Novas

A policía detecta un condutor multireincidente por conducir de forma irregular

Durante a tarde do día 1 de marzo efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo intensificaron os controis de seguridade viaria en vías do centro urbano, detectando en Camiño Real a circulación irregular dun vehículo que ao ser detido compróbase que o seu condutor CARECE de permiso de condución por condena xudicial, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria, inmobilizando o vehículo. Así mesmo compróbase que o vehículo CARECE de Seguro Obrigatorio e o seu titular non o presentou a ITV no prazo debido, abríndose expediente sancionador con multa de 1.700 euros.
Este condutor é multirreincidente xa que foi interceptado por efectivos da Policía Local de Lugo nas seguintes datas polos feitos que se expresan:
Julio do ano 2022.- Delito contra a seguridade viaria por conducir con altas taxas de alcol.
Setembro do ano 2022.- Delito contra a seguridade viaria por conducir carecendo de permiso por resolución xudicial.
3 de Febreiro de 2023.- Delito contra a seguridade viaria por conducir carecendo do permiso por resolución xudicial
19 de Febreiro de 2023.- Delito contra a seguridade viaria por condución carecendo do permiso de condución e lanzar alta taxa de alcol nas probas de alcoholemia.
Así mesmo foi detectado un condutor profesional que lanzou un resultado POSITIVO de 0,29 mg/l nas probas de alcoholemia ás que foi sometido, cando a súa taxa máxima é de 0,15 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.
No transcurso destes controis detectáronse as seguintes infraccións graves á normativa de seguridade viaria:
Interceptados 5 vehículos cuxos titulares non os presentaban a ITV no prazo debido.
Detectados 6 vehículos que circulaban CARECENDO de Seguro Obrigatorio.
1 vehículo detectado cuxo condutor non realizara o troco dun permiso estranxeiro.
Foi interceptado e denunciado o condutor dun patinete eléctrico por circular dúas persoas en devandito VMP.

A Asemblea Local do BNG aproba a súa candidatura ao Concello de Lugo

A asemblea local do BNG en Lugo aprobou como estaba previsto a única proposta de candidatura presentada para concorrer ás vindeiras eleccións municipais do mes de maio. Repiten os cinco primeiros da lista que presentara hai catro ano o Bloque.

Candidatura

  1. Rubén Arroxo Fernández
  2. Maite Ferreiro Tallón
  3. Alex Penas Roibás
  4. Cristina López Fernández
  5. Felipe Rivas Jorge
  6. Iria Buide Pena
  7. Alberte Fernández Fraga
  8. Alexandre Espiño Castro
  9. Natalia Cabana Rancaño
  10. Xosé Lois Varela Piñeiro
  11. Beatriz Cedrón Vilar
  12. Lois Neto López
  13. Beatriz López Dorado
  14. Carme Longarela Penas
  15. Xosé Paz Fernández
  16. Sandra Sánchez Pérez
  17. Pedro Guerreiro Iglesias
  18. Beatriz Pérez Traseira
  19. Avelino Basanta Regueira
  20. Sabela López Núñez
  21. Pedro Pillado García-Xesto
  22. Carme Pérez Arias
  23. Francisco Ulloa Prado
  24. Rexina Álvarez Prada
  25. Marica Campo Domínguez

Dispoñible o kit de limpeza Lu…guau!! para os ouriños dos cans

O kit hixienizante da campaña ‘Lu…guau’ que entrega a área de Medio Ambiente do Concello  co fin de concienciar aos propietarios dos cans a que sexan proactivos na limpeza dos ouriños das súas mascotas,  podese recoller xa na oficina de atención cidadá LuceLugo, ubicada na rúa Clérigos.

 O obxectivo desta acción  é apelar á responsabilidade e á obriga dos donos de cans no coidado e limpeza tanto dos espazos públicos da cidade como nas fachadas das vivendas privadas, evitando manchas e malos cheiros.

 Baixo o lema “Deixa a súa pegada, non os seus ouriños“, o Concello distribuíu nas distintas prazas do municipio máis de 2.500 recipientes reutilizables con vinagre branco, que actúa de desinfectante natural. O líquido deberá botarse tras os ouriños para aclaralos e axudar, así mesmo, a que outros cans non mexen no mesmo sitio.

Agora, a veciñanza tamén pode recoller os recipientes na oficina de atención cidadá do servizo de limpeza e recollida de lixo municipal, LuceLugo, de luns a venres laborables, en horario de 09.00 a 13.30 e de 15.30 a 18.15 horas.

 

Os Microefectos Dramatúrxicos voltan ao Clavicémbalo este xoves

Logo da sesión “Greatest Hits Vol. 1” de xaneiro con motivo do seu décimo aniversario, os Microefectos Dramatúrxicos regresan ao Club Clavicémbalo este xoves, venres e sábado en pases de 20:30 e 22:30. Nesta sesión representaranse, coma sempre, catro pezas novas.

Poderanse mercar entradas a través da plataforma dixital Woutick, tamén haberá entradas dispoñíbeis na billeteira.

O grupo, que cumprirá dez anos o próximo mes de maio, pon en escena pezas teatrais duns quince minutos de duración nas que contan historias da vida para rir ou chorar, cunha escrita directa e actual, que cada tres meses practicamente mcompleta o aforo do Clavicémbalo.

Morre un operario en Alfoz ao caerlle unha árbore enriba

Os servizos sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida ao home,  que sufriu o accidente na parroquia de Bacoi. O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos a través dun compañeiro do traballador, ao fío das 16:30 horas.

A partir de aí, tras recibir o aviso, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos axentes da Garda Civil.

Unha fuga de gas obliga a cortar unha rúa e desaloxar varios locais en Vilalba

Foron os propios operarios os que contactaron co 112 Galicia ao fío deste mediodía para informar da fuga, que obrigou a cortar e a desaloxar varios locales comerciais na rúa da Pravia de Vilalba cando unha tubaxe rompeu debido as obras que se están a levar a cabo en dita rúa. Os veciños da zona foron confinados nas súas vivendas durante a intervención dos servizos de emerxencias, sen rexistrarse danos persoais.

Decontado, desde o 112 puxéronse os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a modo preventivo, dos Bombeiros e da Policía Local de Vilalba, así como dos técnicos da empresa subministradora do gas na zona. Informouse, ademais, aos voluntarios de Protección Civil de Vilalba.

Namentres os axentes da Policía Local cortaron a rúa para garantir a seguridade da cidadanía e facilitar o traballo dos servizos de emerxencias, os Bombeiros empregaron auga pulverizada para disipar a nube de gas á espera da chegada dos técnicos, que se encargaron de interromper o subministro no punto e procederon a reparar a avaría, que non provocou danos.

O Concello anuncia unha reforma integral no parque do Campo Castelo

O novo parque, que se amplía en máis 70 m², servirá, igualmente, para incrementar a súa funcionalidade dende un punto de vista inclusivo.

As escaleiras serán substituídas por ramplas, e os cerramentos, tanto deste parque como do recinto infantil próximo, serán moito menos invasivos adoptando unha configuración de murete revestido en madeira, que exercerá de banco para favorecer a socialización.

Méndez, que compareceu acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, fixo fincapé en que “a accesibilidade e a sostibilidade serán as dúas premisas transversais da actuación, xa que todo o mobiliario procede da reciclaxe de plásticos e terá certificado de baixa pegada de carbono, cumprindo así os obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030”.

A mandataria lucense avanzou “que todo o parque disporá dun pavimento de caucho continuo, con revestimento decorativo, respectuoso co medio ambiente e con propiedades antiescorregadizas e outras caranterísticas técnicas que garanten unha longa durabilidade e boa resposta ao uso á intemperie”.

Un anel xiratorio, unha cunca inclinada e mesmo un carrusel tipi con abrazadeira serán outras das opcións que poderá escoller a cativada para ocupar o seu ocio mentres exercitan habilidades físicas e estimulan o equilibrio, a percepción do espazo ou a concentración.

En canto ao mobiliario urbano o parque contará con papeleiras elaboradas con residuos que de forma cotiá se desbotan, precisamente, ao lixo.

A intervención, cuxa licitación se aprobará mañá en Xunta de Goberno e disporá dun prazo de execución de 5 meses para materializar os traballos.

Masterclass impartida polos chefs lucenses Álex Méndez e Pablo Vila no IES Sanxillao de Lugo

O IES Sanxillao de Lugo acolleu esta mañá unha masterclass impartida polos chefs lucenses Álex Méndez e Pablo Vila, na que foi a primeira xornada da denominada Volta a casa, unha iniciativa coa que este centro invita a ex alumnos de recoñecida proxección profesional a volver a súa escola para impartir unha masterclass aos alumnos do centro.

Nesta primeira demostración tomaron parte uns 50 alumnos dos ciclos medio e superior de Dirección de Cociña; do ciclo medio de Cociña e Gastronomía e tamén do primeiro de Panadaría, Repostaría e Confeitaría, posto en marcha neste curso. Precisamente, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, chamou a atención sobre esta iniciativa, que “máis aló da súa faceta formativa é importante porque dá visibilidade aos ciclos de hostalaría, turismo e industrias alimentarias, así como á nova especialidade de panadaría. É unha forma de dar a coñecer as posibilidades da FP, e en especial da FP dual, que desde hai anos está a impulsar a Xunta de Galicia, e que está acadando tan bos resultados”.

Javier Arias fixo fincapé en que “O Sanxillao é un claro exemplo de implicación e de compromiso coa formación dos seus alumnos”. De feito lembrou que o centro celebrou recentemente os 30 anos de actividade e docencia e chamou a atención sobre “o incremento do alumnado nos últimos anos, que fixo necesaria a súa ampliación, con novos espazos e nova oferta educativa, e cunha reforma do instituto, na que o Goberno galego investiu máis de 1,8 millóns de euros”.

A masterclass de hoxe tivo lugar nos novos espazos do edificio que se construíu na ampliación, coas explicacións e a teoría de arroces e outra clase sobre aperitivos nos que aplicaron novas técnicas de cociña de vangarda. Unha vez elaborados os pratos, alumnos, ex alumnos e profesores puideron desfrutar da comida servida no novo restaurante do centro polos alumnos do ciclo medio de Servizos de Restauración.

O BNG demandará no pleno provincial un xulgado específico de violencia de xénero en Lugo

O BNG levará ao pleno provincial deste martes, 28 de febreiro, unha moción na que reclama ao goberno do Estado a creación dun xulgado específico de violencia de xénero en Lugo.

A formación nacionalista, que ven reclamando este servizo con diferentes iniciativas tanto no ámbito institucional como social, buscará o apoio do Pleno para seguir impulsando esta demanda , avalada polo Observatorio contra a Violencia de Xénero que, nas últimas memorias, “reitera a recomendación de avanzar na especialización dos xulgados que coñecen ou enxuízan asuntos relacionados coa violencia contra as mulleres”.

En concreto, expón a moción, “dende o Servizo de Inspección téñense realizado, ademais, numerosos informes nos que se analizaba a necesidade de creación de órganos instrutores e de enxuizamento, a especialización ou incluso a comarcalización dalgúns dos xa existentes. Respecto á especialización dos xulgados do penal en violencia de xénero, acordouse co Servizo de Inspección a elaboración do informe que contemplara as condicións para a especialización de polo menos un xulgado do penal en cada provincia”.

A moción tamén insta á Xunta de Galiza a reclamar a creación dun xulgado específico de violencia de xénero en Lugo e a pór os medios que dela dependan para a súa creación.

Esquerda Unida e Podemos alcanzan un acordo de coalición para as eleccións municipais

Esquerda Unida e Podemos, veñen de acordar no día de onte un pacto de coalición para concorrer conxuntamente ás próximas eleccións municipais do 28 de maio. Tras varias xuntanzas, nas que destacou a cordialidade e a predisposición de lograr un acordo, ambas organizacións pecharon o pacto co cal poder presentar o noso proxecto para mellorar as vidas de todos e todas as cidadás de Lugo.

Esquerda Unida e Podemos mostran o seu agradecemento mutuo polo esforzo e a xenerosidade mostrada para conquerir este acordo de coalición.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com