Novas

As irmás Paz Montenegro

Dúas das irmás Paz Montenegro están expoñendo na sala da Deputación a súa obra máis recente, abrindo a campaña “(Re)Coñecer” que promove a Rede Museística provincial de Lugo.

Pretende a campaña, con toda a razón do mundo, poñer de manifesto o principal valor que para unha persoa supoñen os anos, a experiencia – en tempos afirmábase que era a nai da ciencia -, o paso pola vida con todas as pegadas que en nós van deixando as aventuras, os erros e os acertos, o feito de facer camiños ao andar.

Estas mulleres son dous exemplos de coñecemento froito de esforzo e de traballo: Concetta exprésase brillantemente en poesía e pintura despois dunha vida laboral dedicada ao ensino, iniciada nunha escola no máis alto de A Pontenova; Luísa, despois dun infarto cerebral tivo que aprender de novo a falar e a pintar coa man esquerda… E aí están, como monumentais exemplos de que só o que quere (neste caso, as que queren) chega á realización vital.

Teño que recoñecer que eu son parcial (como dicía Manuel María) das Irmás Paz Montenegro, fillas de Jesús Paz Cabo, xa por vilalbés, amigo, que foi compañeiro benquerido naquel vello Información y Turismo, e do que tanto aprendín. Coidaba sabelo todo sobre el, pero faltábame saber – nesta exposición están catro “plumillas” súas, como lembranza e homenaxe filial – que tamén era un magnífico debuxante. Era un firme loitador de memoria prodixiosa, gañou unha oposición con sesenta anos, escribía moi ben, e era o mellor mecanógrafo que teño visto na miña vida. Casado con Conchita Montenegro Codesal, tivo feminina familia numerosa. En traballo e en espírito, certifico que as fillas son dignas continuadoras de seu pai.

A 45ª Semana de Cine de Lugo contará con 135 películas repartidas en cinco espazos da cidade

A 45ª Semana de Cine de Lugo, regresa á súa cita anual co público do 18 ao 23 de setembro. A carteleira inclúe 135 títulos que poderán verse en cinco espazos da cidade, aos que este ano se suma o salón de actos da Delegación Territorial da Xunta, que acollerá o ciclo dedicado aos irmáns Pepe e Jorge Coira. Tamén haberá proxeccións na biblioteca pública provincial, o auditorio Gustavo Freire, o salón de actos da Deputación e o Vello Cárcere.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou hoxe na presentación do programa xunto ao resto de representantes institucionais e a Manuel Curiel, coordinador da iniciativa; e Xulio Xiz, presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, que impulsa a celebración deste certame audiovisual desde 1979.

A carteleira está organizada en varios ciclos: Infantil, O mellor do ano, Sección oficial, Cine documental, Homenaxes, As curtas tamén son cine, Cine galego, Portugal e Retrospectiva dos irmáns Coira. Este último inclúe unha selección de seis títulos que se proxectarán no edificio da Xunta os días 19, 20 e 21: os documentais Eloxio da distanciaA Seara e Beiras, vivir 2 veces; e os filmes 18 comidas, Eroski Paraíso e Código Emperador,  a última película estreada en cinemas dirixida por Jorge Coira e protagonizada polo tamén lucense Luis Tosar.

Tamén se desenvolverán outras actividades paralelas como presentacións, charlas, debates cinematográficos e homenaxes; e proxectaranse películas en Aspnais e en centros penitenciarios dentro do ciclo especial Deixade que o cine…

O PP retírase da comisión de festas do San Froilán

O Grupo Municipal do Partido Popular presentou hoxe un escrito comunicando ao bipartito que “se retira da Comisión de Festas do San Froilán”. O concelleiro popular Javier Vázquez explica as razóns polas que plantan esta comisión:

Váquez explica que “disfrazan baixo a apariencia dunha comisión un ordeno e mando: non é unha comisión é unha sumisión xa que se utiliza este foro para informar dunha programación que xa teñen decidida con antelación. Aos dous días de xuntarnos desvelan nos medios de comunicación actuacións e actividades que nin mencionaron na xuntanza do luns”

O s populares rexeitan o “ninguneo permanente do bipartito:  fixemos unha batería de propostas e non se nos deu retorno tan só garantizaron o pregoeiro que propuxemos. No momento en que queiran contar con nós e darnos participación real aquí estaremos sempre a súa disposición”.

Os populares denuncian tamén “o boicoteo do PSOE ao San Froilán que contraprograma e aposta de forma clara polo Caudal Fest e que garda silencio sen prestar ningún interese en presumir das patronais de Lugo cando é un evento senlleiro que forma parte do patrimonio cultural inmaterial de Lugo”

“Non son as nosas festas. Non nos sentimos representandos nun programa no que hai moito de improvisación e  irregulariedades en contratacións como a maquetación, edición e impresión de programas das festas cuxo contrato prorrogaron fóra de prazo e por iso se paga con reparo de legalidade”. Rematou.

 

 

 

 

Falece un ciclista no Vicedo tras ser alcanzado por un vehículo

Ás 14:30 horas desta tarde, o 112 Galicia recibiu información sobre este sinistro a través dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que xa tiñan unha dotación en camiño para atender o ferido.

As primeiras informacións sobre esta situación apuntaban a un accidente grave, pois os membros da Garda Civil de Tráfico sabían que o ciclista apenas respiraba.

Así, todos os intentos foron fallidos e malia os esforzos, nada puido facerse por salvar a vida deste home, que circulaba coa súa bicicleta pola Avenida da Mariña cando foi alcanzado por un vehículo.

Deste xeito, ademais dos axentes de seguridade e dos sanitarios, interviñeron os voluntarios de Protección Civil da localidade e os Bombeiros de Viveiro, que descartaron acudir porque a vítima estaba liberada e accesible.

Aparece con vida o octoxenario desaparecido o día 5 en Pol e continúa a busca do octoxenario desaparecido en Abadín

O home, de cuxa desaparición informou un familiar ao 112 Galicia pouco antes das 23 horas do martes, foi localizado por uns familiares nunha zona de monte.

Os membros de Protección Civil de Pol solicitaron a colaboración dos servizos sanitarios para a valoración do implicado, que se atopaba desorientado.

Neste operativo, coordinado polos axentes da Garda Civil, participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Pol, Meira, A Pontenova, Riotorto, Lugo, Ribeira de Piquín e Baleira.

Convén sinalar, que o Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) tamén colaborou nas tarefas de busca ca Unidade Operativa de Drons.

Por outra banda en Abadín continúa activo o dispositivo de busca do octoxenario desaparecido o pasado día 3, coordinado polas forzas da orde.

Foi a chamada dun familiar a que alertaba ao 112 Galicia da falta do home, o cal non retornara ao domicilio.

No operativo participan Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil, a Asociación de Cans de Salvamento de Galicia, e os membros de Protección Civil de Mondoñedo e Vilalba. Tamén tomou parte a Unidade Operativa de Drons do Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA.

Localizan o corpo dun home nas proximidades da praia de Alegrín no Vicedo

Esta madrugada, cinco minutos despois das 1:30 horas, o 112 Galicia tivo constancia da desaparición dun home a través da chamada dun familiar, que indicaba que este non retornara ao seu domicilio.

Decontado, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento das forzas da orde, que se encargaron de coordinar un amplo operativo no que participan Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, que mobilizou o helicóptero de rescate Pesca II, os Bombeiros de Viveiro, o GES de Cervo e Protección Civil de Vicedo.

Pasado este mediodía, os membros do GES de Cervo confirmaban ao 112 Galicia que localizaran un corpo no mar, precisamente na zona onde desaparecera un home na noite de onte.

As forzas da orde confirmaron que se se trata do home desaparecido a noite de onte na praia de Alegrín, na parroquia de Suegos.

Codex Cinema estrea este venres “As dúas caras da xustiza” e “Creatura”

Codex Cinema estrea este venres 8 de setembro o filme francés  “As dúas caras da xustiza” e a cinta española  “Creatura”, gañadora do premio a Mellor película europea (Quincena de realizadores) no pasado Festival de Cannes 2023.

“As dúas caras da xustiza”  da directora Jeanne Herry, é un filme que non teme ás emocións, senón que respecta cada unha das súas manifestacións. Todo parece verdade nesta película. Sinopse: a xustiza restaurativa ofrece ás vítimas e delincuentes a oportunidade de dialogar nun ambiente seguro, baixo a supervisión de profesionais e voluntarios. Este é o caso de Nassim, Thomas e Issa, condenados por roubo con violencia, e de Grégoire, Nawelle e Sabine, vítimas do mesmo crime.  Uns e outros enfrontaranse; tamén Clohe, vítima de violación. No camiño, todos experimentan rabia e esperanza, silencio e palabras, alianzas e rupturas. A confianza restablecida. E ao final do camiño, quizais, a reparación.

Baixo a dirección de Elena Martín chega a película “Creatura”, unha proposta arriscada, atrevida e deslumbrante, que consigue poñer ao espectador contra a parede dos seus propios prexuízos. Sinopse: despois de mudarse coa súa parella a un novo fogar, Mila decátase de que a súa perda de desexo atópase dentro de si mesma. A partir de aí, comeza unha viaxe na que revisa experiencias da súa infancia e adolescencia coa esperanza de reconciliarse co seu propio corpo. Este filme gañou no Festival de Cannes 2023 o premio mellor película europea (Quincena de realizadores).

 E con motivo da estrea a vindeira semana do novo filme de Nanni Moretti “O sol do futuro”, os cines Codex van a proxectar nas súas pantallas este xoves 7 de setembro “ Caro diario”, filme de 1993. Sinopse: película dividida en tres episodios, que reflicte a vida e as opinións do director: “Na miña vespa” é unha aproximación á vida cotiá de Roma durante o mes de agosto; en “Illas” visita a Gerardo, un amigo que vive en Lipari dende hai once anos; xuntos percorren outras illas como Salina, Stromboli, Panarea e Alicudi. En “Médicos”, o director roda a súa propia quimioterapia e o seu percorrido por hospitais e especialistas incapaces de diagnosticar a causa duns insoportables picores.

 

O equipo de drons da AXEGA colabora nas tarefas de busca dun octoxenario desaparecido onte en Pol

A Unidade Operativa de Drons da AXEGA (Axencia Galega de Emerxencias) participa desde hoxe no dispositivo de busca do octoxenario desaparecido en Pol na tarde de onte na zona da Regada, en Carazo.

Foi un familiar o que contactou co 112 Galicia, minutos antes das 23 horas do martes, para informar de que non tiña novas do home desde primeiras horas da tarde. Deste xeito, o Grupo de Apoio Loxístico desprázase ata o municipio de Pol para tomar parte neste operativo, coordinado polos axentes da Garda Civil.

Desde o 112 Galicia informouse tamén a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Pol, Meira, A Pontenova, Riotorto, Lugo, Ribeira de Piquín e Baleira.

Codex Cinema proxecta mañá xoves o filme “Caro Diario”

Con motivo da estrea a vindeira semana do novo filme de Nanni Moretti “O sol do futuro”, os cines Codex van a proxectar nas súas pantallas este xoves 7 de setembro nun pase único  “ Caro diario”, filme de 1993.

Sinopse: película dividida en tres episodios, que reflicte a vida e as opinións do director: “Na miña vespa” é unha aproximación á vida cotiá de Roma durante o mes de agosto; en “Illas” visita a Gerardo, un amigo que vive en Lipari dende hai once anos; xuntos percorren outras illas como Salina, Stromboli, Panarea e Alicudi. En “Médicos”, o director roda a súa propia quimioterapia e o seu percorrido por hospitais e especialistas incapaces de diagnosticar a causa duns insoportables picores.

 

Morre unha muller en Lourenzá tras sufrir unha caída mentres facía traballos de desbroce

Pasaban vinte minutos do mediodía cando o 112 Galicia recibiu unha chamada de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Na conversa, o seu persoal comunicaba que estaban a mobilizar tanto un helicóptero medicalizado como unha ambulancia a unha leira do lugar de Castiñeiras Verdes, na que unha muller sufrira unha caída namentres manipulaba unha fouce e non respondía aos estímulos das persoas que se achegaron a auxiliala.

Os servizos sanitarios desprazáronse a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago, pero só puideron confirmar o falecemento da implicada.

Para este operativo, os xestores do CIAE-112 Galicia solicitaron a intervención dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Lourenzá.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com