Novas

II Mercado de Oficios do Corgo

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este domingo no Corgo na segunda edición do Mercado de Oficios, que se celebrou esta pasada  fin de semana diante do edificio da Cámara Agraria da localidade. O traballo de numerosos profesionais da artesanía, como a cerámica, a cestaría, a sillería ou a maquetería en madeira.

Morandeira destacou a importancia desta cita, coa que colabora a Deputación a través dunha achega económica de 2.000 euros para a súa celebración. “Este tipo de encontros son fundamentais para demostrar a importancia cultural, social e económica da nosa actividade artesanal. Dende a Deputación buscamos estar a carón dos veciños e dos concellos que apostan por estas iniciativas porque son unha grande oportunidade para dinamizar a vida social e a actividade económica na nosa provincia”.

O Mercado de Oficios, que organiza a Asociación de Veciños Os 5 Ríos coa colaboración do Concello, inclúe ademais na súa programación degustacións de cordeiro á grella, actuacións musicais, postos de alimentación e unha exposición de maquinaria nova e usada, así como a presentación dos pilotos do Rally do Corgo.

Cementos Cosmos. Na sala de xuntas da Consellería, 4º andar foto xoán crespo 28/02/17

Aberto o prazo para solicitar axudas destinadas a impulsar a economía social

A Xunta lembra que se poden solicitar ata o próximo 15 de setembro tres liñas de axuda destinadas a impulsar a economía social en Galicia, por un importe total próximo aos 10 millóns de euros. En concreto, achegas para fomentar o emprendemento e o emprego na economía social, para a consolidación das entidades da economía social e para a creación de cooperativas e sociedades laborais a partir de empresas sen remuda xeracional.
As axudas dirixidas a fomentar o emprendemento e o emprego na economía social impulsar o autoemprego neste ámbito e fixar man de obra produtiva no territorio.
O programa conta con dúas liñas compatibles entre si: unha primeira con axudas directas a cooperativas e sociedades laborais para que incorporen, sobre todo, persoas
desempregadas; e unha segunda, para beneficiar a quen entre como socia ou cun contrato indefinido a unha destas entidades ou ben inicie a súa actividade por conta propia.
Mediante esta liña prevese beneficiar 136 entidades e incorporar 283 persoas socias.

En segundo lugar, tamén permanece aberta a convocatoria  para apoiar a consolidación das entidades da economía social e reforzar a súa presencia no tecido económico de Galicia. Estas axudas prestarán atención especial á transformación dixital e á sustentabilidade, con achegas máximas por entidade que poden acadar os 30.000 euros para, entre outras actuacións, financiar investimentos -realizados entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023- en equipamento informático, desenvolvemento de software, plans de protección de datos, eficiencia enerxética ou de márketing ou imaxe corporativa. E, como novidade este ano, inclúense entre os conceptos susceptibles de financiamento os elementos de transporte e a formación para os socios afiliados ao réxime de traballo autónomo (RETA).

Por último, tamén están abertas as axudas á creación de cooperativas e sociedades laborais a partir de empresas sen remuda xeracional, da unión de persoas
traballadoras autónomas, da transformación de calquera tipo de sociedade ou tras a adquisición da entidade por parte das persoas traballadoras da mesma.
A través das achegas -que poden ser de ata 74.000 euros- a Xunta farase cargo de ata o 90% dos custos nos que incorran estas entidades no eido do asesoramento legal, rexistro, notarías e informes; para desenvolvemento da imaxe corporativa; obtención de certificacións de calidade; márketing, comunicación ou relanzamento comercial; ou protección de datos. Os apoios abranguen os gastos realizados entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023 en equipamento informático e outros, desenvolvemento web, melloras na eficacia enerxética, reformas e mobiliario dos locais e elementos de transporte.
Estratexia da Economía Social

Falecen dúas das oito persoas que resultaran feridas onte en Lugo

Dúas das persoas que viaxaban nun dos automóbiles que chocaron onte frontalmente na Avda. das Americas- faleceron. As dúas viaxaban no vehículo que, presuntamente, invadiu o carril contrario.

Segundo informaba Axega, pasaban uns minutos das dez da noite de onte cando varias persoas marcaron o 112 para pedir axuda debido a unha colisión frontal entre dous turismos na Avenida das Américas, en Lugo. Todas urxían a asistencia sanitaria pola cantidade de feridos que había, e por que entre eles atopábase un bebé.

Decontado, contactouse con Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviou varias dotacións ao lugar do accidente para atender a un total de oito persoas feridas de carácter grave, entre os que se inclúe o bebé.

Ademais, foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Lugo para rescatar a unha persoa que estaba atrapada nun dos coches implicados. Cómpre indicar que nun dos vehículos ían cinco persoas, mentres que no outro había tres pasaxeiros. En resumo, oito persoas que foron evacuadas ao Hospital de Lugo con lesións importantes.

En canto ás dilixencias en marcha para determinar as circunstancias do suceso, no lugar dos feitos estiveron os axentes de seguridade da Policía Local, Policía Nacional e da Garda Civil de Tráfico.

Xurxo Alonso gaña a XLIX Edición do Certame Literario do Concello de Vilalba

O Concello de Vilalba vén de facer público o fallo do xurado do XLIX Certame Literario, do que resultou gañador Xurxo Alonso coa súa obra “Cartas de Conxo – O legado dás Távora”.

O xurado formárono Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia, Xulio Xiz, xornalista; e Fidel Fernán, director do grupo de Radio Principal.

Xurxo Alonso (Buenos Aires 1956) é licenciado en Bioloxía, pintor e poeta. Como poeta é autor de nove libros e recibiu, entre outros, os seguintes premios: Avelina Valladares; Johán Carballeira; Francisco Añón; Bouza-Brey; Concello de Carral; Cidade de Ourense; Díaz Castro; Torre de Caldaloba e Lueiro Rey. Como pintor realizou máis de sesenta exposicións individuais e ontivo premios  como a Bienal Cidade de Pamplona; Bienal de Pontevedra; Premio Gredos e Bienal Eixo Atlántico.

A Deputación aproba licitar as obras que completarán o desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación das obras que completarán o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena. Con esta segunda fase das obras, que afectan ao tramo que vai da glorieta 25-N á de Benigno Rivera, a institución provincial dará continuidade ao proxecto xa acometido nunha primeira fase, no treito que discorre entre o enlace da Avenida Infanta Elena coa Ronda Norte e a glorieta 25 de Novembro.

A Deputación  financia integramente as obras cun investimento de 1,5M€, ademais de redactar o proxecto técnico e encargarse da contratación e da execución dos traballos. Pola súa banda, o Concello promove a obra e aportará os terreos para acometer a actuación.

A segunda fase das obras para o desdobramento e humanización da Avendida Infanta Elena terán un prazo de execución de 12 meses, unha vez iniciadas. Entre a glorieta 25-N e a da Garaballa, a marxe dereita da calzada pasará de dous carrís de circulación a tres, cun ancho total de 10,25 metros. Polo que respecta á marxe esquerda, manterase a distribución de tres carrís existente, cunhas beirarrúas de 2,25 metros de ancho e un carril bici que dará continuidade ao do tramo anterior. O proxecto contempla tamén a humanización da mediana central, que xa conta con céspede natural, na que se plantarán árbores e especies arbustivas. O treito da glorieta da Garaballa á de Benigno Rivera contará con dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. Ademais, a marxe dereita dotarase dun carril bici cun ancho de 3 metros, e no caso das beirarrúas terán 4,05 metros de ancho a ambos lados, con  árbores, iluminación, bancos e papeleiras.

Estes traballos tamén inclúen a renovación dos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables. Esta proxecto vertebra todas as súas accións tendo en conta o Plan de Mobilidade e Espazo Público de Lugo.

Arredor de 600 alumnos de ensinanzas artísticas beneficiaranse do modelo plurilingüe

Arredor de 600 alumnos de ensinanzas artísticas de 11 centros de Galicia, beneficiaranse este curso do modelo plurilingüe da Xunta a través de catro ciclos e unha ducia de seccións bilingües.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e universidades vén de publicar a resolución do PluriArt, programa polo que a Xunta de Galicia implantou por primeira vez no curso 2022/23 o plurilingüismo nas ensinanzas artísticas profesionais de artes plásticas e deseño que se imparten nas escolas de arte e superiores de deseño de Galicia. Ata o momento todos os proxectos optaron polo inglés como lingua estranxeira para o seu desenvolvemento.

Ao abeiro desta resolución, a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo incorpora no curso 2023/24 un novo ciclo plurilingüe, en concreto o de grao superior en Fotografía. Súmase ao de Serigrafía de grao medio autorizado o pasado curso, que abre un novo grupo nesta modalidade a partir de setembro.

Deste xeito dáse cumprimento a unha das finalidades da Estratexia galega de linguas estranxeiras -EDUlingüe2030-, que inclúe entre os seus obxectivos estender o plurilingüismo ás ensinanzas de réxime especial, xa implantado con éxito nas etapas de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional.

Detido un home por un presunto delito de violencia de xénero

Ás 20.55 horas do pasado xoves, un indicativo de Policía de Barrio e outro da Unidade de Atestados, foron comisionados nun domicilio de rúa Fábrica da Abella, desde unha persoa informara á Sala do 092 da existencia dunha forte discusión nun piso, no cal se escoitaban berros e golpes, así como a voz dun menor que di “para papá, por favor vaite”. Os axentes comparecen de inmediato no lugar e, no portal do domicilio, localizan a un home, unha muller e dous menores, achándose a segunda nun elevado estado de nerviosismo.

Tras entrevistarse por separado con ambos os implicados, conclúese que mantiveron unha discusión durante a cal o home lle  arrebatou o teléfono móbil á muller, momento no que se produce un forcexo entre ambos, durante o cal a muller sofre as lesións que observan os axentes en escápula, brazo e man. Os policías tamén observan que no domicilio hai varios aveños rotos e algunha estancia con diversos obxectos tirados no chan. Ambos se negan a ser asistidos por servizos sanitarios e a muller manifesta que non desexa presentar denuncia polos feitos. O home é detido e trasladado a dependencias policiais, para a instrución dun atestado por un presunto delito de violencia de xénero.

Asemade ás 2.30 horas de hoxe venres, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasládase a un domicilio de cálea Saúde, xa que a Sala do 092 recibiu información sobre unha forte discusión no interior do mesmo. Os axentes entrevístanse coa parella que reside no piso e ambos manifestan discutir pero sen mediar ningún tipo de agresión física ou verbal, polo que os axentes dan por finalizado o servizo.

Señor López Producións e a Rede Museística estrean Historias soterradas: Ronsel de futuro na Universidade Tres de Febreiro en Bos Aires.

No evento proxectarase o capítulo Camiños de ida e volta onde a activista Ana Bereciartua conta a súa experiencia relacionada coa emigración e a importancia da Rede como dinamizadora social para o colectivo. Braulio acaba de saír do cárcere logo de cumprir unha condena por facer grafites de dinosauro no patrimonio.

Para poder saír do cárcere de Bonxe acepta un titor, Alexandre que, cunha metodoloxía moi peculiar, faralle ver a necesidade de realizar esta webserie documental sobre a Rede Museística como parte da súa reinserción na sociedade.

Co paso dos capítulos todo encaixará na cabeza de Braulio. Historias soterradas: Un ronsel de futuro trata de achegar, a través do cine, toda a inmensidade dos catro museos que forman a Rede Museística Provincial de Lugo, pertencentes á Deputación de Lugo.

O obxectivo fundamental do proxecto é amosar os contidos materiais e emocionais dos Museos a través dunha historia de ficción, así como documentar a nosa historia e patrimonio, logo de anos de proxecto museolóxico compartido. Hoxe en día a Rede Museística espállase por todo o mundo como modelo de xestión.

Os seus proxectos así como o traballo vencellado á comunidade son referente en congresos e foros museolóxicos. Con este paso, o obxectivo é achegar todo este traballo máis alá aproveitando o formato audiovisual. Así, xunto as personaxes de Braulio e Alexandre, desfilarán artistas, colectivos e asociacións que conforman a comunidade da Rede. Nesta ocasión, o Señor López, da man de Brian Rodríguez e Rubén Pérez,estrean este proxecto na cidade de Bos Aires, aproveitando o convite da Universidade Nacional Tres de Febreiro, especialmente vencellada ao mundo da emigración, polo seu Museo da Emigración, antigo Hospital e punto de entrada de milleiros de galegos na cidade porteña.

No capítulo que se presenta desta vez a protagonista será Ana Bereciartua, importante activista bonaerense e residente en Lugo dende hai moitos anos. O evento poderá seguirse pola aplicación zoom dende Galiza.

O Concello de Vilalba instalará un punto lila durante a celebración da Xira Campestre

O Concello de Vilalba instalará un punto lila durante a celebración da Xira Campestre, este sábado 26 de agosto, co obxectivo de realizar un traballo de sensibilización contra a violencia sexual e dar apoio en caso de posibles agresións.

O posto estará atendido por persoal especializado en violencia de xénero e en violencia sexual, concretamente unha psicóloga e unha técnica de igualade. O punto permanecerá aberto na contorna do campo da festa entre as 22.00 e as 4.00 da madrugada.

No punto lila ofrecerase atención ante agresións sexistas, facilitarase asesoramento neste tipo de situacións, ademais de poñerse en marcha unha campaña de concienciación sobre a violencia sexual. Neste sentido, repartirase material como vasos de plástico, pulseiras e demais con lemas para concienciar sobre o respecto e a igualdade.  “O punto lila, alén de ser un apoio ás vítimas de posibles agresións, busca ser un punto de información ao que se pode achegar calquera cidadán”, sinala Marta Rouco, concelleira de Igualdade.

Neste sentido, a edil recorda que no punto lila facilitarase información sobre os recursos municipais en materia de igualdade e contra a violencia de xénero. “Ademais deste punto lila, as mulleres vilalbesas teñen outro tipo de apoios fóra das festas, como o CIM”, engade Rouco.

O Concello de Vilalba recorda ademais que existe a APP “En Rede Vilalba”, ten por obxectivo achegar información de utilidade sobre as violencias machistas á mocidade e adolescencia, especialmente ás mulleres adolescentes vilalbesas (https://www.vilalba.gal/apps/).

A campaña do punto lila está impulsada a través da concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM), ademais de contar co financiamento dos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Unha muller corta o transito na rúa Camiño Real

Onte martes ás 11:15 horas, unha patrulla de Policía de Barrio é comisionada na rúa Camiño Real, xa que a Sala do 092 recibiu información sobre unha persoa que non permitía o paso de vehículos pola zona. Os axentes comprobaron que se trataba dunha muller, que se atopaba diante dun coche, ao que impedía circular pola zona, dicindo que aquilo era peonil e que ela non se ía apartar, que por alí non podía pasar ningún vehículo. Os axentes explicaron que si había vehículos autorizados (vaos e aparcadoiro público), sen que a muller entrase en razón, xa que se negaba a retirarse, polo que tivo que ser apartada polos axentes, debido a que os vehículos querían continuar a marcha e comezaba a congregarse gran cantidade de persoas.

Debido a que a muller, a pesar das advertencias dos policías, continuou manifestando que mantería a súa actitude, dirixindo frases despectivas e insultantes cara aos axentes, foi denunciada por dúas infraccións á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por desobedecer as ordes dos axentes e por falta de respecto e consideración aos membros das Forzas e Corpos de Seguridade.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com