Novas

Chega aos cines Codex o documental “María Casares, a muller que viviu mil vidas”

Hoxe xoves 16, Codex estrea o documental “María Casares, a muller que viviu mil vidas”, que nos achega a María Casares, unha muller cunha vida que quedou marcada pola guerra civil e o exilio a Francia. Viviremos a carón dela os feitos históricos máis relevantes do século XX en Europa, unha vida na que se cruzan figuras culturais de primeira orde. Comprometida e incansable no seu traballo, busca permanentemente propostas escénicas audaces e arriscadas que acabarán converténdoa nunha das actrices máis aclamadas do cinema e o teatro francés.

A partir de maña venres, os Codex Cinema estrean:  “Os reis do mundo” e “A santa do imposible”.

“Os Reis do mundo” é unha das películas máis duras e a vez máis bonitas que pasaron polo Festival de Cine de San Sebastián onde foi galardoada coa Concha de Ouro (Mellor Película)

Sinopse: “Un día todos os homes quedan durmidos… E os cercos da terra arderon”. Os reis do mundo é un filme sobre a desobediencia, a amizade e a dignidade que existe na resistencia. Rá, Culebro, Sere, Winny e Nano, cinco rapaces da rúa de Medellín, cinco reis sen reino, sen lei, sen familia, emprenden unha viaxe na busca da terra prometida. Un conto subversivo a través dun clan salvaxe e entrañable que transita entre realidade e delirio. Unha viaxe cara a nada, onde pasa todo.

“A santa do imposible”, e a primeira longametraxe de  ficción do director Marc Wilkins. A santa do imposible relata dunha forma moi crúa a vida de aqueles que chegan a unha cidade marcada por un capitalismo asfixiante, que obriga aos seus habitantes a realizar traballos escravos na procura dunha vida mellor

Sinopse: un asasinato, unha redada policial e a foto dunha misteriosa rapaza; unha nova nai debe recompoñer todas estas pezas da secreta vida  amorosa dos seus fillos xemelgos para poder saber o que lles sucedeu.

O sábado terá lugar a terceira carreira do Corre con Nós-Corre con Elas

Este sábado terá lugar a terceira carreira Corre con Nós-Corre con Elas, unha xornada ao abeiro da celebración do Día Internacional da Muller co fin de promover a igualdade no eido deportivo.

 O Corre con Nós conta con seis carreiras – actualmente hai 1.697 inscritos no circuíto – que aglutinan diferentes percorridos e distancias, con retos para todas as idades.

 Nesta terceira proba, a organización estima que participen preto de 700 atletas de todas as idades. Todas as persoas participantes sairán dende o mesmo punto de partida.

 A proba discorrerá polas seguintes rúas que permanecerán cortadas durante a tarde do sábado entre as 16:30 e as 18:30 aproximadamente:

 Avenida dos Deportes

Acceso ao Entorno da fábrica da Luz

Estrada de Ombreiro

Acceso desde a NVI á estrada de Ombreiro

Acceso desde a estación elevadora de augas á estrada de Ombreiro

Acceso a área recreativa Os Robles

Acceso pola Avenida dos Deportes ao Pazo de Feiras

Aparcadoiro inferior Estadio Anxo Carro.

Entrega dos Premios da Cultura Galega

Esta tarde tivo lugar en Lugo a entrega dos Premios da Cultura Galega, aos que asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez. Rueda felicitou os recoñecidos no día grande da cultura galega e destacou os grandes éxitos que están a colleitar os autores en diferentes disciplinas no panorama nacional e internacional.

O titular do Goberno galego aproveitou o evento para render homenaxe ao recentemente falecido Salvador García Bodaño, e chamou a atención sobre a profunda pegada que os protagonistas do rexurdimento cultural galego deixaran nas diferentes formas de expresión artística, cunha especial ligazón entre autores e sociedade, polo que falou dun “milagre galego” que abrangue tamén ao sector cultural, que supón un 3 % do PIB e un 3,2 % do emprego, e que desde o ano 2011 medrou un 65 % ao pasar de 21.400 traballadores aos 35.400 que agora operan nas diferentes actividades culturais, o que sitúa a Galicia como a quinta Comunidade autónoma en canto a profesionais da cultura.

O presidente da Xunta felicitou os autores, agrupacións ou grupos de traballo recoñecidos nos Premios da Cultura Galega por engrandecer esa herdanza recibida.No caso de Marica Campo, por achegar as palabras que conectan coa mocidade transmitindo valores de feminismo, ecoloxía e solidariedade.
A María Victoria Carballo-Calero pola súa constante investigación e a súa divulgación sen acougo sobre as diferentes maneiras que ten o pobo de xerar cultura.
A Melania Cruz pola súa particular visión de Galicia no teatro e no audiovisual.
Aos membros de Música en Compostela por unha galeguidade que leva 64 anos difundindo o patrimonio musical mediante concertos, simposios, recitais, edicións de
partituras e libros especializados.
A Xosé Ramón Gayoso por facer do programa Luar un sinónimo de amizade e ocio por riba de modas para chegar a todos os públicos.
A Manuel González González por ser un dos artífices da normalización da lingua en todos os ámbitos, cun incansable labor que abrangue a sociolingüística, a lexicografía, a
terminoloxía ou a xeografía lingüística.
A Xacarandaina por 40 anos de traballo na procura dos alicerces da cultura e polos espectáculos nos que os recupera e os espalla.
Ao programa ConCiencia polo labor no eido científico proxectando unha imaxe internacional da ciencia na Comunidade e polo intercambio de experiencias con
eminencias de todo o mundo en diferentes disciplinas científicas.

Abre o procedemento para adxudicar un total de 14 postos na praza de Abastos e no Mercado Municipal

O Goberno de Lugo aproba o procedemento de licitación dun total de 14 postos na Praza de Abastos e no Mercado Municipal.

O procedemento permitirá ocupar 10 postos na Praza de Abastos para distintas actividades, e 4 postos no Mercado Municipal destinados a actividades de hostalería e restauración. Todas as concesións terán unha duración de 25 anos, e as persoas interesadas en optar a un dos postos poderán presentar os seus proxectos nos 30 días posteriores á publicación do anuncio na plataforma de licitación.

Candia xa tería fichado ao responsable de Urbanismo

Segundo puido saber este xornal, Candia xa ten apalabrado o que será responsable de urbanismo, se chega a Alcaldía de Lugo, e de seguro que causará sorpresa se finalmente se substancia.

A candidata do PP ten previsto crear un equipo técnico municipal para “asesorar e acompañar aos promotores de calquera proxecto que teña interese en asentarse no municipio de Lugo, xa que os emprendedores precisan de “seguridade xurídica, certezas e a axilidade burocrática para que un territorio resulte atractivo”

Esta nova estrutura de expertos en rehabilitación, xestión de licenzas e resolución de actividades económicas é clave para desbloquear tramitacións e contribuirá á dinamización económica do municipio que reverterá na xeración de emprego

As funcións deste equipo serán, entre outras cuestións, desbloquear as licenzas, o 5% do PXOM, a tramitación dun novo Plan Xeral, a actualización do Pepri, impulsar unha Ordenanza de simplificación administrativa e reactivación económica, ou aplicar as ECCOM (Entidades de Certificación de Conformidade Municipal) para axilizar licenzas e actividades

Baixada de impostos

Tamén anunciou que “dende o Concello estudaremos a creación de axudas para incentivar a contratación, como poderían ser bonificacións de ata o 95 % das taxas municipais para apoiar ao tecido empresarial que cree ou manteña os postos de traballo”, manifestou Elena Candia

Tamén sinalou que rebaixará impostos como o ICIO e o IBI, e suprimirá a plusvalía, e avanzou que se bonificará ou exonerará de impostos municipais ás entidades con proxectos de carácter social

Apoio ao emprendedor e pequeno comercio

Entre as iniciativas para xerar un contexto en Lugo para que os proxectos empresariais poidan medrar, a popular citou “a posta en marcha dun Polo de Emprendemento que funcionará de xeito coordinado cos outros viveiros de empresas”, e tamén “desenvolver plans de formación específicos para a xente moza co que os principais sectores demandan”

Para o pequeno comercio adiantou propostas como a creación de bonos comercio e o desenvolvemento dunha marca de cidade, así como a mellora do aparcamento e a accesibilidade en zonas comerciais; avanzar nos aparcamentos disuasorios;  mellores combinacións de autobuses e a posta en marcha dun sistema gratuíto de rotación de vehículos

Melloras en zonas industriais e polígonos

A popular avogou por mellorar a seguridade, o mantemento e os servizos dos polígonos, puntualizando como “unha das prioridades a renovación da rede de abastecemento do polígono do Ceao que segue sen cambiarse pese a que se van cumprir dous anos do fatal incendio”

Tamén asegurou que legalizará outras zonas empresariais como A Louzaneta, A Campiña ou a contorna da estrada de Santiago, para facilitar que nestas construcións se poidan ampliar ou desenvolver outro tipo de actividades, é outra das súas medidas

Infraestruturas

A popular rematou a súa intervención poñendo o foco na necesidade dunhas infraestruturas adecuadas enumerando aquelas que son irrenunciables como o corredor de mercadorías, a restitución das frecuencias de trens suprimidas por mor da pandemia, e que se executen a totalidade das obras anunciadas en 2018 que conectarían Lugo con Ourense

Rueda: “Elena será unha magnífica alcaldesa”

No acto tamén intervíu o presidente da Xunta Galicia Alfonso Rueda quen asegurou que Elena Candia será “unha magnífica alcaldesa” porque “reúne todos os ingredientes do que fai falta en Lugo”, citando nomeadamente “a experiencia, as ganas, a motivación, a enerxía e a habilidade para escoitar”.

“Desde o Goberno galego traballamos e actuamos escoitando a quen coñece o territorio e as necesidades da xente. Neste sentido, Elena Candia ten moito que dicir”, remarcou Alfonso Rueda.

A Audiencia de Lugo condena a dous anos de cárcere a un home por abusar de dous menores

A Audiencia Provincial de Lugo condenou a dous anos de cárcere a un acusado de abusar sexualmente de dous menores cos que se atopou na estación de autobuses da cidade despois de que fuxisen dun centro de menores. O tribunal entende acreditado que lles ofreceu acudir ao seu domicilio, nunha pensión, e que, unha vez no interior, lles realizou tocamentos, “manifestando ambos os menores a súa negativa a que levase a cabo estas condutas e, ante a persistencia nas mesmas, colleron as chaves da habitación e abandonaron a pensión”.

O tribunal condenouno como autor de dous delitos de abuso sexual do artigo 181.1 do Código Penal, vixente ao tempo da comisión dos feitos, ao entender que resulta máis favorable ao acusado, fronte ao actual artigo 178.1, que pena máis gravemente a conduta. Ademais da pena de cárcere, impúxolle a prohibición de aproximarse e de comunicarse coas vítimas durante cinco anos, así como cinco anos de liberdade vixiada e o pagamento dunha indemnización, a cada unha das vítimas, de 2.000 euros.

Agromuralla sitúa en 60 céntimos o prezo mínimo de renovación dos contratos lácteos

Semella que se aveciña unha primavera axitada e non estamos a falar do tempo, se non do sector lácteo, xa que a dúas semanas da renovación da maioría dos contratos de compra de leite en Galiza, a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla ben de emitir un comunicado onde di que o prezo do leite para todo o ano 2023 “non pode baixar de 60 céntimos”.

A asociación recomenda aos seus socios que non asinen contratos por baixo desa cifra e pídelles “que fagan uso do poder de negociación que lles ofrece a lei e unha coxuntura de mercado favorable na que segue faltando leite”.

Por iso, dende Agromuralla pídese aos produtores “que non se deixen influenciar pola estratexia premeditada que están a levar a cabo as industrias para tentar revisar á baixa os contratos que rematan o vindeiro 31 de marzo”.

Incremento desmesurado dos custos

Agromuralla afirma que “os custos de produción seguen á alza, polo que os prezos do leite teñen que manterse nos niveis actuais” para que as explotacións poidan facer fronte a estes incrementos e seguir producindo leite, xustifica o seu presidente, José Luis Pérez Barreiro.

Segundo os datos facilitados pola asociación de gandeiros, en base aos custos reais das súas granxas socias, no último ano produtos como os fertilizantes viron triplicado o seu prezo, pasando de 230€/tonelada en xaneiro de 2022 a 900€ a día de hoxe.

O mesmo aconteceu co gasóleo, que pasou no mesmo período de 0,73 céntimos a 1,32€ (unha suba do 81%), ou o recibo de autónomos, que se incrementou ata nun 60%, os pensos (un 31,5%), os plásticos dos silos (un 31%), ou a electricidade (un 27%).

“Con estes custos de produción ningunha explotación láctea debería cobrar o litro de leite a menos de 60 céntimos porque estaría en risco a súa viabilidade económica”, aseguran dende Agromuralla,

Críticas ás administracións

Agromuralla critica ás administracións tanto á autonómica como ao Goberno central por “abandonar aos gandeiros á súa sorte de cara á inminente renovación dos contratos” e lembran que as industrias teñen obriga de facer chegar ao produtor a súa oferta cun mínimo de dous meses de antelación, un prazo que as industrias non están a cumprir, polo que pide á AICA que actúe de oficio ante este “incumprimento da lei”.

O xurado tivo que retirar o premio ao cartel do Arde Lvcvs

A Concellaría de Xuventude do Concello de Lugo, tivo que dar marcha atrás e retirar o premio que outorgara ao cartel do Arde Lvcvs 2023 tras ser informada de que dito cartel esra semellante a outro traballo que foi utilizado para anunciar outra festa de alcance estatal, polo que incumpría un dos criterios de valoración das bases publicadas, que esixía que se presentasen ao concurso só deseños orixinais.

Así, tras analizar as semellanzas, o xurado optou por anular o cartel gañador titulado ‘Lucus Ignis’, que foi presentado onte, e procedeu a unha nova selección entre as obras preseleccionadas.

Finalmente, procedeu a premiar o traballo de María Andrea Freire Parga, titulado ‘Fera Muliers’, no que, sinalou o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, “tanto a muller castrexa como a romana adquiren o papel protagonista”.

O xurado está integrado polo artista Manuel Andrés Pallín; por Mónica López, licenciada e doutorada en Belas Artes, e Antonio Cruz, profesor da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón.

O Arde Lucus obtén a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional

O Concello anunciou esta tarde que o Arde Lucus vén de obter a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, logo de que a finais do ano pasado o Concello iniciara a tramitación para acadar este distintivo.

O Arde Lucus comezou como unha festa para incentivar o sector da hostalaría do centro histórico, e que tan só duraba unha noite, pero que non tardou moito en converterse nunha festa de recreación histórica. Dende o ano 2003 ampliouse a súa duración a toda a fin de semana, comezando o venres pola tarde e finalizando o domingo pola noite. Hoxe en día, a festa arrinca xa o xoves. En 2011, foi declarada festa de Interese Turístico de Galicia e no 2017 conseguiu o recoñecemento de festa de Interese Turístico Nacional.

Arrepío

Atribúese a Miguel Boyer a frase de que “España es un país de porteras”, considerando que aquelas traballadoras doutrora, coñecedoras de interioridades, potenciaban frivolidades e marmuracións. Non sei cualificar como consideran a este pais os emporios audiovisuais, privados ou públicos, cando adoitan potenciar rumores, airear amoríos ou fomentar a cultura do pelotazo e da sorte; os chamados programas do corazón teñen máis relevancia que os de ciencia ou cultura e a información truculenta vende máis ca a do cambio climático ou da fame no mundo.

Por idade, carácter e sensibilidade, quero saber do que pasa pero non preciso certos detalles, nin furgar nas feridas, e moito menos tratar de ferir ao posible feridor, como está a ocorrer no xuizo do “Crime de Muimenta”, onde arredando a presunción de inocencia ata que haxa sentencia firme, non se pode consentir que partes interesadas ou atraídas polo tema insulten á presunta culpable dun feito indescriptible.

Volvo dicir e seguirei insistindo, que me parece unha aberración impropia dun país sensato que os acusados dun crime teñan que pasar polo medio de persoas que os insulten e poidan agredilos, sen tomar medidas de acceso discreto. Se nos queixamos de que os medios xulguen, cualifiquen, tomen partido en xuizos deste tipo, non pode engadirse esta condena previa innecesaria e degradante á que en xustiza proceda.

A transmisión case “en directo” de sucesos ou xuízos arrepíame, e coido que se unha acusada non pode ser considerada culpable ata que haxa unha condena firme, tampouco pode ser exposta a unha condena pública, e moito menos a unha agresión física ou moral.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com