Novas

Actividades complementarias á programación da XLV Semana de Cine de Lugo

Estas son as actividades que se desenvolverán durante a celebración da Semana de Cine de Lugo:

Venres, 15:

16,30 h. Círculo das Artes-Salón de Columnas. Apertura da exposición de caricaturas de cine de GOGUE, a beneficio de Aspnais. Colabora: Lugo Monumental

Luns, 18:

– 20,00 h.- Salón da Deputación Provincial. Proxección Homenaxe Auxilia. Asistirá Nuria Neira Vila, Delegada de Auxilia en Lugo.

– 22,00 h. Auditorio. Acto inaugural. Música de cine pola Banda Sons e Soños-Banda da Semana de Cine, dirixida por Armando Morales: “La conquista del paraíso”, “Carros de fuego”, “El último mohicano”, Forrest Gump e “Colonel Bogey (El Puente sobre el Río Kwai)” . Debuxos en area de Marcos Escudero. Proxección de corto de Clara Coira. Primeira proxección da Sección Oficial.

Martes,19:

– 18,00 h.– No edificio da Delegación territorial da Xunta en Lugo, inauguración da exposición homenaxe aos Irmáns Coira. Presentación do libro homenaxe, e salutación de Pepe Coira aos asistentes da proxección de “Eloxio da distancia”, primeira das películas da “Retrospectiva Irmáns Coira”
– 20,00 h. Deputación Provincial. Homenaxe a Anxo Arias Prado (Foto Oliver), de Viveiro. Proxección da película “Cardoña. Fotos a 7 pesetas”.

Mércores, 20:

– 20,00 h. Deputación Provincial. Proxección homenaxe a “E para comer, Lugo”. Participarán Cheché Real, Presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería, e Alfredo Sánchez Carro, promotor deste eslogan.

Xoves, 21:

– 20,00 h. – Salón da Deputación Provincial. Proxección de “El amigo americano”, elixida polo público como “Mellor película” na primeira Semana de Cine.

Venres, 22:

– Apertura da exposición-homenaxe aos Irmáns Coira na Biblioteca Provincial de Lugo- Estará aberta ata o 4 de outubro.

– 19,00 h. Salón de columnas do Círculo das Artes. Gogue asinará reproducións das súas caricaturas, a beneficio de Aspnais. Asistirá o Presidente desta entidade, José Reigosa.

– 20,00h.- Salón da Deputación. Salutación de Pepe Coira aos asistentes á proxección do capítulo especial de “As leis de Celavella”.

Sábado, 23:

– 13,00 h.- Paseo do cine. Descubrimento das dúas novas placas do Paseo, dedicadas aos Irmáns Coira (asistirán Pepe e Xurxo Coira), e a Eduardo Fajardo

 

Iniciativa do PP para recuperar a Banda Municipal

A voceira popular Elena candia,  escolleu o templete da Praza Maior para presentar a iniciativa que elevarán ao pleno para recuperar a Banda Municipal “para a cidadanía este espazo identifícase cos concertos que tradicionalmente facía a banda, unha agrupación musical que forma parte do patrimonio cultural de Lugo”

Os populares afirman que non se pode agardar máis para solucionar o futuro da agrupación xa que neste momento hai 17 músicos e senón se toman medidas en cinco anos a formación, coas xubilacións que se prevén, quedará en 12 compoñentes

Dende o Grupo Popular lamentan “o desprezo que demostran o PSOE e o BNG cos músicos da Banda Municipal” Hai que lembrar que a Banda de Música leva sen director dende o ano 2016, “polo que  durante ás mañás os músicos que están obrigados a ir a ensaiar ao non ter director non poden practicar polo que se desperdicia un talento de forma absurda e se paga a un pesoal por non facer nada”

A voceira popular Elena Candia xunto cos concelleiros Javier Vázquez e Gustavo Díaz visitaban hai uns días o local onde ensaian os músicos da banda e “alí puideron comprobar, en primeira persoa, a desmotivación do persoal da banda  que se viu obrigado a ir a xustiza para reclamar os seus dereitos”.

 Proposta do PP

 Que se de cumprimento ao acordo de pleno de decembro de 2022 de modificar a RPT en relación aos postos de traballo dos músicos con funcións docentes que teñen a titulación necesaria para encadrase na categoría C1.

Que mentres non se realice este cambio se lles pague, de forma transitoria, un complemento salarial pola docencia que realizan na Escola de Música municipal

Que se inicien os trámites e que se lle poña riba da mesa unha oferta atractiva ao director da Banda, que pediu unha excendencia para ir a Santiago como director da Banda e cuxo contrato en Santiago remata o vindeiro 13 de outubro. Tamén se propón aumentar de forma progresiva aos músicos do cadro de persoal ata chegar a un mínimo necesario de profesionais

 

Dous mil novos asentos para o Pazo dos Deportes

Nos últimos meses leváronse a cabo unha serie de accións que teñen como fin a renovación das bancadas inferiores do Pazo dos Deportes. O investimento na mellora desta infraestrutura deportiva, corre por cargo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A intervención a realizar será “a instalación de  asentos individuais con respaldo pregable, que garanten a mobilidade das gradas e que melloran a confortabilidade de usuarias e usuarios, dando un aspecto homoxéneo ás instalacións”. O Pazo, “manterá a capacidade completa durante a instalación e montaxe dos asentos. A empresa adxudicataria, que nas últimas semanas realizou as
probas necesarias para garantir que os novos asentos se adecúan as medidas axeitadas para repregar as gradas, realizará os traballos de
montaxe entre semana, habilitando todas as localidades para os días nos que se disputen encontros de CB Breogán e Ensino”.

Deportes destina 171.000 euros a esta actuación que dá continuidade ás melloras que se realizaron nos últimos meses, coa substitución das
luminarias antigas por outras de tecnoloxía LED, que melloraron a eficiencia enerxética e a iluminación da pista tanto para público como
para as retransmisións televisivas.

Este xoves os Codex Cinema estrean “Julia” unha homenaxe as nosas avoas

“Julia”, un documental que rinde homenaxe a todas as nosas avoas e o seu inquebrantable legado. Tras unha viaxe que a levou por 15 prestixiosos festivais de cine en tres continentes, “Julia” regresa ao seu lugar de orixe para o seu esperado lanzamento nos cines Codex de Lugo. Será o xoves 14 de setembro ás 20:30 horas nos cines Codex en Lugo

A noite da estrea estará chea de emoción, cunha pequena presentación previa á proxección e un coloquio cando termine a película. É unha oportunidade única para explorar o proceso de creación de “Julia” da man do seu Director, Jacobo Lagüela, que estará nos Codex Cinema para presentala e reflexionar sobre as historias das nosas aovas que normalmente pasan desapercibidas; é unha das poucas oportunidades de ver o documental na gran pantalla.
“Julia” percorreu o mundo, comenzando en Lugo e pasou por Ourense, Reino Unido, e continuou a súa viaxe por países como Brasil, Arxentina, Italia e India, cautivando audiencias en cada parada.

Agora, a súa viaxe chega ao seu destino final na provincia de Lugo, onde todo comenzou.

Despois desta estrea tan esperada, “Julia” comezará unha nova etapa do seu percorrido para ser proxectada en escolas, concellos e asociacións culturais de todo o país. Este conmovedor produto audiovisual busca chegar a aqueles lugares onde a súa mensaxe e a súa historia poidan inspirar e emocionar a xente nova e maiores do rural e da urbe.

O documental é un percorrido pola vida de Julia e invita aos espectadores a embarcarse nunha viaxe lenta entre pasado e presente. Este documental feito ao longo de 8 anos do director xunto coa súa avoa, é memoria artística e unha chamada de atención; se esquecemos de onde vimos, nunca saberemos a onde imos. Julia documenta a extinción e abandono do rural como o coñecemos a través dos ollos da súa protagonista, unha muller de 87 anos de idade coa esperanza de salvar as súas raíces e de comunicar a importancia das mesmas ás xeracións que están por vir. “…Elas foron as heroínas e as escravas dun sistema que as obrigaba a traballar fora e dentro da casa, cargando unha responsabilidade e representando unha filosofía que aínda vertebra os valores da nosa sociedade. ¿e ti, lembras de onde ves?”

 

imaxe de stock

Baiuca e Enredadas protagonistas no Domingo das Mozas do San Froilán 2023

Os concertos de Baiuca e do proxecto Enredadas serán os protagonistas do Domingo das Mozas escenarios da Horta do Seminario e da praza de Santa María, respectivamente.

 Baiuca, 8 de outubro ás 22 h na praza Horta do Seminario

O músico de Catoira é un innovador na  mistura da electrónica e a música tradicional do país e consegue levar as dúas cousas a outro nivel. Baiuca é un proxecto moi persoal que tenta fusionar tradición e vangarda. Á música electrónica únenselle Instrumentos e voces tradicionais e todo pasa polo tamiz dos sintetizadores, caixas de ritmo e programacións. Non é so tradición nin é so modernidade, senón un traballo exemplar e fascinante de aleación, integración e sublimación.

Enredadas chegan a Lugo o domingo 8 de outubro ás 21:00h na praza de Santa María. Catro cantoras esenciais fusionando estilos e repasando coplas, jotas e alalás. Catro mulleres que, sen perder o seu propio estilo, fúndense nunha aperta musical que é unha delicatessen para os sentidos. “Martirio, Uxía, Carmen París e A Pedreira levan aos escenarios o mellor das súas músicas. Con arraigo tradicional e un toque moderno as catro mulleres deixarán un regusto de tradición e modernidade. O jazz flamenco de Martirio, a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de A Pedreira forman un cóctel explosivo que celebra a madurez destas grandes artistas. Unha orixinal revisión da copla, a jota ou os alalás.

Marta é nome de anxo

Non é que os anxos sexan nenos ou nenas, mulleres ou homes; é que o seu pasar pola vida está por riba de diferencias e poden ter nomes femininos ou masculinos, existentes ou creados especialmente para seres especiais. No decurso da nosa vida, imos descubrindo persoas que, por ser anxos, elevan moi alto o nome que as identifica. E este domingo dinme conta do que sen decatarme levo sabendo catro décadas: Marta – Martita – é nome de anxo.

Na miña familia coñecemos e queremos a Marta Quiroga Blanco desde sempre. Amiga e filla de amigos – jose Manuel Quiroga e Gloria Blanco – era veciña nos veráns de Miño, xogaba cos nosos fillos, tiña xeitos de anxo no falar, no sorrir, no vivir. E fóisenos este setembro, nos 46 anos dunha mocidade perpetua, deixándonos na alma un baleiro dorido, agarimo impotente, aínda sabendo que os anxos son máis do ceo que da terra, e ao fin está na casa.

Cada visita a Aspnais, a súa segunda casa, reencontraba á amiga, todo sorriso, que sempre me encomendaba saúdos para a familia, preguntaba por todos, alegrábase de verme, sen deixar o seu labor, incansable. Poucas veces me caen as bágoas mentras escribo, pero nesta ocasión algo especial me acontece e non deixo de refregar os ollos, inutilmente.

Como Marta – Martita para os amigos – era un anxo traballador, estou seguro que Deus non lle vai asignar un traballo contemplativo na parte máis elevada do ceo que soñamos, senón que buscará un posto acorde co seu ser. E aínda que non precise suxerencias, que saiba que aos amigos nos gustaría que Marta tivese un posto de Anxo da Garda para acompañar a alguén que precise protección, agarimo, ledicia, bondade e inocencia. Amén.

Impacto entre un turismo e un camión con bombonas de butano no Saviñao

O 112 Galicia tivo coñecemento do sinistro minutos antes das sete desta tarde mediante a chamada de alerta dunha das persoas que viaxaba no vehículo. Esta persoa indicou que había feridos, e que mesmo serían necesarios os bombeiros, pois eran incapaces de saír do coche.

Finalmente, os Bombeiros de Chantada excarceraron só un dos tres ocupantes do turismo e ao condutor do camión. Todos estaban conscientes e agardaban a asistencia dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Do mesmo xeito, eran necesarios medios para a limpeza da vía, pois había moitos restos provocados polo impacto, e a carga do camión, bombonas de butano, tamén sufriu danos. Algunhas das bombonas quedaron ciscadas pola beiravía, aínda que ningunha delas presentaba fugas.

Así, para a retitada e limpeza dos danos, solicitouse desde o 112 Galicia a axuda do persoal da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia.

O sinistro rexistrouse no Saviñao, na LU-533, ao paso por Santo Estevo de Ribas de Miño.

Alumnos de INFANTIL, PRIMARIA, ESO E BAC regresan hoxe ás aulas

Un total de 32.536 escolares lucenses retornan hoxe ás aulas na provincia de Lugo, nos niveis de educación Infantil (5.573); Primaria (13.844); educación especial (71); ESO (9.787) e Bacharelato (3.261).

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou o CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño de Begonte para acompañar ao profesorado e ao alumnado no primeiro día do curso 2023-24.

Destacou o importante impulso que lle está a dar a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades á melloxunta dera das infraestruturas educativas, con obras como as executadas neste colexio, onde recentemente acometeuse unha actuación de rehabilitación integral coa que se acadou un 50% de aforro enerxético. Así mesmo, habilitáronse neste centro de Begonte unha pista multideporte e un polo creativo.

En canto ás obras no resto da provincia, Arias destacou que no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia a Xunta ten en marcha 43 grandes actuacións na provincia de Lugo, en diferentes fases, algunhas acaban de rematar e outras están en execución, en licitación ou en previsión de licitalas en breve -.

Ademais, subliñou que hai proxectadas 14 intervencións de novas instalacións fotovoltaicas en colexios e institutos.

Presentación do proxecto da Fundación VAC-AN (Vázquez Cereijo-Anne Nikitik)

Esta fin de semana tivo lugar no MIHIL a presentación do proxecto da Fundación VAC-AN (Vázquez Cereijo-Anne Nikitik), á que acudiron numerosas persoas do mundo da cultura e a sociedade lucense. No acto estivo presente a súa viuva Anne Nikitik e a deputada da área de cultura da Deputación Iria Castro. A entidade xestionará e divulgará o legado de José Vázquez Cereijo, un dos artistas lucenses de maior recoñecemento e repercusión internacional.

Nado en 1940,  xa desde neno tirou polo mundo das artes: pintura, escenografía, baile clásico …e era un habitual das charlas do Hotel
Méndez Núñez con Luís Pimentel. A partir de ir a Madrid a estudiar Arquitectura e Cinematografía empeza a «construir» a súa carreira de
artista (pintura, gravado, ilustración, cartelería, libros de autor…exposicións por todo o mundo e ata obra poética) e de coleccionista de
arte (chegou a ter unha galería de arte onde expón a Picasso e a Miró e, tamén, aos seus amigos Gregorio Prieto e Manolo Viola). A pesar do seu«exilio» en Madrid, José Vázquez Cereijo regresa con frecuencia ao seu Lugo natal e á casa de Viveiro para retornar definitivamente no ano 2013. Tres anos despois o  16 de agosto de 2016 falecería en Lugo, .

O Museo Provincial de Lugo acolleu en 2019 a última grande exposiciónantolóxica do artista, baixo o título “Eu sempre soñei ser a miña
historia”.

Foto: Arquivo Galicia Dixital.

O PP denuncia que o Goberno Municipal “gasta unha media de 20.000 € diarios en adxudicacións directas sen publicidade

A concelleira popular Mar Carballas ven denunciar que “o Concello de Lugo aínda ten moito camiño que percorrer para adaptar a Lei da transparencia as súas rutinas” engadindo que “é outra asignatura máis que ten pendente o bipartito”

A popular informou que “PSOE e BNG non actualizan a información  dos contratos menores na plataforma do Concello, os últimos documentos publicados son de decembro de 2022 cando están  obrigados a colgar os contratos menores trimestralmente”

Por este motivo os populares presentarán un rogo para que se corrixa esta situación “a cal é obrigatoria”, Tal e como se recolle na Lei 19/2013 do nove de decembro sobre acceso a información pública e o bo goberno.

Carballas insiste en que “se queremos que a cidadanía confíe na administración máis próxima, e se queremos que a fiscalización sexa real  hai que cumprir coa normativa”

Os populares temen que “se estea ocultando esta información de forma deliberada porque podería dispararse o número e a cantidade que se está pagando neste exercicio económico mediante esta fórmula de contratación sen publicidade xa que en 2022 PSOE e BNG repartiron  7.284.536,921M€ en 1.497 contratos menores”

“É tempo de que a participación e a transparencia teñan o lugar que merecen na administración municipal en Lugo e iso só depende da vontade política de PSOE e BNG”. Remataba.

 

 

 

 

 

 

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com