Novas

Sumar Galicia denuncia a Lei reguladora do xogo que “favorece a implantación de casas de apostas preto dos colexios”

“A Lei reguladora do xogo aprobada polo Partido Popular en Galicia segue a favorecer a implantación de casas de apostas preto dos colexios onde estudan as nenas e nenos de Lugo” segundo  sinala o cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Jose Antonio Rodríguez Añon, “dende SUMAR GALICIA consideramos que a distancia mínima de 300 m esixida con esta nova Lei para a implantación de novas casas de apostas dos Centros Educativos, non deixa de ser un parche á medida para este sector, amosando un descoñecemento total e absoluto da realidade das nosas vilas”.

Rodriguez Añon engade que “é unha irresponsabilidade mais por parte do Goberno do Partido Popular, é unha burla cara a Comunidade Educativa e ás familias. Ademais esta nova Lei non corrixe a situación actual das casas de apostas xa implantadas e que están a ter un efecto moi negativo sobre as nosas fillas e fillos”.

Pechar por cartos

Había xa tempo que non presentaba un concerto no Círculo, porque seica atopou a fórmula de rendibilizar económicamente os froitos culturais organizados por outros.

Hai entidades – agora, case todas oficiais – que ceden gratuitamente os seus locais para actividades culturais, cando en tempos a iniciativa privada ou comercial abría de par en par as súas instalacións para actividades que, doutro xeito, non poderían celebrarse.

Preclaro exemplo foi Jesús de Sargadelos, coa Galería aberta á cultura, facendo nela acubillo para moitos que non terían outro sitio onde acollerse. O decaer físico de Jesús, e ao fin o seu pasamento, fixo desaparecer un centro cultural onde todo era posible.

Centro ben xeitoso era o da extinguida Caixa Galicia, e alí houbo ducias de conferencias, concertos, presentacións, que desapareceron na actualidade xa que para celebrar alí un acto hai que pagar, que para iso é un banco, e números e letras non encaixan de xeito doado.

Tamén o Círculo, que durante décadas a maior parte da súa sona cultural viña das actividades que acollía e o magnífico salón rexio foi o termómetro cultural da capital, agora pretende cobrar por utilizalo. Enténdese querer rendibilizar o patrimonio, pero a sona popular é que o que alí aconteza é unha actividade do Círculo, así que ganarán en diñeiro pero recortarán en prestixio e repercusión. Outra que tal a USC, que abandona o centro, pecha actividades e restrinxe o acceso como se a cultura non formase parte do Saber.

Aínda quedan lugares para utilizar gratis pola cultura, a Deus grazas, e ata as igrexas se prestan a estes fins. Os que se pechen por cartos, ben pechados estarán.

Lugo Monumental advirte da falta de seguridade nas obras do casco histórico

Lugo Monumental non quere ser alarmista, pero si advertir dos perigos que están a supoñer as deficientes medidas de seguridade das obras do centro histórico.

Foron varias as persoas que xa tiveron contratempos cos chamados “ollos de gato” que sinalizan o paso de vehículos, destacando unha persoa que rompeu o húmero e que ten o seu negocio pechado desde ese momento. Onte houbo outra caída nesa mesma rúa. “É moi preocupante a falta de medidas de seguridade que hai na Praza do Ferrol, onde en ocasións os peóns han de baixar á calzada sen que haxa sinalización ou baliza algunha que os separe dos vehículos”, sinalan dende Lugo Monumental.

A Asociación considera “que se non pasou nada máis grave foi por pura sorte, porque a maioría dos condutores son prudentes, pero non todos, polo que Lugo Monumental pide que se poñan bandas redutoras de velocidade”.

Acto cultural na igrexa de Quintá de Cancelada

O vindeiro sábado 8 de xullo ás 18.30 está prevista, na igrexa de Quintá de Cancelada, a presentación do libro “Huellas y acción de un alma rural”, cuxo autor e editor e o avogado coruñés Antonio Álvarez González, natural deste lugar.

A principal protagonista e fío condutor da historia antropolóxica da obra é Serafina González Fernández, natural de Freixo, no concello da Fonsagrada, casada e veciña de Quintá de Cancelada ata o seu falecemento o 12 de setembro. Unha vez rematado o acto, daranse a coñecer novas de interese relacionadas co labor cultural e medio   ambiental de Castaño y Nogal.

Correos amplía horarios para para atender o voto por correo

Correos reforza a atención ao público en 21 oficinas postais da provincia de Lugo ampliando nunha hora o seu horario. As oficinas de Lugo capital, Becerreá, Bóveda, Burela, Castro de Rei, Chantada, Escairón, A Fonsagrada, Foz, Guitiriz, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Samos, Sarria, Vilalba e Viveiro abrirán media hora antes e pecharán media hora despois do seu horario habitual para atender o voto por correo. A medida que avance o proceso estudiarase unha maior ampliación de horario se a afluencia de clientes o require.

Os horarios actualizados e as súas ampliacións poderán ir consultándose nas propias portas das oficinas, no localizador de oficinas da app de Correos e da web www.correos.es.

As solicitudes de voto por correo poderán efectuarse ata o 13 de xullo e o prazo para depositar o voto finaliza o xoves, 20 de xullo, coa recomendación habitual de realizar as xestións unha vez se reciba a documentación electoral, para non apurar los prazos.

 

 

Codex Cinema estrea este xoves o documental “As gardiás do planeta”

Os cines Codex estrean este xoves 6 de xullo o  documental titulado “AS gardiás do planeta” do director Jean-Albert Liévre. O documental é un incrible espectáculo visual para desfrutar na pantalla grande e que pon de manifesto a necesidade de cooperación entre as especies que viven no noso planeta para que as xeracións posteriores poidan vivir en harmonía. É un documental inspirado no libro de Hea thcote William, “Les Gardiennes de la planète”, que nos leva a descubrir os territorios inexplorados e a sociedade apenas descoñecida das baleas, coas súas notables habilidades e as súas vidas sociais incriblemente ricas e complexas.

Sinopse: unha balea torboada está varada nunha costa remota. Durante a loita por salvar a súa vida, descubriremos a historia destas extraordinarias criaturas, habitantes dos océanos do mundo.

A partir de maña, venres os Codex Cinema estrean o filme español “Unha vida non tan simple”, onde o seu director Félix Viscarret, desmonta os vértigos dos 40 nunha comedia dramática, tan aguda e clarividente como acertadamente agrea. Crible, intelixente e sutil, con sentido do humor e certa tenrura. Sinopse: Isaías, 40 anos, era un prometedor arquitecto. Agora pasa os seus días entre o seu estudo de arquitectura e o parque á saída da escola, onde xogan seus fillos. Onde queira que estea, sente que non está onde debería; coa súa muller nótase o paso dos anos e o esgotadores que poden ser os nenos. Pero empeza unha amizade con Sonia, nai doutro neno do colexio, quen lle vai mostrar que isto de criar os teus fillos e entrar na vida adulta non é tan simple.

A outra estrea do venres é o filme francés A orixe do mal” de Sébastien Marnier. Unha trama cun sólido reparto que interpreta a verdade emocional das situacións de forma marabillosa. Sinopse: os celos e a amargura rompen a familia de Stéphane, quen se inventa unha vida completamente diferente para impresionar ao home rico e as mulleres ao seu carón, que a minan.

Máis información en: www.codexcinema.info

 

O PP defende a inclusión de Lugo na Alta Velocidade

Os cabezas de lista do PP por Lugo ao Congreso e ao Senado, Francisco Conde e José Manuel Barreiro, aos que  acompañaban a presidenta provincial, Elena Candia, e de distintos alcaldes e voceiros, mantiveron un encontro na estación de tren de Lugo onde defenderon a inclusión de Lugo na Alta Velocidade para superar a discriminación da provincia en materia ferroviaria por parte do Goberno de Sánchez. Ao respecto dixo Conde, “a herdanza que nos deixa o Goberno socialista e de Podemos durante estes cinco anos coa conivencia do BNG en materia de infraestruturas é unha herdanza que Lugo non merece e que dende o PP rexeitamos”.

Neste senso, os populares consideran que foi “unha lexislatura perdida, pois a velocidade dos trens Ourense-Lugo coas obras que está a facer o Ministerio é de 160 km/h, moi por debaixo das velocidades que alcanza un AVE (300 km/h), e tamén por debaixo das velocidades máximas do Eixo Atlántico (200 km/h)”.

 Para os populares “Lugo é unha provincia illada”, e o “agravio cada vez é maior  e o actual Goberno non está facendo nada por corrixir este problema. Temos suficientes exemplos deste déficit das comunicacións da provincia de Lugo co resto de España, tanto por ferrocarril como por estrada”, explicou Conde.

Pola súa banda, José Manuel Barreiro, puxo de manifesto “que, dado o incumprimento de prazos polo Goberno seguiremos así algúns anos máis e o abandono ao que Sánchez somete á provincia de Lugo prodúcese coa aquiescencia dos representantes socialistas desta provincia nas Cortes”.

 

Trasladado en helicóptero o condutor dun tractor en A Fonsagrada

O sinistro produciuse nun camiño de terra do pobo da Pastoriza, na parroquia de Bruicedo.

Ata alí acudiron os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Pastoriza, que confirmaron ao 112 Galicia que o home estaba accesible e que, tras recibir os primeiros auxilios no lugar dos feitos, fora evacuado no helicóptero medicalizado con base en Ourense ao centro hospitalario de referencia.

Tamén foron mobilizados desde o 112 Galicia os axentes da Garda Civil e os Bombeiros de Sarria, aínda que a intervención dos efectivos de salvamento descartouse tras coñecerse que o condutor do tractor estaba liberado. Cómpre sinalar que o 112 Galicia recibiu a alerta do accidente a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, uns minutos antes das 17:00 horas desta tarde.

Asemade, preto das 16:00h desta tarde  outro condutor dun tractor caeu por un terraplén en Baralla, no lugar de Lexocairo e tivo que ser evacuado polos Bombeiros de Sarria ata a ambulancia, nunha padiola, nunha distancia duns catrocentos metros.

Lugo acolle a 12º Festival internacional Tango Liber

A cidade de Lugo acollerá a partires de mañá xoves, a 12º edición do Festival Internacional Tango Liber, que rematará o vindeiro domingo. O festival de tango, reunirá en Lugo a  recoñecidos artistas do xénero para participar en seminarios, talleres e exhibicións.

Destacadas figuras do mundo do tango estarán neste encontro, como os bailaríns Roxana Suárez e Sebastián Achaval. Tamén participarán os DJs Marcelo Rojas, Ariel Yuryevic e Enrique Ringa (Arxentina), Magín López (Lugo) e Carmen Villafuerte (Sevilla). As actividades desenvólvense no Círculo das Artes e noutras localizacións de Lugo, e inclúen o domingo unha exhibición aberta ao público e gratuíta na praza Maior (a partir das 12.00 horas).

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, como representante dunha das institucións que da apoio este festival, interveu hoxe no acto de presentación do programa, organizado pola asociación Tango Club Galicia. Arias agradeceulles que promovan en Lugo unha nova edición desta cita, “que xera dinamismo económico e contribúe a reforzar a imaxe da nosa cidade como un escenario idóneo para acoller actividades culturais de proxección nacional e internacional”.

A organización agarda recibir a uns 250 afeccionados procedentes de distintos puntos do estado e de varios países de Europa.

 

A macroenquisa do CIS da como gañador ao Psoe nas Xerais en Lugo

O Centro de Investigacións Sociolóxicas, da como vencedor nas vindeiras eleccións ao Congreso dos Deputados á lista socialista que acadaría dous escanos, seguiríanlles os populares con 1-2 deputados e, por último, concédelle ao Bloque a posibilidade de acadar un deputado, no caso de que o Partido Popular non alcance a segunda acta.

Os datos para esta macroenquisa  sacáronse das de 1000 entrevistas feitas polo CIS nos derradeiros vinte días,


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com