Novas

O PP critica que se desperdicien miles de litros de auga por tardar moito tempo en reparar fugas

O Partido Popular critica que “unha nova rotura nunha tubaria de auga deixou patente a ineficacia da solución adoptada por Lara Méndez para poñer coto a este problema no horario que non están traballando os operarios municipais (de 20.00 a 08.00 horas e en fin de semana e festivos)”.
Os populares sinalaron que “onte, a última hora da tarde, houbo unha rotura nunha tubaria de auga na Avenida dos Deportes. Ante esta situación, os veciños chamaron á empresa que ten que solucionar a incidencia (sobre as 20.00 horas) sen que ningún operario aparecera no lugar ata as 01.30 horas. Unha vez no lugar, os operarios da empresa non souberon solucionar a incidencia nin cortar a auga, polo que tiveron que ser os operarios municipais os que a primeira hora de hoxe cortasen a auga e se puxesen a traballar para solucionar o problema”.

Esta rotura que deixou sen auga a toda a marxe esquerda da Avenida Marqués de Ombreiro, dende a rúa Río Mandeo, e á Avenida dos Deportes. Ante esta situación, os concelleiros populares preguntan a Lara Méndez “por que segue a pagar o contrato a esta empresa que non
soluciona os problemas en lugar de reforzar a plantilla municipal para poder dar solucións inmediatas aos veciños afectados por estes
problemas”.

 

Lugo Monumental presenta a Xunta e Concello un Plan de Escavacións do Centro Histórico

A asociación Lugo Monumental dirixirase ao Concello de Lugo e á Xunta de Galicia (esta última responsable en materia de patrimonio) para expor a súa idea de levar a cabo un Plan de Escavación do Centro Histórico de Lugo, unha proposta tan sinxela como efectiva. para promover a rehabilitación da zona.

A idea é adiantar as escavacións e levalas a cabo agora en todas as parcelas e nos locais que os propietarios poñen á súa disposición, para que poidan planificar o futuro desas parcelas sabendo que restos poden ter. Para iso proponse executar a partida orzamentaria que o PEPRI recolle dende os anos noventa “de 1,2 millóns de euros, e que nunca se executou. Hoxe, co IPC acumulado desde a aprobación desa norma, suporían máis de 2,1 millóns de euros”.

O problema máis grave da Cidade Vella

O maior inconveniente da rehabilitación dun edificio ou edificación nunha parcela do centro histórico é o probable “perigo” (entendido dende o punto de vista do investimento que se vai realizar) de atopar restos arqueolóxicos, xa que a escavación corre a cargo do promotor. pero o que pode aparecer é propiedade da administración. Lugo Monumental é partidaria da escavación, estudo e conservación do noso patrimonio, pero tamén de buscar solucións para os propietarios que hoxe non se atreven a rehabilitar as súas propiedades xa que corren un serio risco de ruína económica.

Plan de escavación:

O Plan de Escavación do Casco Histórico de Lugo consiste nunha iniciativa para ofrecer a todos os propietarios que desexen realizar unha escavación arqueolóxica nos locais e parcelas baleiras que poñen a disposición deste proxecto. Isto suporá clarificar definitivamente a súa situación para os locais e parcelas afectados, para que os propietarios poidan deseñar un proxecto adecuado a este, contemplando a conservación “in situ” dos restos que poidan aparecer, a musealización, se é o caso, ou a extracción dos mesmos. Lugo Monumental cree que “reducirase considerablemente os custos, xa que o proxecto non se paralizará unha vez iniciado, nin terá que modificarse para contemplar as probables aparicións de restos existentes en case calquera espazo do casco histórico”. Polo que, como queda dito, “parece lóxico que esa carga se traslade ás administracións competentes en materia de Patrimonio e que, ademais, sexan elas as propietarias dos posibles restos”, conclúen.

 

 

A Xunta adxudica catro parcela no parque empresarial de As Gándaras

A Xunta ven de adxudicar catro parcelas no parque empresarial das Gándaras á que se lles aplicou unha bonificación sobre o prezo de venda.

As catro parcelas adxudicadas contan cunha superficie de 7.551 metros cadrados e bonificacións aplicadas por 442.115 euros. As empresas adxudicatarias, neste caso, pertencen aos sectores de enerxía, fisioterapia, enxeñería e actividades recreativas.

Reixtro Civil

O xulgado dálle a razón ás profesoras do conservatorio e condena o Concello de Monforte a contratalas a xornada completa

O xulgado do Social 1 de Lugo recoñece os dereitos das profesoras do conservatorio municipal de Monforte, ás que até agora o Concello mantiña “discriminadas nas súas condicións laborais e salariais”. A sentenza, que xa é firme, dálle a razón as traballadoras en todas as súas reivindicacións e condena o Concello a recoñecerlles a xornada completa de 37,5 horas e abonarlle as diferenzas salariais deixadas de percibir dende xaneiro de 2018.

As profesoras do Conservatorio Profesional de Música ‘Mestre Ibáñez’ levan anos pelexando para que se recoñeza a xornada completa (e a retribución salarial correspondente), xa que estaban a 30 horas semanas e non a 37,5 horas á semana, tal e como estabelece a Orde da Consellaría de Educación que regula a xornada de traballo do persoal docente (funcionario e laboral) que imparte as ensinanzas reguladas.

O Concello elaborou, no ano 2021 un Regulamento de Funcionamento do Conservatorio sen negociar co persoal docentes nin co Comité de Empresa (aínda que as e os docentes son persoal laboral), entrando a regular materias reservadas ás leis orgánicas e á normativa autonómica sobre as que non ten competencia e vulnerando dereitos fundamentais do profesorado, alumnado e nais e pais, susceptíbeis de amparo constitucional.

De feito, as catro profesoras demandantes xa estaban de facto realizando xornada completa, pois ademais do tempo de traballo recoñecido nos seus contratos, dedicaban horas a maiores para a corrección de exames, preparación das aulas, actividades fóra do centro, perfeccionamento etc., que non eran retribuídas polo Concello.

Non obstante, o Concello de Monforte mantiña a estas profesoras cun contrato de 30 horas semanais, só pagándolles 26h, e negábase a incrementarlles a xornada ao legalmente estabelecido, alegando que as traballadoras estaban a interpretar de maneira errónea a normativa e invocando as normas e a xurisprudencia que mellor lle conviña en cada momento.

Agora, o xulgado dálle a razón as traballadoras en todas e cada unha das súas reivindicacións e condena o Concello de Monforte a pórlle o contrato a xornada completa co incremento nas retribucións que isto conleva, así como a abonarlles as diferenzas salariais deixadas de percibir en todo este tempo por non querer recoñecerlle os seus dereitos.

Atropelo dun xabaril na Ronda Norte

Os feitos tiveron lugar ao redor das 22:00 horas de onte 7 de novembro, cando un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo se despraza a Rolda Norte xa que un vehículo atropelara a un xabaril, comprobando os axentes como o animal xacía morto na calzada polo forte impacto do vehículo coa súa parte dianteira dereita, procedendo a levantar o correspondente atestado e facendo as xestións pertinentes para a retirada do animal da vía pública.

Continúan os aparcacoches ilegais nas inmediacións do Hula.

Na mañá do día 7 de novembro, por efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, estableceuse un novo dispositivo especial para combater a actividade ilegal de aparcacoches na contorna do HULA, empregando vehículos rotulados e camuflados, sendo sorprendidas catro persoas que na calzada indicaban aparcamentos ás e aos condutores, poñendo en risco a súa integridade física e causando molestias innecesarias á cidadanía, abríndose expedientes sancionadores por infracción ao Regulamento Xeral de Circulación, ordenando os axentes que cesasen nesa conduta, o que inicialmente fixeron.

Ao pouco tempo a patrulla localizou na mesma actitude a tres deles, polo que nesta ocasión levantouse acta de denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por desobediencia aos axentes da autoridade, propoñéndose sancións para cada un deles, no seu grao mínimo de ata 10.400 euros e no seu grao máximo de ata 30.000 euros, remitindo os expedientes sancionadores á Subdelegación do Goberno.

San Fernando

Cada día paso á beira do antigo Cuartel de San Fernando, que en silencio berra por volver á vida. Alí estaba previsto situar o novo auditorio, pero este viaxou lonxe; pensouse logo nun Parador de Turismo para a potenciación turística da cidade; tamén nun Colexio, e por fin soñouse como Museo da Romanidade para a cidade que vive sobre restos romanos e ten milleiros de achados arqueolóxicos agardando por un lugar onde poder ser contemplados.

Houbo un movemento a prol do Museo que o Covid amortiguou, e ven de celebrarse unha xuntanza á que a Federación de Comercio invitaba de parte da Alcaldesa, na que se deu a coñecer que o Museo iba para adiante, apoiado polo goberno central, parecendo que o asunto agardase que a Xunta se pronunciase sobre un tema de manifesto valor cultural, económico e social para a cidade que posúe a única muralla romana do mundo que se conserva íntegra.

Nestas, que o presidente Rueda e a Alcaldesa escenifican un acordo inédito dentro dunha imprevisible harmonía institucional, que debera ser o normal, pero ao non ser a norma chama a atención. Rueda apoia, e agarda saber da aportación do Goberno a este Museo polo que levamos suspirando desde que temos conciencia de que a cotío pisamos os restos da Lucus romana, e que os restos que se foron excavando van ser contemplados polos lucenses presentes e futuros, e Lugo vaise convertir no centro da romanización en Galicia.

Non é usual que os representantes de dúas institucións de diferente cor, cheguen pacíficamente a acordos. Pois isto é moi bó para eles, para as institucións, e sobre todo para os cidadáns gobernados desde esas institucións.

A mostra “Paradela, senda infinita” chega a Portomarín

Foi presentada no Concello de Portomarín a mostra itinerante “Paradela, senda infinita”, que co gallo da celebración do bicentenario do Concello de Paradela, repasa a historia do mesmo ao longo de 16 paneis.

A mostra conta co patrocinio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia, Abanca e Endesa, e este ano está a percorrer os concellos do
Camiño Francés na nosa comunidade.
Participaron na presentación José Manuel Mato, alcalde de Paradela; Pablo Rivas, alcalde de Portomarín; e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria.

Transportista anuncian un novo paro indefinido a partir do vindeiro luns 14 de novembro

A Plataforma para a Defensa do Sector do Transporte de Mercancías por Estrada anunciou esta maña en rolda de prensa, que logo dos resultados das votacións internas desta fin de semana, acordaron cun 86% dos votos, que a partir do vindeiro luns, 14 de novembro, convocan un novo paro indefinido, para protestar polo elevado prezo do combustible e para que se aplique a lei que obriga aos cargadores a pagar prezos que cubran os costes, e así os transportistas non traballen a perdas.

Tras coñecer a convocatoria de folga, a ministra de transportes, Raquel Sánchez, apela a “responsabilidade do sector” e sinala que “agora mesmo non ten sentido un novo paro”. Porén o sector insiste en que non é posible realizar o transporte a perdas.

De consumarse este novo paro, que está convocado pola mesma plataforma que convocara o do pasado mes de marzo, de novo, pode verse paralizado todo o estado o que conleva perdas millonarias nun momento en que a economía está nunha situación complicada.

 

 

Comezan as obras de peonalización do treito final da rúa Camiño Real

Hoxe comezaron os traballos de peonalización do treito comprendido entre a rúa Concepción Arenal e a Ronda da Muralla.

A nova zona peonil manterá o acceso rodado para as e os residentes, e o tráfico procedente da rúa Camiño Real desviarase, percorrendo a rúa Concepción Arenal e incorporándose de novo á Ronda da Muralla a través da rúa das Anduriñas.

O PP pide ao goberno local a intervención municipal naqueles edificios con risco de desprendemento

Logo dos últimos casos de intervencións por desprendementos de lousas de tellados en diferentes edificios da cidade ou mesmo o derrubamento da cuberta dun edificio na Praza do Campo polo que cómpre un plan de actuación por parte do Concello de Lugo para garantir a seguridade dos lucenses.

Antonio Ameijide, viceportavoz do Partido Popular  no Concello, explica que “este problema non se centra unicamente nun punto da cidade, senón que se trata dunha realidade presente en todos os barrios, tal e como se puido ver onte na Milagrosa, onde os bombeiros tiveron que intervir para garantir a seguridade trala caída de lousas dun tellado dun edificio en Serra de Ancares, ou no Sagrado Corazón, onde os propios veciños e o PP levan meses denunciando o pésimo estado de varias vivendas, o que provocou xa varios desprendementos cara a rúa, poñendo en serio risco a integridade e a seguridade das persoas que pasan pola beirarrúa”.

Segundo os datos facilitados polo goberno local, en outubro de 2020, en todo o termo municipal había unhas 360 vivendas en mal estado,
localizándose un tercio das mesmas, 120, no ámbito PEPRI, polo que os populares urxen “ao goberno local a poñer un marcha un plan para
garantir a seguridade de todos os lucenses”.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com