Novas

O Concello retoma a adxudicación da cafetería do Vello Cárcere

O Concello de Lugo retomará este mércores a adxudicación da cafetería do Vello Cárcere autorizando, novamente, o anuncio da licitación nos termos da última convocatoria publicada.

Así manterá nos 100 euros mensuais (1.200 € ao ano) o canon mínimo para a explotación do local coa vontade de que a concesión, que terá unha duración inicial de dez anos, prorrogable por outros cinco, resulte atractiva.

A Concelleira de Sostibilidade Urbana e Recursos Internos, Paula Alvarellos sinalou que “vimos de detectar certo interese empresarial por asumir a xestión do establecemento, nas mesmas condicións xa ofertadas pola Administración local, de xeito que optamos por non varialas nin incrementar o prezo para favorecer a presentación de candidaturas, sendo sabedores, ademais, de que a súa posta en marcha esixirá dun esforzo inversor para acometer a instalación de todo o mobiliario e completar o seu equipamento“.

A concelleira indicou, así mesmo, que, para escoller a oferta máis vantaxosa, o Concello terá en conta aquela que supoña un maior valor engadido para a cidade, tomando como aspectos moi importantes da mesma a calidade das melloras e do embelecemento que se vaia realizar na cafetería, a estética máis axeitada para o local así como a proposta máis innovadora. “As e os interesados, deberán presentar por tanto unha memoria na que relaten a forma prevista de organización e de funcionamento da actividade de hostalaría / restauración a desenvolver, así como unha descrición detallada e a valoración dos medios materiais e do gasto que teñen previsto efectuar”, abondou.

“#móllateporlugo”, o chamamento de Gómez Besteiro ao voto útil

Con #MóllateporLugo péchase a campaña despregada polos socialistas lucenses, “unha campaña que foi un alegato a favor da tolerancia, da solidariedade e  dos valores democráticos: Gómez Besteiro agradeceu o apoio recibido estas últimas semanas nas rúas: “Sinto que os lucenses saben a quen creer, saben que nos momentos duros o Goberno de Pedro Sánchez elixiu sair adiante como país, todos xuntos, sen deixar a ninguén atrás. Este é o modelo de sociedade que queremos seguir disfrutando catro anos máis”, dixo.

Tamén lembrou que “as infraestruturas, e concretamente as inversións realizadas polos gobernos socialistas na provincia e que o PP sempre que goberna, mete nun caixón” tamén foron protagonistas dos actos da campaña da candidatura encabezada por Gómez Besteiro como a A6, a A9, “e agora os 550 millóns de euros do Goberno de Sánchez para que Lugo teña o tren que merece”.

“O non do PP á suba das pensións un 8’5%, á suba do salario mínimo interprofesional, á unha tarifa regulada para a luz e o gas, á redución do prezo dos carburantes, á redución do IVE dos alimentos básicos… O Non a que os lucenses tivésemos Radioterapia e Medicina Nuclear na nosa provincia. “Todos eses non deben ter a súa resposta o domingo nas urnas”, pediu Besteiro quen insistiu no “caro que nos sae aos lucenses que goberne Feijóo”.

 

Conde lembrou unha medida do PP: tarifa 0 a autónomos durante o primeiro ano

O candidato número 1 da lista do PP da provincia de Lugo ao Congreso, Francisco Conde, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitaron en Mondoñedo o Polo de Emprendemento da Mariña onde puideron coñecer a dúas emprendedoras que se están a beneficiar do programa de asesoramento, mentorización e desenvolvemento de proxectos.

Conde destacou estes polos como “un apoio fundamental para o desenvolvemento de proxectos que xeren emprego de calidade e, ao mesmo tempo, contribúan a xirar poboación no rural”. Nese sentido, avanzou que “o Partido Popular seguirá impulsando iniciativas para favorecer o emprendemento dende o Goberno de España en coordinación coas comunidades autónomas” e reafirmou “o firme compromiso de Feijóo co emprendemento: non só co apoio á tramitación administrativa, senón tamén impulsando medidas que faciliten o financiamento e favorezan a contratación de empregados”. De feito, “unha das principais medidas do programa electoral é a tarifa 0 para os autónomos no primeiro ano de actividade”. Subliñou.

“Facilitar o emprego é a mellor política social que pode impulsar un Goberno”, segundo manifestou Elena Rivo, que considera que “o emprego abre as portas do benestar”. Nese sentido, a responsable de Promoción do Emprego e Igualdade do Goberno galego resaltou que “o exemplo da política laboral en Galicia estenderase a toda España se o domingo gana Alberto Núñez Feijóo

Daniel Castro pide a conexión de diferentes infraestruturas da provincia

O candidato do BNG ao Congreso, Daniel Castro, insiste en que o BNG traballará dende o Congreso dos Deputados para “poñer a Lugo no mapa das infraestruturas, despois de anos de abandono por parte do goberno do Estado e da Xunta de Galiza”. Castro engadiu que se trata de “infraestruturas que dan mobilidade a todas as veciñas e veciños de Lugo e tamén ás mercadorías, o que permite fixar empresas e xerar emprego”.

“Se queremos desenvolvernos economicamente e que se xere emprego temos que contar cunhas comunicacións dignas para que a nosa provincia estea á altura das demais, obxectivo para o que o BNG traballa dende todas as institucións”, afirmou Daniel Castro, que lembrou as necesidades de Lugo co mantemento de outras vías de transporte como a conexión da A-8 con Ribadeo, a execución da A-74 e a A-54 ou a A-6, “en mal estado desde hai anos e agora, despois do derrubamento do viaduto, sen poder usarse integramente”.

O candidato do BNG destacou que os distintos gobernos do Estado e da Xunta “están quitándolle oportunidades a todas as veciñas e veciños de Lugo”, e fixo fincapé en que o Bloque “poñerá a Lugo no mapa das infraestruturas, garantindo a conectividade e con ela máis oportunidades económicas e laborais e tamén mellores condicións de vida”.

Para Daniel Castro a provincia de Lugo “é o mellor exemplo da necesidade que temos, como país, de ter mellores e máis infraestruturas do século XXI” para poder comunicarnos máis rápido e vivir dun xeito máis cómodo.

Por vez primeira, lembrou Castro, está “a piques” de chegar a representar Lugo no Congreso o que, sen dúbida, defenderá “única e exclusivamente os intereses da provincia e dos galegos e galegas”. Daniel Castro insistiu na necesidade de encher este domingo as urnas con votos do BNG para “conseguir que as necesidades de Lugo estean en Madrid”.

 

“A Xauría” e “O home sen culpa” as dúas estreas de Codex Cinema este venres

Codex Cinema estrea esta tarde as películas “A xauría” e “O home sen culpa”

“A Xauría”, filme colombiano dirixido por Andrés Ramírez Pulido. A ópera prima colombiana máis potente do ano, onde se combina elementos atmosféricos con suspense e traxedia clásica nun todo inquietante e perturbador.

Sinopse: Eliú, un mozo de campo, está preso nun centro experimental para menores en plena selva tropical colombiana, por un crime que cometeu co seu amigo El Mono. Todos os días os adolescentes fan un traballo físico extenuante e unha terapia de grupo intensa. Un día El Mono é trasladado ao mesmo centro e trae consigo un pasado do que Elíu quere fuxir.

 A segunda estrea da semana é “O home sen culpa”. Un filme italiano dirixido por Iván Gergolet, unha película audaz, intelixente na súa forma de desenvolver a trama, con excelentes actores que saben mostrar as complexidades do resentimento.

Sinopse: Ángela traballa como limpadora nun hospital; o seu marido faleceu por unha enfermidade relacionada co amianto mentres traballaba ao servizo dun home que autorizaba o seu uso coñecendo os efectos sobre os empregados. Anos despois do falecemento do marido de Ángela, ese home é hospitalizado por un derrame cerebral e ela ten a opción de seguir pensando na vinganza ou abandonala finalmente.

 

UNHA REFLEXIÓN PARA O DOMINGO

Somos inconformistas e debemos selo. Queremos prosperar, gañar en benestar. É lícito esixir o mellor para os teus e loitar por elo. Estas máximas aplícanse ao común dos mortais, sen ambaxes. Pero  sentémonos, pensemos e reflexionemos: ao fin e ao cabo estamos en verán.

Nos tempos da inmediatez, deteñámonos un intre. Paseando polas rúas vemos un banco, baixo a sombra dunha árbore que podería ser un magnolio ou un plátano.  E protexémonos do sol.

Hai uns nenos xogando á pelota na pista do fondo: nenos de dez ou quizais doce anos. Non os coñezo e non sei quen son seus pais. Sei que van á escola, porque conseguimos unha educación pública que permite que se formen, con igualdade de oportunidades.

Fronte a nós pasa unha parella feminina collida da man, unha rapaza fala en galego e a outra en castelán. Véselles felices e tranquilas, estamos en xullo e son vacacións. Non saben o que farán ou en que deparará o seu futuro xuntas, pero poden casar como calquera se desexan facelo.

Saúdo a un veciño meu, Antonio, a este si o coñezo. Vive só, pero este ano subiulle a pensión  100 euros ao mes e anda algo menos afogado. Antonio sempre anda con retrancas, pero ten unhas ideas moi claras e xa fixo o testamento vital porque ten ese dereito. Antonio ten unha neta que non quixo estudar pero é moi traballadora e sabe que lle vai ir ben. Gaña un pouquiño máis de 1000 euros brutos ao mes desde que subiu o salario mínimo interprofesional.

Pasan as horas, seguimos ollando o devir da xente. O ceo segue despexado, aínda que nos esteamos achegando ao domingo.

A patria para min é iso. Fóra de ámbitos territoriais, galegos ou peninsulares. Máis alá de bandeiras e símbolos, de bicos levantados e de proclamas. Avancemos, sigamos prosperando. Somos inconformistas e debemos selo. Non me conformo con outro goberno que non sexa o socialista.

Fran Cajoto.

Alcalde de Foz.

Besteiro a Sánchez “Lugo e Galicia vante facer presidente”

A intervención do número 1 ao Congreso por Lugo, preludio á de Pedro Sánchez, foi recibida cunha grande ovación . “Todo voto non socialista este domingo é un voto para facer a Feijóo presidente”, advertiu o candidato socialista. Besteiro arrancou a súa intervención coa frase Que hoxe eu estea aquí non estaba no guión do PP…  Os socialistas de Galicia rachamos con ese guión para poder escribir a nosa propia historia”.

Besteiro remarcou a trascendencia do 23X onde a elección é simple “un presidente competente na xestión, valente ante os problemas e limpo, fronte a un Feijóo mentiroso compulsivo”.

E dirixíndose ao presidente, sinaloulle que “Dóelles que o noso modelo funcione, que pese a todo -COVID, a guerra de Ucrania, a erupción dun volcán-  fuches capaz de facer crecer a economía, ao tempo que subiron os salarios e as pensións e se ampliaron os dereitos sociais iso é o que lles doe”

 Ao final, Gómez Besteiro volveu dirixirse directamente a Pedro Sánchez. “Lugo e Galicia vante facer presidente”, díxolle. E rematou sempre houbo unha persoa que estivo ao meu lado, e que me defendeu sen dubidalo e sen pedirllo. Esa persoa es ti, Pedro. Grazas Presidente.

 

Incendio na palleira dunha explotación Agraria en Vilar de Donas

Hoxe pola mañá declarabase un incendio nunha palleira en Vilar de Donas no concello de Palas de Rei, onde un traballador sufriu feridas nunha man e acudiu a un centro médico polos seus propios medios. Ao mesmo tempo, a rápida actuación dos efectivos de emerxencias, que traballaron durante toda a mañá, impediu que o lume se espallara a outras instalacións da explotación gandeira, onde había animais.

No operativo activado polo 112 Galicia participaron o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Chantada, o GES de Monterroso, a Garda Civil, a Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Palas de Rei.

Os servizos de extinción traballaron para controlar o lume, concentrado nunha nave na que se almacenaba palla e penso, que se encargaron de retirar ao exterior e de refrixeralo.

Rajoy: Feijóo é o mellor candidato á presidencia do Goberno

O presidente de honra do PPdeG felicitou ao PP de Lugo polo seu “traballo e esforzo” nas últimas eleccións municipais e destacou que Feijóo é “o mellor candidato que se presenta a estas eleccións” porque “demostrou que é un gran gobernante” e así o acreditan as súas catro maiorías absolutas en Galicia: “Ninguén obtén un respaldo maioritario se o fai mal e, por tanto, esas catro maiorías absolutas son a demostración inequívoca de que sabe o que é gobernar,. E continuou “necesitamos acougo, serenidade e un Goberno que se preocupe dos asuntos que realmente importan e dos temas que lle interesan á xente”.

Mariano Rajoy reivindicou a importancia de “contar co respaldo do partido, ter un bo programa e dispoñer do mellor equipo: Basta con ver as candidaturas ao Congreso e ao Senado por Lugo para comprobar que nos tomamos en serio o que nos vén por diante” “Somos un partido cunha traxectoria de máis de 40 anos e un partido de goberno disposto a traballar para gañar”.

O exPresidente abondou na idea de que “nestas eleccións só hai dúas alternativas, quen queira que as cousas cambien un goberno formal e serio ten á súa disposición ao PP; pola contra, “quen queira seguir igual ten á súa disposición a toda a gama de partidos do Goberno Frankenstein”.

Rajoy concluíu pedindo o cambio, “só o PP reúne todos os elementos necesarios para o cambio: Temos un candidato que está no seu mellor momento, que sabe gobernar e que conta co respaldo dun partido que pode permitirse o luxo de dedicarse unicamente a poñerse ao dispor dos españois”

 

 

 

Galicia Calidade certificará os produtos de “Porco Celta”

Grazas ao convenio asinado en Lugo polo director xeral de Comercio e Consumo Manuel Heredia e Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) As empresas socias de Asoporcel interesadas en obter o certificado de Galicia Calidade poderán solicitalo de maneira individual ou a través da asociación, unha vez presentada a documentación requirida. Pola súa banda, a asociación comprométese a informar e apoiar aos seus asociados para obtención das licenzas, así como aboar as tarifas correspondentes para acceder á marca de garantía. O convenio tamén prevé que a organización de produtores favoreza as canles de comunicación entre o organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación e os produtores para promover e divulgar iniciativas conxuntas.

Heredia, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, sinalou que o acordo ten por obxecto impulsar a adhesión á marca de certificación das empresas que forman parte de Asoporcel, unha vez que cumpran co prego de condicións establecido por Galicia Calidade, organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia. Para a concesión da licencia, as empresas deben cumprir co regulamento de uso deste selo e os procedementos para a súa concesión.

Manuel Heredia destacou que este acordo “contribuirá a potenciar os esforzos de Asoporcel para recuperar unha raza porcina autóctona e que se diferencia nos mercados polo seu valor gastronómico”, apuntando que “contar co selo Galicia Calidade achegaralle garantía e confianza ante os consumidores”, engadiu.

Asoporcel é unha asociación constituída en 1999 para velar pola preservación, conservación, recuperación e fomento e mellora xenética da raza porcina celta. Na actualidade, conta con máis de 140 ganderías en toda Galicia, dedicadas a cría de gando porcino en liberdade e polo sistema de pastoreo, e 214 operadores dedicados á produción primaria, transformación e comercialización.

Desde 2016 dispón da marca de calidade concedida polo Ministerio de Agricultura 100% raza autóctona Porco Celta, a primeira raza de porcino á que lle concederon este distintivo. Todos os produtos (nas modalidades de fresco, salgado, curados…) comercialízanse con ese distintivo, ao que agora se sumará o do selo de garantía Galicia Calidade, que certifica os produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción.

Na actualidade, Galicia Calidade conta con máis de 150 empresas adheridas, con máis de 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com