Novas

Corte de tráfico dende mañá na estrada que une Chantada cos Peares

A obras de reparación da estrada provincial LU-P-1801 que conecta Chantada cos Peares obrigan a cortar o tráfico a partir de mañá martes entre os puntos quilométricos 24 e 27. Uns traballos que se está executando para reparar os danos ocasionados polo temporal.

O proxecto inclúe o arranxo de dúas estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Chantada e Carballedo. Son a LU-P-1801, de Chantada ós Peares por Nogueira, e a LU-P-1010, que vai cara a presa dos Peares, no termo municipal de Carballedo, que se reparará no punto quilométrico 3,6.

No caso da LU-P-1801, a vía esta afectada por varios desprendementos de terras e rochas, polo que será necesario retiralas para poder asegurar a parede con micropilotes e instalar un muro de suxeición. No caso da LU-P-1010, tamén está afectada por un corremento de terras, polo que se retirará o material que obstrúe a vía e procederase a asegurar cun muro.

A previsión é que, se as condicións meteorolóxicas son favorables, o corte se restableza aos 15 días. En todo caso, para unha correcta execución dos traballos poderanse realizar novos cortes, en función do que o propio desenvolvemento do proxecto demande.

 

A Audiencia de Lugo condena a sete anos de cárcere por tentar matar un home en Baralla

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a sete anos de cárcere, como autor dun delito tentado de homicidio, a un home que atacou a outro cun coitelo en 2021 en Baralla. O tribunal considera probado que tiña intención “de ocasionarlle a morte” cando lle cravou a arma branca á vítima no seu costado esquerdo e, a continuación, tentou asestarlle unha nova coitelada na zona do tórax, a cal ingresou, segundo o tribunal, “moi pouco no corpo do afectado”.

Elena Candia: “A seguridade para nós é unha prioridade”

A candidata polo PP á alcaldía de Lugo Elena Candia, manifestouhoxe nunha visita que realizou á Praza de Abastos, que Lugo é a cidade peor conectada de
Galicia: “Seguimos sen data para a chegada da Alta Velocidade, sen prazo para o remate da autovía a Santiago, sen saber nada da Ourense e temos bastantes incertezas sobre a reposición do viaduto da A-6”
Asemade dixo que o goberno central tamén discrimina a Lugo noutros eidos como o da seguridade, referíndose ao concurso de traslados da Policía Nacional salientando que “nunha cidade de características similares a Lugo como é Girona, ese concurso propón máis do dobre de prazas que o Goberno de Sánchez lle daba a Lugo”
Tamén amosou a súa preocupación polos cambios na Lei de
Seguridade Cidadá “nun momento onde hai preocupación polas ocupacións de vivendas en determinadas zonas da cidade, pedíndolle sensibilidade á alcaldesa e afeándolle que continuamente insista en desmitificar esta problemática”
A popular concluíu subliñando que “a seguridade para nos é unha prioridade e coordinaremos con Miguel Tellado e con todos os compañeiros en Madrid para que Pedro Sánchez rectifique e permita unha normativa que protexa a todas as cidades e a Lugo tamén”

“O Sangue” obra esencial do cine contemporáneo portugues a partir desta tarde nos Codex Cinema

Esta semana o Codex Cinema traen as súas pantallas a obra esencial do cine portugués contemporáneo “O SANGUE” unha nova versión restaurada en 4K da ópera prima do cineasta Pedro Costa, autor tamén de Vitalina Varela, hipnótica e impactante película xa vista e desfrutada nas pantallas dos Codex.

Sinopse: Dous irmáns, Nino e Vicente, aprenderon a desenvolverse moi ben xuntos durante as inexplicadas ausencias do seu pai. O día que aparentemente desaparece para sempre non teñen ningún problema en seguir como antes. Sen  embargo, un día uns criminais que tiveran negocios co pai tentarán sacarlles información á forza.

 A segunda estrea da semana é “DISTURBIOS”, Premio a Mellor Dirección da sección  Encuentros na última edición da Berlinae 2022.

Dirixida por  Cyril Schäublin, descendente dunha familia de reloxeiros da rexión do Jura suizo, escribiu o guión desta interesante película ambientada nunha fábrica de reloxes a finais do século XIX.

Sinopse: as novas tecnoloxías están transformando unha cidade  reloxeira do século XIX en Suíza. Josephine, unha moza traballadora dunha fábrica, produce a roda de disturbios, que xira no corazón do reloxo mecánico. Exposta a novos xeitos de organizar o diñeiro, o tempo e o traballo, involúcrase no movemento local dos reloxeiros anarquistas, onde coñece ao viaxeiro ruso Pyotr Kropotkin.

 

As obras de renovación e modernización deixan inactiva un mes á estación de tren de Monforte

Adif avanza nos traballos de renovación e modernización da estación de Monforte de Lemos, nó ferroviario que conecta as liñas de ancho convencional León-A Coruña e Monforte-Vigo Guixar.

Esta semana, iniciará unha nova fase de traballos, que inclúe a construción dun paso inferior entre as plataformas 1 e 3, complementado con ascensores, co que incrementará a interoperabilidade e accesibilidade da estación, especialmente para as Persoas con Mobilidade Reducida (PMR).

Así mesmo, mellorará as condicións de seguridade no tránsito de viaxeiros entre plataformas. Ademais, abordaranse renovacións de vías e aparellos de vías, así como a posta en servizo do novo enclavamiento da estación e obras de adaptación da catenaria á nova configuración de vías.

As actuacións, que se realizarán entre o 25 de febreiro e o 2 de abril, non son compatibles coa subida e baixada de viaxeiros na estación de Monforte de Lemos, polo que a empresa ferroviaria Renfe estableceu plans alternativos de transporte por estrada para os servizos programados durante este período; haberá modificacións nas conexións entre Galicia e Cataluña, Ponferrada ou León, ademais dos trens que unen A Coruña con Ourense ou Monforte de Lemos. A relación dos servizos modificados pode consultarse en renfe.com. Renfe activará a medidas posvenda correspondentes para todos aqueles viaxeiros cuxas necesidades non se axusten ás novas condicións de viaxe. A circulación de mercadorías mantense en horario de 07:00 a 21:00 horas, ao habilitarse vías pasantes operativas, fóra dun corte total de 82 horas, programado entre o 16 e o 20 de marzo.

A partir do 2 de abril, prevese recuperar a subida e baixada de viaxeiros na estación -con cortes alternativos de vías e plataformas- pero sen interrupción do servizo de viaxeiros.

Na estación de Monforte de Lemos vense actuando en infraestrutura, vía, catenaria, sinalización e telecomunicacións para permitir a electrificación do tramo entre Monforte de Lemos e Lugo Mercadorías, así como a adaptación de 3 kV a 25 kV da electrificación existente entre Monforte e Ourense.

Con estes traballos, Adif avanza na renovación que desenvolve na liña Ourense-Monforte de Lemos-Lugo (117 km) para mellorar as condicións de explotación comercial en termos de fiabilidade, confort e tempos de viaxe.

 

 

O Concello adiantará dez días o cobro dos recibos domiciliados da auga

O Concello de Lugo modificará neste 2023 a data de cobro dos recibos da auga que se xiran a través do banco.

Unha medida que só afectará ás domiciliacións e que obedece á obriga de axustarse aos periodos que impón Augas de Galicia para render contas dos datos relativos ao tributo autonómico do Canon da Auga.

A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, explicou que “o devandito canon é unha taxa finalista que a Administración local debe recadar de maneira conxunta coa subministración de auga e os servizos de recollida de lixo e sumidoiros pero que, en cambio, non pasa a engrosar as arcas municipais senón que a súa receptora é a Xunta”.

“Non só temos a obriga de incluír o canon no recibo do Concello, senón que ademais debemos trasladar a Augas de Galicia toda a información relativa ao mesmo, sinaladamente a dos impagos, e facelo nuns prazos determinados que estipula a propia entidade para que sexa ela quen o reclame, vía executiva, directamente á ou ao contribuínte”, referiu.

Toda vez que a Institución local xa dispón do aplicativo informático que permite o intercambio correcto deses contidos, resulta “necesario agora adiantar uns días o cobro dos recibos que están domiciliados para coordinar o procedemento bancario cos tempos que esixe a Administración hidráulica”.

Deste xeito, a edil sinalou que “non mudará nin a data da emisión do padrón (de onde se obteñen os consumos dos diferentes inmobles dados de alta), nin tampouco o calendario fiscal que marca os trimestres e os períodos voluntarios de pago en cada un, que se manterán como até o de agora”.

As entidades financeiras pasarán a adiantar o cobro dos recibos domiciliados uns dez días para conxeniar o prazo de devolución que ofrecen (8 semanas) dentro dos límites dos que dispón o Concello para comunicarlle a información á Xunta.

Petición de cambio drástico na Atención Primaria en Lugo

A Plataforma en Defensa da Sanidade e especialidades do HULA, require da Consellería de Sanidade e do Sergas un cambio drástico na xestión da Atención Primaria, unha situación que é froito do desgoberno na xestión do Sergas e dos ánimos privatizadores e de recorte de servizos do PP actual xestor da Sanidade Pública a través do Sergas onde é posible ver unha mala intención cara á Sanidade Pública, e os seus servizos influído todo iso por instrucións negativas ou nivel formativo dos seus responsables.

En Galicia podemos dicir que o censo poboacional e o número de pacientes que precisan atención non variou entre a etapa pre-pandémica e a etapa post-pandémica, só variou o número de profesionais que prestan servizo, os medios e as partidas orzamentarias, isto obriga aos pacientes que requiren prestación médica e non a reciben en tempo e forma (como é o seu dereito), teñan que dirixirse ao sistema privado para liquidar os seus problemas ou os da súa familia.

Motivado por todo isto A Plataforma pola Defensa da Sanidade e as Especialidades do Hula, esiximos que de forma inmediata que:

Se devolvan a todos os Centros de Saúde da provincia de forma integra todos os horarios de consulta e especialidades, incluído a apertura dos Centros de Saúde todos os sábados pola mañá, como foi sempre habitual e se complete así as xornadas laborais do persoal que están a ser recortadas sen xustificación.

Que se eliminen  todos os sistemas de resposta telefónica informatizados e sexan atendidos en cada Centro de Saúde por persoal físico, xa que ese sistema interrompe e dificulta o contacto co persoal sanitario (sobre todo a persoas da 3ª idade que hoxe representan a gran maioría).

Se modifique o actual sistema de cita previa e elimínense ao 100 % as listas de espera, (de forma especial na Atención Primaria), onde as citas concedidas á primeira hora deben de ser para o mesmo día e as seguintes para o día seguinte posterior á petición (se non dá mais de se o horario establecido, incrementen con mais persoal o horario laboral – tardes incluídas-, non admitimos desculpas de falta de persoal, contráteno ata estabilizar o sistema e retribúan aos profesionais de forma adecuada sen sistemas de fraccións por día ou por horas, non lle obriguen a marcharse a outros puntos e países por falta de contratos respectuosos cos dereitos do traballador.

Sistema de analíticas e outros complementarios, doten estes de persoal suficiente nos seus horarios, mantendo sempre un reten para urxencias, aquí tampouco admitimos listas de espera de máis dun día.

Renovación de receitas, cren un sistema telefónico de contacto para esta actividade en pacientes crónicos ou inclúan o servizo na páxina de E-Saúde para as persoas que o poidan utilizar, non hai que esperar colas para iso e o paciente debe de recibir o seu tratamento con antelación mínima de 2 días.

Respecten as preferencias e dereitos dos maiores de 65 anos a todos os niveis.

Xestionen en tempo e forma adecuada os accesos solicitados polo médico á atención especializada, que en función da urxencia requirida non debe exceder baixo ningún concepto o tempo para primeira consulta de 30 días.

José Manuel Carballo
Coordinador Plataforma en Defensa de la Sanidad y las Especialidades del Hula.

Lugo Monumental entrega os XI Premios de Animación de Rúa

Na tarde de hoxe, mércores de cinza e na icónica fonte de San Vicente, Lugo Monumental repartiu os 3 galardóns aos grupos que, a xuízo dos locais colaboradores, máis animaron o centro histórico durante estes días de Entroido.

A elección dos gañadores non a fixo o xurado, que se limitou a recoller e sumar as puntuacións outorgadas polos establecementos que participaron no financiamento do Premio.

Os gañadores das tres categorías do Premio son as seguintes agrupacións:

1º Premio, dotado con doce vales de compra de 50,00 euros, que suman un total de 600,00 euros, a gastar nos locais asociados a Lugo Monumental, para o grupo chamado “Rompendo o xeo”.

2º Premio, dotado con seis vales de compra de 50,00 euros, que suman un total de 300,00 euros, a gastar nos locais asociados a Lugo Monumental, para o grupo chamado “Barbaneves”.

3º Premio, dotado con dous vales de compra de 50,00 euros, que suman un total de 100,00 euros, a gastar nos locais asociados a Lugo Monumental, para o grupo chamado “53 Dálmatas”.

 

Lugo acolle esta fin de semana o Campionato Galego de Kickboxing

Esta fin de semana terá lugar o Campionato Galego de Kickboxing en Lugo no que participarán 400 deportistas de 23 clubs de toda Galiza.

Os clubs lucenses Free Dojo e Galaico e o focense Ari Foz Contact aglutinan a representación de deportistas da provincia neste torneo, centrado na modalidade Tatami Sport, de contacto lixeiro. A competición desenvolverase no pavillón do Seminario, o sábado, en xornada de mañá e tarde, e o domingo, pola mañá, con entrada libre.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com