Novas

Finalizan as obras de mellora na dársena da estación de autobuses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de finalizar as obras que executou nos últimos meses na dársena da estación de autobuses de Lugo.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explica que “o proxecto incluíu melloras e reparacións dalgúns elementos para corrixir o deterioro propio do paso do tempo, ademais de traballos de humanización para xerar un espazo máis cómodo e acolledor”.

Así, “os antigos bancos foron substituídos por outros de madeira que ofrecen unha imaxe unificada e colocáronse plantas ornamentais”.

Tamén se renovou a pintura da fachada e dos portóns de acceso á dársena -sen modificar a cor – e acometéronse melloras puntuais, como o pintado dos bordos e o cambio dun colector de saneamento e dalgúns vidros que estaban danados.

A Xunta apoia a fixeza do persoal do Consorcio de Bombeiros de Lugo

A Xunta de Galicia traslada ao comité de empresa do Consorcio de Bombeiros de Lugo que apoia a fixeza do persoal, e que a intención da Administración Galega é facer unha proposta unificada e común aos tres consorcios de Pontevedra, A Coruña e Lugo.
Así o trasladaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o subdirector xeral de Seguridade e Coordinación, Andrés Iglesias, na reunión que mantiveron cos representantes do comité de empresa da mesa negociadora do convenio colectivo para os traballadores do Consorcio de Bombeiros de Lugo.
Ademais, Arias Fouz, explicou que hai proposta unha nova reunión entre a Deputación de Lugo e Xunta de Galicia, para o día 1 de marzo, polo que solicita a asistencia á mesma do secretario do consorcio, “co obxectivo de garantir a viabilidade xurídica dos acordos, e ante a necesidade de asumir compromisos que estean amparados polo asesor xurídico do consorcio”, sinalou.

O Tour do Talento 2023 celebrarase en Lugo do 2 ao 7 de maio

A tenenta de alcaldesa e edil de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, participou este luns en Zaragoza na inauguración oficial do Tour do Talento 2023, que celebrará a súa primeira parada na cidade maña dende hoxe e ata o vindeiro venres. A iniciativa, impulsada pola Fundación Pricesa de Girona, celebrarase en Lugo do 2 ao 7 de maio e incluirá unha ampla axenda de eventos e talleres sobre temas de máxima actualidade centrados na mellora da empregabilidade e o desenvolvemento profesional, competencial e persoal da mocidade, en formatos disruptivos e innovadores, e fomentando a participación e o networking.

Lugo foi a única cidade galega seleccionada para acoller esta xira e unha das cinco onde se desenvolverá en toda España. As outras catro son Zaragoza, Valladolid, Córdoba e Girona. O obxectivo desta iniciativa é impulsar e conectar o talento dos mozos e mozas do país. O acto inaugural deste luns estivo presidido polo rei Feilpe VI e nel participaron representantes dos cinco municipios anfitrións.

 

Antonio Ameijide Antonio Ameijide

O PP esixe a readmisión das traballadoras do 010

O Grupo Municipal do Partido Popular presentará ao pleno do xoves unha moción de urxencia para que o Concello de Lugo readmita de inmediato ás catro traballadoras do servizo 010 despedidas e que, segundo un auto xudicial o goberno local ten que reincorporar de inmediato.

Antonio Ameijide sinala que se pedirá nesta iniciativa a execución inmediata da sentenza “xa que xa pasaron os 20 días de prazo que daba a sentenza para reincorporar ás catro empregadas”. “Paula Alvarellos, como profesional do dereito que é, debería saber mellor que ninguén a obriga que ten de executar en prazo esta sentenza”, sinala.

Os concelleiros populares aseguran “que a xestión deste goberno local á fronte do servizo de persoal “é un fiasco” enumerando a colección de causas xudiciais perdidas, que se suman á marcha do xefe de persoal hai poucos días”.

Lugo será a porta de saída da primeira etapa da proba ciclista O Gran Camiño

O vindeiro xoves 23 de febreiro terá lugar a primeira etapa da proba ciclista O Gran Camiño que arrincará dende a cidade de Lugo.

O inicio da carreira, que terá lugar ás 10:25 horas dende a praza de Pío XII, obrigará a cortar o tráfico dende as 07:00 até as 12:00 horas non só ao redor da Muralla, senón que tamén as rúas do Carme e Santiago permanecerán totalmente pechadas para o tránsito rodado, incluído o transporte urbano, xa que estas vías se reservan para o estacionamento dos camións e vehículos de apoio que precisa a competición deportiva.

Unha vez que abandonen da cidade das Murallas, a carreira continuará por Guntín, Taboada, Chantada, Alto da Fontela, Monforte de Lemos, Cruz do Incio ata a súa chegada a Sarria.

Percorrerá un total de 191,74 quilómetros.

LuceLugo incorpora unha nova máquina de vapor de alta presión

O Concello de Lugo presentou hoxe unha nova máquina de vapor que incorporará o servizo de limpeza e recollida de residuos da cidade, LuceLugo, para mellorar e incrementar a limpeza viaria e do mobiliario urbano. “

A nova máquina conta cunha tecnoloxía patentada especial de vapor a alta presión –250 bares– con 2 caldeiras. Ten a capacidade de desenvolver unha profunda limpeza das rúas e de eliminar múltiples elementos como pintadas, chicles e residuos de animais; alcatrán, pegamento, resina e cola; carteis, adhesivos ou verniz; xiz, rotuladores, lapis e bolígrafos; algas, mofo, cal, sal e silicona; cera de velas despois de procesións; manchas negras de pneumáticos de coches, carretillas ou camións; manchas de bebidas, comidas, restos de mercadillos; gasoil, aceite e graxa, po de freos ou feluxe; malas herbas, musgo ou fungos, entre outros.

 En comparación con outras máquinas, ofrece un 25% máis de presión en vapor (ata 250 Bar), un 35% máis de volume de vapor 17400L/min e un 35% máis de rendemento na man de obra, cun aforro do 65% de auga. Así mesmo, permitirá un aforro aproximado dun 93% de produtos químicos e terá capacidade para eliminar ata 2.400 chicles por hora.

 

 

Terremoto

Ao saber pola radio da gravísima situación entre Siria e Turquía, cavilei que se trataba de un conflito bélico repentino, que orixinaba un sanguento desastre. Non digo que me tranquilizou saber que era unha catástrofe natural, pero o arrepío é diferente.

Resultou ser o choque de placas en lugar inestable xeoloxicamente que, alterando o milagroso equilibrio do planeta, produciu milleiros de mortos e incontables dramas humanos irreparables entre os que estamos de paso na súa superficie.

Pero aínda afectándonos gravisimamente unha catástrofe así, sabendo que non se pode conter nin prever, aferrámonos a un fatalismo irremediable por entender que ao alcance da nosa man só está ser solidarios cos afectados.

E danos por pensar que sería moito peor o que podemos facer os humanos, por irracional, inxusto e imprevisible. Que comezar un conflito como o de Ucraína é un crime de lesa humanidade e abofetéannos as declaracións dun político que manifestou que Rusia non utilizará armas nucleares nesta guerra porque os xerarcas que a gobernan teñen medo á propia morte.

Ou sexa, que no momento en que un gobernante non tema á morte pode haber conflito nuclear?. Unha soa bomba nuclear que se dispare é peor que mil terremotos. Que lonxe aquela idea de que os terroristas non ían inmolarse por temer pola propia vida!. E como exemplo temos os kamikazes da segunda gran guerra ou os terroristas das torres xemelgas que matando, morreron; morreron matando. Aínda tendo en conta que o home é un lobo para o home, moi mal debemos estar para que sexa menos preocupante un terremoto asasino que algunhas posibles accións humanas!.

O PP de Sarria nomea a Carmen José López candidata á alcaldía

O Comité Executivo do PP de Sarria acordou por unanimidade na reunión deste sábado designar candidata á alcaldía nas próximas eleccións municipais a Carmen José López Rodríguez.

A alcaldable popular asegura que “me fai gran ilusión este proxecto que ten como obxectivo devolver o esplendor e o seu lugar no mundo á nosa excepcional terra”. Carmen José López leva media vida vencellada ao asociacionismo, dentro do ámbito empresarial e, sobre todo, do emprendemento, “con ánimo de cambiar as cousas”. Agora da o paso de entrar en política tras acumular experiencia profesional que lle permitiu “coñecer a administración local porque estiven traballando  directamente con Concellos. Son construtiva e veño para aportar”, manifesta.

Carmen José López cre que “Sarria está sedenta de ilusión” e cre que “temos que mirar para o futuro e non centrarse en loitas de egos que enchen de enfrontamentos a situación política da nosa vila”.

A alcaldable popular considera que “hai que poñer en valor o noso territorio que é rico e excepcional para devolver o esplendor. A vila industrial de Sarria conta con xente emprendedora, cun rural con posibilidades e cunha situación xeográfica estupenda”.

A dirección provincial traslada o seu apoio á decisión do comité executivo local e aplaude a incorporación ao proxecto do Partido Popular “dunha muller nova en política, con iniciativa, con ideas claras e con ganas de traballar por Sarria”. En definitiva, “agradecémoslle a súa disposición para encabezar a alternativa de goberno que cremos que precisa Sarria”.

CURRÍCULO DE CARMEN JOSÉ LÓPEZ

A avogada con despacho en Santiago e Lugo moi vencellada ao ámbito empresarial, é asesora xurídica do Eixo Atlántico          -que xestiona a solicitude de fondos europeos para os Concellos asociados entre o que se atopa o de Sarria- e vocal para a provincia de Lugo da Asociación Galega de Autónomos e Pequenas Empresas. Conta tamén con experiencia institucional como secretaria xeral de Aje Lugo entre 2009 e 2016, presidenta de Aje Galicia entre 2014 e 2017 e membro da xunta directiva da CEG.

 

A Sala Tebras esgotou as entradas para o concerto de Dani Fernández

Preto de 900 persoas gozaron onte co concerto que ofreceu na sala lucense Tebras, o músico Dani Fernández. Fans do cantante desprazáronse ata Lugo dende moi diversos lugares de Galiza, doutros lugares da península e mesmo de fora dela, como foi o caso de dúas parellas que viñeron dende Palma de Mallorca, ex profeso, para asistir ao concerto de Fernández na Tebras. A sala sempre que programas artistas recoñecidos, que son a maioría dos que suben ao seu escenario, contribúe a atraer visitantes á cidade que pernoctan e realizan gastos durante o par de días  que permanecen entre nós. E iso que a empresa propietaria da sala, non conta con ningunha axuda pública, xa que esta empresa  está vetada, tanto polo concello como pola Deputación de Lugo.

Malia todo, comentan dende a Tebras que seguirán a programar bos concertos, e xa preparan outro evento que tamén traerá á cidade das murallas xentes de diferentes lugares para desfrutar dunha boa velada de música e de paso coñecer a cidade.

 

Os Codex Cinema estrean esta tarde o filme O Triángulo da Tristura

Codex Cinema estrea hoxe venres o filme “O triángulo da tristura” gañador da Palma de Ouro no pasado Festival de Cannes.

O filme dirixido por Ruben Östlund é unha divertida sátira sobre os influencer e a loita de clases.

Conta a historia de Carl e Yaya, parella de modelos e “influencers”, que tras a Semana de Moda son invitados a un iate nun cruceiro de luxo. Mentres que a tripulación brinda todas as atencións necesarias aos ricos invitados, o capitán négase a saír da súa cabina malia a chegada inminente da célebre cea de gala. Os eventos toman un xiro inesperado e o equilibrio de poder invértese cando se levanta unha tormenta que pon en perigo o confort dos pasaxeiros.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com