Novas

A macroenquisa do CIS da como gañador ao Psoe nas Xerais en Lugo

O Centro de Investigacións Sociolóxicas, da como vencedor nas vindeiras eleccións ao Congreso dos Deputados á lista socialista que acadaría dous escanos, seguiríanlles os populares con 1-2 deputados e, por último, concédelle ao Bloque a posibilidade de acadar un deputado, no caso de que o Partido Popular non alcance a segunda acta.

Os datos para esta macroenquisa  sacáronse das de 1000 entrevistas feitas polo CIS nos derradeiros vinte días,

Acordo entre PSOE E BNG para o goberno da Deputación de Lugo

Os grupos do PSdeG-PSOE e do B.N.G. na Deputación de Lugo acordan asinar un pacto de goberno para o mandato 2023-2027. No  documento asinado, apostan por “unha transformación radical do funcionamento desta institución, como vimos facendo nos últimos anos onde nacionalistas e socialistas cogobernamos esta Deputación. E fixémolo afondando na súa democratización e co obxectivo fundamental de servizo á cidadanía no seu conxunto, tendo como principio irrenunciable garantir o funcionamento obxectivo e transparente da mesma, eliminando todo tipo de arbitrariedade e/ou discriminación no desenvolvemento da súa actividade”.

A asistencia, cooperación e elaboración cos concellos reafirmase como a competencia nuclear da Deputación, e aposta por impulsar “a maior transferencia de recursos económicos posibles aos concellos respectando as singularidades que lles son propias. Todo isto enmarcado dentro dun sistema racional e eficiente que procure prestar en rede os mellores servizos á cidadanía a un menor custe.

Un eixo fundamental de traballo será “a procura do adelgazamento das deputacións, emprazando á Xunta a iniciar e comprometerse en procesos sobre o traspaso de infraestruturas, equipamentos, centros e servizos que deban ser transferidos á comunidade autónoma. Isto farase respectando en todo momento os dereitos laborais das traballadoras e traballadores dos centros e servizos que resultaran afectados”.

O acordo de goberno ten como fin, levar a cabo as seguintes medidas de xeito transversal:

  1. Afianzar o principio de cooperación interinstitucional œ obxectivo de garantir a prestación dun mínimo de servizos públicos comúns homoxéneos en toda a provincia, e de realizar un aproveitamento e administración máis eficaz dos recursos públicos.
  2. Garantir os principios da ética e a transparencia na gobernación pública da institución provincial.
  3. Aplicar a normativa do uso lingua galega e mellorar os recursos existentes para desenvolver unha verdadeira política de Normalización Lingüísticas, utilizando o galego en toda a documentación interna e externa e facendo uso da nosa lingua todas as persoas que exerzan cargos públicos cando representen á institución.
  4. Garantir o uso da linguaxe inclusiva na documentación xerada na institución.
  5. Estudar o impacto de xénero en todas as accións que se realicen, impulsando aquelas medidas que se consideren prioritarias do Plan de Acción das Políticas de igualdade.
  6. Estudar e apostar por medidas de concienciación medioambiental que conxuguen a aposta pola xestión e o desenvolvemento do territorio e o respecto polo mantemento e singularidade deste.
  7. Impulsar a aplicación de medidas de restauración da Memoria Histórica e fomentar as accións para o seu coñecemento.
  8. Este tipo de apostas valorizan a presenza das persoas no seu territorio contribuíndo ao asentamento da poboación e con iso freando o despoboamento que afecta ao noso rural.

          Compromisos programáticos e medidas a curto prazo

  1. Crear dunha vicepresidencia única que manteña as competencias recollidas no Regulamento Orgánico e na lexislación vixente.
  2. Delegar a sinatura para impulsar as accións administrativas en todas as áreas.
  3. Mellorar os trámites internos mediante a adaptación do Regulamento Orgánico.
  4. Transferir á Xunta aquelas competencias que lle son impropias ao ente provincial para o cumprimento dos seus fins.
  5. Manter no 5%, como máximo, do orzamento inicial as cantidades dedicadas a subvencións excepcionais, xustificando en todo caso o interese xeral.
  6. Incrementar o Plan Único para os Concellos en 250.000€ cada ano ata acadar 1 millón de euros no mandato.
  7. No caso de liberar recursos transferindo á Xunta de Galicia as competencias que lle son propias, incrementarase o Plan Único de xeito porcentual aos recursos liberados.
  8. Dado que a Deputación se ve obrigada a soster a rede provincial de estradas mais ampla do Estado, é imprescindible completar o proceso de transferencias coa Xunta de Galicia e os concellos, regulando as casuísticas obsoletas e actualizando a titularidade das Administracións sobre as estradas na provincia.
  9. O Goberno provincial instará as Administracións competentes a completar o mapa de estradas e camiños de ferro que garantan a mobilidade provincial presente e futura.
  10. Manter a colaboración co Campus Universitario de Lugo, co-financiando diferentes programas. Soster liñas de colaboración coa Universidade Nacional de Educación a Distancia nos centros de Lugo, Monforte, Viveiro e Foz.
  11. Apoiar o sector agropecuario para incrementar a súa produtividade e beneficio, establecendo redes de servizos que diminúan os custes e melloren a calidade de vida, garantindo a súa permanencia no rural.
  12. Continuar apoiando o tecido asociativo provincial baixo criterios obxectivos, transparentes e democráticos apostando polas subvencións en réxime de concorrencia competitiva, con fin de que sigan a desenvolver unha programación propia que poña en valor os seus recursos.
  13. Promover e facer rendibles os recursos turísticos, patrimoniais e históricos coordinando os sectores público-privado.
  14. Implementar novos mecanismos que faciliten a participación da cidadanía na vida pública, achegando a institución á sociedade.

 

 

 

Gómez Besteiro visita a Cooperativa  A Carqueixa

Na visita que fixo ao concello de Cervantes, Besteiro manifestou o seu apoio a,” unha cooperativa interxeracional,sostible e comprometida corural”. A organización, que acaba de recibir unha axuda de 50.000 euros do Goberno de España para a súa liña de elaborados, é a única en Galicia que practica a transhumancia e marcouse como obxectivo pechar o ciclo da produción de gando sen intermediarios: “desde a cría ata  a comercialización”.

Gómez Besteiro visitou varias fincas cos veciños da Moreira e probou algunha das novas elaboracións que A Carqueixa     comercializa desde hai cinco meses na súa tenda en liña.

O cabeza de lista do PSdeG-PSOE ao Congreso por Lugo comprometeuse cos cooperativistas a asistir á inauguración da ampliación da tenda que teñen na Praza de Abastos de Lugo, e apoiou a súa demanda diante da Xunta para “fomentar o sacrificio de proximidade tal e como fan en Asturias”.

 

Daniel Castro “a situación da N-VI ou da A-6 non se darían preto de Madrid”

O cabeza de lista do BNG ao Congreso, Daniel Castro, estivo facendo campaña en O Corgo, onde puido comprobar “o avanzado estado de desgaste da N-VI ao seu paso por este concello. Daniel Castro afirmou que só un grupo galego forte da man do BNG defenderá as necesidades de Galiza en materia de infraestruturas”, e engadiu “no Corgo temos un exemplo de como o estado esqueceu as infraestruturas de Lugo, cunha N-VI nun avanzado estado de desgaste”. Daniel Castro destacou que “non só no Corgo podemos ver o esquecemento ao que o goberno do estado somete á veciñanza de Lugo, hai máis dun ano do colapso do viaducto da A-6 e seguimos sen ter unha data fixa para a súa restauración”.

“Se todo isto pasase nas proximidades de Madrid, xa estaría solventado”, afirmou o candidato do BNG, quen destacou que a mellora das infraestruturas e das comunicacións do interior de Galiza “é un dos 10 puntos do decálogo de compromisos que o BNG levará ao Congreso na vindeira lexislatura”.

 

Xuntanza do delegado da Xunta co novo alcalde da Pastoriza

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe a primeira reunión co novo alcalde da Pastoriza, Darío Cabaneiro, centrada na seguridade viaria e os servizos sociais.

Na xuntanza, segundo informan dende a delegación, Cabaneiro interesouse por asuntos como os apoios do Goberno Galego para vías municipais que vertebran parroquias rurais ou a mellora da seguridade viaria nas estradas autonómicas ao seu paso polo concello.

Ao respecto, o delegado informou de que nos vindeiros días vanse acometer traballos de limpeza e acondicionamento das marxes. Este mesmo xoves comezarán na LU-120 (Vilalba-Paraxes), a próxima semana continuarán na LU-122 (Paraxes-Lourenzá) e rematarán na LU-125 (Bretoña-Lindín); a previsión é que estean finalizados a mediados de mes.

Na xuntanza tamén se abordaron medidas de reforzo dos servizos sociais, en especial, aqueles dirixidos á infancia e ás persoas maiores.

Un incendio devora un estaleiro en Cervo

As tarefas de extinción prolongáronse horas: desde que o 112 Galicia recibiu alerta ás tres da madrugada ata case as oito desta mañá.

Con todo, as consecuencias deste incendio son irreparables, xa que botouse a perder tanto a estrutura como todo o que había dentro.

Por fortuna, ninguén resultou afectado, e, de momento, descoñécense as causas. Iso si, o incendio provocou a alarma na contorna, proba delo son as chamadas que se recibiron no 112 Galicia apenas uns minutos despois das tres da madrugada. Todas as persoas que contactaron co servizo de emerxencias coincidían plenamente na localización e descrición dos feitos. Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Viveiro e dos membros do GES de Cervo. Tamén pediuse colaboración aos compañeiros do parque de Barreiros, sen embargo, axiña o dispositivo que xa traballa no punto confirmou o control das lapas.

Aínda así, a completa extinción do lume prolongouse durante horas, ata as oito desta mañá, pois permanecían pequenos focos que era necesario atallar e refrixerar.  As consecuencias foron un estaleiro con tres compartimentos reducido totalmente a cinzas.

Adxudicados dous novos postos na praza de Abastos e o Mercado municipal

A área de Participación adxudica novos postos na Praza de Abastos e o Mercado municipal, os cales terán unha concesión por vinte cinco anos sen prorroga.
Os postos adxudicados son o número 24 do Mercado Municipal e os números 24 e 25 da Praza de Abastos, que acollerán respectivamente á cafetería Fados e o Cooperativa A Carqueixa, que amplía a súa presencia na Praza de Abastos.

Dentro do proxecto presentado pola cafetería Fados inclúese a utilización de produtos procedentes do mercado, e a organización de actividades para a veciñanza.
A Cooperativa A Carqueixa ampliará a súa presencia na Praza de Abastos, completando o círculo de produción que inician coa crianza de vacas en liberdade nos Ancares.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Presentación das candidaturas socialistas por Lugo

O Partido Socialista da provincia de Lugo presentou esta mañá nun almorzo informativo a súa candidatura ás vindeiras eleccións xerais, mulleres e homes “cun obxectivo claro, a defensa de Lugo na axenda política estatal”: “Queremos que a nosa provincia siga sendo a prioridade que foi durante o Goberno de Pedro Sánchez”, afirmou Gómez Besteiro.

Besteiro estivo acompañado por Patricia Otero, Eduardo Vidal e Gloria Prada, cos que encabeza a lista ao Congreso, e César Mogo, que lidera a lista ao Senado, seguido de Marina Ramudo e José Fernández, ademais dos suplentes. E contou co apoio da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e do presidente da Deputación, José Tomé, que tamén interviron na presentación.

O cabeza de lista ao Congreso asegurou que “o reto do 23 de xullo é avanzar ou retroceder e só hai un voto útil: o Partido Socialista. E hai un voto inútil: o PP”. Besteiro lembrou que “sempre que goberna a dereita, Lugo perde porque Feijóo sáelle moi caro a esta provincia”.

Nesa liña, explicou que nestas eleccións hai en xogo “un Goberno que impulsa o progreso fronte a unha dereita destrutiva”, ao tempo que defendeu o protagonismo de Lugo en Madrid: “Nós que sentimos o orgullo de ser de Lugo e que nos debemos á veciñanza dos 67 concellos desta provincia, só atendemos a un obxectivo: facer lucensismo en Madrid, e seguir defendendo os intereses dos nosos veciños e veciñas”.

 

Varios bañistas rescatan a unha muller na praia dos Castros en Ribadeo

Os feitos sucederon na praia dos Castros, uns minutos despois das 18:00 horas desta tarde.

Uns bañistas rescataron a muller do mar. Xa no areal, tras realizarlle as manobras de reanimación, os servizos sanitarios evacuárona ao centro hospitalario de referencia, segundo indicou a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ribadeo ao 112 Galicia.

Varios particulares contactaron co 112 Galicia para alertar da situación da muller. Segundo relataban, non conseguía saír do mar.

De xeito inmediato, o persoal do 112 Galicia deu conta dos feitos a Salvamento Marítimo, que mobilizou o helicóptero Pesca II, do Servizo de Gardacostas de Galicia, e a Salvamar Alioth.

Por terra, desde o 112 Galicia requiriuse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local, da Garda Civil e das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ribadeo e Barreiros.

Constituída a nova corporación da Deputación de Lugo

Esta maña quedou constituída a nova corporación da Deputación de Lugo. Como era previsto o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, foi reelixido Presidente da Deputación co apoio do BNG. O Partido Popular que propuxo como candidato a Antonio Ameijide conseguiu 12 deputados e o PSOE 13 contando co apoio do BNG.  De este modo, socialista e nacionalistas volven a formar un goberno bipartito na Deputación, na que repite José Tomé Roca como presidente e o nacionalista Efrén Castro, como vicepresidente en substitución de Maite Ferreiro.  O Popular Ameijide exercerá na oposición como portavoz do grupo provincial.

No seu discurso de toma de posesión Tomé subliñou “que dará un novo impulso ó proxecto de progreso social e económico que temos para a provincia, consolidando para elo a cooperación cos concellos como elemento vertebrador de todas as nosas políticas”. “A Deputación é o Concello dos Concellos. Esta é a miña máxima. Por iso, traballaremos cada día para que esta institución sexa o máis útil posible a cada un dos 67 concellos de Lugo, porque esta é a mellor maneira de ser útiles ós 323.989 veciños e veciñas da nosa provincia, e asegúrolles que os datos demostran que somos útiles”.

Pola súa banda Ameijide sinalou que  “o grupo que comeza hoxe a súa andadura traballará todos os días arreo para que Lugo recupere o lugar provincial que merece dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e dentro do panorama nacional”. Dende o grupo provincial do Partido Popular anuncian que levarán a cabo “unha
labor de oposición, de fiscalización, de absoluto control do traballo do goberno, que busque, por enriba de todo, o trato igualitario aos concellos”.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com