Novas

Catro rapaces falecen nun accidente en Xove

En total, seis persoas viaxaban no vehículo, catro faleceron. O condutor resultou ferido moi grave e o sexto ocupante non parecía revestir gravidade.

Os Bombeiros de Viveiro, que se desprazaron ao lugar nada mais ter constancia do suceso, tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar a catro dos ocupantes, que quedaron atrapadas no interior do turismo.

A escasos minutos das dez desta mañá, os axentes da Garda Civil informaban ao 112 Galicia deste fatídico accidente. Indicaban que informaran aos servizos sanitarios dun accidente grave,  un coche envorcado e precipitado por un terraplén na LU-P-2604, en A Rigueira, moi preto da urbanización Palmeiro, con persoas atrapadas no interior do turismo e que podían estar falecidas.

A partir dese momento, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros de Viveiro, que saíron decontado cara o punto. Do mesmo xeito, foron informados os membros do GES de Cervo e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. Ademais, desde o 112 Galicia informouse ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) para prestar apoio aos familiares das vítimas.

Finalmente, os servizos sanitarios confirmaron que unha ambulancia medicalizada trasladou ao ferido mais grave, condutor do turismo, ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), e outra ambulancia trasladou ao Hospital da Costa de Burela ao sexto ocupante do vehículo.

Ai dos vencidos!

Diante duns comicios, móllanse os políticos, salpícannos aos votantes, e tárdanos o Día D para votar e sosegarnos. Nos albores democráticos, os partidos disparaban estratexias, fogos de artificio, desempolvaban promesas e realizacións, ateigábannos de mítins, pancartas, sorrisos e ledicia libertaria… e, coñecido o resultado, o gañador a gobernar e colocar aos seus e o perdedor a lamber as feridas, feito leal oposición.

Co pasos dos cuatrienios, as eleccións – “sangue, suor e bágoas” – son xa loitas a morte das que dependen facendas e vidas, pois moito porvir laboral e familiar se xoga ao depositar os votos.

Tito Livio asigna a Breno, galo vencedor de Roma, o “Vae victis” que 25 séculos despois segue vixente: “Ai dos vencidos!”. Daquela nas guerras, agora nas complexas eleccións que cada unha esixe catro anos de estratexia.

“La tierra, para quien la trabaja”, proclamaba Zapata na revolución mexicana. A “Falanxe auténtica” aumentou: “La tierra y la empresa para quien la trabaja”. E habería que certificar que “A política para quen a traballa”, pola profesionalización do seu exercizo e a exclusividade de participación a través de media ducia de opcións.

Aínda sen convocarse as eleccións, o ambiente político é febril. E diante do despliegue frenético da candidata do PP e a constancia presencial do BNG, ata a alcaldesa sae do despacho, e os Medios non dan feito para atender tanto dinamismo, superado só polo desenfreno da Deputación por facernos comulgar con tanta eficacia investidora. E o votante, a velas vir, agardando que escampe.

Polémica entre PSdeG e PP pola denuncia de Candia a Besteiro

O PSdeG Presentou hoxe dous documentos que “demostran que Elena Candia entregou os anónimos falsos á xuíza expedientada Pilar de Lara que orixinaron a persecución contra José Ramón Gómez Besteiro”.

Os socialistas fixeron públicos este venres os “documentos oficiais firmados por Elena Candia e co logotipo do Partido Popular levou ó Xulgado, nunha artimaña mesquiña coa única vontade de sacar rédito electoral e destruír ao por aquel entón Secretario Xeral do PSdeG e candidato á Xunta de Galicia”.

Pola súa banda o Partido Popular, que desmentira inicialmente que tales acusacións no contribuíran á persecución de Besteiro, semella que quere cambiar de estratexia e non quere entrar a alimentar a polémica. O que parece ser a nova estratexia de defensa dos populares  e sinalar que na época de Besteiro como concelleiro de urbanismo concedéronse as licenzas do Garañón, edificio que xa ten o visto e prace da Xunta para ser derribado.

Dúas persoas resultaron feridas tras sufrir un accidente na autovía á altura de Pedrafita do Cebreiro

Dúas persoas resultaron feridas de gravidade e foron evacuadas ao hospital de Lugo, unha delas en ambulancia e a outra a bordo dun helicóptero medicalizado.

Diversos particulares que circulaban polo punto chamaron ao 112 Galicia minutos despois das 11:15 horas para informar dun vehículo sinistrado na saída dun túnel en Pedrafita do Cebreiro, no quilómetro 431 da A-6 en sentido Ponferrada. Entre os alertadores estaba o condutor dun camión, que explicaba que acababa de bater contra un turismo con dous ocupantes que acabou sobre o valado, entorpecendo a circulación.

No coche accidentado viaxaban dúas persoas que estaban no exterior coa chegada dos servizos sanitarios, que mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Ourense, ademais dunha ambulancia.

Desde o 112 informouse, ademais de a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Sarria, á Garda Civil de Tráfico e aos servizos de mantemento das estradas.

Unha vez evacuados os feridos, os servizos de emerxencias procederon a despexar o asfalto, que quedou afectado por unha vertedura de combustible.

Arroxo propón trasladar o proxecto de vivendas do castiñeiro aos terreos da Xunta na contorna das Termas

O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou á entrada do Pleno Municipal que “a Xunta de Galiza debería trasladar o proxecto de vivendas sociais do Castiñeiro aos terreos que posúe a Xunta na contorna das Termas”.

Arroxo defendeu que “este proxecto xa estaba previsto pola Xunta de Galiza e é totalmente viable”, e engadiu “trátase dunha zona que xa conta con servizos e dotacións, e permitiría avanzar no obxectivo de repartir a vivenda social por toda a cidade, e non concentrala nun único barrio”.

Arroxo afirmou que “desde o BNG estamos a favor de que a Xunta de Galiza constrúa vivenda pública, mais o barrio do Castiñeiro é actualmente a zona de Lugo con máis densidade de poboación”.

Segundo o candidato do BNG, “a proposta continúa co traballo aplicado polo BNG cando tivo a responsabilidade da Consellería de Vivenda, no período 2005-09, cando se decidiu que este barrio xa estaba saturado de vivenda, tanto pública como privada, e que o que se precisaban eran dotacións e espazos verdes”.

O candidato do BNG criticou que “a Xunta de Galiza poña en marcha un novo proxecto de vivenda pública despois de 14 anos sen realizar investimentos nesta materia”, e afirmou que “está na man da Xunta de Galiza paralizar esta obra e buscar unha ubicación máis acaída para unha promoción de vivenda pública”.

Pilar, a ‘Señora do Belén de Begonte’

O medio século do Belén márcanos unha distancia temporal que notamos nas forzas e nas ausencias. E dóenos a alma cando as ausencias se chaman D. José, Milagros, Teté, José Antonio, Varela ou Pilar.

Hoxe despedimos á nosa nai, a nosa irmá, a nosa filla Pilar Gómez García, que para nós era Pilar de Begonte, Pilar do Belén, que nos deixou antonte, e aínda sabendo que está no lugar perfecto, dóenos perder a súa ledicia compañeira, o seu ánimo permanente, a súa sorrinte ilusión.

Está no lugar perfecto porque xa está co seu Varela. Ai, o meu Vareliña!, suspiraba, e iluminábanselle os ollos aos que tamén asomaban as bágoas, lembrando con ledicia e con dor aquel santo varón creador do Belén, do que tanto aprendemos todos os seus numerosos amigos.

Porque Pilar, mantendo íntegros os afectos, as devocións, o agarimo, non era a mesma desde a desaparición física do seu Vareliña, e aínda sabéndose querida por todos, agarimada polos dous fillos e todos os familiares, sentía que sen Varela perdera unha das razóns de vivir… E certamente, coñecéndoa a ella, a Varela e o seu contorno familiar, todos sabíamos que a perda era irreparable. Para ela, por amor e por vida común; para todos nós, por amizade e pola vida transmitida a través do Belén.

E agora temos a triste obriga de despedir á Señora do Belén. Hai moitos anos, moitos, que Varela foi natural socio de honra do Belén, e non tantos que da nome ao “Museo José Rodríguez Varela”, Museo do Belén. Pero Pilar era a “Señora do Belén”, con todo o que o concepto significa.

Cando Varela construia figuras para o Belén, o pelo era o pelo de Pilar; cando entrabamos no Belén, ulíamos a Pilar con aquel recendo de caldo do país requentado en cada sesión do Belén que Pilar preparaba para darlle máis vida… Cando se abríu o primeiro belén en 1972, aparecen Pilar e Pilarita nunha foto que gardamos no corazón; cando en 1977 se fixo a gran ampliación e vese a Don José coa sotana chea de cal picando nunha parede, aparece Pilar dando ladrillos para a obra… Pilar, sempre a primeira no traballo, na aperta, no sorriso, na ledicia… na comprensión.

Váisenos a primeira man que meceu o berce, a primeira en todo; parte esencial da familia que levamos construíndo medio século e coidabamos nos iba acompañar moito tempo, sen decatarnos de que esa compaña vai ser desde o alén porque Varela a chamaba a cotío.

Castelao soñou unha “Alba de gloria” nun tempo feliz no que vía desfilar diante si os grandes persoeiros da historia de Galicia. No Belén imos ter tamén unha “Alba de gloria” para os nosos máis nosos, cun lugar de honra para Pilar de Begonte, “a Señora do Belén”.

(Palabras de Xulio Xiz – Vicepresidente do Belén de Begonte – na igrexa parroquial begontina o 23.03.2023)

A Asociación Si, hai saída alerta do previsible aumento de violencia de xénero na Semana Santa

A Asociación Si, hai saída alerta do previsible aumento de violencia de xénero na Semana Santa, así como da falta de prevención e maior desprotección das vítimas cando mais risco corren.
Desde a Asociación Si, hai saída, un ano mais, lamentablemente, queremos manifestar, a nosa cada vez maior preocupación e lanzar unha mensaxe de alerta ante o mais que previsible
aumento de casos de violencia machista durante a Semana Santa, así como da falta de prevención, e maior desprotección ante a notable redución de recursos cando precisamente
son mais necesarios, expoñendo as vítimas e, en moitos casos, aos seus fillos e fillas, a un risco aínda maior do que xa corren habitualmente.

Cando a Semana Santa xa fixo acto de presencia, e para moitos o Venres, 31 de Marzo, comezará unha semana de lecer, desde hai xa días, desde os diversos ámbitos pertinentes están a darse unha serie de pautas, así como a implementar recursos para evitar posibles e desagradables incidencias.
Consellos para evitar roubos nos domicilios baleiros nestes días, para reducir ao máximo os posibles accidentes de tráfico, desde o eido do consumo coa finalidade de paliar posibles
incidencias nos destinos vacacionais, etc, etc.

En resumo, prevención, así como reforzo nos recursos para poder levala a cabo.
E, de novo, a violencia de xénero está a ser a esquecida, algo mais grave se cabe nun ano no que as cifras de vítimas de violencia machista son cada vez mas arrepiantes e todo apunta a que imos bater un tráxico récord sen que se mova nin un so dedo para tentar evitalo.
Intercambio de menores por mor do período vacacional, aumento de horas de convivencia en parellas con conflitos, mais saídas que case sempre leva consigo maior consumo de alcohol
ou, nalgúns casos, mesmo doutras sustancias, contribúen que a Semana Santa sexa unha auténtica bomba de reloxería no que atinxe a violencia de xénero.
Malia isto, desde as FCSE non soamente non se tomará ningún tipo de medida de prevención, se non que as Ufam, unidades específicas neste eido ficarán practicamente baleiras por
non dicir totalmente, agás un número ínfimo de axentes que deberán estar localizables telefónicamente, desde o Venres, 31 de Marzo, ata o Luns 10 de Abril, ou dito doutro xeito,
nas mencionadas datas non haberá nas Comisarías persoal especializado neste tipo de delito,claramente considerado de menor entidade malia as vidas que se cobra, que non deixa
de medrar.

E isto no mellor dos escenarios, xa que, malia que ata o Xoves, 4 de Abril, a semana é, a todos-los efectos, laborable, moito persoal comezará as súas vacacións o vindeiro Venres
31 de Marzo, un dereito que, evidentemente teñen e lles recoñecemos, pero non a costa de arriscar vidasnon substituíndo os axentes ausentes de xeito que se poida garantir unha
correcta e eficaz protección as vítimas que, por desgraza, a precisen.

E todo isto sucede mentres desde o Ministerio de Igualdade se lapidan miles e miles de euros en campañas de dubidosa eficacia, por non dicir ningunha en tanto non se acometa o problema
desde a raíz e nos sorprenden case cada día cun despropósito tras outro, preocupándose, eso si, dos casos que lles garante sona mediática, principalmente se a vítima é coñecida ou
pertence ao eido do “famoseo” e un Ministerio do Interior que, malia ter unha responsabilidade directa neste tema, semella facer caso omiso.
Tampouco as diferentes formacións políticas semella preocuparlles,malia que non dubidarán en utilizar a violencia machista, as súas vítimas, nas súas campañas de cara as vindeiras
eleccións, como sempre fan.

O mesmo se pode dicir de moitos colectivos “feministas”, que non dubidan en berrar e manifestarse cando aparecer na foto ou nos medios está garantido, e igualmente ante casos
mediáticos, pero que xa o de enfrontarse a realidade e chamarlles as cousas polo seu nome é outra cuestión.
Antisistema, si, pero prácticas, tamén, que hai que vivir, e o mellor que se poida.
Sempre, no caso de suceder algo irreparable, quedará o recurso das concentracións, dos minutos de silencio,do chío da ministra, ou non, segundo teña o día, e de continuar gastando
miles de euros en “estudos” e campañas que maquillen o que xa sabemos, que a violencia de xénero é considerado un delito secundario, pero unha ferramenta imprescindible que se
utiliza sen escrúpulos para acadar votos e poder, conservar ou chegar a ocupar despachos, e encher cada vez mais petos.

Non hai perdón, nin xustificación.
Asociación Si, hai saída.

52 locais comerciais ofertarán durante o día de hoxe mercadorías nas rúas do casco histórico da cidade

Tal e como se anunciou hai un mes e a petición de varios asociados interesados na iniciativa, Lugo Monumental preparou unha edición especial de “Los miércoles se salen”, a actividade que fai que cada semana varios comercios do casco histórico saquen a súas mercadorías á rúa, neste caso para dar a Benvida á Primavera.
En zonas como San Pedro, Rúanova ou Plaza de España semana tras semana as tendas sacan á rúa percheiros e mercadorías para chamar a atención dos viandantes, con un moi bo resultado (de aí que se mantéña en vigor).
Horario:
Os postos estarán abertos de 10:30 a 20:30 en horario continuado, e poden consultar a listaxe e ubicación no mapa de Google seguinte:
https://www.google.com/maps/d/u/1/edit?mid=1_AB2v_hd68CEJHSfmFyRvRrQGCkbcIE&l

 

Caca, culo, pedo, pis…

Tempos aqueles nos que os nenos tiñan como maior atrevemento expresivo catro palabras de desafío e reafirmación – “ Caca, culo, pedo, pis” – e ao dicilas, relocíanlles os ollos de satisfacción.

Los Punkitos cantárona en ”Las aventuras de Enrique y Ana”, convertida en “canción bandarra” que “enfadaba a pais e profesores” e, por se acaso, na versión hispanoamericana cantábase “Tata, cucu, queque, quiqui”. Que inocentes eramos nenos e maiores!. Entón era impensable por exemplo que nun lugar como a Avda. Breogán se anunciase nunha gran pancarta “Que ofertón carallo”, que ao non levar coma a saber o que quere dicir.

A culminación de expresión orgánica libérrima acadouna unha premiada nos recentes Mestre Mateo transmitidos en directo por TVG, en hora de máxima audiencia.

A entusiasta galardoada, incendiada de feminismo escatolóxico fixo reconto, un por un, dos nomes do exterior dos órganos sexuais femininos, tanto técnicos como populares, vulgares ou mesmo os que non teñen lugar no considerado ben falar.

Non é que a un a estas alturas lle faga mal escoitar as dúas ducias de nomes da vaxina. O que molesta é que nun acto no que se premia ao cine, se faga abuso da zafiedade sen sentido, con desprecio de auditorio e audiencia, nun exercizo de insolencia sen sentido nin sensibilidade.

Diante deste alarde verbal de rapaza á que se supón culta, a través dun medio de masas, despedíndose loubando “a cona que me paríu, que está na sala”, volvo a vista atrás e lamento que se evoluise tanto desde o tempo no que aos nenos lles brillaban os ollos cómplices e sorrían polo baixo diante da desmadrada expresión de ”Caca, culo, pedo, pis”.

Biblioteca Galicia Digital

A Biblioteca Virtual de GaliciaDigital alcanza os 300 títulos

Fai xa 7 anos que en GaliciaDigital decidiron poñer en marcha a súa  Biblioteca Virtual, na que comezaron a publicar libros esgotados ou inéditos, dos que nin os seus autores nin eles mesmos tiñan intereses comerciais, para poñelos a disposición de posibles interesados, independientemente do lugar de onde residan, de forma que gratuita e inmediatamente o libro quedaba a disposición do público en xeral, contribuíndo a súa difusión, en complicidade con quen o creou e co interesado que pode lelo e imprimilo.

Con unha periodicidade aproximada dun libro por semana, chegaron aos 300 “volúmenes”, coa publicación da obra “Lugo a través do tempo”, de Eduardo Ochoa (Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá). Desta maneira, o seu catálogo, continúa medrando sen prisa pero sin pausa, teñen unha oferta xa amplia de poesía ou prosa, de ensaio ou reportaxe, en galego ou castelán, totalmente gratuita.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com