Novas

A Xunta asume os gastos do pavillón do Lucus e Ollos Grandes para que os clubs sigan adestrando

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo esta mañá unha xuntanza cos directores dos centros Lucus Augusti e Ollos Grandes, Carlos Cazón e Francisco Javier Núñez, respectivamente, na que tamén participou a xefa territorial da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Profesorado, María José Gómez, na que se lles comunicou que a Xunta asumirá os gastos que permitiran aos clubs lucenses seguir empregando o pavillón polideportivo que comparten os institutos

Javier Arias, explicou que “decidimos actuar ante a incompetencia do Concello de Lugo” e lembrou que “existe un convenio para a utilización do pavillón polideportivo que comparten os institutos Lucus Augusti e Ollos Grandes, polo que a Xunta de Galicia ofrece as súas infraestruturas deportivas, ante a falta de instalacións na cidade, e o Concello faise cargo dos gastos de mantemento do pavillón. Este convenio leva pendente de asinar desde o curso pasado, pese aos continuos requirimentos que lles fixo a Delegación Territorial”.

Logo que o concello comunicara que non dispón de presuposto para o pago dos gastos do citados pavillón é isto pon                         en perigo os adestramentos de equipos como: Emevé, Estudiantes, Sagrado Corazón ou Franciscanos, entre outros, “a Xunta, buscando ser parte da solución e non dos problemas, farase cargo dos custos de contratación de persoal para a limpeza e vixilancia”. Rematou o delegado.

 

O documental “Gastronomía de origen: de la tierra al plato” emítese este domingo na 2 de TVE

O documental Gastronomía de origen: de la tierra al plato leva á pequena pantalla a calidade dos produtos lucenses e as súas bondades en alta cociña.
Recoñecidos profesionais lucenses da cociña e produtores locais protagonizan este audiovisual que achegará ao espectador a gran variedade de sabores que ofrece a provincia, así como a posta en valor da produción tradicional e sostible. No documental aparecen, por exemplo,
emblemas da terra e do mar con Indicación Xeográfica Protexida e Denominación de Orixe, como a faba de Lourenzá, o queixo da Ulloa, a tenreira galega, o porco celta ou a merluza de Celeiro.

Cunha duración de 52 minutos, Gastronomía de origen: de la tierra al plato é unha proposta culinaria que percorre a xeografía luguesa para espertar na audiencia novas sensacións e o amor á terra e ao traballo ben feito, a través de entrevistas e a elaboración de pratos que
fusionan a esencia da tradición coas técnicas máis vangardistas.

Os cociñeiros, membros da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo, que participan na cinta son: Santi Almuíña, do restaurante Colón; Nardo Eiroa, de Canedo Brasería; Bruno Pena, de Oca Playa Foz; Alejandro Méndez, dos Cachivaches; Antonio Lorenzo, da Faragulla
Chantada; e Diego López, de Bulló Xantar. En canto aos produtores, aparece Adrián Sixto Trigo, de Embutidos Hermelino; Roberto Hernández, de Gallaecia Delicatessen; José Cuadrado, de Terras da Mariña; Antonio Ferreiro, de Artelac, e Miguel Neira, dos armadores de
Burela.

A produción, dirixida polo lucense Jaime Pardo Valdés, pasará a formar parte nos vindeiros tres anos da grella da cadea pública para vindeiras difusións, en diferentes días da semana e horarios, incluíndo as franxas de prime time. Tamén estará dispoñible á carta na plataforma da compañía de Radio Televisión Española.

 

Trasladan ao hospital da Mariña ao tripulante dun cargueiro con sintomas da viruela do mono

O tripulante dun cargueiro que está atracado en Ribadeo foi trasladado ao hospital da Costa con sintomas da viruela do mono. O home permanece dende hoxe ao mediodía no centro hospitalario e está sendo sometido a distintas probas á espera de que se confirme ou non se ten a enfermidade.

O cargueiro que procede de Casablanca conta con oito tripulantes á bordo aos que se lles solicitou que permanezan no barco e que hixienicen todo, así como que utilicen máscaras e guantes.

Os irmáns Coira presentan mañá xoves nos cines Codex o filme “O Corpo Aberto”

Os lugueses Pepe e Jorge Coira, produtores da película “O Corpo Aberto”  que se estrea estes días en diferentes cines, estarán mañá xoves ás 20:30h nos cines Codex para falar deste novo filme galego do que son podutores. O público que asista a esta sesión das 20:30 horas, poderá departir cos cineastas lugueses e preguntar por aspectos do filme que sexan do seu interese.

O Corpo Aberto”, dirixida Ángeles Huerta, adapta un relato de Méndez Ferrín, pertencente ao seu libro ‘Arraianos’. O filme trasládanos a principios do século XX, nun pobo imaxinado por Méndez Ferrín de nome Lobosandaus, que sitúa este lugar na raia. Miguel, un profesor novo, chega a este pobo de montaña situado na raia entre Galiza e Portugal: Lobosandaus, unha aldea de tradicións ancestrais. Miguel, un home con tino, pero que  non pode controlar os seus desexos pasionais, ao ir achegándose o inverno, sente como a contorna e o propio pobo cae baixa una escuridade intensa, ao tempo que medra o seu interese pola enigmática Dorinda.

Asemade a partir do venres 16 os Codex estrean:

Érase una vez…, unha película de animación dirixida por Alejandro Cirici-Pellicer baseada no personaxe de Cenicienta., Esta considerada por algún autores como a Cenicienta de Escobar ao dispoñer de liberdade á hora de redactar o guión e participar na creación de todos os seus personaxes a excepción da Cenicienta e o príncipe.

Sinopse: Un conde e a súa filla viven no fermoso castelo de Aubanel. A nova condesa, pola súa beleza e bondade, é querida por todos os seus vasalos, pero maltratada pola súa madrasta e irmá. Un dos seus paxes liberaraa de tal escravitude coa axuda dun mago e do seu gato Ulises.

Goliath, do director Frédéric Tellier é un Thriller jurídico-ecolóxico realizado para mover as conciencias, lanzar o debate sobre algúns produtos químicos e poñer nerviosas a algunhas industrias. Un filme interesante e entretido que conta a vida de  France, profesora de deporte de día, traballadora de noite e activista; Patrick, escuro e solitario avogado parisino especializado en dereito medioambiental; e Mathias, liante e home apurado, verán os seus destinos trastornados e entrelazados pola terrible acción dun granxeiro desesperado.

Desafio Volta Lugo Desafio Volta Lugo

A Muralla de Lugo será o punto de inicio da volta ciclista profesional a Galicia “O Gran Camiño”

Lugo será o punto de inicio da volta ciclista profesional  “O Gran Camiño”, que por segundo ano traerá a Galicia o mellor ciclismo internacional e que se celebrará o vindeiro 23 de febreiro.

Coa Muralla e o Camiño Primitivo como pano de fondo, a cidade de Lugo será escenario dunha etapa, a primeira desta volta, que culminará en Sarria, punto de referencia do Camiño Francés.

O Gran Camiño serán catro etapas, entre o 23 e o 26 de febreiro, unha por cada unha das provincias galegas, sumando ao propio espectáculo do ciclismo profesional internacional a promoción do territorio.

A organización confirmou este luns a presenza na proba do considerado mellor equipo do mundo, Team Jumbo-Visma Cycling.

Reforzo da Policía Local para evitar a presenza de gorrillas na contorna do HULA

A Policía Local multiplicou a súa supervisión nas inmediacións do HULA para tratar de poñer cerco á práctica ilegal de aparcacoches.

Así, deste incremento dá conta o número de actas levantadas polos efectivos do Corpo que se elevan a 104 no que vai de ano, as últimas 56 interpostas só nos últimos tres meses.

Dende a Xefatura, o Intendente Jesús Piñeiro informou, así mesmo, de que, por parte da Policía Local, “estanse a empregar todos os mecanismos posibles para rematar coa presenza de gorrillas, impoñendo sancións por incumprimentos, moitos deles reiterados, ao Regulamento Xeral de Circulación, á Ordenanza Municipal de Circulación, á Lei de Seguridade Cidadá – todas elas de carácter administrativo – por transitar ou permanecer na calzada para indicar as prazas libres, causar perigo e entorpecer o tráfico, xerando molestias ás e aos condutores, pero tamén penais por desobediencia”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo quixo incidir no feito de que “non se trata dunha problemática que atinxa exclusivamente a Lugo, xa que afecta a practicamente todas as cidades do país, coa singularidade de que, no noso caso, se concentra especificamente nun único foco: o Hospital. E tampouco podemos esquecer que, detrás das causas que empurran a estas persoas a pedir diñeiro por dar indicacións sobre onde estacionar os vehículos, atópase un compoñente eminentemente social que resta efectividade a calquera actuación municipal en tanto a maioría delas son insolventes”.

Aínda así, Lara Méndez lembrou que, tras comprobar que a moitos dos infractores esta actividade ilegal lles reportaba unhas ganancias superiores ao Salario Mínimo Interprofesional, “dende a Policía Local se trasladou un informe ao órgano autonómico competente coa finalidade de determinar se, en cada caso, procedía a suspensión ou extinción destas prestacións, ben porque serían incompatibles coa práctica que desenvolven, ben porque cos ingresos que obteñen, non cumprirían cos requisitos esixidos para o seu outorgamento, tratando de empregar todas as vías posibles para disuadir desta conduta”.

Morre un home despois de sufrir un accidente co seu tractor cando trataba de estacionalo

O condutor trataba de estacionar a máquina agrícola no garaxe e ao desprazárselle o vehículo monte abaixo, sufriu o accidente, que lle causou a morte.

Sucedeu nunha pista asfaltada, en Vilameixide, Freixís, no concello lucense de Navia de Suarna.

Ao fío das catro e media desta tarde un particular informaba dos feitos ao 112 Galicia e, nese intre, os xestores de emerxencias contactaron de inmediato co Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Do mesmo xeito, foron informados os Bombeiros de Sarria e a Garda Civil.

Unha vez no lugar, os profesionais sanitarios tan só puideron confirmar o pasamento da persoa.

O programa Nadal en Rede levará actividades aos Concellos de Cospeito, Foz e Monforte de Lemos

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe a programación dunha nova edición de Nadal en Rede, o programa de dinamización lingüística impulsado pola Xunta de Galicia que arranca este venres e levará actividades para público familiar a unha vintena de concellos.

Na provincia de Lugo serán os Concellos de Foz, Cospeito e Monforte de Lemos os que contarán con algunha destas actividades. En Foz será o mércores 28 sera coa proposta Fazulas e o ladrón de paraugas, unha iniciativa da compañía teatral Bandullo Azul, protagonizada por Fran Campos e baseada no libro homónimo de Xosé Lueiro. O espectáculo conta a viaxe iniciada por Fazulas, o gato persa de dona Adelaida, na súa teima por saber de que cor é o vento. Para darlle resposta a ese misterio, emprenderá unha fantástica aventura collido á empuñadura dun paraugas.

Outra das actividades e que poderán ver en Cospeito o mércores 28 de decembro é o contacontos O Apalpador e os Monifates, unha proposta
do máis orixinal e divertida que combina o contacontos arredor dunha figura senlleira do Nadal galego coa música e os monicreques danzantes, un tipo de títere tradicional recuperado pola compañía Os Monifates.

E por último un concerto didáctico-sensorial para bebés de 0 a 3 anos no que a actriz Cristina Collazo, a través de pezas musicais orixinais
do compositor Manuel Paino, realiza unha viaxe de descuberta polo corpo curioso dos nenos e das nenas. A finalidade é que os cativos deixen voar a súa imaxinación e, con ela, saian a percorrer o mundo. A iniciativa contará con sesión dobre o día 27 de decembro en Monforte de Lemos.

Toda a información sobre o programa e o calendario de actividades está dispoñible no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Ferido un operario ao caerlle unha árbore enriba cando traballaba no monte da Fonsagrada

Un compañeiro que tamén se atopaba no lugar chamou ao 112 Galicia, ás 13 horas, e indicou que estaban a realizar tarefas de talla nun monte do lugar de Sudros, en San Pedro de Río (A Fonsagrada), cando unha das árbores se precipitou sobre o operario. Segundo o mesmo alertador, malia que o ferido estaba liberado dende o primeiro intre, permanecía inmóbil de cintura para abaixo. Ademais, a estrada máis próxima, a LU-530, queda a varios quilómetros do punto.

Con esta información, os xestores do 112 solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Fonsagrada.

Por outra parte, o persoal sanitario confirma que nestes momentos estase a desprazar o helicóptero medicalizado con base en Ourense.

Visita do Presidente da Xunta ás obras do Parque empresarial das Gándaras  

O presidente da Xunta, que visitou as obras da terceira fase do Parque empresarial das Gándaras, acompañado da alcaldesa, o delegado da Xunta, a conselleira de Medio Ambiente e a candidata do PP ao concello en Lugo, resaltou o “éxito da aposta autonómica por esta nova área de asentamento empresarial na contorna da capital luguesa que xa ten adxudicado a totalidade do solo das fases xa rematadas -a primeira e a segunda- e reservada parte da fase 3, en construción, supoñendo un total de 140 parcelas asignadas ou reservadas”.

E incidiu en que “ao seu remate, contará con máis de 2 millóns de metros cadrados” e preto de 270 parcelas. Na terceira fase, que está previsto rematar no vindeiro mes de abril, o investimento superará os 3,1 millóns de euros.

Este espazo empresarial, que acolle empresas de sectores punteiros en toda Galicia que van dende a automoción e a maquinaria agrícola á fabricación de mobles ou mesmo á produción de café, verá no vindeiro ano licitar as fases 4, 5 e 7-A para dispoñer de preto de 220.000 metros cadrados máis co obxectivo de favorecer o asentamento empresarial na bisbarra.

O máximo mandadatario da Xunta salientou, “a firme aposta do Goberno galego por atraer investimentos empresariais a Galicia e promover a expansión de industrias xa asentadas”.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com