Novas

Falece un motorista en Pantón despois de colidir contra un camión

Ao fío das 17:00 horas, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para informar dun accidente cunha moto implicada na N-120, punto quilométrico 544, en Pombeiro, no concello de Pantón. Aseguraba que o motorista estaba ferido.

A partir de aí, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou ao punto o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Do mesmo xeito, informou aos Bombeiros de Monforte e á Garda Civil de Tráfico. Igualmente, foron avisados o persoal de mantemento da estrada, que se encargou de restablecer as condicións de seguridade na vía. De feito, indicaron ao 112 Galicia que había moita retención nese punto da estrada.

No transcurso da comunicación, outra persoa particular tamén contactaba cos xestores de emerxencias para indicar que no accidente había un camión implicado. Segundo o seu relato, unha moto chocara contra un camión quedando encaixada baixo este vehículo. O relato dos alertadores coincidía en que a vítima non estaba atrapada pero si necesitaba asistencia sanitaria.

Finalmente, os servizos sanitarios de urxencia confirmaron ao 112 o falecemento do motorista.

Confírmase o inicio da folga indefinida no sector do transporte de viaxeiras/os para o día 8 de maio

A folga indefinida no sector de transporte de viaxeiros iniciarase o vindeiro luns día 8 de maio nas catro provincias, logo de que na xuntanza da Mesa Galega do sector, celebrada onte no Consello Galego de Relacións Laborais, a patronal chegara cunha nova proposta coa que pretender non manter o recollido no acordo asinado o pasado 26 de abril, que quedaría así desvalorizado.

O día 26 de abril anunciarase a suspensión das dúas xornadas de folga previstas para os días 27 e 28 de abril, mantendo inicialmente a convocatoria da folga indefinida a partir do día 8 de maio, ao asinar patronal e sindicatos que se pagarían os IPC do 6,5% en 2021 e do 5,7% en 2022, ou o que é o mesmo, un 12,2% neses dous anos. Isto sentaba unhas bases a partir das que, nas seguintes xuntanzas, se abordarían o resto das cuestións pendentes.

Porén, segundo explica Xesús Pastoriza, responsable do sector do Transporte da FGAMT-CIG, na xuntanza celebrada onte, entre as 10:00 e preto das 21:00 horas, a patronal presentou unha nova proposta que modifica ese acordo. “Non retiraron ese 12,2%, o que dixeron foi que sería a pagar nos anos 2023, 2024, 2025 e 2026, o que suporía aceptar un 0% para os anos 2021 e 2022”.

Despois de todo o día de negociación, a patronal acabou ofertando un 15%, pero entre o 2021 e o 2025. Pastoriza explica que “iso sería pagado nos anos 23, 24 e 25, sen os atrasos do 21 e 22”. Unha proposta que foi rexeitada porque “non regulan o IPC” nin incorporan ningunha das outras cuestións relativas ao persoal acompañante, nin á regulación dos descansos diarios na xornada, entre outras cuestións.

Por iso o representante da CIG valora a actitude da patronal como “absolutamente negativa porque non manteñen a súa palabra”. Acúsaos de “xogar sucio” e de ter asinado o acordo “gardándose un as na manga” para conseguir a desconvocatoria das dúas xornadas de folga de finais de abril, para posteriormente mudar o contido do asinado e advirte que isto xera “unha profunda desconfianza”, ademais de “deixar á Mesa moi tocada”.

Por iso teñen hoxe convocadas asembleas, ás 22:00 horas, nas sete cidades para informar do que aconteceu na xuntanza e coordinar o desenvolvemento da folga.

Candia favorecerá a contratación das persoas con discapacidade nas empresas que traballan para o Concello

Elena Candia afirma que “cando sexa alcaldesa simplificará documentos municipais adaptándoos a formatos accesibles e como avance desta fórmula de lectura sinxela explicou que difundirá unha serie vídeos do seu programa electoral para persoas con dificultade de comprensión”

No acto con diferentes entidades do eido social, a  Conselleira de Política Social e Xuventude Fabiola García destacou “o compromiso e sensibilidade da candidata con numerosos proxectos de ámbito social que mellorará a atención das persoas coidadoras e usuarias de entidades sociais”

Elena Candia repasou algunhas das medidas que contempla o seu programa electoral entre as que destacou a creación dun centro de respiro en Calde para darlles apoio aos e ás familiares de persoas con alzhéimer e na blindaxe para usos vencellados á saúde mental no antigo edificio de Aspnais. Precisamente o Director do Centro de alzhéimer e outras enfermidades dexenerativas de Lugo e Ourense (AFALU) Valentín Calvín, afondou nas características do proxecto de Calde onde se habilitarán medio cento de prazas nun espazo sen uso do edificio do antigo hospital.

Selo de responsabilidade social

Candia tamén avanzou que se deseñará un selo de responsabilidade social para iniciativas locais que promovan a inclusión profesional de persoas con discapacidade e puxo como exemplo á Imprenta Granfico de Cogami  da que é xerente Alejandro Rouco que tamén participou neste encontro sectorial.

Asemade a popular explicou que, se chega á alcaldía,”favorecerá a contratación das persoas con discapacidade nas empresas que traballan para o Concello e que impulsará unha bolsa de voluntariado que traballe en rede coas persoas usuarias das entidades sociais”.

Por último, comprometeuse a actualizar o importe das subvencións municipais nominativas que perciben as entidades sociais e axilizar a tramitación dos seus convenios, así como promo ver rebaixas fiscais para as entidades con proxectos de carácter social.

folga traballadores do metal

Traballadores do metal de Lugo irán á folga o 10 de maio para reclamar un convenio digno

Os traballadores e as traballadoras do siderometal e do comercio do metal da provincia de Lugo irán á folga o mércores 10 de maio para reclamar convenios colectivos dignos. Así o confirmaron os representantes das tres centrais sindicais nunha comparecencia de prensa para valorar os nulos avances na reunión desta mesma mañá coa patronal.

Unha reunión que, apunta Alfonso Losada, da CIG-Industria, durou pouco máis de media hora e á que a patronal se presentou cunha proposta “totalmente insuficiente”. “Só soben os atrasos dos 340€ até os 500€ (o que non chega nin ao 50% do que lle correspondería a moitas categorías), ofrecen medio punto máis no incremento global e ábrense a ampliar a turnicidade”, explica.

Pero o empresariado continúa negándose a falar das revisións salariais ano a ano conforme ao IPC real e do abono dos atrasos dende xaneiro, dúas liñas vermellas marcadas polos sindicatos para asinar o convenio. “Nun contexto de empobrecemento da clase obreira a causa da elevada carestía da vida”, Losada insiste en que “as revisións salariais anuais ao IPC, como referencia para garantir o mantemento da capacidade adquisitiva, son irrenuncíabeis, non podemos seguir a perder cartos”.

Afirma que “a oferta que nos trasladaron hoxe parécenos totalmente insuficiente e por iso o próximo 10 de maio haberá folga no siderometal e no comercio do metal de toda a provincia de Lugo”. Ademais, de non producírense avances na negociación, xa están convocadas dúas xornadas máis de folga para os días 23 e 25 de maio, sen descartar un paro indefinido se a patronal teima na súa postura.

Neste senso, CIG, CCOO e UGT fixeron un chamamento a todos os traballadores e as traballadoras do sector a secundar de xeito masivo a folga e a participar nas mobilizacións que se convoquen nesa xornada para darlle unha resposta contundente á patronal e amosarlle “que estamos en disposición de pelexar até conseguir un convenio digno, con salarios xustos e avances nos dereitos laborais”.

Losada instou a seguir o exemplo do metal da Coruña e Ourense porque “o único xeito de obrigar a patronal a sentar na mesa e aceptar as nosas demandas é coa loita e a unidade de todos os traballadores e as traballadoras”.

Podemos-Esquerda Unida presenta a súa candidatura

Onte a tarde presentouse, ás 20:00h na praza do Cantiño, a candidatura da Coalición Podemos Esquerda Unida, encabezada por Chus Rodríguez como candidata á Alcaldía de Lugo. Segundo palabras da propia Rodríguez, ésta candidatura está “encabezada por dúas mulleres e é unha candidatura feminista, diversa, integradora, inclusiva, ecoloxista, e unida, como o Lugo que defendemos”.

Chus Rodríguez, a cabeza de lista da candidatura, é psicóloga social, especialista en Psicoloxía Xurídica e Forense pola Universidade de Santiago de Compostela, con estudos de Criminoloxía. Leva ao redor de 15 anos traballando como psicóloga funcionaria pública na Consellería de Política Social, nos servizos de protección á infancia e adolescencia, compatibilizando éste traballo coa participación en congresos e publicacións técnicas neste eido.
Segundo manifesta Rodríguez, “veño tamén do activismo de rúa e da cultura”, ligada a movementos asociativos, sociais e culturais da cidade de Lugo desde hai anos e formo parte de colectivos feministas lucenses desde hai tempo”.

A número 2 da lista da coalición de esquerdas, é Ximena Cheda, orixinaria de Uruguai, onde estivo moi ligada a movementos sociais e políticos, que mamou xa desde nena, a través da implicación da súa propia nai no feminismo e no sindicalismo, a defensa dos dereitos de
mulleres e homes. Leva anos vivindo e traballando en Lugo, dando mostras na nosa cidade da súa implicación social, como muller e nai que concilia e ten un pequeno negocio, e é coñecedora de primeira man das necesidades e dificultades das autónomas e pequenos comerciantes locais.

Outros integrantes da lista son Fernando Otero Bello, traballador por conta allea, que leva anos implicado na política e no activismo social da cidade; Isabel Sánchez Corral, profesora de Filosofía de Secundaria e recoñecida feminista integrante de movementos sociais e feministas a
nivel local e autonómico; José Luis Díaz Gesto, técnico de Farmacia, tamén con anos de compromiso político e social na cidade; Xoán Trigo González, orientador escolar dun centro educativo público de Lugo, activo desde hai anos na militancia política lucense; Carla Varela
Porto, vencellada ao feminismo e ao activismo desde moi nova, con formación en Turismo e actualmente, estuda Ciencias Politicas; José Luis López Álvarez, secretario Xeral de CCOO Industria en Lugo; M.ª Ángeles Gayoso Fraga, traballa en axuda á dependencia; Javier Folgueira Lozano, traballador autónomo; Diego López Dapena, profesor de FP de Hostalería, músico e activista da soberanía alimentaria; Sandra Graña Moreno, nai e coidadora implicada socialmente; Cármen González Magdaleno, xornalista, blogueira e activista feminista.

A lista a completan mulleres e homes traballadoras de servizos públicos, educación, sanitarios, sociais, do mundo da cultura e de diferentes eidos, clase traballadora e comprometida socialmente: Óscar López Corral, Iago Castro Vázquez, Xulio Torres Sánchez, Ana Fernández
Fernández, Salvador García Cebral, María de los Reyes Rodríguez Pérez, María del Carmen Galván González, María del Carmen Asunción Cruces Artero, José Méndez Torres, Fernando Yáñez Pérez e pecha a lista, Carlos Anxo Portomeñe Pérez, ex concelleiro de Esquerda UnidaACE desde o 2015 ao 2019.

Reunión da Plataforma de Veciños do Barrio Centro co Concello de Lugo

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo mantivo onte mércores unha reunión coa alcaldesa e técnicos do Concello para presentar a Plataforma e, tras os acordos tomados polos veciños do barrio nas reunións da mesma, propoñer unha alternativa que consideran máis “efectiva ao plan de tráfico inicialmente previsto durante as obras de peonalización do centro”.

A Plataforma presentouse cunha parte do seu propio equipo de técnicos e asesores: arquitectos e aparelladores con experiencia dabondo contrastada e cunha proposta de tráfico meticulosamente estudada e documentada, adaptada á realidade do tráfico, ás necesidades dos veciños e das empresas construtoras nas distintas fases e subfases da obra e que consideran máis adecuado que o inicialmente previsto. Os veciños solicitaron así mesmo poder intervir activamente nos propios proxectos de peonalización, nos que os técnicos da Plataforma xa están a traballar intensamente. Os técnicos municipais comprometéronse a revisar e valorar tanto o plan de tráfico proposto, como as propostas que presentarán os veciños relativas aos proxectos de peonalización, @teniendo en cuenta todos os condicionantes relativos aos prazos e os distintos contratos. Os membros da Plataforma, xunto co seu equipo de técnicos, saíron desta primeira reunión cun compromiso de colaboración mutua co concello nos asuntos, presentes e futuros, que afecten a este emblemático barrio da cidade. Tras esta reunión co Concello de Lugo e xa na mesma xornada, estaba convocada unha reunión da propia Plataforma na que se trasladou o debatido e acordado co concello e, tras o pertinente debate, tomáronse diversas decisións sobre os pasos para seguir nos próximos días.

O Consello de Ministros autoriza a construción da intermodal de Lugo

O Consello de Ministros autorizou, na súa reunión de hoxe, ao Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) a licitar, a través de Adif, a construción da nova estación intermodal de Lugo, por un valor de 21,6 millóns de euros (IVE non incluído) e un prazo de 16 meses.

As obras previstas neste contrato comprenden o novo edificio de viaxeiros, un novo paso baixo vías, a adecuación de plataformas e construción de marquesiñas, a demolición do edificio de Correos anexo á actual estación de ferrocarril e a urbanización da contorna urbana.

A actuación forma parte dos acordos alcanzados no Convenio de colaboración asinado o 17 de marzo por parte de Mitma, a través de Adif, a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para o desenvolvemento da nova área de transporte intermodal de Lugo e a súa contorna urbana.

Descrición dos traballos

O novo edificio de viaxeiros integrarase na praza intermodal que conectará as estacións de ferrocarril e autobús. A execución dos traballos de construción será compatible coa explotación ferroviaria. Tamén se construirá un novo paso baixo vías de 20 metros de ancho, 8 m deles destinados á comunicación entre plataformas, exclusiva para os usuarios do ferrocarril, e 12 m ao paso urbano peonil, que permitirá a conexión transversal, salvando a traza do ferrocarril entre o centro urbano e o parque do Sagrado Corazón. Esta conexión deseñouse con criterios de xénero, eliminando espazos residuais e potenciando a iluminación e visibilidade.

Así mesmo, estará dotada dun carril bici e ramplas integradas nunha contorna axardinada que a farán accesible e integrada no espazo urbano. Desta forma, quedan conectados ambos os lados da canle ferroviaria, incluídos os seus accesos, os elementos de comunicación vertical e a urbanización asociada. A súa execución -tamén compatible co servizo ferroviario-, coordinarase co resto das administracións.

Adif executará a urbanización do exterior da estación e a conexión do paso inferior coa contorna na zona de Praza Conde Fontao-Rúa Alta e Parque do Sagrado Corazón, actuando con criterios de sustentabilidade ambiental. Á súa vez, adecuará o cerramento da estación para evitar accesos indebidos á zona de vías e plataformas e levará a cabo a remodelación do viario e accesos rodados na zona da Praza Conde Fontao-Rúa Alta.

Pola súa banda, a Xunta executará, de maneira conxunta á estación de autobuses, un novo aparcamento subterráneo -proxectado por Adif-, que duplicará o número de prazas actuais.

CC.OO, CSIF e CIG denuncian que UGT apoia e ampara actitudes intimidatorias a traballadoras da Deputación

Os sindicatos CC.OO, CSIF e CIG emiten un comunicado onde condenan a postura da UGT da Deputación, “que está a dar amparo a actitudes intimidatorias de presunto acoso e ataques á dignidade de traballadoras desta institución por parte de algún dos seus representantes sindicais”.

Segundo estes tres sindicatos “está demostrando que non só non condenan estes actos, senón que apoia e ampara a quen presuntamente os
comete”.

Os tres sindicatos que remiten esta nota veñen de solicitar a semana pasada unha reunión de carácter urxente da Xunta de Persoal e “o seu presidente (do sindicato UGT) nin sequera se molestou en convocar esta reunión, dando amparo deste xeito a estas actitudes”.
CC.OO, CSIF e CIG sinalan que “entendemos que o Goberno Provincial tamén é responsable xa que este mesmo representante da UGT
protagonizou feitos similares no pasado, dos que a Administración ten constancia e non tomou ningunha determinación ao respecto”.

CC.OO, CSIF e CIG solicitan á Administración que se convoque a Comisión do Plan de Igualdade para tratar estes asuntos que consideran que “son moi graves”.

Adxudicadas as obras no barrio do Carme

Esta maña adxudicáronse traballos de humanización e peonalización da praza e a rúa do Carme.

A Xunta de Goberno Local outorgou o contrato a Construcciones Sanle Lugo, dispoñendo agora a empresa dun prazo de execución de cinco meses para realizar os labores.

A obra, que abarca case tres quilómetros de superficie, alcanza tamén ás travesías de Noriega Varela e do Carme e a senda peonil que une Noriega Varela coa praza, por detrás da Capela.

Entre outras tarefas, substituiranse os actuais firmes e toda a praza quedará á mesma cota para eliminar as barreiras arquitectónicas. Igualmente, os servizos como as redes de abastecemento e saneamento serán renovados, soterrando tamén os actuais tendidos aéreos de baixa tensión e de telecomunicacións.

O proxecto será cofinanciado nun 80% con fondos Feder da estratexia DUSI Muramiñae.

Lugo Monumental pide ao Concello que recapacite e que non desvíe o tráfico pola Rúanova

Lugo Monumental pídelle ao Concello que recapacite sobre o desvío de tráfico pola Rúanova que previsiblemente terá lugar hoxe mesmo, segundo os anuncios realizados polo goberno local.

Tanto a asociación de empresarios do centro histórico, como a recentemente creada plataforma de veciños da zona, “a oposición e o sentido común coinciden en considerar un grave erro o plan municipal de facer transitar o tráfico rodado por unha rúa estreita e totalmente peonil como
Rúanova, habendo outras alternativas”

As alternativas que presentou Lugo Monumental ao plan municipal son:

Utilizar San Fernando como entrada e saída de vehículos e, ao avanzar as obras, Montevideo e Bolaño Ribadeneyra.  E á vista dos condicionantes esixidos polo Goberno Local, propúxose o plan alternativo de usar Quiroga Ballesteros deseñado polo arquitecto Anxo Sánchez.

“Ambas as opcións demostran que é posible evitar o uso de Rúanova, unha rúa que a día de hoxe resultará problemática para o tránsito de vehículos en gran número”.

Lugo Monumental quere insistir, ademais, en que “se debería reformular tanto o plan de tráfico das obras como o resultado final das mesmas, xa que o deseño do centro histórico que se reflicte nos proxectos, ocultos ao gran público (non están na web municipal e só son accesibles na páxina de contratación do Estado, aínda que Lugo Monumental púxoos ao dispor do público na súa web) non supón unha auténtica peonalización”.

A Asociación solicita ao Concello que “paralice as obras e abra un proceso de diálogo en que os axentes sociais poidan dar a súa opinión sobre unhas obras que supoñerán unha reforma en profundidade dunha parte importante do recinto amurallado e que se planificaron de costas aos afectados”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com