Novas

Abre a campaña extractiva da centola na provincia

A campaña extractiva da centola comeza este luns na provincia de Lugo. Na área que vai desde o cabo Estaca de Bares (na provincia da Coruña) ata o río Eo -incluíndo a ría do Barqueiro-, o inicio da actividade das distintas artes réxese polo establecido no decreto que regula en Galicia as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos.

A campaña deste crustáceo na provincia prolongarase ata o inicio da veda do ano 2023, que se fixará a través do correspondente plan de xestión. Nas provincias da Coruña (desde cabo Corrubedo ata cabo Estaca de Bares) e Pontevedra (de cabo Corrubedo á Guarda) a campaña comezou o pasado 7 de novembro -estenderase tamén ata a data que fixe o plan de xestión do vindeiro exercicio- e nesa mesma data tamén abriu a campaña do boi en todo o litoral de Galicia, incluída a costa lucense.

A cota máxima de captura destas dúas especies é de 35 quilos por barco e día, á que se lle engaden 35 quilos ao día por cada tripulante  enrolado e a bordo. Poden participar na campaña todas as embarcacións de artes menores e con porto base en Galicia así como
aquelas que, tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para faenar nestas augas.

A RAG inaugurará o Ano Francisco Fernández del Riego en Lourenzá

O presidente da Real Academia Galega recibiu na sede da institución unha representación da Mesa Coordinadora don Paco, creada para canalizar e organizar as actividades de celebración do Día das Letras Galegas 2023, dedicado a Francisco Fernández del Riego, que se promovan dende Lourenzá, o seu concello natal.

Víctor F. Freixanes entrevistouse este venres coa presidenta da coordinadora, a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García; o vicepresidente e concelleiro de Cultura, Manuel Arango Ron; Manuel Román Ramos, biógrafo do homenaxeado; e Isabel Vilalba Seivane, membro da coordinadora en representación da Asociación Patrimonio Laurentino.

Freixanes agradeceu a visita da Mesa Coordinadora Don Paco e avanzou que a institución, á que Del Riego pertenceu e da que chegou a ser presidente, estará o ano que vén moi presente na súa terra e amosou a disposición da RAG a colaborar en distintas iniciativas a prol da difusión da figura e do legado do intelectual. A primeira delas será o vindeiro 7 de xaneiro, cando a RAG visitará Lourenzá para participar na apertura do Ano Francisco Fernández del Riego organizada dende o seu concello.

O pleno da RAG decidiu o pasado mes de xullo dedicarlle o 17 de maio de 2023 a Francisco Fernández del Riego cadrando coa celebración do sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, do que foi inspirador, e os cento dez anos do seu nacemento. Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, Del Riego foi un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo.

Don Paco foi unha das figuras centrais do galeguismo progresista e clave da resistencia no exilio interior durante o franquismo, cunha traxectoria polifacética e prolífica que abrangueu dende a política, a creación e crítica literaria á edición. A comezos dos anos 50 sería un dos fundadores da editorial Galaxia, empresa que desempeñou un papel central na resistencia cultural de Galicia durante o franquismo, e na última etapa da vida presidiu a Real Academia Galega (1997-2001). O seu nomeamento significou un importante cambio nas actividades desta institución, que se reactivaron extraordinariamente e, sobre todo, se axeitaron aos novos tempos.

Piden maior vixilancia na rúa Carril dos Miñóns

Os veciños da rúa Carril dos Miñóns (na Milagrosa) denuncian sufrir actos vandálicos contra as súas vivendas todas as semanas “sen que desde o Concello de Lugo se faga nada por poñer fin a esta serie de sucesos”, tal e como sinalan dende o Partido Popular.

Os veciños están cansos de ver como sofren danos nas súas propiedades sen que ninguén no goberno local se preocupe por garantir a
súa seguridade e das súas propiedades”. Pode verse como varias das vivendas teñen os vidros das fiestras completamente rotos (nalgún caso
as pedras aínda están entre os vidros rotos) ou marcas dos golpes das pedras nas portas, persianas e fachadas. “Son actos que non se poden permitir baixo ningún concepto porque xeran medo e inseguridade entre os veciños”, explican.

Seguramente, este tipo de sucesos veñen derivados da sensación de abandono que transmite esta rúa. Explican os veciños que non se limpa
todos os días, polo que pode verse cunha simple ollada lixo tirado pola beirarrúa ou nas zonas verdes que hai ao carón. “Se a imaxe que se
transmite é que cada un pode facer o que quere, pois os actos vandálicos aparecen ao pouco tempo”, lamentan.

Ante esta situación, os concelleiros populares instan ao goberno local a mellorar o mantemento da zona, comezando por coidar a limpeza e
asfaltar correctamente esta rúa, ademais de establecer algún sistema de vixilancia de acceso, xa que na entrada do Carril dos Miñóns hai un sinal de “prohibido o paso a vehículos, excepto para residentes” pero, explican os veciños, que na realidade non se controla polo que “todos os días teñen problemas para acceder ou saír das súas vivendas”.

Maximus, a mascota do Breogán, acenderá o vindeiro venres as luces do nadal

Maximus, a mascota do Breogán, será a responsábel de acender as luces de Nadal do Concello de Lugo. O Alumeado de Nadal permanecerá en funcionamento ata o 8 de xaneiro de 2022, en horario de 18:00 a 00:30 horas durante a semana, e de 18:00 a 03:00 as fins de semana e vésperas de festivos.

Este ano colocaranse nas distintas rúas e prazas un total de 189 arcos luminosos e 30 elementos ornamentais. Ademais, decoraranse 100 farolas. Entre os elementos ornamentais, destacan a instalación dunha figura en 3D na praza de Santo Domingo, preto da Praza de Abastos, que contará como mínimo con 2.600 puntos de luz e a decoración de varias rotondas da cidade con árbores de 8 metros de altura e 1.900 puntos de luz. Noutras prazas, instalaranse outros motivos en 3D cun mínimo  de 2.000 puntos de luz ou árbores de 3 metros de altura e 12.000 puntos de luz.

O percorrido do Camiño Primitivo recibirá unha decoración especial e as letras Lugo Km 100 colocadas na praza do Camiño Primitivo serán decoradas con luces. A árbore da praza Maior, fronte ao Concello, terá un mínimo de 20 metros de altura e estará ubicada sobre unha plataforma de 8×8 metros, contará cun mínimo de 3 figuras para poder utilizalo como photocall e 15.000 puntos de luz.

Cincuentenario do Belén de Begonte

O venres, 2 de decembro, o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, presidirá en Begonte o acto inaugural do Cincuentenario do Belén electrónico, nun acto que se celebrará no salón de actos do Centro Cultural “José Domínguez Guizán”, ás
19,00 h.
A apertura ao público do Belén efectuarase, como é tradicional, o primeiro sábado do mes de decembro, despois da Misa polos amigos do Belén falecidos, que se celebrará na igrexa parroquial de Begonte ás 18,00 h.

Actos institucionais organizados na cidade con motivo do 25N

Os actos arrincaron na Praza de Santo Domingo, fronte á Arbore da Vida, cunha ofrenda floral que este ano tomou a forma dunha bolboreta en alusión ao lema da programación municipal “Árbores de vida, Bolboretas de liberdade’ na honra das irmáns Mirabal”.

Unha usuaria da Casa da Muller foi a encargada de ler o manifesto, no que se fixo un especial fincapé sobre a crueldade coa que se exercen as múltiples violencias que se practican contra a muller e que comprometen seriamente a orde social xusta e igualitaria.

A lectura fixo tamén alusión a outras formas de agresión que xorden ao amparo das novas canles de comunicación e socialización, máis concretamente, á ciberviolencia que tanta repercusión está a ter na mocidade.

Precisamente, a alcaldesa, interpelou, durante a súa intervención coa que pechou o acto, a non baixar a garda.

A continuación, Rut León interpretou a canción “Ya no más”, de Susan Ochoa coa que se quixo enviar unha contundente mensaxe de rexeitamento aos ataques machistas.

Por outra banda, o Concello habilitou unha performance con manequíns na Praza Maior na que a poboación poderá deixar as súas mensaxes #maltratadoresnon. Un hashtag escollido para representar este ano a campaña de concienciación ante a necesidade de afastar sentimento de culpabilidade que os maltratadores, como parte do seu castigo, pretenden inferir ás vítimas

Igualmente, a área de Xuventude ten preparadas accións reivindicativas, demandadas polos mozas e mozas que participan habitualmente nas actividades da Casa da Xuventude. Unha delas é “Quen ocupa esa cadeira?”, una mostra teatral a cargo de Palimoquiños e CIA, que terá lugar mañá, 26 de novembro no adarve da Muralla, e, como colofón á programación municipal,o salón de actos do centro de convivencia Maruja Mallo acollerá o día 29 a Mesa de diálogo: Mulleres dos diferentes ámbitos ante a violencia de xénero, na que participan: FADEMUR, ACADAR, RIOPLATENSES, AELU e ALIAD-ULTREIA.

O luns abre o prazo para solicitar praza dentro do programa Lugo Termal

A Deputación de Lugo abre o vindeiro luns, 28 de novembro, o prazo para solicitar algunha das 1.025 prazas do programa Lugo Termal. A Xunta de Goberno aprobou este venres as bases dunha nova edición do programa termalismo na que haberá 650 prazas na modalidade con estancia e 375 na de sen estancia nos tres establecementos da provincia: As Termas de Lugo, Río Pambre en Palas de Rei e Hotel Balneario Augas Santas en Pantón

As persoas interesadas deberán cumprir cos requisitos de ter máis de 50 anos, estar empadroado ou empadroada nalgún dos 67 concellos da provincia, valerse por si mesma, non padecer alteracións do comportamento que afecten á convivencia e carecer de contraindicacións médicas. Poderán presentar a documentación dende o vindeiro luns, 28 de novembro, a través do Rexistro Xeral – a cita previa pode solicitarse a través do teléfono 982 260 030- ou tamén, na páxina web da sede electrónica da Deputación de Lugo, sede.deputacionlugo.org.

A modalidade con estancia contempla seis días e cinco noites en pensión completa e con carácter xeral haberá 15 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconsellen, e haberá un recoñecemento médico previo á aplicación das técnicas termais.
Haberá 75 prazas en Lugo, 500 en Pantón e 75 en Palas de Rei. Esta alternativa ten un custe máximo de 300€ por persoa e estancia, dos que a Deputación de Lugo farase cargo de 110,50€ de máximo e a persoa usuaria do restante.
A modalidade sen estancia, con 375 prazas, contempla dez días (de luns a venres). Inclúe un mínimo de 30 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconsellen.
Neste caso, os participantes benefícianse dun prezo vantaxoso de 200€, gracias aos descontos que ofrece a Deputación. Haberá 100 prazas en Lugo, 150 en Pantón e 70 en Palas de Rei.

Podemos Lugo pide a implicación do Concello nas medidas para a protección das vítimas de violencia

Podemos Lugo vén de rexistrar un requirimento ao Concello de Lugo, no que se pide a súa implicación no desenvolvemento nunha serie de medidas para a protección das vítimas de violencias machistas, das menores ante a violencia vicaria e a xeración de dereitos feministas que amplíen os dereitos das mulleres como mellor fórmula contra as violencias.

Coincidindo co 25N, o Círculo de Podemos Lugo presentou unha proposta para a implicación activa do Concello nos avances feministas. “É fundamental que o Concello como institución máis próxima se implique directamente nas medidas que protexan e amplían os dereitos das
mulleres”, indica a voceira Ximena Cheda, quen considera “fundamental a coordinación das distintas institucións na liña que se está a marcar dende o Ministerio de Igualdade”.

Ximena Cheda explicou que “como sociedade debemos desenvolver mecanismos que protexan ás mulleres en situación de violencia e, sobre todo, políticas pensadas para transformar a sociedade e acabar coas violencias machistas”. Nese senso apunta que “a educación con perspectiva feminista ou a educación sexual son instrumentos fundamentais para acadar sociedades máis libres, porque a única maneira de garantir unhas vidas sen violencias pasa por establecer e dotar de recursos as políticas pensadas para garantir a autonomía e liberdade das
mulleres”.

Inaugurada a primeira fase da autovía Lugo-Sarria

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu o acto de posta en servizo dos 11 quilómetros que unen A Pobra de San Xiao e o enlace de Sarria centro, no que tamén participou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. Na súa intervención, o presidente da Xunta resaltou as vantaxes que supón este treito que hoxe se abre ao tráfico no sur da provincia de Lugo para unha media de 7.500 vehículos ao día.
Alfonso Rueda indicou que a posta en marcha dunha vía de alta capacidade neste treito da comarca de Sarria supón para o tráfico “dispoñer de catro carrís con pavimento de altas prestacións, acurtar o tempo de viaxe e facilitar unha condución máis cómoda e segura”.
Recordou, ademais “que se está a traballa xa no proxecto para completar o desdobramento dos 16 quilómetros restantes entre A Pobra de San Xiao e Nadela”.
O treito de 11 quilómetros que agora se abre ao tráfico beneficiará especialmente aos veciños de Sarria, de Láncara e do Páramo, pero tamén a todos os condutores e profesionais que transitan con frecuencia polo sur da provincia de Lugo.

A maiores, a Xunta impulsou a remodelación do eixe Palas-Friol-Begonte e o acondicionamento da estrada de Folgoso do Courel; e aposta pola Rolda Leste de Lugo ou pola mellora da estrada de Viveiro a Cabreiros pola Gañidoira.

Vázquez Portomeñe falará sobre O Camiño de Santiago en Paradela

O avogado e político Victor M. Vázquez Portomeñe participará na programación do Bicentenario de Paradela cunha conferencia sobre O Camiño de Santiago, que se celebrará o próximo 25 de novembro, venres, ás 19,00 h. Presentará ao conferenciante  o profesor Antonio Calvo Varela, estando ambos acompañados por José Manuel Mato Díaz, Alcalde de Paradela.

Non é que Portomeñe redescubrise o Camiño de Santiago, pero si que desde a Xunta de Galicia, como Conselleiro, impulsou o Camiño no que cría e cre decididamente como elemento primordial para a potenciación da imaxe de Galicia no exterior, e como unha fonte practicamente inesgotable de riqueza -material e espiritual- para o país.

O punto de partida da acción conxunta da Xunta de Galicia e concellos na impulsión do Camiño hai que buscalo nunha xuntanza presidida polo conselleiro Portomeñe no Concello de Paradela, hai 29 anos, na que participaron os alcaldes do Camiño, representantes da Igrexa e xente relacionada coa investigación histórica, na que se acordou poñer en marcha unha serie de accións para dar o coñecer o Camiño Francés a Compostela, e difundilo para conseguir que se convertese de novo na gran vía de conexión de Galicia coa Europa occidental. De todos os que aparecen na foto, o único que permanece na política activa é o Alcalde de Paradela.

A conferencia, que terá lugar no Centro sociocultural Manuel Rodríguez López será de entrada libre ata completar o aforo, invitándose especialmente a quen queira coñecer de primeira man a xénese e primeiros tempos da promoción do Camiño de Santiago en Galicia


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com