanza e atender as demandas que nos traslada, contribuíndo ao mesmo tempo a avanzar nunha sociedade inclusiva e integradora”, sinalou a rexedora.

Así, entre o 2 de novembro e o 31 de maio de 2024, os diferentes centros de convivencia da capital (Fingoi, Lamas de Prado, María Balteira, Maruja Mallo, A Milagrosa, Sagrado Corazón e Uxío Novoneyra), ofrecerán un amplo catálogo de cursos cos que a área de Cohesión Social ten por obxecto atender as necesidades físicas e emocionais das e dos residentes en cada contorna.

A concelleira responsable avanzou que se manteñen as de contido social, “como poden ser Envellecemento Activo; Repasando Cousas; Memoria e Lembranzas; o Uso de Teléfonos Móbiles en distintos niveis ou a Informática para Relacionarse, pero tamén outras de tipo psicofísico, como a Ximnasia e a Bioximnasia, Pilates, Ioga ou Relaxación así como aquelas coas que pretendemos fomentar as relacións interxeracionais entre a mocidade e as persoas adultas a través da Risoterapia Musical, os Bailes de Salón, a Pintura e as Manualidades”.

Ana González Abelleira adiantou, así mesmo, que haberá clases de Cociña Saudable Intercultural, Costura e de Encaixe de Palillos. “Seguen as Aulas Abertas, o Club de Lectura e tamén os talleres dirixidos a mellorar a inclusión como o Reforzo Educativo e a Integración a Través da Lingua, ao tempo que faremos obradoiros para datas especiais centrados no outono, o Nadal ou o Entroido”.

Prazo de inscrición e publicación das listas

O prazo de inscrición para apuntarse á programación sociocultural do Concello de Lugo comezará o próximo luns, día 18 de setembro, e rematará o venres 22. As solicitudes poderán presentarse en horario de mañá (de 09:00 a 13:00 horas) nos centros cívicos ou a través do rexistro electrónico do Concello coa limitación dun máximo de tres instancias por persoa e centro e dunha solicitude para os obradoiros psicofísicos por centro e ata un máximo de tres centros.

A adxudicación das prazas farase por sorteo informático público que terá lugar o próximo 27 de setembro ás 11:00 horas procedendo, a continuación, á publicación das listas provisionais e de reserva.

As listas definitivas exporanse o 16 de outubro nos taboleiros dos centros.

As actividades teñen na súa maioría unha cota simbólica, a máis cara ascende a 20€ para toda a tempada, sendo outras moitas gratuítas, “en prol da inclusión e para garantir a igualdade de dereitos e oportunidades de toda a cidadanía”, concluíu Ana González Abelleira.

CC.OO denuncia “falta de persoal na residencia de Mondoñedo xestionada por Mensajeros de la Paz”

Segundo a central sindical Comisións Obreiras (CC.OO) denuncia, “hai  falta de persoal na residencia de maiores San Rafael, en Mondoñedo, xestionada pola entidade Edad Dorada-Mensajeros de la Paz. Segundo o sindicato, desde o mes de xuño están «baixo mínimos» e isto provoca unha sobrecarga de traballo. Como exemplo desta situación, hai quendas en que unicamente dúas xerocultoras deben atender 47 residentes”.

A causa desta falta de persoal, é que “Mensajeros de la Paz non está a substituír as persoas que se atopan de baixa nin tampouco as que gozan das súas vacacións. Alén disto, o centro non conta co persoal de enfermaría obrigatorio que esixe a normativa, pois só unha persoa traballa de luns a venres, en horario de mañá, quedando a descuberto as restantes quendas”.

A falta de persoal obriga as empregadas e empregados do centro a asumiren máis traballo e a se expoñeren a máis riscos laborais,”tanto físicos como psicosociais, provocando o que se coñece como síndrome do traballador ou traballadora queimada (burnout). Denuncia a central sindical.

Comisións puxo esta situación en coñecemento da empresa e mais da Consellaría de Política Social —que ten as funcións de inspección destes centros—, “dando ambas as dúas a calada por resposta”.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com