Novas

Muralla Lugo Muralla Lugo

A Xunta licita o plan de conservación e xestión da Muralla

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de licitar o contrato para a elaboración do Plan de conservación e xestión da Muralla Romana de Lugo, ao que destina 153.000 euros.

O delegado territorial, Javier Arias, sinala que “permitirá compilar nun documento os coñecementos sobre a Muralla, incluídos os derivados das intervencións arqueolóxicas que todos os anos executa a Xunta en distintos elementos; igualmente, definirá as necesidades de conservación e restauración e unha proposta de usos para un desenvolvemento sustentable, entre outros aspectos”.

Este plan director constituirá unha ferramenta de organización estratéxica e integradora e terá unha natureza aberta e revisable, guiando as futuras intervencións e novas propostas que poidan producirse para a conservación, uso e difusión dos valores e atributos do monumento como ben patrimonio da Humanidade.

Ao mesmo tempo, será un documento técnico profundo, exhaustivo e preciso, que catalogará toda a información dispoñible, identificará as condicións e patoloxías das fábricas e proporá programas de mantemento, medidas de seguridade fronte a riscos e desastres e prevención de actos vandálicos.

Tamén se deseñarán accións de divulgación e educación patrimonial e un plan de usos, no que se recollan, sistematicen e avalíen os usos actuais e os potenciais, garantindo a máxima conservación e facilitando as condicións de apreciación dos valores culturais do monumento así como a súa posta en valor, co maior alcance para todos os públicos, usuarios e interesados.

O prazo de presentación de ofertas para optar á licitación remata o día 26 de xaneiro. O período máximo de elaboración do plan é de 15 meses.

 

A Audiencia Provincial de Lugo condena a tres anos de cárcere a un pai por abusar da súa filla

A Audiencia Provincial de Lugo condenou a tres anos de cárcere e a cinco anos de liberdade vixiada a un pai por abusar da súa filla en 2019, ano no que a vítima cumpriu 16 anos. O tribunal considerou probada a existencia de catro episodios de abuso á integridade sexual da menor ao longo dese ano. Un deles, segundo indican os maxistrados na sentenza, sucedeu cando ambos compartiron a cama do camión no que traballaba o acusado, quen dirixiu “a man cara á vaxina” da súa filla, quen lla apartou e advertiulle que llo diría á súa nai se non paraba, polo que o seu pai cesou na súa conduta. Noutra ocasión, segundo o relato de feitos probados da resolución, cando se atopaban no domicilio familiar vendo unha película na televisión, o acusado apagou a luz e tocoulle os peitos. Os xuíces tamén afirman que, tras ese episodio, lle ensinou un vídeo e que lle dixo que era “normal” que pais e fillas mantivesen relacións sexuais. No fallo, ademais, aseguran que, noutra ocasión, o condenado parou o seu vehículo e tentou tocarlle na zona xenital.

O tribunal destaca que a declaración da vítima reuniu “os requisitos e características que a habilitan plenamente para enervar, por si mesma, a presunción de inocencia do acusado, recoñecendo, mesmo, non lembrar con exactitude ou de modo aproximado, as datas dalgún dos feitos”. Ademais, indica que mantivo o seu relato “ao longo de todo o tempo, nas súas distintas declaracións”.

Na sentenza, a sala salienta que o relato da afectada tamén está corroborado por datos ou elementos periféricos, entre eles as manifestacións dunha traballadora social e da súa profesora, a quen lles contou os feitos e lles dixo que non quería denunciar. Esas dúas testemuñas foron quen, nun primeiro momento, puxeron os feitos en coñecemento dos axentes da Garda Civil. Contra o fallo da Audiencia Provincial de Lugo cabe presentar recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Ata sempre, Arcadio Silvosa

El País titulou: “Muere Arcadio Silvosa, leyenda del periodismo en Lugo”. E un queda pensando que é verdade, que para o xornal do que foi correspondente, para os lectores dos xornais, para os oíntes da radio, para os televidentes… Arcadio Silvosa foi unha clamorosa realidade, historia recente, intelixencia activa, e agora que fisicamente se nos foi, entra na lenda.

Pero para os que o coñecemos de preto, os que o vimos escribir e soñar, aprender e ensinar, medrar e facerse grande da comunicación, era o compañeiro perfecto, ledo e risoño, socarrón e intelixente, de mirada que o dicía todo, porque expresaba a inmensidade do que lle cabía no corazón.

Era o máis novo dos que pisábamos o peque

no fogar do Ideal Gallego no Campo Castelo no final dos setenta; viña de Castro de Rei á capital da provincia, e conquistou a todos os que tiñamos algunha relación cos medios coa súa inocencia, naturalidade, sinceridade, alma grande… Era unha boa persoa e un gran profesional. Era un sorriso, ollada limpa, palabra de paz, seriedade garantida, e un humor intelixente, contaxioso, chispeante, socarrón…

Foi un elemento imprescindible naquela aventura que se chamou Televisión Lugo. Fíxose admirar por todos; foi amigo de todos, gastou bromas e recibiu bromas, quedando marcado na nosa memoria para sempre o día, luns de antroido, no que para o seu programa a maquilladora lle pintou dous coloretes bermellos que el non veu ata o remate, sendo o primeiro dos que riu pola situación. Por iso cando se meteu en política escribín que a Arcadio, para sacarlle as cores, había que pintarllos primeiro. Arcadio era un gran tipo. Sen dobreces. E agora entra na lenda.

Desfrutaba co traballo de informador, o deporte era a súa vida, escribir ou falar de deportes e de deportistas acreditaba vocación, coñecementos, relación, vivencia… E a incursión na política deulle más amigos, un novo campo de acción, un ámbito diferente – difícil; non para el – no que tanta falta fan Arcadios para humanizar as relacións.

Chamábame Polifemo, coma o xigante dun só ollo na fronte, coa naturalidade que merecen as verdades meridianas. Ninguén máis mo ten chamado, e ríase coma un tolo cada vez que o comentabamos, e eu alegaba que teño unha vista que “non a merezo, pero é unha graza de Deus”.

Estou certo que a Arcadio, xa lenda á vez que historia certa, en lugar destacado do ceo dos galegos ao que acceden os bos e xenerosos, halle gustar que lembre aquí o agarimoso apelativo que tivo a ben asignarme. Descansa en paz, compañeiro amigo. E a ver se nos vemos algún día.

Lugo Monumental denuncia que os aparcamentos municipais son os máis caros de Galicia

Lugo Monumental presenta hoxe un estudo no que “se demostra que a nosa cidade sofre os prezos máis altos dos aparcamentos subterráneos das cidades de Galicia”. Segundo Lugo Monumental , “hai que lembrar que estes aparcamentos son propiedade do Concello de Lugo, que ten privatizada a súa xestión mediante concesión a unha empresa, cuxos prezos son máis baixos noutras cidades por exemplo Santiago de Compostela. A comparativa realizouse con estacionamentos subterráneos similares por localización nas cidades da Coruña (Os Cantóns), Ourense (Cale Concordia), Pontevedra (Praza de España), Santiago de Compostela (Praza de Galicia) e Vigo (García Barbón), sendo nosa cidade a máis prexudicada en estacionamentos dunha e dúas horas e a segunda en tres horas”.
O custo en Lugo, de 2,12 euros, para os primeiros 60 minutos é un 14,68 % máis elevado que a segunda cidade, A Coruña, onde é de 1,85 euros esa mesma hora e chega a superar en máis dun 33% o custo da cidade de Pontevedra, a máis barata da comparativa.
En estancias de dúas horas, “de novo Lugo é a cidade máis cara de Galicia para aparcar no centro, aínda que a distancia redúcese coa súa inmediata seguidora xa que a segunda hora de aparcamento é máis cara en Coruña que en Lugo”. A distancia con Santiago, que neste caso é a máis barata de todas as da comparativa, rolda novamente o 30% de incremento.
E por último, para estancias de tres horas neste caso, o menor custo da terceira hora de aparcamento en Lugo fronte á da maioría das demais cidades xoga a favor do cliente, pero con todo somos a segunda cidade máis cara, a pouca distancia da primeira (22 céntimos, un 4,01%) e seguimos marcando diferenzas con Santiago, que de novo ten a tarifa máis económica de Galicia para unha estancia desta duración, un 22,47% máis barata que a de Lugo.
A Asociación propón ao Concello as seguintes vías alternativas de actuación:
1. Conveniar coa empresa concesionaria a gratuidade da primeira media hora de estacionamento, o que sería compensado polo Concello mediante o pago dunha tarifa reducida (xa que se incrementaría notablemente a afluencia).
2. Reducir ao máximo posible a tarifa de uso dos aparcamentos, @teniendo en cuenta todo o anterior, tanto o feito de ser uns prezos moito máis caros que noutras cidades (mesmo nalgunhas onde a concesionaria é a mesma) como o feito de que os aparcamentos son de propiedade municipal.
3. Estudar o rescate da concesión, indemnizando á empresa concesionaria e explotando devanditos aparcamentos mediante fórmulas de economía social e con prezos reducidos que garantan a liberdade de acceso ao centro histórico dos lucenses e visitantes.

 

 

Abanca, condenada á devolución con intereses do anticipo dunha vivenda non entregada

A entidade herdeira das antigas caixas galegas Abanca, ven de ser condenada á devolución dun anticipo de pagamento para a compra de vivenda en construción, así como ao pagamento dos custos procesais e intereses correspondentes dende o abono do anticipio. O fallo estima por completo a demanda presentada por unha persoa compradora representada por Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores.

A sentenza sinala que Abanca terá que pagar, xa que logo, 50.000 € á persoa demandante en concepto de anticipo da vivenda, ao que haberá que sumar os correspondentes intereses legais dende a data de cargo en conta do ingreso, alén dos xa mencionados custos procesais.

Na sentenza, a xuíz recolle a xurisprudencia ao respecto emanada do Tribunal Supremo con base na Lei de Vivenda de 1968 que, se ben na actualidade foi derrogada, atopábase vixente no momento en que se produciron os feitos que motivaron este preito. Neste sentido, o Tribunal Supremo ten interpretado reiteradamente que non poden caer sobre o comprador nin as consecuencias do incumprimento por parte da promotora das súas obrigas, nin as derivadas do incumprimento por parte de entidades bancarias. Ademais, a sentenza lembra que as entidades de crédito depositarias de cantidades económicas provenientes de particulares para a compra de vivendas en construción non teñen o carácter de terceiros alleos á relación entre o comprador e o promotor ou vendedor. De feito, teñen a obriga de colaboraren activamente para que este último cumpra coas súas obrigas legais.

No mes de novembro, a Audiencia Provincial de Pontevedra xa condenara á mesma entidade, Abanca, ao abono con intereses dos anticipos por dúas vivendas non entregadas a outros particulares en Lalín, nun caso onde tamén  o mesmo bufete exerceu o labor de representación dos consumidores. Estas dúas sentenzas confirman a protección legal ás persoas que arriscan cantidades económicas para a adquisición dun ben fundamental como é a vivenda.

Máis de 67.000 visitas ao Belén de Begonte

A día de hoxe, 9 de xaneiro, o Belén de Begonte ten recibido 35.000 visitas presenciais e 32.155 á súa web na actual edición de “O Nadal de Begonte”.

En canto ás presenciais, agora que remata a atención diaria ao público, e se pasa ás fins de semana, continuou, desde o pasado día 28 de decembro, o termo medio por día foi de máis de 1.000 persoas, obrigando de facto á ampliación do horario previsto. Se ben se mantivo o comezo arredor das 11 da maña, non así o peche xa que a afluencia de visitantes obrigaba a pechar na práctica ás 14,00 h. O mesmo ocorría polas tardes, que foi preciso pechar arredor dunha hora máis tarde.

Na mañá de hoxe volveron as visitas colectivas cunha expedición da Residencia de maiores de As Gándaras. Como queira que só se abre ao público sábados e domingos, para o resto dos días, as visitas colectivas, a organización do Belen, deben solicitarse en día e hora no tfno. 610.907306.

A Concellaría de Benestar Social organiza unha saída cultural a Sargadelos

 Concellería de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, que dirixe Olga López Racamonde, oferta unha nova viaxe cultural enmarcada na Programación de Animación Sociocultural. Trátase dunha saída ao complexo histórico e artístico de Sargadelos e tamén á vila de Viveiro.

Así o deu a coñecer esta mañá a concelleira , quen anunciou que a saída terá lugar o venres, 27 de xaneiro. A xornada arrincará ás 09:30 horas dende a Praza de Bretaña, regresando ao mesmo punto sobre as 20:30 horas. As e os veciños que participen nesta excursión municipal visitarán a Real Fábrica e o Museo Histórico de Sargadelos, e posteriormente viaxarán ata a vila de Viveiro. A entrada ao complexo histórico-artístico corrrerá a cargo do Concello e o xantar, a cargo das persoas participantes.

Esta primeira saída cultural do ano está pensada, unha vez máis,como actividade recreativa para a socialización das persoas maiores, pero mantense aberta a toda a veciñanza.

A cidadanía interesada en asistir poderá apuntarse dos días 16 ao 20 de xaneiro, ou ata completar a capacidade do autobús, nos centros de convivencia Maruja Mallo ou Uxío Novoneyra, en horario das 10:00 ás 13:00 h. Deberán aboar 4,12 euros a través do modelo de autoliquidación de taxas e prezos públicos 603 (http://www.lugo.es/Modalidad3/Autoliquidacion?modelo=603).

A Xunta adxudica as obras onde se instalará a unidade de Nerorradioloxía

A Xunta de Galicia adxudicou en 813.450 euros as obras construtivas onde se instalará a unidade de Neurorradioloxía no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo. O contrato reduciu en dúas semanas o prazo inicial de execución dos traballos, polo que as obras levaranse a cabo en tres meses e medio.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xirou visita esta mañá ás dependencias onde se situará a nova dotación, xunto ao director asistencial da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Rafael Monte, entre outras autoridades e traballadores do servizo.

Neste encontro, Arias Fouz, sinalou que “estas obras permitirán diferenciar dúas áreas, unha asistencial e outra técnica, para a unidade de Neurorradioloxía, ademais de acoller os novos equipamentos que permitirán tratar na provincia patoloxías que ata o momento se derivaban a outros centros sanitarios, como a realización de trombectomías na fase agua do ictus”.

A adaptación das salas de Neurorradioloxía que incorporará os novos equipos de radioloxía intervencionista, xa licitados, é “un paso máis na consecución da unidade do ictus para Lugo. Levamos moito tempo traballando neste obxectivo e proba do compromiso da Xunta de Galicia é que todas as actuacións levadas a cabo ata de agora, permitirán ao goberno galego destinar un investimento de máis de 2M€ para que no 2023 este servizo sexa unha realidade”.

O obxectivo principal desta obra, consiste, segundo explicou o delegado territorial, “en crear dúas áreas diferenciadas, unha asistencial, máis próxima á unidade de hospitalización, que disporá de zona de recuperación, de preparación de persoas ingresadas ou vestiarios para pacientes ambulatorios, entre outras. A outra área se destinará a despachos, zona de traballo médico ou sala de informes, complementaria á zona asistencial, que se desenvolverá nunha segunda fase”. As obras afectarán a unha superficie de case 340m2 da primeira planta do Hula, na área de Radioloxía.

Tempo para o soño

O manual político dos non entendidos en política afirma que despois dun goberno progresista convén que os conservadores aforren para consolidar realidades. Enténdese que os primeiros abren a man máis do que permite a infraestrutura económica, satisfacendo necesidades latentes. Ese extender os pés máis do que da a manta non pode durar, di ese manual, e fai falla traballar e aforrar para permitirse eses dispendios por xustos que sexan.

Así, despois dun goberno para o que todo o mundo merece axuda, atención, sostén, hai quen opina que terá que vir un goberno conservador que aquilate gastos, fomente a produción, equilibre a balanza, e consiga que o que o progresismo avanzou – xustificada a necesidade, cuestionada a posibilidade – cadre contas e realidade, avanzando un chanzo na escada do progreso social.

A saber se é tan simple o panorama dun país efervescente, membro da U.E., que tenta harmonizar europeismo con independentismo ou localismos que parecen non encaixar no mundo de hoxe, ou veñen ser un paso para a Unión que en lugar de vinteunha repúblicas e seis monarquias, pase a ter 54 ou 108 países nos que toda corrente política teña o seu espazo de poder.

Se ese manual fose aplicable, contéñanse os precios, aumenten pensións, semente o goberno para a colleita de maio, coidando que progresistas ou conservadores asentarán no futuro os presuntos avances actuais. Quédanos a esperanza de que uns e outros, o mesmo que aplaudiron o discurso nadaleiro do Rei, acorden estabilidades, e cun só paso avanzar e afianzar avances. É moito pedir, pero se non soñamos ao comezo do ano, non imos ter moito máis tempo para o soño.

 

Cortada a estrada de Piñeiro a Lamacarreira en Carballedo

A estrada provincial LU-P-1009, que conecta os núcleos do Piñeiro e Lamacarreira por Buciños, en Carballedo, quedou cortada onte á noite a causa dun corremento de terrasprovocado polas fortes choivas da pasada fin de  semana. Aínda que o firme non se viu afectado, as precipitacións provocaron a formación dunha cavidade debaixo da vía, á altura dopunto quilométrico 1,500, que podería afectar á seguridade na circulación de vehículos.

 

Foto: unha estrada cortada o pasado ano.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com