Novas

O Gordo para A Fonsagrada!

Un número ”feo” o 05490  saíu hoxe do bombo para regar con 180 millóns de €uros na Fonsagrada. A localidade da montaña luguesa recibía esta choiva de millóns.

Todos os décimos que chegaron á administración da Fonsagrada vendéronse na administración, polo que o premio debería estar moi repartido. A medida que transcorría o tempo estánse a acercar a administración distintas veciñas aos que lles tocou a lotería e mesmo outros que non tiveron sorte no sorteo

 

 

 

Morre unha muller tras sufrir unha saída de vía e envorcar a furgoneta na que viaxaba en Quiroga

Os feitos sucederon no quilómetro 484 da N-120, ao seu paso polo municipio de Quiroga, e as dúas persoas que viaxaban no vehículo atopábanse fóra del desde o primeiro momento. O condutor foi atendido polos servizos sanitarios, que nada puideron facer pola vida da outra ocupante.

O 112 Galicia recibiu, ao fío das 7 horas desta mañá, a chamada dun particular desde o lugar do accidente: unha furgoneta envorcara no medio da vía. Aínda que os dous ocupantes estaban no exterior do vehículo, o alertador apuntaba que precisaban asistencia sanitaria urxente.

Con celeridade, os xestores do 112 solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, cuxo persoal foi mobilizado a bordo dunha ambulancia, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos servizos de mantemento das estradas. Ademais, foron informados os Bombeiros de Monforte de Lemos, a Policía Local e Protección Civil de Quiroga.

Unha vez no punto, os servizos sanitarios só puideron confirmar o falecemento da muller que, segundo indican os servizos de emerxencias, saíra despedida do vehículo accidentado.

O PP denuncia a campaña de Lara Méndez a costa dos Reis Magos

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular non denuncian “á última ocorrencia de Lara Méndez, que está a xerar moito enfado entre a cidadanía: estender a súa campaña electoral aos nenos e nenas de Lugo facéndose pasar por Raíña Maga, xogando coa ilusión dos máis pequenos no Nadal”.

Para os populares a campaña de Lara Méndez “é inaudita” e unicamente serve “para xogar coa ilusión” dos máis pequenos nestas datas e así utilizalos.

Ante esta situación, os populares explican que pedirán información sobre o custo da campaña e a intención da mesma. “Non sabemos se foi a propia Lara Méndez a ideóloga desta campaña, pero ela debe ser o suficientemente responsable como para saber que esta campaña está fóra de lugar”, apuntan.

“Non todo vale. Hai que poñer límites e, sobre todo, respectar aos nenos e nenas de Lugo”, conclúen.

 

Agromuralla denuncia diferenzas de ata 7 céntimos no prezo do leite entre comunidades

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla denuncia “un claro incremento das desigualdades” entre explotacións no prezo que cobran neste momento polo leite que producen en función do tamaño da explotación, o momento no que foi asinado o contrato coa industria e a comunidade autónoma na que se atope.

Para Agromuralla, “resulta inconcibible que a comunidade que máis leite produce no Estado cobre un prezo inferior á media”, e que este diferencial de Galicia con outras comunidades mesmo se teña incrementado, pasando dos habituais 2-3 céntimos menos a 7 neste momento con respecto ao que cobran por exemplo os gandeiros de Castela e León ou Andalucía (53 céntimos de media en Galicia e 60 nestas comunidades).

“A falta de leite está a levar a unha competencia entre industrias por captar novas granxas subministradoras e á fixación de criterios de negociación dispares mesmo dentro da mesma empresa, con ofertas individualizadas para a renovación dos contratos que fan aumentar as diferenzas entre ganderías”, laiase Agromuralla, que critica “as dubidosas prácticas de negociación que seguen a aplicar as industrias” e apela á “importancia da unión dos gandeiros en defensa dos seus intereses”.

Intentos de baixar os prezos por parte das industrias

Dacordo coa información da que dispón Agromuralla, algunhas industrias están a informar da baixada do prezo do leite nun curto – medio prazo. “Neste momento hai razóns obxectivas para que o prezo do leite en orixe siga en ascenso, posto que os custos de produción están en máximos históricos e está habendo un importante descenso da produción de leite a nivel europeo, ao tempo que os produtos lácteos están a subir de maneira importante nos supermercados”, argumenta Agromuralla.

Desfase entre o valor nos supermercados e o que cobran os gandeiros

Con todo, os prezos pagados aos gandeiros polo leite seguen sen subir en relación ao que o fan os produtos lácteos no supermercado. “Os consumidores están a pagar máis polo leite, pero ese incremento non acaba chegando aos produtores, senón que segue quedando polo camiño, nos petos das cadeas de distribución e das industrias, que queren enriquecerse unha vez máis a costa do traballo e o esforzo dos produtores”, asegura Agromuralla.

Até agora, a maior parte dos contratos entre gandeiros e industrias renovábanse na primavera cunha vixencia dun ano, pero a alta volatilidade vivida no mercado nos últimos meses levou á sinatura de contratos de menor duración, por tres meses na maioría dos casos, polo que neste momento tocaría revisar os contratos asinados no pasado mes de setembro. “Neste momento non hai xustificación algunha para cambiar o criterio de firma dos contrato, nin en canto a prezos nin en canto a duración” argumenta Agromuralla.

Cos gatos polo incremento dos prezos nos pensos, enerxía e outras materias que son fundamentais para manter operativas as explotacións agrarias, Agromuralla fai un chamamento á unidade de todos os gandeiros.

A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha nova manifestación para o 19 de xaneiro

A Plataforma Sanitaria da Mariña chama aos veciños e veciñas da Mariña a sair novamente á rúa o vindeiro 19 de xaneiro de 2023 , na manifestación que convoca baixo o lema “ Contra o desmantelamento da sanidade pública”. A convocatoria responde á situación de emerxencia no que se atopa a sanidade pública, que sufre cada vez máis deterioro sin que os responsables da súa xestión poñan solucións efectivas.
A Plataforma Sanitaria da Mariña sinala que “se ben a Mariña leva sufrido continuos recortes en materia de sanidade desde hai trece anos , os problemas agrávanse trala supresión da área sanitaria no ano 2018 . Esta decisión do goberno da Xunta de xeito unilateral, sen escoitar aos axentes sociais e dándolle as costas ao clamor veciñal que se oponía á súa perda, provoca a centralización dos recursos na capital aumentando as derivacións cara a Lugo – moitas veces a centros privados- para procedementos que ben podían terse realizado aquí, alonxando a sanidade das persoas. Malia que se acometeu una obra de ampliación de gran calado, moi necesaria e que se fixo realidade grazas a un importante movemento de presión social, non se dotou de nin un só servizo novo. A irrupción da pandemia non fixo máis que agravar una situación de extrema debilidade, ampliando considerablemente as xa inaceptables listas de espera que sufríamos debidas ao déficit estrutural de persoal do que adoecemos, sumado á non subtitución das ausencias do pouco e sobrecargado persoal do que se disponía”.
Para a Plataforma Sanitaria da Mariña “a situación actual pola que están a pasar moitos centros de saúde raia o peche funcional dos
mesmos. Mesmo en Viveiro hai uns meses quedaba un só medico dos dez que hai en plantilla entre as quendas de mañá e de tarde; en Cervo durante os meses de verán solo houbo servizo médico tres días á semana. A pediatría de familia na Mariña está a piques de desaparecer e
negámonos a aceptar o discurso que está a lanzar o Partido Popular cando afirma que  temos que acostumbrarnos a que non haxa pediatras nos centros de saúde”.
Segundo a Plataforma “no Hospital da Mariña atopamos situación grotescas como agardar dous anos para facer una ecografía ou tres anos para ser visto por cardioloxía. No servizo de reumatoloxía ,que durante meses estivo pechado por un permiso non substituído xa se perde a conta dos anos que leva agardando a xente por una consulta.

Dende a Plataforma Sanitaria da Mariña consideran que teñen motivos máis que suficientes para sair á rúa defender a sanidade pública, por iso desde este colectivo “chamamos ao sector sanitario,a industria, comercio, sectores produtivos, tecido asociativo, alcaldesas ,alcaldes , corporacións municipais e en xeral á toda a sociedade mariñá a que se sume a esta mobilización que acreditamos en que será multitudinaria”- conclúen @s integrantes do colectivo sanitario.

Os Codex Cinema estrean hoxe mércores o filme “Broker”

Codex abrirá o mércores 21 para a estrea de BROKER do magnifico Hirokazu Koreeda. Un filme elegante, diáfano e conciliador, así é a fraxilidade de Koreeda, que é capaz de contar tantas cousas sen apenas esforzo.
Conta a historia dunha moza que abandona o seu bebé ás portas dunha igrexa nunha noite chuviosa. Este é recollido por dous homes que se dedican a roubar bebés abandonados para vendelos a pais dispostos a pagar unha tarifa. Cando a moza regresa á igrexa, arrepentida, descobre o negocio ilegal dos homes e decide unirse a eles para atopar os pais adoptivos máis adecuados. Neste viaxe por estrada pouco usual, o destino dos que se crucen na vida do neno cambiará radicalmente.

A segunda estrea é AFTERSUN, de Charlotte Wells, sen dúbida un dos mellores filmes do ano. Unha película cargada de sutileza e madurez
Sophie  reflexiona sobre a alegría compartida e a melancolía privada dunhas vacacións que fixo co seu pai 20 anos atrás. Os recordos reais e imaxinarios enchen os espazos entre as imaxes mentres tenta reconciliar ao pai que coñeceuco home que non coñeceu.

A Plataforma pola Defensa da Zona Norte pide que se remate o “Plan Paradai”

A Plataforma pola Defensa da Zona Norte do Concello de Lugo, nun comunicado emitido hoxe fai un chamamento publico ás institucións, para establecer como unha prioridade terminar o chamado Plan Paradai. “O Plan Paradai é máis ben o plan do abandono a desidia ou o esquecemento, … foi asinado no ano 1999, para equilibrar con infraestruturas a zona norte da cidade. 23 anos despois (1999-2022, case 24) ten sen terminar as obras de Serra de Meira, Calzada das Gándaras e Estación, 3 obras de suma importancia, vitais para a comunicación da zona norte”. A plataforma laiase de que as obras non se reinicien mentres “os veciños aguantamos estoicamente que se dignen emprender ditas obras”.

O comunicado remata: “facemos un chamamento público a todas as Institucións, Organismos Públicos, Entidades, Partidos Políticos de todos os signos, … para que se poñan de acordo e realicen as obras de Serra de Meira, Calzada das Gándaras e Estación. Levamos case 24 anos esperando Canto tempo máis teremos que esperar?

.

O Concello estuda a cubrición do parque da Fonte dos Ranchos

O Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, daba conta hoxe de que o seu departamento está a avaliar o procedemento máis axeitado para proceder á cubrición do parque infantil da Fonte dos Ranchos, “un proxecto –dixo- que transformará un espazo moi concorrido pola cidadanía lucense e que incrementará a súa versatilidade permitindo que as familias o poidan utilizar durante todo o ano, nas mellores condicións tanto en inverno coma no verán” apuntou.

O responsable de Medio Ambiente afirmou que a intervención contribuirá a mellorar as dotacións existentes no barrio da Residencia onde a rexedora xa anunciou que consensuará coa Xunta de Galicia a creación de máis prazas de estacionamento que dean servizo ante a próxima apertura do Centro Integral de Saúde.

Fernández engadiu que o Concello tamén ten previsto acondicionar outros dous espazos infantís sitos na mazá como son o inferior, fronte aos xardíns de Simón Bolívar na Rolda do Carme, e o ubicado na rúa Quiroga. Entre os parques da cidade renovados nos últimos meses destacan os de San Roque, Río Mandeo, na Avenida das Américas e a cubrición de Augas Férreas.

O Belén de Begonte supera xa as dez mil visitas

Nas dúas primeiras semanas de funcionamento do Belén de Begonte téñense superado xa as 10.000 visitas de nenos e maiores que acoden con motivo do cincuentenario da súa creación en 1972.

Se o día inaugural funcionou para as 200 persoas que participaron nos actos, e o día tres para os asistentes á misa polos amigos falecidos do belén, no primeiro día de apertura ao público recibiuse a visita de 700 persoas; 1.200 o día seis e 1.300 o día oito, e os festivos e vésperas mantivéronse con estas cifras.

E se para atención aos grupos se debe chamar previamente ao teléfono 610.907306, a organización reitera a necesidade de que os colectivos avisen previamente da visita. Para as visitas individuais ou familiares non hai que efectuar reservas e, se se teñen formado colas en todos os días de funcionamento, deseguida se produce a entrada pois cada cuarto de hora poden visitar o Belén algo máis de medio cento de persoas. Foi especialmente numerosa a asistencia esta pasada fin de semana, con motivo da celebración da Feira do Nadal begontina.

 

 

O Goberno da Deputación levará ao Pleno do día 27 a aprobación das bases do Plan Único 2023

O Goberno da Deputación de Lugo anuncia que elevará ao Pleno ordinario deste mes, que terá lugar o vindeiro martes, 27 de decembro, o debate e aprobación das bases do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2023, ao que destina 21,5M€ para desenvolver actuacións en
materia de infraestruturas, creación de emprego, Servizo de Axuda no Fogar, actividades, eventos, administración electrónica ou protección civil.

Ao aprobarse neste mes as bases do Plan Único, o Goberno da Deputación prevé que no mes de xaneiro xa se poida abrir o prazo para que os concellos presenten os proxectos que queren desenvolver cos fondos do Plan Único.
Como xa se puxo en marcha na anualidade anterior establécese que só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando trámites intermedios.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com