Novas

“Blanquita” e “A quietude na treboada” as dúas estreas dos Codex Cinema

Esta semana estréanse nos Codex Cinema a produción chilena “Blanquita” do director Fernando Guzzoni. “Blanquita” é un drama que mestura elementos de xénero, a vaidade, a manipulación e a explotación.

Sinopse: Blanquita, unha moza de 18 anos que vive nunha casa de acollida, é a testemuña clave dun escándalo no cal están implicados nenos, políticos e homes ricos que participan en festas sexuais . Porén, cantas máis preguntas se fan, menos claro queda cal é o papel de Blanquita no escándalo.

A outra estrea da semana é o filme  “A quietude na treboada” de Alberto Gastesi. Unha película rodada en San Sebastián, fotoxénica que tamén ten algo de retrato xeracional. Un retrato dunha cidade, Donostia, unha xeración e dous idiomas que se poden escoitar nas súas rúas.

Sinopse: Laura e Daniel coñecéranse un día de tormenta da que pouco queda. Entón eran mozos e apaixonados, o futuro parecía un país afastado cheo de oportunidades. Anos despois, os seus camiños volven cruzarse, outra tormenta, a mesma cidade,  pero xa non son os mesmos, as circunstancias son outras …

Toda a programación en: www.codexcinema.info

 

 

O Bono Activa Comercio estará dispoñible a partir do luns 15 de maio

O Bono Activa Comercio da Xunta estará dispoñible para a súa descarga e uso a partir do vindeiro luns, 15 de maio. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe os establecementos da cidade “El faro de los tres mundos” e “Foot on Mars”, adheridos á iniciativa. Lembrou que os comercios interesados poden inscribirse desde o pasado día 9 e ata o 1 de setembro.

Os bonos obtéñense en formato dixital QR a través dunha aplicación móbil, na web www.bonosactivacomercio.gal. Cada persoa ten dereito a un bono desconto de 30 euros para as compras que realice nos comercios adheridos.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Esta terceira edición do Bono Activa Comercio, que impulsa a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas no comercio de proximidade.

Poderán utilizarse ata o 15 de setembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado a este programa. Como principal novidade desta campaña, e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Rei, Rei…

No Reino Unido coroaron rei a Carlos III, tomándose moi en serio a institución e ó monarca que envelleceu agardardando a coroa, cun gasto multimillonario. Desfilaron por Londres milleiros de militares da U.K. e da Commonwealt, 35 nacións que son os restos do Imperio Británico, que aceptan ao inglés como rei propio. E o 51% dos britanicos critica que os gastos da coroacion se fagan con diñeiro público pero non protestan pola figura ou a funcion, como en países con moita menos pompa.

Os que no 1975 tiñamos uso de razón fomos xoancarlistas porque lle vimos as orellas ao lobo con Eta, o malestar dos militares, o golpe de 1981 e a inseguridade dunha democracia que naceu timidamente sen saber se ao día seguinte ía seguir existindo.

A monarquia – sombras e luces -, leva case medio século de paz e traballo nun país que non a ten abolido porque desconfía de calquera outro réxime posible. E de camiño para o Reino Unido veu o noso Rei Lugo, e Lugo asomouse ao exterior grazas a esa visita.

Os non monárquicos manifestos non asistiron á celebración, o que me parece un erro porque, monárquicos ou non á monarquía sostémola a maioria de españois e galegos, polo que unha das forzas imprescindibles no país, non pode estar de costas a esta realidade. Un concelleiro represéntase a si mesmo, á súa forza política e a todo o concello, por activa ou por pasiva. Concelleiro por ausencia, é un contrasentido.

No Reino Unido manteñen a pompa -por momentos, ópera bufa – por convicción, ou porque saben que a tradición, as formas, a unión cara a fóra, arredor de realidades, institucións ou mitos, é rendible de xeito non cuantificable pero irrebatible.

Presentada a candidatura de Adiante o Corgo-Galicia Sempre

Esta tarde presentouse no centro social de O Corgo a candidatura de Adiante O Corgo-Galicia Sempre que encabeza Nuria Mera. Ao acto asistiron todos os membros da candidatura xunto con outros candidatos da coalición Contamos na que están representados ademais de Galicia Sempre, o Partido Galego e Camiña Sarría. O programa presentárono Nuria Mera e Marta López Abeledo, primeira e segunda da candidatura.

No transcurso do acto foron degrañando as iniciativas que levan no seu programa de cara a poñer en valor un concello que pola súa proximidade á capital da provincia ten grandes posibilidades de promoción, pero para iso indicaron, “hai que traballar na senda de construír vivendas sociais para fixar poboación. “Ofrecer mellores servizos, coa creación dunha residencia para maiores  e máis apoio na axuda no fogar para as persoas dependentes, así como incentivos á natalidade, apoio a agricultura, porque un concello como O Corgo que ten explotacións agrarias e gandeiras de importancia ten que apoiar ao sector primario”.

No eido industrial, pensan as candidatas, que o polígono industrial debe ofrecer outros servizos, “non só hai que vender parcelas se non crear as condicións para que pequenas empresas e mesmo autónomos se podan instalar nun recinto  coworking para as iniciativas empresariais que non necesiten de grandes espazos.

Para rematar destacaron que a conservación das estradas que descorren polo termino municipal será tamén unha cuestión importante para Adiante O Corgo.

 

 

 

 

 

 

 

 

Candia presenta 13 medidas para desbloquear o atasco das licenzas urbanísticas

Durante a presentación das 13 medidas que implantará para desbloquear o atasco das licencias urbanísticas en Lugo, se chega a alcaldía, Elena Candia aseverou que “unha de cada tres licenzas de obra que se solicitan en Lugo denegase”.

Segundo explicou reorganizará os recursos humanos dos servizos que tramitan as licenzas urbanísticas no Concello  e dará solución á “ falta de coordinación e incomunicación entre os distintos servizos técnicos relacionados co de licenzas e que dependen de diferentes partidos políticos”.

Tamén prometeu aproveitar os “recursos legais para axilizar a resolución de licenzas: posibilitar o uso das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal ECCOM ou contratar asistencias técnicas puntuais para desbloquear esta situación”.

Actualización, transparencia e publicidade dos criterios de interpretación da normativa urbanística serán outros dos compromisos de Candia. “Suxerimos expedir un documento  que avale o criterio da primeira consulta técnica sobre un proxecto para evitar cambios de interpretacións”.

Daráselle prioridade na axilización das licenzas de rehabilitación con criterios de eficiencia enerxética e pendentes de axuda e Impulsarase o planeamento de desenvolvemento no ámbito urbano e rural, con incidencia nos núcleos con licenzas esgotadas. Tamén acometerá a modificación das normativas urbanísticas obsoletas como o PXOM ou o PEPRI

Asemade, Impulsará o desenvolvemento urbanístico de diversas zonas urbanas, rurais e industriais da cidade tomando a iniciativa o concello para o desenvolvemento do planeamento e dará solución ás “zonas industriais de Lugo como o Polígono da Louzaneta, Campiña ou a contorna da estrada de Santiago. Garantirá a validez ou vinculación dos certificados urbanísticos ou cédulas municipais e garantiremos a resolución de licenzas no prazo de 3 meses, se non  devolveremos integramente as taxas”.

 

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro pide que se teñan en conta as súas propostas

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo, ven de emitir un comunicado onde traslada ao o concello de Lugo as súas propostas relativas aos “distintos proxectos de peonalización do Barrio, que se resumen en tres áreas xerais: a primeira respecto das zonas verdes: solicítan o mantemento e ampliación das zonas axardinadas existentes, preocupantemente mermadas nos proxectos previstos”

Unha segunda proposta, relativa ao mobiliario urbano. Solicitan, entre outras, o mantemento da fonte do Cuartel de San Fernando na súa localización actual pola súa importancia histórica ligada ao propio Cuartel, así como uns bancos máis adecuados e unha disposición que permita a interrelación entre os usuarios.

A terceira proposta refírese ás telecomunicacións, solicitando que se eliminen cableados en fachadas e aéreos e se  xestione a operatividade do servizo de fibra óptica, que resulta de importancia para veciños e empresas. Dado que a Plataforma expón estas propostas “nun marco de respecto e colaboración e ademais se estudaron tecnicamente para garantir que son viables, ao non supoñer nin un incremento económico nin tampouco un incumprimento dos prazos de execución previstos” e o desexo da plataforma, que se realicen por parte do Concello estas obras, co “obxectivo común de mellorar as necesidades e calidade de vida de veciñas e veciños.

Plan de tráfico con motivo da celebración do V Medio Maratón Cidade de Lugo

Este domingo terá lugar a celebración do V Medio Maratón Cidade de Lugo na que participaran preto de 750 atletas.

A proba desenvolverase por diferentes rúas da cidade e, co fin de permitir a ocupación precisa en condicións de seguridade tanto para organización e participantes como para usuarios das zonas de influencia elaborouse un minucioso plan de tráfico.

 Para montaxe da infraestrutura da proba, precísase a ocupación da Praza Horta do Seminario. Neste senso, o peche ao tráfico rodado do tramo anexo a praza de Avenida Ramón Ferreiro, entre Avenida Alcalde Anxo López Pérez e Salvador de Madariaga, e a reserva das prazas de aparcamento existentes anexas á Praza Horta do Seminario – lugar onde a organización instalará a súa infraestrutura de carreira – está previsto se proceda dende o sábado 13 as 9:00 horas ate o domingo 14 as 20:00 horas.

O domingo 14, dende as 00:00 h. ata as 13:00 horas precísase tamén a reserva e liberación de espazos de zonas de estacionamento nos seguintes puntos:

Liberación total da fila de aparcamento no lateral das vivendas e garaxes e o lateral do instituto (aparcamentos á dereita segundo os sentidos da circulación) dende Avenida Ramón Ferreiro ata Praza de Avilés. Liberación de prazas estacionamento interiores en Praza de Avilés.

Debido á duración do corte de tráfico para a realización do evento (09:30 a 13:00 horas) e co fin de minimizar os efectos sobre o tránsito rodado e o transporte público, permitirase a circulación de vehículos nos seguintes tramos do circuíto:

Carril dereito da Rolda da Muralla, segundo o sentido de circulación, dende Rúa San Roque ata a intersección con Rúa Monforte. Neste tramo, o carril esquerdo, será acoutado con conos pola Organización para os corredores participantes.

Avenida Ramón Ferreiro, dende Rúa Cornubia ata Fonte do Rei, onde habilitarase con liña de conos a circulación de vehículos polo carril dereito dende Cornubia e o exterior da Fonte do Rei cara San Roque. O resto do circuíto estará pechado. O aparcamento do edificio seminario non se poderá utilizar o domingo 14 de maio, pola mañá.

Itinerario e horarios V Medio Maratón Cidade de Lugo:

A saída e a meta estarán situadas nas inmediacións da Praza da Horta do Seminario de Lugo. O itinerario fixado percorrerá: Avenida Ramón Ferreiro, Avenida Alcalde Anxo López Pérez, Rolda da Muralla, Avenida de A Coruña, Rúa Montefaro, Rúa Poeta Manuel María, Rúa Otero Besteiro, Rúa Anselmo Sampedro Ania, Rúa da Milagrosa, Rúa Curros Enríquez, Rúa Bo Xesús, Praza Santa María, Praza Maior, Rúa da Raíña, Praza Santo Domingo, Rúa Quiroga Ballesteros, Rúa San Froilán, Rúa San Fernando, Rúa San Marcos, Rúa do Progreso, Rúa San Pedro, Praza Anxo Fernández Gómez, Praza Campo Castelo, Rúa Bispo Aguirre, Avenida de Rodríguez Mourelo e Avenida Doutor García Portela.

Horario das probas:

10:00 horas Saída do 10k.

10:15 horas Saída do medio maratón.

 

O Bloque presenta o seu programa de goberno para o Concello de Lugo

O  BNG presentou hoxe o programa de goberno e tamén anunciou as medidas do BNG para o vindeiro mandato se volven ao goberno. Arroxo sinalou que o programa presentado hoxe  “contén medidas centradas nos diferentes ámbitos de actuación sobre os que o goberno municipal ten responsabilidade”.

“Avanzar na conservación do medio ambiente e reducir os efectos do cambio climático” será unha das medidas prioritarias para o BNG. “Traballaremos para manter o Parque do Rato e ampliar as zonas verdes de Lugo” anunciou Rubén Arroxo que engadiu “o uso das enerxías renovables, a creación de novos espazos peonís e a creacións de zonas de paseo con sombra en todo o tecido urbano permitirán que Lugo contribúa a reducir a pegada de carbono ao mesmo tempo que melloramos a calidade de vida da veciñanza”.

 Dentro do programa do BNG contémplase unha visión transversal das políticas de xéneroque segundo Rubén Arroxo “terán presenza en todas as actuacións do goberno”. Outra das prioridades do BNG será a reestruturación dos servizos sociais que “teñen a mesma estrutura que deixou o BNG no ano 2006, cando Branca R. Pazos tivo reponsabilidade de goberno nesta materia” e  precisan unha reestruturación e actualización para ser funcionais na actualidade.

Rubén Arroxo pechou a presentación do programa do BNG sinalando que está centrado en 3 puntos fundamentais: “poñer a Lugo no mapa e reclamar ao resto de institucións que executen as infraestruturas que levan anos debendo a Lugo”, “potenciar as Zonas Verdes, axudando a frear os efectos do cambio climático e mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños de Lugo” e “facer de Lugo un lugar mellor, unha cidade acolledora e da que toda a veciñanza sinta orgullo”, afirmou Arroxo.

Nova protesta dos gandeiros para esixir prezos dignos

Maña xoves, a cidade de Lugo volverá estar colapsada pola manifestación dos Gandeiros de Suprema Galega  para esixir uns prezos dignos as súas producións de carne acollida á denominación Suprema Galega.

Logo da anterior manifestación o pasado 18 de abril, os gandeiros volverán a saír do polígono empresarial de As Gándaras para percorrer as rúas de Lugo ata chegar ao edificio administrativo da Xunta onde estacionaran os seus tractores e farán unha marcha a pé polo centro de Lugo para rematar de novo diante da Xunta.

 

Ferido un operario ao caer dunha nave industrial en O Incio

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente laboral a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao fío das 18:30 horas. Segundo indicaba o persoal médico ao 112 Galicia, estaban a mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar dos feitos, en Outeiro, para atender ao ferido.

A partir de aí, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil do Incio, para prestar apoio e colaborar co equipo médico desprazado na aeronave.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com