Novas

Castiñeira: os convenios neste  2023 foron para 10 Concellos do PSOE e 4 do BNG  

O voceiro do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, ven de denunciar a “falta de obxectividade no reparto de fondos por parte do goberno bipartito da Deputación” poñendo como exemplo que “dos 15 convenios asinados pola Deputación de Lugo cos Concellos neste 2023 por un importe de 5 millóns de euros, 10 foron con alcaldes do PSOE, 4 con concellos do BNG e 1 con alcaldes independentes. Cos Concellos gobernados polo Partido Popular -que ostenta a alcaldía en 31 dos 67 municipios da provincia- foron cero”, explica.

Así o expuxo Castiñeira na súa intervención durante o debate sobre a aprobación do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2023, “conxelado e devaluado polo goberno bipartito da Deputación”. Nesa liña, lembrou que “subiron os orzamentos da institución, pero non incrementaron a cooperación cos Concellos, conxeláronllela. Mentres a Deputación de Lugo subiu un 18% o seu orzamentos nos últimos dous anos -un 8% no 2022 e un 10% neste 2023-, o Plan Único quedou conxelado nos 21,5 millóns de euros, a pesar de que o goberno provincial prometera ao inicio do mandato aumentalo”.

O PP pedía no seu momento “incrementar o Plan Único en 5 millóns de euros. Así en lugar de facer  as 332 obras que din, probablemente poderiamos estar falando de 400. Pero, o señor Tomé usou eses 5 millóns de euros para afianzarse como líder dos socialistas de Lugo, a través de convenios asinados con alcaldes do PSOE. En lugar de cooperar cos Concellos que é unha das funcións principais das Deputacións provinciais, tirou da carteira para pagar as súas facturas políticas. Se pertences ao club do señor Tomé, tes opción a recibir suplementos electorais a modo de convenios”, segundo expuxo o voceiro dos populares.

Besteiro será o novo Delegado do Goberno en Galicia

José Ramón Gómez Besteiro volve á primeira liña da política. Logo de levar apartado preto de sete anos, momento no que tivo que dimitir por estar imputado en diferentes causas xudiciais, ven de ser nomeado Delegado do Goberno en Galicia sustituíndo a José Miñones, que pasa a desempeñar o cargo de Ministro de Sanidade. Este é un bo posto para a reentré política de de Besteiro en Galiza, posto que lle dará a oportunidade de percorrer o país en todas direccións e estar presente na vida política galega, circunstancia básica para prepararse para unha hipotética candiadatura á Xunta nas eleccións do vindeiro ano, ou mesmo nas seguintes autonómicas.

Días Europeos da Artesanía

Galicia súmase un ano máis á celebración dos Días Europeos da Artesanía, que terán lugar entre o 27 de marzo e o 2 de abril en 23 países europeos e no que a Xunta se encarga de coordinar o programa de actividades na Comunidade, no que participan máis de 50 obradoiros e outras entidades asociativas e centros de divulgación da artesanía.

Entre outras iniciativas, realizaranse xornadas de portas abertas en obradoiros artesanais,demostracións en vivo, exposicións, cursos de iniciación e actividades infantís. Ademais, Artesanía de Galicia colabora con diferentes actividades en Vigo, Ourense, Santiago de Compostela, Buño (Malpica de Bergantiños), Ponteceso, Muros, Mondoñedo, Triacastela,Baiona, Oia, Gondomar e Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo).

Na provincia de Lugo, a Fundación colabora coa Asociación Profesional Os Muíños de Mondoñedo nas actividades que organizan nas rúas da localidade lucense os obradoirosEstudio Estampa, Esquina Atlántica, Artesanía do Pasatempo, Ton Arenas, Miratú,Fernando Vilariño e Eiva, entre os días 27 de marzo e 1 de abril. En Triacastela, aFundación apoia un obradoiro de xoguetes con Artesanía Silvent, o martes 28 de marzo.

A Asociación Ecoloxistas en Acción Galiza recurre no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a autorización da mina de Urbas en Silán (Muras)

A asociación ecoloxista presentará demanda no contencioso -administrativo logo de pedir xustiza gratuita.

O Monte de Escoiras tería un total de 12 balsas de decantación e a posible rotura dunha delas tería consecuencias nefastas para os núcleos próximos e os ríos, incluido o río Landro.

Cómpre ter en conta que os materiais en suspensión destas balsas adoitan ter metáis pesados. Cando se abandonan metais tóxicos no ambiente, contaminan o chan e acumúlanse nas plantas e os tecidos orgánicos. O perigo dos metais pesados é maior ao non ser química nin biolóxicamente degradables. Unha vez emitidos, poden permanecer no ambiente durante centos de anos.

O perigo dos metais pesados reside en que non poden ser degradados (nin química, nin biolóxicamente) e, ademais, tenden a bioacumularse e a biomagnificarse (que significa que se acumulan nos organismos vivos acadando concentracións maiores que a que alcanzan nos alimentos ou medioambiente, e que estas concentracións aumentan a medida que ascendemos na cadea trófica), provocando efectos tóxicos de moi diverso carácter. No ser humano detectáronse infinidade de efectos físicos (dores crónicas, problemas sanguíneos, etc) e efectos psíquicos (ansiedade, pasividade, etc). Ver: https://www.miteco.gob.es/es/calidad-y-evaluacion-ambiental/temas/atmosfera-y-calidad-del-  aire/emisiones/probamb/metales_pesados.aspx

Por tanto estas balsas deberan catalogarse como balsas de residuos mineiros da Categoría A e por tanto, deberan contar con un sistema de xestión da seguridade e de emerxencias. Cómpre lembrar que estamos a falar de terreos húmidos que escoan pola súa propia configuración e non existe un estudo xeotécnico que demostre que as balsas se poden excavar sobre a rocha directamente como afirma a promotora. Por outra banda, en base ao principio de precaución e tendo en conta a presencia moi próxima de núcleos de poboación, fontes, cauces e brañas con presencia de turberias xa non debera permitirse esta actividade extractiva a ceo aberto.

Cómpre lembrar ademais que o periodo de retorno do caudal das balsas está previsto para 20 anos. Así prevese unha Balsa 1 (Fronte 1) con un volumen de 960 m3, unha balsa 2 (Fronte 2) con un volumen 1.575 m3, unha balsa 3 (Fronte

3) con un volumen e 960 m3 e unha balsa 4 (fronte 4) con un volumen de 942 m3.

Un total de auga de 4.437 metros cúbicos almacenada en 12 balsas e partindo das previsións realizadas pola promotora, xa que en canto ás intensidades, unha choiva lixeira oscila entre 0,25 a 1 mm/hora, e unha choiva intensa ou torrencial excede os 20 mm./hora. As precipitacións que orixinan avenidas catastróficas son excepcionalmente intensas, ás veces máis de 200 mm nunha hora, e este aspecto non foi avalidado. A mercantil promotora non avalía o peor escenario posible. Cómpre lembrar ao respecto o desastre ambiental que no ano 2014 supuxo a rotura das balsas da canteira do Monte Neme en Carballo (A Coruña), a raíz precisamente de abondosas precipitacións e as concentracións anómalas de aluminio que contiñan estas augas, que tamén procedían da auga da choiva al igual que indica a promotora no proxecto.

A necesidade da preceptiva avaliación de impacto ambiental do proxecto.

A avaliación ambiental resulta indispensable para a protección do medio ambiente. Facilita a incorporación dos criterios de sustentabilidade na toma de decisións estratéxicas, a través da avaliación dos plans e programas. E a través da avaliación de proxectos, garante unha adecuada prevención dos impactos ambientais concretos que se poidan xerar, á vez que establece mecanismos eficaces de corrección ou compensación.

Por outra banda NON CONSTA a renovación e prórroga dos permisos de investigación outorgados á mercantil promotora por periodos sucesivos nin que estes estén vixentes consonte ao artigo 30 da Lei 3/2008, e 23 de maio, de ordenación da minería de Galicia e consonte ao disposto na lexislación xeral.

No Monte de Escoitas atópanse as especies higrófilas como, fundamentais para os ecosistemas como:

1)  Rumex rupestris 7723 Higrófilo. Comunidades fontinales

2)  Sphagnum pylaesii Briófito Higrófilo. Zonas turbosas

3)  Woodwardia radicans 9455 Higrófilo. Bosques higrófilos

4)  Sphagnum spp. Turfófitos De interés especial

5)  Vandenboschia speciosa (=Trichomanes speciosum) 9258 Higrófilo. Bosques higrófilos Listado

Os hidrófitos e helófitos son plantas que dependen totalmente dos hábitats acuáticos, xa que tanto a súa anatomía, como a súa fisioloxía e demais procesos vitais están adaptados ás condicións que impón este medio.

Pola súa banda, os higrófitos habitan en terreos moi húmidos ou cubertos de auga, tanto de maneira permanente como temporal.

Dentro dos higrófitos, estarían as especies turfófitas, asociadas aos hábitats de turbeira. Son plantas que ocupan diversos tipos de ambientes, cun denominador común que é a presenza de auga: os ambientes máis representados son os cursos de auga e humidais temporais non salinos, seguidos dos prados húmidos, os bosques higrófilos e os hábitats turbosos.

A execución da explotación mineira eliminaría e afectaría de forma irreversible a estes hábitats afectando á necesaria permeabilidade dos ecosistemas, á conectividade ecolóxica e á necesaria coherencia da Rede Natura 2000.

Os cines Codex estrean este venres o filme galego “Matria”

Este venres 23 de marzo chega aos Codex Cinema o filme  “Matria” dirixida por  Álvaro Gago Díaz e protagonizada por María Vázquez que remata de acadar o premio á Mellor Actriz no recente Festival de Málaga. O próximo xoves 30 de marzo visitará os Codex o seu director, Álvaro Gago, que presentará o filme no seu pase das 20:30h e o remate haberá un coloquio.

“Matria” conta a historia de Ramona, unha muller de corenta anos, vive sumida nun contexto persoal e laboral tenso e impredicible. Un día atópase con Xosé e constrúe con el unha inusual amizade que lle permite pensar que, quizais, haxa algo polo que vivir. Sempre sacrificando todo pola súa filla Estrella, verase impulsada cara o seu interior e pensar en novas motivacións.

Asemade esta semana tamén se estrea  “RETORNO A SEÚL“, un implacable e elegante drama sobre a identidade que non se atopa. É unha obra poderosa e sorprendente, dirixida por Davy Chou, que narra a vida de Freddie, de vinte cinco anos que por capricho volve por primeira vez a Corea do Sur, onde naceu. A moza parte emocionada á procura das súas orixes neste país que lle é alleo, inclinando a súa vida cara novos e inesperados rumbos.

 

A Audiencia de Lugo condena a 16 anos de cárcere a un home por agredir e abusar sexualmente de dúas irmás ás que abordou nun parque

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a 16 anos de cárcere a un home que, en 2015, cando tiña 74 anos, agrediu sexualmente, de forma continuada, a unha nena de 12 anos e que, ese mesmo ano, abusou, nunha ocasión, da irmá da vítima, de 10 anos. O tribunal considera probado que abordou ás menores, de nacionalidade estranxeira, cando xogaban preto dun parque infantil de Lugo. “Sendo consciente da súa curta idade, e con ánimo de satisfacer os seus desexos libidinosos, as enganou despois de charlar con elas, con comentarios das distintas razas e nacionalidades, os seus costumes e relixións, e convenceunas para que o acompañasen ao seu domicilio, comprándolles previamente unhas lambetadas”, indica o tribunal na sentenza.

Os maxistrados consideran probado que ese día realizou actos de carácter sexual cunha das menores, os cales se repetiron en días posteriores, e que bicou na boca a súa irmá. Despois, segundo o fallo, deulles 20 euros, os cales entregaron aos seus pais. O tribunal salienta que o procesado se aproveitou “da situación de vulnerabilidade da menor que, ademais, se atopaba en proceso de adaptación cultural en España”.

A Coordinadora Eólica Así Non invita a todos os galegos a participar nunha mobilización en repulsa aos proxectos eólicos en Galicia

A Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 coletivos dos ámbitos ecoloxista, sindical, veciñal, cultural e social de toda Galiza, anuncian  unha nova mobilización do pobo galego contra o espolio eólico e enerxético do país, para o domingo 23 de abril.

Baixo o lema “Rodeamos a Xunta” “preténdese esixir con rotundidade ao goberno galego que evite danos irreparábeis para o país, denegando as autorizacións dos 77 proxectos eólicos que xa contan con declaración de impacto ambiental positiva e paralizando de xeito inmediato outros 150 proxectos eólicos en tramitación, en tanto non haxa unha nova planificación eólica, e non se restitúan os dereitos de participación pública e se amplíe a Rede Natura 2000”, sinalan dende a Coordinadora.

Álvaro Villasante do Restaurante Paprica gaña o título de Mellor Cociñeiro de Tapas de Galicia 2023

Álvaro Villasante do Restaurante Paprica de Lugo fíxose co título de Mellor Cociñeiro de Tapas de Galicia 2023.

O seu petisco Bonito, morrón, cebola e paixón. Qué ricos de sabor! foi elixido polo xurado profesional como a mellor tapa entre as sete presentadas, unha por cada cidade galega. O outro gañador foi Álvaro Pérez Blanco de Artesana Gastrobar de Santiago de Compostela que se fixo co premio do público grazas a Queixo.

O Concello inicia a licitación para peonalizar a praza e a rúa do Carme

A Xunta de Goberno autorizaba hoxe a apertura da licitación cuxo importe económico foi estimado en 606.109 euros euros, dispoñendo a empresa que resulte adxdicataria dun prazo de execución de cinco meses para realizar os traballos.

A intervención, que inclúe a peonalización e humanización da zona, uníndose á mellora xa realizada no propio Camiño e na Vía XIX coa que se impulsa a transformación completa do barrio tanto no aspecto urbanístico, como arquitectónico, económico e social.

A iniciativa engádese, ademais, a outras medidas en marcha como a musealización da Cloaca, a creación do primeiro coliving artístico municipal de toda España, a posta en marcha dunha bolsa de estacionamento público e gratuíto detrás da Capela – que se completará con máis prazas a disposición no Fogar de Santa María – ou o parque en homenaxe ás vítimas da Covid, que suporán un antes e un despois para a rúa e a súa contorna de especial protección.

O ámbito da obra, que abarca case tres quilómetros de superficie, comprenderá tamén as travesías Noriega Varela e do Carme e a senda peonil que une Noriega Varela coa praza, por detrás da Capela.

Os actuais firmes substituiranse por un pavimento de formigón desactivado cor gris granito, que tamén se utilizará na senda peonil, aínda que noutras tonalidades máis similares ao aspecto actual, empregando a cor como factor diferenciador entre o espazo do viario mixto (de prioridade peonil) e o estritamente reservado a viandantes.

Para a zona da plataforma que une o xardín coa Capela e o Museo se instalará o mesmo acabado de pavimento (baldosa de granito) en gran formato e as barreiras arquitectónicas serán eliminadas para deixar toda a praza á mesma cota. Igualmente, os servizos como a rede de abastecemento e saneamento serán renovados, soterrando tamén os actuais tendidos aéreos de baixa tensión e de telecomunicacións.

O proxecto será cofinanciado nun 80% con fondos Feder da estratexia DUSI Muramiñae.

A coalición Podemos-Esquerda Unida apoia as reclamacións do sector do metal

Podemos-Esquerda Unida apoia as reivindicacións das traballadoras/es do metal de Lugo e, deste xeito, tentar sacar adiante un novo convenio ante a negativa da Patronal a asumir os atrasos, sen perdas salariais e recoñecer as revisións anuais do IPC.

Chus Rodríguez, candidata da coalición de PODEMOS e ESQUERDA UNIDA á alcaldía de Lugo, fai un chamamento a que “a Patronal reconsidere a súa postura e retome as negociacións para chegar a un acordo xusto e a unhas retribucións dignas para a clase traballadora e axustadas á realidade social actual”. Neste sentido, apunta Chus Rodríguez, a coalición de PODEMOS e ESQUERDA UNIDA “apoia as mobilizacións da persoas traballadoras do sector do metal da provincia de Lugo e insta á Patronal a acordar un convenio axustado á realidade socioeconómica actual da clase traballadora”, que se iniciaron no día de onte, 21 de marzo, coa primeira concentración de delegados/as no polígono do Ceao e que poden rematar nunha folga no sector, “con perdas económicas irreparables, para o que novamente urximos á Patronal a sentarse a negociar xa”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com