Novas

A DXT pon en marcha a Operación Especial 1º de Agosto

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, avanzou hoxe que durante a tarde de hoxe venres 28 de xullo, dende as 15:00, e ata as 24:00 horas do martes 1 de agosto, producirase un importante movemento de vehículos por todas as estradas da xeografía nacional motivado polo comezo do mes vacacional de agosto, o máis importante en canto a movementos de vehículos do verán.

Para salvagardar a seguridade dos usuarios da vía, a Dirección Xeral de Tráfico pon en marcha a Operación Especial “1º de agosto 2023”. O operativo conta coa total dispoñibilidade dos medios, tanto humanos como técnicos, incluíndo radares fixos e móbiles de control de velocidade, cámaras e furgonetas camufladas para controlar o uso de móbil e do cinto de seguridade dos que dispón a DXT.

Na provincia de Lugo prevense polo menos 126.000 desprazamentos, dos 947.000 estimados para todo o mes de agosto

En agosto de 2022 producíronse na provincia 37 sinistros con vítimas, dos cales 1 foi mortal e 3 con feridos hospitalizados.

A subdelegada chamou a atención sobre os desprazamentos relativamente curtos ou por estradas coñecidas e lembrar que o alcol e o móbil sempre son pésimos socios cando se trata de conducir, aínda que sexa á aldea de á beira. Aínda que o fundamental é o compromiso de todos e cada un dos usuarios da vía, reforzaranse os controis para detectar e impedir estas condutas.

Salvagardar a seguridade na estrada

Desde a Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo chámase especialmente a atención sobre:

Desprazamentos curtos: non se pode baixar a garda. As distraccións e o alcol matan mesmo ao virar a esquina.

Peóns  e ciclistas: o ano pasado houbo na provincia 4 atropelos con feridos, 2 graves, e 8 sinistros con ciclistas feridos. A estrada é de todos: imos atopar peóns e ciclistas e o respecto é o primeiro. Mesmo no verán: chaleco reflector.

Alcol: está a detectarse un aumento deste factor. Hai que evitar por todos os medios conducir se se tomaron bebidas alcohólicas.

Cansazo: parece mentira pero no verán tamén hai bastantes accidentes con vítimas por cansazo, algúns asociados ao alcol.

A DXT recomenda sempre revisar e poñer a punto o vehículo e antes de iniciar a viaxe, planificalo polo roteiro máis seguro para evitar imprevistos e informarse do estado das estradas. E non baixar a garda nos desprazamentos curtos, no lugar destino ou preto de casa, se aínda non nos fomos de vacacións ou xa volvemos.

Desde as contas de Twitter @informacionDGT e @DGTes ou os boletíns informativos en radio e televisión, así como no teléfono 011, infórmase da situación do tráfico en tempo real e das incidencias que poidan existir. Todo o dispositivo establecido, así como consellos pódese consultar en dgt.es (estado do tráfico/recomendacións de tráfico/operacións especiais).

A Asociación de veciños e comerciantes da Milagrosa solicita a reparación do pavimento na rúa Milagrosa

Dende a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa, solicitan á Concellería de Movilidade e Infraestructuras Urbanas do Concello de Lugo, que acometa a reparación do pavimento da rúa Divina Pastora no barrio da Milagrosa. En concreto solicitan “a reparación da figura en forma de estrela situada no medio da mesma”.

Dende a Asociación consideran que “causa unha mala imaxe para os viandantes e turistas que diariamente circulan por esta zona do barrio da Milagrosa, que concentra tanto escolares como pais ou avós, ademais de numerosas persoas, tanto veciños coomo persoas que acoden á cidade e que desfrutan das terrazas ubicadas en dita rúa”.

 

Lugo Monumental

Gerald Denley, escritor inglés en galego, dedicoulle un poema ao bosque de piñeiros de Valdoviño no que se construíu a urbanización O Piñeiral. Algo así podería ter pasado coa praza onde a tradición indica que predicou Domingo de Guzmán baixo unha gran árbore, se Lugo Monumental calase, os lucenses nos conformásemos, e a pedra triunfase sobre o verde.

Os humanos podemos ser peóns, automobilistas, ciclistas, motoristas ou patinetistas. Como peón, desfruto e admiro as zonas peonís, sabéndoas parciais por ter que compartilas con residentes, repartos, servizos públicos e kamikazes. Como condutor, súfroo en propia carne, sabendo que a cuestión é dificultar a condución para converternos en peóns.

O proceso de peonalización, que coincide coa miña evolución camiñante, sorpréndeme polos resultados e a acomodación popular á desaparición do automóbil da vida urbana, despois de que tanto nos costase motorizarnos.

Diante do proxecto de reforma de Santo Domingo, Lugo Monumental tocou a rebato as campás dixitais, conseguindo en poucas horas que máis de mil lucenses nos pronunciásemos en contra, seguindo con asinamentos físicos sobre un tema que afecta ao corazón lucense.

Lugo Monumental é moito máis ca unha asociación de empresarios, e este “movemento de peón” é boa proba. Están á que salta, e este era un salto importante para unha praza simbólica no centro lucense. A definitiva praza de San Domingos é para sempre; lóxico que se pense con calma. Lugo Monumental tiña algo que dicir e, ao dicilo, fíxonos tomar postura, deixando de ser “peóns” para ser conscientes peóns.

 

Policias en prácticas

O delegado do Goberno preside en Lugo o acto de benvida a 109 novos axentes e inspectores

O delegado do Goberno Pedro Blanco, presidiu este xoves diante do Concello de Lugo o acto de benvida a 109 axentes e inspectores da Policía Nacional que se incorporan en prácticas ás comisarías galegas. Tamén asistiron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o xefe Superior de Policía de Galicia, Ramón Gómez Nieto; as subdelegadas do Goberno en Lugo e na Coruña, e o subdelegado do Goberno en Ourense.

Ademais de darlles a benvida, o delegado do Goberno felicitou aos máis de 100 policías por superar unhas esixentes probas selectivas e a parada obrigatoria na Escola de Ávila.  Son 82 os/as  policías en prácticas que chegan á Comunidade para desenvolver o seu período de prácticas obrigatorion, 58 homes e 24 mulleres, que se van a incorporar ás distintas comisarías da Policía Nacional segundo este reparto: 15 na Coruña; 6, en Ferrol-Narón; 16,  en Santiago de Compostela; 4, en Ribeira; 6, en Lugo; 7, en Ourense; 8, en Pontevedra; 12 en Vigo-Redondela; 4, en Vilagarcía de Arousa e 4 policías na comisaría de Marín.

Blanco, reiterou hoxe en Lugo a vontade do Goberno de continuar aumentando as plantillas policiais en Galicia,que contan na actualidade con case 9.000 axentes de Policía Nacional e Garda Civil, “a maior cifra de efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado da historia e máis dun 7% superior á que tiñamos cando chegamos ao Goberno en 2018

O delegado puxo en valor as medidas levadas a cabo para favorecer a incorporación das mulleres aos persoais policiais. “Esta promoción supera xa un 30% de mulleres e o noso compromiso é seguir apostando para que os persoais policiais reflictan a realidade demográfica do noso país”, apuntou. Neste senso, avanzou que a convocatoria deste ano será a primeira da historia que non teña un límite de estatura, unha barreira de cristal que limitaba este avance.

Codex Cinema estrea esta tarde o filme italiano “O Caso Braibanti”

Codex Cinema estrea esta xoves 27 de xullo o filme italiano “O caso Braibanti”. Na película o seu director Gianni Amelio conta maxistralmente a homosexualidade dende a claridade da dor, unha crónica do pasado tan precisa que se diría que o mellor retrato no só do presente, senón de calquera tempo.Sinopse: a finais dos anos sesenta un xuízo celebrado en Roma causou un gran escándalo. O dramaturgo e poeta Aldo Braibanti foi condenado a nove anos de prisión por ter sometido á súa vontade (no sentido físico e psíquico) a un dos seus alumnos baseándose nunha “lei de lavado de cerebro” introducida no Código Penal durante o fascismo. Baseado en feitos reais, este drama xudicial cóntanos como un xornalista se comprometeu a reconstruír a verdade, enfrontándose ao poder e á censura.

Maña vernes os Codex Cinema estrean o filme francés “Don Juan” de Serge Bozon, que crea unha obra sofisticada, caracterizada por unha posta en escena sublime e sustentada en dous artistas excepcionais. Sinopse: en 2022, “Don Juan” deixou de ser un home que seduce a todas as mulleres para converterse nun home obsesionado cunha soa muller: a que o abandonou …

Pódese consultar toda a programación en: www.codexcinema.info

 

O sábado volverase producir o “Milagre”

O “Milagre” de San Vicente, en que manou viño da fonte

De novo Lugo Monumental axudará un ano máis a San Vicente a facer manar viño da fonte barroca da Praza do Campo, e será este sábado día 29 de xullo (día de Santa Marta, patroa da Hostalería) ás 20:30 horas. Esta  tradición fai que, grazas ao patrocinio de Viliga (Viños e Licores de Galicia) o público poda degustar gratuitamente o viño que mana da fonte da Praza do Campo, onde se repartirán miles de vasos aos asistentes.

O mecanismo empregado para que se obre o “Milagre” é relativamente sinxelo e conta con tres grandes bidóns en que se deposita o viño, que a través de tubos alimentarios sae polos tres caños da fonte. Hai que destacar que o viño non toca a fonte en ningún momento o que repercute tanto nun uso garantista do monumento, como na perfecta hixiene do evento, algo que “a Asociación coida meticulosamente”.

Premios de Lugo Monumental

Como é tradición, neste acto entregaranse cunha moi sinxela cerimonia, os premios da Asociación Lugo Monumental: Recoñecemento a toda unha vida dedicada á Hostalería: Confeitería Madarro En 1891 naceu a Confeitería Madarro, que máis de 130 anos despois segue ofrecéndonos elegancia, estabilidade e esa familiaridade que só os pequenos establecementos de toda a vida poden garantir.

Asemade haberá un recoñecemento a un Comercio singular: Os Maragatos. “Hai case século e medio, no ano 1880, a primeira xeración dos Maragatos da Porta de San Pedro, o matrimonio formado por Tomás Pérez Carro e Vicenta García Carro, procedente de Santa Colomba de Somoza, no corazón da Maragatería leonesa, asentouse fronte á histórica Porta Toledá da Muralla Lucense (a actual Porta de San Pedro), converténdose en lucenses”.

Tamén se producirá o nomeamento de Socio de Honra da Lugo Monumental na persoa de Julio Giz Ramil . “Máis aló do seu currículo en medios polos que recibiu numerosos premios nacionais e internacionais, é un comunicador nato, incansable defensor de causas sociais e culturais ás que sempre prestou o seu apoio e o seu inconfundible e magnífica voz. Con Carlos Rodríguez Arias creou a Produtora de Vídeo e Editorial Ophiusa e a primeira TV local en Lugo, Televisión Lugo”.

 

O PP acusa a Tomé de “beneficiar a afíns ao negarse a dar transparencia ao reparto dos medios do parque móbil”

Os deputados populares critican a “nula transparencia e falta de vontade para tratar de xeito igualitario aos lucenses” independentemente do municipio no que residan tras ver como o goberno provincial negouse a crear unha mesa de traballo para repartir de forma xusta os medios do parque móbil entre todos os concellos lucenses para que poidan realizar os traballos de arranxo e mantemento necesarios nas redes viarias de titularidade municipal”.

O voceiro provincial popular sinala que “malia a que era de agardar este rexeitamento, non deixa de ser unha decepción, xa que o goberno de Tomé está a dar as costas a miles de veciños da provincia”, chegando ao extremo de que “hai medios do parque móbil que nos últimos catro anos non marcharon de Monforte e seguramente nestes próximos catro anos pasará o mesmo”.

O popular incidiu en que “os datos son teimudos e amosan como nos primeiros cinco meses de 2023 o goberno de Tomé asinou 58 convenios de colaboración cos concellos da provincia, aprobados en xunta de goberno, para realizar tarefas de mantemento da rede viaria, sendo 44 destes concellos gobernados polo PSOE, 11 polo BNG, 3 independentes e ningún polo PP”.

Uns convenios que se traducen nun investimento de 10.533.037,49€, dos que 9.250.361,72€ foron a municipios gobernados por socialistas; 1.055.453,26€ a concellos gobernados por nacionalistas e 227.222,51€ investidos en municipios liderados por independentes. O resultado é a ausencia de convenios con concellos gobernados polo Partido Popular, unha clara discriminación cos lucenses da provincia, xa que a maior parte dos municipios están gobernados por alcaldes e alcaldesas populares”, sinalan.

 

 

O BNG denuncia que “o PP insiste en bloquear a recuperación da Torre de Caldaloba”

O grupo provincial do BNG “lamenta a intención do Partido Popular de persistir no bloqueo ao proxecto de recuperación e posta en valor da Torre de Caldaloba que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo iniciou hai un ano coa compra da parcela na que se situa parte da Torre e os seus fosos defensivos e coa redacción dun proxecto de consolidación para atallar o deterioro da construción”.

“Así se confirmou no Pleno provincial desta mañá na que o Partido Popular votou en contra dunha moción do BNG  que pedía ao goberno galego que aclare se exercerá o dereito de retracto sobre a compra, que anunciou hai máis de nove meses e non materializou, e que autorice as obras proxectadas” Subliñan fontes do nacionalistas. “Se a Xunta vai exercer o dereito ao retracto, que anunciou hai nove meses, que o faga, pero que o faga canto antes. Esta moción só pide que  a Xunta de Galicia desbloquee a situación e permita realizar as obras de consolidación previstas para non ter que lamentar nada. Se non o fai, terá que explicarlles aos seus veciños porque non move ficha”,  expuxo a deputada Iria Castro durante o debate da moción, dirixíndose ao deputado popular e alcalde de Cospeito, Armando Castosa.

A Asociación Si, hai saída denuncia o peche do Punto de Encontro Familiar na primeira quincena de Agosto

Un ano mais, lamentablemente, desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero  vemonos na necesidade de denunciar o peche do Punto de Encontro Familiar durante aprimeira quincena do mes de Agosto. Non se pode cualificar, no nos xuízo, mais que de tremenda irresponsabilidade este peche cando mais preciso é, en pleno período vacacional, e ante o desolador panorama que estamosa vivir en canto a violencia de xénero, que medra de día en día e non deixa de cobrarse vidas.

Non esquezamos que cando os proxenitores acuden ao Punto de Encontro a realizar o intercambio dos menores, non o fan por decisión propia ou por puro capricho, se non que setrata dunha resolución xudicial cando o xuíz detecta unha situación de conflito ou mesmo de perigo.

Se a este peche lle unimos a situación da Ufam da Comisaría practicamente baleira durante todo o verán, como vimos denunciando ano tras ano, o que implica unha desprotección case total para as vítimas de violencia machista e os seus fillos, o verán convértese nunha auténticaruleta rusa para estas mulleres o para os menores, que se ven totalmente indefensos e desprotexidos cando mais o precisan.

Como cada ano, reiteramos o noso respecto polo dereito ao descanso e as vacacións do persoal do Punto de Encontro, pero o que non cabe na cabeza de ninguén, ante a situación tan grave que estamos a vivir no que atinxe a violencia machista, e que este non sexasubstituído durante as súas vacacións, cando se están destinando recursos económicos para outros fins de dubidosa ou ningunha eficacia.

Esta é unha evidencia mais da auténtica concienciación que existe en canto a loita contra aviolencia de xénero, principalmente por parte daqueles e daquelas que, a partir do mes de setembro, non dubidarán en enarborar pancartas, organizar un evento tras outro, para os calessempre hai recursos, e, en definitiva, en utilizala para sacarlle rendemento, e en dar leccións de feminismo e de implicación.

Namentres, as vítimas, aos seus fillos e fillas, non lles queda mais opción que confiar na sorte e en que o verán, que para eles é sinónimo de medo e desprotección, non remate de xeito tráxico.

103 anos de celebración

Dende aquel afastado vinte e cinco de xullo de 1920 que, por iniciativa das Irmandades da Fala, se celebrou por primeira vez o Día Nacional de Galiza, pasaron 103 anos. Como se soe dicir, isto non foi flor dun día, se non que amosa, sen lugar a dúbidas, que o pobo galego é consciente da súa pertenza é da súa historia.

Andando o tempo denominaríase Día da Patria Galega, esta denominación que a uns nos gusta máis que a outros,  é a máis recoñecida e celebrada na actualidade. Pero, alen diso, o importante é que cunha denominación ou outra, dun xeito ou doutro, a inmensa maioría das galegas e galegos, celebramos este día como un acto de afirmación, un acto de pertenza a un país cunha historia de seu e unha lingua propia. Teño para min que é así, paso a paso, como se recupera unha conciencia nacional.  Da igual o xeito de como o celebre ou denomine, o caso é seguir avanzando.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com