Novas

A Delegación do Goberno activa a fase de alerta por nevaradas

A Delegación do Goberno en Galicia activou na súa fase de A Delegación do Goberno activa a fase de alerta por nevaradasdo Estado das catro provincias galegas. Esta medida adóptase ante as predicións emitidas pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) e irase actualizando en función dos partes meteorolóxicos que emita AEMET nos próximos días.
En concreto, segundo as predicións meteorolóxicas, espéranse acumulacións de neve superiores a 20 centímetros nas montañas de Lugo e Ourense en menos de 24 horas. Tamén se prevén acumulacións de neve de máis de 4 centímetros por encima de 500 metros no interior da Coruña e Pontevedra, e provincias de Lugo e Ourense.
A Delegación do Goberno en Galicia, de acordo con o Protocolo de Coordinación de Actuacións, mobilizará todos os recursos dispoñibles en Galicia para neutralizar os efectos que provoquen o frío e a neve nas estradas. Para iso notificou esta previsión aos organismos implicados en materia de vialidad e tráfico do Estado (Demarcación de Estradas, Garda Civil e Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste), así como ao resto de administracións. O obxectivo fundamental da activación é garantir a máxima fluidez posible de tráfico mantendo as infraestruturas de transporte de competencia estatal en condicións de uso.
Entre os medios a disposición, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ten operativas 103 máquinas quitaneves, 21.000 toneladas de sal almacenadas e 3.257.000 litros en depósitos de salmoira.
Recomendacións: as autoridades lembran que as medidas xerais de protección a adoptar ante un temporal de neve e frío son: se vai viaxar, solicitar información previa do estado das e stradas e da situación meteorolóxica. Evitar a viaxe en coche sempre que non sexa necesario e utilizar, se é posible, transporte público.
En caso de ser imprescindible a utilización do vehículo, revisar neumáticos, anticonxelante e freos. Ademais, hai que ter a precaución de encher o depósito de combustible, e levar cadeas e elementos de abrigo. Así mesmo, é recomendable levar un teléfono móbil e dispositivo de alimentación do mesmo. Ir moi atento para ter especial coidado coas placas de xeo. É difícil determinar en que lugar do traxecto poden formarse, aínda que xeralmente as zonas de sombría son as máis habituais.
Se queda atrapado pola neve, debe permanecer no coche, se o temporal lle sorprénde dentro do mesmo. Así mesmo, é conveniente manter o motor do vehículo aceso e a calefacción posta, coidando renovar cada certo tempo
o aire. É moi importante evitar quedar durmido. Comprobar que se mantén libre, en todo momento, a saída do tubo de escape para que o fume non penetre no coche. Se é posible, tente sintonizar as emisoras de radio, que seguramente lle informarán das predicións meteorolóxicas, e das informacións oficiais sobre o estado da situación e as indicacións que se dean respecto diso.

Maña martes presentase o Libro homenaxe “Xesús Mato, 90 anos … e 50 do seu Fuxan os ventos”

Dentro da programación do Bicentenario do Concello de Paradela, ven de publicarse o libro “XESÚS MATO, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os ventos”, como homenaxe ao crego e musicólogo fillo predilecto do Concello de Paradela.

O libro, publicado por Brandán Comunicación, coordinado por Antonio Giz e Xulio Xiz, a través de 166 páxinas, é un percorrido pola traxectoria vital de Xesús Mato e Mato, co gallo de cumprir 90 anos o pasado 29 de outubro, e medio século da creación do grupo “Fuxan os ventos”, da que foi alma mater, sendo tamén da súa autoría a letra e a música da canción que deu nome ao grupo.

No libro, ademais do resume que fai Xesús Mato do seu camiñar pola vida, e os textos de presentación de Román Rodríguez (Conselleiro de Cultura, Educación, F.P. e Universidades), José Manuel Mato (Alcalde de Paradela) e dos coordinadores da publicación, participan Alfonso Blanco, Marisol Bravos, José Crespo, Ángel Fernández, Marcos Fernández, Valentín García, Mero, Manuel Lombao, Arximiro López, Mini, Eloy Rodríguez, Santiago Rodríguez, Carlos Rodríguez, Isidoro Rodríguez, e Lola Tourón.

Cada un dos coautores incide nunha fase da vida e actividade do Padre Mato (así é xeralmente coñecido): a nenez, o Seminario, a guerra… a lingua, a cultura, a primeira parroquia… Radio Popular de Lugo, Fuxan os Ventos, Galicia canta ao Neno… Delegado de Medios, a música, crego de familia… Auxilia, Fillo predilecto de Paradela e Medalla Castelao… Unha vida entregada aos demais que o libro quere poñer de manifesto en homenaxe a este grande da Igrexa, da música e da cultura.

O martes, 17 de xaneiro, faranse dúas presentacións públicas deste libro:
12,00.- Casa do Concello de Paradela. Ademáis de Xesús Mato, participarán Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; José Manuel Mato, Alcalde; Ángel Fernández (fillo predilecto de Paradela) e Xulio Xiz.
20,00.- Salón de actos da Biblioteca Provincial de Lugo (Biblioteca Nodal). Intervirán Xesús Mato, Valentín García, Marisol

Bravos, Ángel Fernández e Xulio Xiz. En ámbolos dous casos, con entrada libre, e con entrega de cadanseu exemplar do libro aos asistentes.

O Concello lucense intensifica a limpeza de pintadas

O Concello de Lugo dedicou á eliminación de debuxos e garabatos no 2022, un total de 37.000 euros  e ten previsto  incorporar nas vindeiras semanas maquinaria de vapor para mellorar a eliminación de pintadas en rúas, fachadas e mobiliario urbano. Medio Ambiente está a realizar un intenso labor de limpeza das pintadas en rúas, fachadas e mobiliario urbano da cidade, “actos de vandalismo e feísmo que nada teñen que ver coa arte urbana, que si estamos a potenciar, e que supón un dano á imaxe de Lugo, así como un alto custo económico para as arcas municipais”, sostén o edil responsable, Sr. Fernández.

“Moitas das pintadas levan a mesma firma”, indica o concelleiro, que lembra que estas accións que danan e deslocen os bens públicos e privados constitúen unha infracción e levan aparelladas sancións de ata 600 euros. Nas pintadas en bens públicos pódese actuar con maior rapidez, sinala o edil. Cando son en edificios e vivendas privadas debe primeiro solicitalo a propiedade ao Concello e é un procedemento máis lento; a única excepción é o Centro Histórico, onde se suprimen de forma periódica tres veces ao ano, independentemente de que o pidan ou non.

A eucaliptización e os parques eólicos ameazan a Ave do Ano 2023

As persoas estudosas da tartaraña cincenta (Circus pygargus) alertan sobre a desaparición inminente desta especie migradora ligada a zonas agrícolas e de matogueira aberta.
A Sociedad Española de Ornitología (SEO/BirdLife), a través dunha votación pública, ven designar a tartaraña cincenta (Circus pygargus) como Ave do Ano 2023 en España. Con esta acción, SEO/BirdLife “pon o foco sobre unha especie que precisa dunha
atención especial polo seu mal estado de conservación ou porque simboliza a urxencia de protexer os hábitats que a acollen para reclamar a administracións e institucións medidas para a conservación do patrimonio natural de todos” (REF: ir.gl/080).
Cada vez menos tartarañas A nivel estatal, o censo desta rapina en 2017 contabilizou entre 4269 e 5360 parellas, o que supón un declive de entre o 23% e o 27% en só dez anos (REF: http://ir.gl/841b42). A situación en Galiza é aínda máis precaria, pasando dun rango de
800 a 1548 parellas en 2002 a apenas 172-287 en 2019, o que supón un declive de entre o 59 e o 81% (!) en só 17 anos (REF: ir.gl/54475a). SEO/BirdLife e o Grupo Ibérico de Aguiluchos son as promotoras da realización destes censos (REF: seo.org,
grupoibericodeaguiluchos.org).

Oportunidades perdidas e ameazas crecentes

E isto tórnase máis lamentable se consideramos que desde 2007 a tartaraña cincenta está incluída como Vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas, e que, por lei, debería aprobarse un Plan de Conservación da especie (REF: ir.gl/32070b). A designación da especie como “Ave do ano 2008 en Galiza” pola Sociedade Galega de Ornitoloxía serviu para avanzar no coñecemento da tartaraña (REF:ir.gl/0d9623) e alertar á opinión pública do estado xa desfavorable de conservación da especie. A
redacción do Plan de Conservación desta rapina licitouse e realizouse pero,
lamentablemente, ficou paralizado desde 2009, sen se aprobar nin publicar (REF: ir.gl/6434a1, ir.gl/bf5bcd, ir.gl/408e3a). Desde entón, a caída en picado das poboacións da tartaraña cincenta foi da man co aumento descontrolado das lantacións de eucalipto (Eucalyptus nitens e E. globulus) nos mellores hábitats de busca de alimento e reprodución da especie (matogueiras abertas, pasteiros en extensivo, mosaicos rurais abertos, páramos), así como das plantacións de piñeiros (Pinus radiata e P. pinaster) no interior e a intensificación agraria e gandeira, con perda de usos extensivos. A instalación de ducias de parques eólicos tivo, ten e terá
impacto tamén nas poboacións desta especie, ben por colisión directa coas aspas dos aeroxeradores como por perda da calidade de hábitat por fragmentación (REF: ir.gl/49d7cf, ir.gl/54475a).

A opinión dos expertos

Ademais da opinión de SEO/BirdLife, ADEGA considera importante pulsar a opinión do Grupo Ibérico de Aguiluchos, como grupo de traballo que, desde 1991, reúne asociacións e particulares preocupados pola conservación da tartaraña cincenta e das
outras dúas especies o xénero Circus nidificantes na Península: a gatafornela (Circus cyaneus) e a tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus). O seu presidente, o biólogo Xabier Vázquez Pumariño, comenta que a tartaraña cincenta “debería estar en Perigo
de Extinción” en Galiza e en España en vista da magnitude do declive poboacional nas últimas décadas. Comenta tamén “a necesidade de facer real ese Plan de Conservación”, que “salvagarde tamén a singularidade das poboacións galegas da
especie, cunha alta porcentaxe de individuos de morfo escuro, algo único a nivel mundial”. Vázquez Pumariño manifesta a súa preocupación pola instalación masiva de parques eólicos: “Algúns aeroxeradores están proxectados non só no territorio das tartarañas cincentas, senón mesmo enriba da situación exacta dos niños da especie”.

Desde ADEGA reclamamos:

Unha nova licitación para a elaboración dun Plan de Conservación da especie en Galiza, que actualice a información e propoña medidas axeitadas de preservación, con fondos suficientes.
Que nese novo Plan de conservación se realice unha recompilación de toda a información histórica da presenza da tartaraña cincenta en Galiza, elaborando como mínimo un mapa de alta resolución (cuadrículas UTM de 1×1 km) coas presenzas comprobadas da especie (reprodución e busca de alimento) no período 2002-2009 (“mapa de presenzas 2002-2009”), ademais dunha prospección exhaustiva das áreas ocupadas actualmente pola especie.
Que se elabore un plan para a eliminación nun prazo máximo de 5 anos das plantacións de eucaliptos e piñeiros en ao menos o 50% das cuadrículas UTM de 1×1 km con presenza da especie no “mapa de presenzas 2002-2009”.
A moratoria permanente ás plantacións de eucalipto en novas áreas en Galiza.
A moratoria permanente á construción de parques eólicos nas áreas con presenza actual e/ou histórica de tartaraña cincenta.
Tamén aproveitamos para reclamar á Xunta de Galiza que licite con urxencia os 72 Plans de Recuperación das especies En perigo de extinción no Catálogo galego de especies ameazadas que están pendentes de realizarse desde 2007 (97,3% do total), así como os 125 Plans de Conservación das especies Vulnerables nese catálogo (só hai un aprobado), e que serían 124 se se aproba o da tartaraña cincenta.

20 taxistas lucenses reciben axudas para comprar vehículos accesibles e ecolóxicos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade concedeu nos últimos meses 164.000 euros a 20 taxistas de Lugo para adquirir vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida -os denominados eurotaxis -; taxis de baixas emisións ou de emisións cero.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo hoxe un encontro cun taxista do concello de Vilalba que mercou un eurotaxi co apoio da última orde de subvencións, correspondente a 2022.

Arias explicou que do total das achegas aprobadas, 11 foron para taxis adaptados, 12 para os chamados ECO – de baixas emisións – e unha para un automóbil de emisións cero.

Algúns dos 20 taxis beneficiarios reunían varias das características. En canto ao reparto na provincia, o municipio de Lugo rexistra tres beneficiarios; a Fonsagrada outros tres; dous en Vilalba e un na Pastoriza, Guitiriz, Meira e Pol, así como en Carballedo, Pantón, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos e Sober  e un en Portomarín, Samos e Monterroso,respectivamente.

Arias afirmou que a Xunta ten aberta unha nova convocatoria desta liña de apoios cun orzamento total de 500.000 euros. As axudas, que son compatibles entre si, ascenden a 10.000 euros para mercar de eurotaxis; 6.000 euros para vehículos de emisións cero; e 4.000 euros para o caso de baixas emisións. O prazo de presentación de solicitudes esténdese ata o 14 de outubro de 2023.

A área de Medio Ambiente informa de restricións de estacionamento no Ceao

A concellería de Medio Ambiente informa de que, con motivo da finalización de diferentes traballos de poda no Polígono do Ceao, xa quedaron sinalizadas esta noite as correspondentes restricións de estacionamento nas rúas dos Artesáns e da Industria co fin de permitir os labores de conservación e mantemento do arboredo urbano que se levarán a cabo por parte desta área municipal mañá, sábado, 14 de xaneiro.

Así mesmo, o vindeiro domingo, día 15, se procederá ao corte dun carril de circulación en ambos os sentidos da Avenida Benigno Rivera entre as devanditas vías (rúa dos Artesáns e da Industria), concretamente do máis próximo á mediana onde se atopan os exemplares a podar.

O edil trasladou, alén, que as tarefas foron programadas durante a fin de semana para ocasionar as menores molestias posibles á cidadanía e non afectar á actividade do propio Parque Empresarial.

O helicóptero Pesca II súmase a busca do octoxenario desaparecido en Cangas de Foz

Nas vindeiras horas, está prevista a saída do helicóptero Pesca II do Servizo de Gardacostas de Galicia co fin de realizar as necesarias inspeccións polo litoral, na procura de pistas sobre a localización do home.

Tamén participan nos rastrexos membros e cans de rescate de Casaga (Ferrol), e integrantes do GES de Cervo, así como voluntarios de Protección Civil a axentes de Policía Local e Garda Civil.

De feito, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, contactou cos inspectores ao mando do operativo de busca para prestar a colaboración necesaria. Así, nas vindeiras horas, incorporarase a aeronave do servizo da Consellería do Mar para dar o relevo aos helicópteros da Garda Civil, que xa sobrevoan a zona.

Igualmente, non se descarta que se poidan sumar máis medios e recursos no momento no que sexan necesarios.

O 112 Galicia tivo coñecemento da desaparición deste veciño do Camiño da Vía, en Cangas de Foz, onte pola tardiña (19 horas), tras recibir a chamada dun familiar que advertía da súa falta. A partir de aí, púxose o caso en coñecemento dos corpos de seguridade, do GES de Cervo e das autoridades locais.

Deste xeito, iniciouse a busca, que foi interrompida durante a madrugada para retomarse coas primeiras luces do día, segundo as indicacións da Garda Civil.

“Holy Spider” e “Silent Land” as dúas estreas dos Codex a partir deste venres

Os cines Codex estrean hoxe Holy Spider, película dirixida por Ali Abbasi, seleccionada por Dinamarca para representar ao país nos Óscar 2023  e Silent Land, a ópera prima de Aga Woszczyńska, que recibiu o Premio FIPRESCI en 2022.

Holy Spider é nominada a catro premios EFA do cine europeo. Premio á mellor actriz para Zar Amir-Ebrahimi no Festival de Cannes e no Festival de Sevilla. Este impresionante thriller baseado en feitos reais e un potente thriller iraní que explica a impunidade da violencia contra as mulleres, un thiller magnético, sucio e moi político.
Sinopse: Irán, 2001. Unha periodista de Teherán mergullase nos barrios con peor reputación da cidade santa de Mashhad para investigar unha serie de feminicidios. Pronto darase conta de que as autoridades locais non teñen ningunha presa por resolver o asunto. Os crimes son obra de un só home, que asegura purificar a cidade dose seus pecados e que ataca a prostitutas pola noite.

Silent Land, inquietante historia sobre as profundidades da culpa e a negación nun contexto multicultural.
Sinopse: Una parella perfecta aluga unha casa de vacacións nunha illa soleada de Italia. A realidade no está á altura das súas expectativas cando se dan conta de que a piscina da casa está estragada. Ignorando que a illa sofre escaseza de auga, piden que alguén a arranxe. A presenza constante dun estraño invade a idea de seguridade da parella e pon en marcha unha cadea de acontecementos que lles fan actuar de forma instintiva e irracional, encamiñándose cara un lugar máis escuro da súa relación.

Dirixido á Concellería de Vías e Obras e Mobilidade do Concello de Lugo

Unha vez máis a situación do leirapárking situado enfronte do Hospital Universitario “Lucus Augusti” HULA atópase nun estado lamentable, completamente cheo de fochancas, desde a Federación de Asociacións Veciñais “Lucus
Augusti” solicitamos a urxente realización duns labores de mantemento e unhas capas de saburra para evitar que os vehículos que estacionan nel sufran danos, causados polas fochancas que ten devandito aparcadoiro. Temos entendido que hai unha empresa de mantemento para o arranxo do
leirapárking e queremos pedir explicacións públicas de que tipo de mantemento realiza dita empresa, se é que existe e con que periodicidade e a que custos. Dada a situación lamentable na que se atopa o aparcamento público situado enfronte do Hula, desde a Federación de Asociacións Veciñais “Lucus
Augusti” imos crear un Marathon da Fochanca, que consistirá en que periodicamente contaremos o número de fochancas que hai no aparcadoiro público situado enfronte ao Hula. Nesta primeira edición do Marathon da Fochanca, que realizamos esta semana contabilizamos un total de 211 fochancas, uns máis grandes e outros máis pequenos. Desde a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo “Lucus Augusti”, cremos que #ante esta situación requírese unha intervención urxente que deixe o estado do aparcadoiro nunhas mínimas situacións. Achéganse fotografías do estado actual do leirapárking

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Entrega das Medallas de Ouro de Paradela

Mañá, venres, trece de xaneiro, vaise celebrar o acto da entrega das dúas MEDALLAS DE OURO DE PARADELA, concedidas polo Pleno do Concello en maio de 2022 a Rocío Domínguez Brea e Rafael Fernández Rodríguez, polo seu determinante papel para atopar a dúas veciñas desaparecidas o 15 de decembro de 2021.

Rocío Domínguez, Presidenta da Asociación de Mulleres de Paradela, e Rafael Fernández, Garda Civil de Portomarín, colaboraron de forma decisiva na localización de dúas veciñas de Paradela – nai e filla, de 90 e 65 anos – que saíron en coche do seu domicilio, e foron atopadas horas despois desorientadas á beira do río Loio.

Como recoñecemento a estes dous exemplos de colaboración, o Concello de Paradela, a proposta do Alcalde José Manuel Mato Díaz, concedeulles cadansúa Medalla de Ouro, que lles será entregada no acto que se enmarca no Bicentenario do concello, a celebrar ás oito do serán no Centro cultural “Manuel Rodríguez López”, acto ao que se invita a todos os paradelenses.

Neste acto intervirá o Alcalde, José Manuel Mato Díaz, destacando o papel dos homenaxeados na emerxencia social de decembro de 2021, darase lectura ao acordo de concesión, entregaranse as Medallas e respostarán os galardoados. O comezo estará marcado pola “Marcha solemne do antigo Reino de Galicia” e pechado polo Himno Galego, que interpretará un Grupo de músicos da Banda de Paradela, que este 2023 celebra os 150 anos de existencia, dirixido polo titular da agrupación, Martín Vázquez García. Ademais do director (trombón), actúan Jesús David Álvarez Peña (bombo), José Antonio Salvador López (caixa) e Marisol López Arias (saxo).


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com