Novas

Albares e Besteiro reunense con empresarios e sindicatos da provincia

O Ministro de Asuntos exteriores José Manuel Albares e José Ramón Gómez Besteiro, candidato ao Congreso polo PSdG, mantiveron unha xuntanza con empresarios e sindicalistas da provincia onde o ministro declararou que “o Goberno de Pedro Sánchez pon a Galicia e a Lugo na axenda da presidencia europea, no centro da UE, e por iso  gustaríame celebrar co mundo empresarial o importante que é que un goberno como o actual sexa un goberno que lidera en Europa”. Iso é moi importante, dixo, “sobre todo para os empresarios que están aquí, que fan operacións exteriores lonxe da nosa comunidad, tanto en Europa como fóra de Europa”.

 Pola súa banda o cabeza de lista ao Congreso sinalou que “por primeira vez Galicia ten un protagonismo sen parangón na recente historia de España con actos que a vinculan coa UE, con actos relacionados coa pesca, co Ecofin, coa demografía ou coa despoboación como o que albergará Lugo no mes de setembro… Galicia vai ser protagonista tamén dese semestre europeo no que Pedro Sánchez e o Goberno de España presiden a UE”, subliñou.

 Nesta liña, resaltou a importancia do debate que terá lugar na cidade  no mes de setembro “centrado sobre un problema que levamos defendendo os socialistas dende hai tempo; as consecuencias do envellecemento poboacional e do despoboamento. Unha cita internacional que terá lugar na nosa terra e que é un tema  absolutamente esencial nesta provincia” .

“Creo que é un debate interesantísimo e forma parte das patas do goberno de Pedro Sánchez: entender o mundo fóra de Madrid dun xeito distinto, entender o mundo das comunidades autónomas dun xeito distinto”.

Albares fixo  un chamamento a todos os lucenses progresistas para que o 23 de xullo a papeleta que escollan sexa a do PSOE: “Só hai unha papeleta que poida frear un goberno dunha dereita radicalizada en coalición coa ultradereita e esa é a papeleta do PSOE” . O Ministro de Asuntos Exterior apelou “ás persoas sensatas, ás persoas moderadas que non queren ver ministros de extrema dereita no goberno de España e sobre todo non queren ver ideas que nos van a sacar, agora que somos presidencia da UE, da centralidade de Europa”. Tras a reunión, autoridades, candidatos e empresarios fixeron un percorrido polo centro da cidade.

Daniel Castro: “Debemos compatibilizar a protección ambiental e a protección dos pescadores”

Prosegue a campaña electoral  e os candidatas e candidatos das diferentes formacións apuran as derradeiras xornadas, hoxe o  número un ao Congreso pola provincia de Lugo, Daniel Castro, visitou o porto de Celeiro onde coñeceu a situación da pesca de arrastre na actividade pesqueira do país. Alí, Castro declarou que “se a pesca é un puntal da economía galega e do emprego, na provincia de Lugo e na Mariña aínda o é moito máis coas potencias pesqueiras que representan os portos de Celeiro e Burela, e máis no actual contexto de crise industrial e de emprego que atravesa esta comarca”.

“Desgraciadamente cumpríronse as peores previsións para un sector que xa está sometido a unha estrita regulación e control. Todos os esforzos da nosa flota pesqueira polo cumprimento da normativa lonxe de ser recoñecidos, son desprezados e demonizados”.

Para Castro, a nosa é unha frota que é “exemplo internacional de boas prácticas e, con esta decisión da Comisión Europea, vai ver minorada da considerablemente unha parte fundamental dos seus caladoiros”.

Esta situación, explica Castro, afecta a todo o país e provoca “que moitos barcos se teñen que desprazar moito máis do normal, o que inflúe de xeito directo no traballo dos demais profesionais pesqueiros e, como consecuencia, en moitos postos de traballo”.

Galiza, explica Castro, “é a primeira rexión pesqueira europea, e en termos xerais, a nosa frota representa case a metade de toda a española, pescando en diferentes augas a nivel estatal, europeo e internacional. Daniel Castro reclamará no Congreso unha actitude máis firme e decidida en defensa do sector pesqueiro de Galiza” para evitar a prohibición da pesca de fondo. Segundo o número un, esta medida “non se sustenta en estudios rigorosos, posto que non existe ningún informa serio que o avale”, xa sexa por razóns ambientais ou de sostibilidade.

“Debemos compatibilizar a protección ambiental e a protección dos pescadores”, explicou o candidato, quen instou aos presentes a presentar un recurso sólido para ter a máxima oportunidade “de darlle a volta a este regulamento que tanto os prexudica”.

Castro destacou que é preciso tamén fomentar o consumo de peixe entre a veciñanza. Para o candidato do BNG, a redución do IVE asociado ao peixe “non só favorecería ao propio sector senón á poboación en xeral e, moi en particular á máis desfavorecida economicamente, ademais de contribuír a fomentar o consumo de produtos pesqueiros”. Concluíu.

Candia: “á volta do verán retomarase a atención no consultorio de  Nadela

Elena Candia mantivo unha xuntanza co de Conselleiro de Sanidade para saber sobre o futuro do consultorio de Nadela e “segurarse da continuidade deste servizo”.

Segundo a voceira popular, o titular de Sanidade “confirmou que se seguirá atendendo aos pacientes deste núcleo neste consultorio á volta do verán” que é cando se retomará a atención neste punto” Elena Candia agradeceu a Julio García Comesaña a palabra dada “que supón unha tranquilidade para a veciñanza que está preocupada pola situación na que quedou o consultorio trala xubilación, en abril, do seu médico”

Segundo indicou Candia, “de xeito temporal para dar cobertura ás necesidades do consultorio de Nadela  estanse atendendo desde xullo aos doentes no Centro de Saúde de Fingoi, os meses anteriores había consultas en Nadela tres días á semana durante 4 horas co obxecto de garantir á atención ao pacientes deste núcleo”.

 

 

Votar por correo

Chégame a propaganda electoral cando xa hai varios días que votei. É a primeira vez que voto por correo, nun sistema que funciona á perfección, non sendo frío ou distante, senón en loor de multitude porque ninguén agardaba esta convocatoria cando medio país anda itinerante. E se habitualmente as oficinas de Correos teñen traballo abondo e as colas son habituais, estes días acumúlaselles o labor.

Quen queira votar por correo recibe unha papeleta cos aspirantes a senadores, papeletas das forzas concorrentes, e cadanseu sobre para meter, xunto coa certificación do padrón que nos mandan, nun sobre dirixido á presidencia da nosa mesa. Entregado en Correos – acreditando a personalidade – envíano e entrégannos o xustificante de votación, quedando liberados do maremagnun da campaña electoral.

Coa estrita organización do voto por correo non hai lugar a dúbidas, pois dubidar do mecanismo é dubidar do sistema do que formamos parte. En tempos, no primeiro postfranquismo, soubemos que a Correos en Lugo acudía a diario un censor que abría as cartas destinadas a determinadas persoas para investigar o seu contido, e xa que o tema nos superaba tivo que vir a Lugo un xornalista coruñés para denunciar os feitos e cortar a violación das cartas, daquela habitual e hoxe delictiva.

Unha xornada electoral é a máxima expresión de liberdade, e temos que confiar en que os votos – físicos, por correo ou electrónicos cando se implanten, son inalterables. Temos que confiar no sistema porque é o mellor dos coñecidos. E os que temos vivido noutros sistemas podemos acreditalo.

 

 

Xuntanza de Añón (Sumar) e Seijas da Federación de Comercio

Esta mañá o candidato de SUMAR ao Congreso dos Deputados, José A. Rodríguez Añón, reuniuse cos responsables da Federación Galega de Comercio. Durante a reunión, os responsables da FGC trasladáronlle ao candidato de SUMAR iniciativas que consideraban claves para salva ao comercio de Lugo e de Galicia en xeral. Entre elas están a regulación duns “períodos de rebaixas que só favorecen aos grandes e xeran unha competencia desleal, recuperar o diálogo social nas diferentes Mesas de Comercio existentes e sen actividade desde a súa creación como foro de discusión de iniciativas, o apoio da Xunta nas diferentes iniciativas que o pequeno comercio propón como os bonos de comercio, ou analizar a posibilidade de aumentar a carga impositiva ao comercio on-line”.

A maiores xurdiron temas como “o da competencia desleal das grandes superficies comerciais baseada na explotación de terceiros, o apoio desproporcionado da Xunta a estes macrocentros fronte ao pequeno comercio, ou o tema da cotización e as pensións para os comerciantes”.

Rodríguez Añón trasladoulles a súa visión dun comercio máis local “fomentando a economía circular e axudando a creación dun tecido industrial primario, a necesidade de contar con infraestruturas que permitan a creación de riqueza apegada a territorio, a potenciación de calquera iniciativa que salve ao comercio local como mostra de saúde das nosas cidades, ou iniciativas que permitan afrontar os novos retos do turismo masivo e dinámicas poblacionais novas”.

Para o candidato de SUMAR “o comercio local é un dos síntomas máis visibles da saúde dunha cidade”. Fora xa deste ámbito o candidato de SUMAR quere aproveitar o momento para desculparse de todas e todos as veciñas e veciños de todas a vilas da Provincia de Lugo cas que non poderá conversar por mor do tempo de campaña e a imposibilidade material de poder visitalos.

Gómez Besteiro: “o PP de Feijóo leva 14 anos xogando coa saúde dos lucenses”

O candidato socialista ao Congreso declarou que “se non chega a ser pola presión da cidadanía e dos socialistas, con esas mobilizacións históricas nas rúas, Lugo continuaría sen o Servizo de Hemodinámica as 24 horas, Radioloxía e Medicina Nuclear no HULA. Porque para o PP e Feijóo os lucenses somos cidadáns de segunda, levan 14 anos xogando coa nosa saúde”.

Besteiro advertiu que “antes Feijóo e agora Rueda recortaron preto de 1.100 postos de persoal sanitario só en Atención Primaria en Galicia, pechando os centros de saúde de Castro, Parga e Castro de Rei, e agora tamén Nadela que leva todo xullo sen abrir as súas portas e ninguén sabe que vai pasar no futuro”.

O candidato socialista censurou “tamén deixou sen convocar 151 prazas MIR de médicos de familia, recortou 900 camas hospitalarias e precarizou as condicións laborais dos profesionais… “Ese é o balance do candidato do PP, cerrar sistematicamente a sanidade pública…mentres en Fingoi aténdense maís de 200 doentes cada día ”, sinalou.

Gómez Besteiro denunciou que “este é o modelo que Feijóo pretende levar a toda España. Un modelo que en Lugo o coñecemos moi ben e que levamos sufrido durante 14 anos. Unha situación de maltrato constante, con decisións arbitrarias e irresponsables como o peche este verán de 144 camas de hospital na provincia: 68 no HULA, 38 no Hospital de Monforte e outras 38 no Hospital de Burela”.

Neste senso, precisou que “o Goberno de Pedro Sánchez é o que está a protexer a sanidade, facendo un esforzo sen precedentes”, precisando o importante impacto na provincia; “A modernización e dotación de equipos de alta tecnoloxía sanitaria, que en Lugo deixou 5,3 millóns e permitiu adquirir para o HULA equipos de radioterapia de precisión e varios TACs para os de Monforte e Burela; ou o reforzo de enfermeiras, fisioterapeutas e nutricionistas na atención primaria do rural, fundamental para unha provincia como a de Lugo”.

Sanchéz impulsuráo o Plán de Saúde Mental

O cabeza de lista ao Congreso avanzou que se Pedro Sánchez segue liderando este país unha das primeiras leis que aprobará será reducir os tempos de espera na sanidade pública e impulsará o Plan de saúde mental con 100 millóns. Tamén confirmou que os socialistas seguirán apoiando todas as mobilizacións dos profesionais sanitarios “porque é de xustiza e nos vai a vida niso”.

 

O reforzo do firme da LU-232 (Lugo-Friol) obriga a alternar o tráfico

As obras de reforzo do firme que acomete a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na estrada autonómica LU-232 (Lugo-Friol) obrigan a cortar un carril e dar paso alternativo polo outro nos dous sentidos de circulación mediante regulación semafórica.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, comprobou hoxe o avance da actuación no termo municipal de Lugo –á altura do Veral – e informou das medidas que se están a adoptar para garantir as mínimas afeccións ao tráfico.

O reforzo do firme da LU-322 obriga a alternar o tráfico

Precisou que as restricións limítanse ás horas nas que os equipos están traballando e aos treitos nos que interveñen en cada momento a medida que avanzan as obras. En canto ao grao de execución da intervención, iniciada este mes, apuntou que neste momento ronda o 30%.

A obra afecta a toda a lonxitude da vía e á superficie completa da calzada. Nas partes deterioradas estanse a realizar fresados localizados e a súa posterior reposición con mestura bituminosa en quente a carril completo.

A continuación aplicarase en toda a calzada unha capa de microaglomerado en frío, que uniformará a superficie de rodaxe e incrementará a impermeabilidade da vía e a adherencia dos pneumáticos ao pavimento, xa que se empregan áridos de altas prestacións.

A actuación ten un orzamento de 1,2 millóns de euros e forma parte dun contrato por importe total de 2,1 millóns de euros que engloba actuacións en tres estradas autonómicas da provincia de Lugo.

Rescatan a dúas persoas que eran incapaces de saír da auga na praia da Lóngara, en Barreiros

Uns particulares conseguiron sacar aos dous implicados, que foron atendidos polos servizos sanitarios.

O 112 Galicia recibiu aviso dos feitos ás 12:30 horas a través da chamada dun particular que se atopaba no lugar, que solicitaba asistencia sanitaria para dúas persoas ás que acababan de sacar da auga na praia da Lóngara, en San Pedro de Benquerencia (Barreiros).

Os xestores do 112 Galicia activaron entón un operativo que contou coa participación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Barreiros e dos axentes da Garda Civil.

Pola súa banda, os Bombeiros axudaron a evacuar aos implicados en padiola ata o punto onde se atopaba a ambulancia, na que foron atendidos polo persoal sanitario.

Comeza a sinalización das obras de peonalización de Santo Domingo

Mañá mércores darán comezo os traballos de sinalización do Plan de Tráfico que rexerá as obras de peonalización de Santo Domingo nas primeiras fases da intervención que se concentrarán na rúa do Teatro.

Co obxectivo de evitar o maior grado de afectación posible, o Concello de Lugo comunicou ás persoas residentes nesta contorna cales serán os principais cambios que experimentará o tráfico durante as 16 semanas que durarán os labores, “aínda que – como xa sucede nos outros dous proxectos en marcha neste momento na rúa Montevideo e na Praza de Ferrol – se trata dun plan aberto que recolle a previsión inicial e que poderá se modificado tanto para incorporar as demandas da cidadanía como as solucións a posibles contratempos, propios de calquera obra, que xurdan co avance das tarefas”, sinalan.

A actuación na rúa do Teatro (fases A e B) terá unha duración estimada de catro meses durante os cales se pretende mudar a configuración desta vía para convertela, en consonancia da transformación que experimentará posteriormente a praza de Santo Domingo, nunha plataforma única e inclusiva que permitirá o acceso a todas as persoas sen que existan resaltes.

Igualmente, procederase á renovación do alumeado e da rede de abastecemento así como do mobiliario público, incorporando elementos vexetais. Adaptarase o trazado das canalizacións de saneamento e substituirase a rede unitaria por rede separativa, creando novas canalizacións para a distribución de enerxía eléctrica en baixa tensión e para redes de telefonía, ao tempo que se realizará unha posta en valor do patrimonio arqueolóxico existente.

Dende o Goberno local incidese en que “todas as obras desta fase se centrarán na rúa do Teatro ao mesmo tempo que se definen os termos da renaturalización da Praza de Santo Domingo”.

En canto ás variacións de tráfico previstas para estas dúas fases, sinalan que, “por unha banda, as e os peóns poderán circular sempre pola rúa do Teatro a través dun itinerario seguro, libre de obstáculos e adaptado para o uso de cadeiras de rodas”.

“O acceso ás vivendas e locais comerciais estará garantido e o acceso aos garaxes mantense, na medida do posible, en todo momento, a excepción de traballos puntuais que serán comunicados cun mínimo de 48 horas de antelación”.

Ambas fases contemplan, igualmente, o acceso ao aparcadoiro privado de rúa do Teatro e ao público da Pr. Santo Domingo.

En canto aos Taxis e zonas de Carga e Descarga, as prazas de estacionamento reservadas ao efecto trasladaranse ao outro marxe da praza.

Con relación á FASE A. Esta afectará concretamente á beirarrúa e carril dereito da rúa do Teatro, segundo o sentido de circulación cara a Praza Santo Domingo. Nas 8 semanas nas que prevé estenderse, o carril esquerdo – o non ocupado – terá sentido de circulación de entrada á Pr. Santo Domingo. A saída de vehículos da zona afectada efectuarase pola rúa San Marcos, na que se levará a cabo unha reorganización para conciliar as zonas de paso co interese comercial dos establecementos situados na vía.

En canto á FASE B, esta se circunscribe á beirarrúa e carril dereito da rúa do Teatro, segundo sentido de circulación cara a Rolda da Muralla. Terá tamén unha duración estimada de 8 semanas, durante as cales o carril de entrada desde a Rolda da Muralla será o habitual, mentres que a saída de vehículos da zona afectada terá lugar tamén por San Marcos, ao igual que na fase 1. Deixarase acceso ao aparcadoiro salvo momentos puntuais de actuación na zona.

O PP solicita que se renove o pavimento de caucho de varios parques infantís

O Partido Popular presentará no vindeiro pleno un rogo no que solicitará “a renovación do pavimento de caucho dos parques infantís da cidade xa que en moitos deles o pavimento, que tería que ser continuo, presenta fendas de varios centímetros de profundidade que poñen en risco a seguridade da rapazada”.

Os populares indican que os veciños manifestáronlles que “zonas de xogo como a do Parque Marcos Cela, ou Aquilino Iglesias Alvariño están en moi mal estado”.
Tamén na Praza de Alicante están molestos porque como consecuencia das obras deste espazo retiraron a zona de xogos prometéndolles un novo parque. Pasaron meses dende que se re pavimentou a praza e seguen sen novas do parque infantil que comprometeron.
Outro punto no que solicitan a reparación do peche do recinto de xogos é no parque que está nas inmediacións da Escola Ramón Falcón.
Asemade hai varias demandas de usuarios relativas a arranxar a zona de Campo Castelo, pero neste caso xa está licitado o proxecto de mellora co que as obras deberían estar a punto de comezar.

O PP sinala que todas estas peticións chegaron ao Grupo Popular a través do servizo de 618 626 902 e tal e como nos comprometemos daremos traslado ao goberno local das demandas veciñais co ánimo de que se resolvan da forma máis áxil posible.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com