Novas

A Audiencia Provincial de Lugo condena a catro anos de cárcere a un home por abusar da filla duns amigos

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a catro anos de cárcere a un home que abusou dunha menor discapacitada cando tiña 11 anos. Os maxistrados consideran probado que aproveitou que se quedou a soas coa vítima no seu domicilio, pois era amigo da súa familia, para realizarlle tocamentos. O tribunal condenouno como autor dun delito de abusos sexuais a menor de idade con prevalecemento, pois asegura que se aproveitou “da situación de superioridade que tiña fronte á menor, en atención á amizade que tiña coa familia e á discapacidade que sufría”. Os maxistrados, os cales tamén tiveron en conta a atenuante de dilacións indebidas, pois os feitos sucederon en xaneiro de 2012, tamén lle impuxeron a prohibición de aproximarse á afectada e de comunicarse con ela por calquera medio durante cinco anos, así como cinco anos de liberdade vixiada, unha vez cumprida a pena de prisión.

“O relato da menor, levado a cabo como proba preconstituída, unido ás periciais que se efectuaron e ao contido das mensaxes que lle remite á nena e que son o detonante para a investigación da causa, apuntan de maneira inequívoca a un acto de pleno contido sexual que atenta contra a liberdade e indemnidade sexual dunha nena, levado a cabo por alguén moi próximo á contorna familiar e dunha madurez que nada tiña que ver coa que reflectía esa nena, cun atraso madurativo que resultaba evidente, e de cuxa situación se aproveitou”, salienta a Sala na resolución, contra a que cabe presentar recurso.

Este sábado os lucenses poderán gozar do Samaín

Xuventude organiza este próximo sábado, 29 de outubro, diferentes propostas para gozar na cidade do Samaín, unha das datas máis sinaladas do outono galego.

A xornada dará comezo ás 5 da tarde na rúa Quiroga Ballesteros onde están previstas, entre outras actividades, un obradoiro de baleirado e tallado de cabazas – co seu posterior concurso – alén dun photocall e a celebración de xogos en torno á temática desta festividade que rematará cunha degustación popular de chocolate con churros e cun Desfile de Ánimas, no que colaboran as asociacións de recreación histórica Clan de Breogán, Trebas Galaicas, Mercenarios Galaicos e Lugdunum, percorrendo parte do Casco Histórico e da Muralla para até rematar a velada co conxuro purificador do Druída.

As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de chegada, sen que sexa preciso realizar inscrición.

Operativo especial de limpeza no cemiterio pola festividade de Defuntos

O Concello de Lugo habilitou un dispositivo intensivo de limpeza pola festividade de Defuntos que se desenvolverá tanto nas instalacións do cemiterio como na súa contorna.

O  concelleiro de Medio Ambiente, destacou que “os técnicos municipais, en colaboración coa adxudicataria, planificaron os traballos tendo en conta a concentración de visitas que durante esta semana se rexistrarán ao camposanto, co obxectivo de realizar unha cobertura especial das tarefas de aseo do recinto e das súas inmediacións para garantir que, en todo momento, se atope en condicións óptimas para as persoas usuarias”.

Fernández indicou que este Plan Especial, que se manterá operativo dende hoxe e até o próximo día 2, supón “a mobilización dunha ducia de operario/as e de múltiples medios mecánicos cos que, por unha banda, se procederá á roza da Estrada de Santiago, co fin de eliminar a maleza e despexar os accesos á necrópole, cometido que se levará a cabo con dous tractores, desbrozadoras manuais e sopradoras. E, pola outra – abondou – xa no interior, se fregarán a alta presión a entrada e o pasillo central e se baldeará cunha hidro limpadora e un camión cisterna todos os corredores tanto da zona nova como da vella”.

Ciudadanos propoñerá no vindeiro pleno crear un servizo de atención á infancia

A voceira municipal de CS, Olga Louzao, anunciou esta mañá que o seu grupo propoñerá no pleno do vindeiro xoves crear un servizo de atención á infancia a domicilio que permita cubrir necesidades puntuais de conciliación das familias lucense. « Non é de recibo que un Goberno local que se declara feminista, non traballara nesta liña no que vai de mandato. O bigoberno ten que ter presente que o custe persoal, social e emocional ante as dificultades existentes na actualidade para conciliar, está sendo soportado na inmensa maioría polas mulleres», afirmou a edila da formación laranxa.

“Por iso vemos necesario crear un servizo municipal de canguraxe. Unha  atención á infancia a domicilio, desde os 4 meses ata os 12 anos, tanto en horario diúrno como nocturno,  que lles permita cubrir necesidades puntuais de conciliación. Así, os proxenitores poderán dispor dunha axuda externa de profesionais no seu domicilio durante aquelas horas nas que por motivos distintos, lles resulta imposible atender aos menores, e que terá un custe asociado ao seu nivel de renda e ao tempo que se solicite, e ao que se recorrerá con previa inscrición de demandante para poder optar ao servizo no momento no que se precise, sempre solicitándoo con antelación suficiente”, explicou.

Louzao considera que esta opción podería incluírse dentro do actual programa municipal de Aprende Xogando, xa que o tipo de empresas que prestar este servizo para o Concello xa contan con profesionais coa cualificación necesaria para levar a cabo este labor.

 

Aprobada a moción do BNG en demanda duns servizos ferroviarios

O Pleno provincial respaldou a moción do BNG en demanda duns servizos ferroviarios do século XXI para a cidadanía das comarcas de Lugo
A proposta, que a formación nacionalista ven defendendo tanto nos foros de representación institucional como no ámbito social, coa campaña “Lugo Quere Tren”, esixe “ao goberno do Estado a modernización completa e urxente da vía entre Lugo-A Coruña, a implantación da conexión directa entre Lugo e Compostela a través do estudo da variante entre Curtis e Ordes de 27 Km, a  dotación dos recursos humanos, especialmente maquinistas, necesarios para garantir o servizo tanto nas conexións ferroviarias desde Lugo e desde Monforte, como no antigo FEVE e a ampliación das frecuencias para garantir un servizo de calidade que responda ás necesidades da poboación e fomente o uso do tren coma servizo de proximidade fronte ao uso do vehículo particular”.
Tamén insta á Xunta de Galicia “a demandar a transferencia das competencias en materia ferroviaria para poder desenvolvermos un tren galego de proximidade e a iniciar os traballos e estudos necesarios para a súa planificación e posta en marcha”.
O BNG ten convocada para o venres 28 de outubro unha manifestación en demanda dun ferrocarril digno para Lugo. A manifestación partirá ás 20.15 da Praza Maior e rematará diante da Subdelegación do Goberno.

Máis de 60 establecementos participan no Truco ou Trato do casco histórico

Lugo Monumental retoma un ano máis as actividades de Samaín, e engade ao seu xa coñecido “truco ou trato” e o fondo fotografico, dúas actividades máis: un obradoiro de pintado de caras e un pasarrúas.

O obradoiro consistirá nunha demostración feita polos maquilladores de Aluma Peluquerías, que levarán varios modelos de maquillaxe de Samaín e explicarán aos pais e nais dos nenos cómo facer unha caracterización. É preciso anotarse na libraría infantil El Faro de los Tres Mundos. Terá lugar o sábado día 29 dende as 12 da mañá na Praza de San Marcos, fronte á Deputación Provincial. No caso de que o tempo non o permita, o obradoiro se trasladará ao salón de actos da Deputación.

O día 31 estará instalado o habitual fondo fotográfico deseñado por Lucía Barrios no local de Ajuar Decoración da Galería que comunica Campo Castelo coa Praza Maior. Ese mesmo día haberá a exitosa actividade de Truco ou Trato
O funcionamento non pode ser máis sinxelo: máis de 60 locais repartirán doces de xeito gratuíto aos nenos de Lugo que os queiran visitar, e para recollelos regalarán tamén máis de medio millar de cestas de cabaza. Cada local entregará uns poucos caramelos xa que ao ser tantos establecementos non tería sentido facelo doutro xeito e a idea é que os nenos visiten o maior número posible.

Asemade, o día 31 entre as 19:30 e as 20:30 horas haberá un pasarrúas do grupo Troula grazas á financiación conxunta, froito da colaboración entre a Asociación Lugo Monumental e o Concello de Lugo a través da iniciativa Localmente Lucense.
O pasarrúas será moi vistoso, xa que combina personaxes de medo e incluso lume, polo que animamos a todos os lucenses a buscalo polas rúas do centro amurallado.

Reunión entre o presidente da Xunta e a alcaldesa de Lugo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzaron hoxe no impulso de actuacións claves para a cidade en materias de infraestruturas, sanidade, vivenda e deportes.

En especial, referiuse á Rolda Leste, infraestrutura que cualificou de “vital” para a cidade e “longamente ansiada”, sobre a que adiantou que “este mesmo ano” se licitará a obra do tramo pendente e concretou que os Orzamentos para 2023 xa recollen un investimento de 6 millóns de euros, dentro dunha planificación que comprende un total de 19 millóns para os vindeiros tres anos destinados a esta circunvalación. “A nosa intención é ir o máis áxiles posible para rematar en tres anos esta infraestruturas”, aseverou.

O encontro tamén serviu para afondar na futura Estación intermodal, toda vez que Adif vén de dar o visto e prace ao convenio que lle remitira a Xunta e que xa contaba coa aprobación do Goberno local. “Cómpre asinalo canto antes e poñernos coa execución”, defendeu.

Rueda tamén apuntou que no eido dos equipamentos lúdicos e deportivos, tamén abordou coa alcaldesa o proxecto dun novo pavillón polideportivo para Lugo e trasladoulle o compromiso da Xunta en participar na financiación deste proxecto.

 Novos compromisos      

Pola súa banda, a  alcaldesa de Lugo trasladoulle tamén ao presidente da Xunta o proxecto de converter o antigo Cuartel de San Fernando nun Museo da Romanización, ao que Rueda avanzou que a Xunta colaborará co plan director e a musealización, unha vez que o Goberno central cumpra e asigne os fondos Next Generation que se lle solicitaron para poder materializar o proxecto. Esta declaración do compromiso de colaborar neste museo, por non agardado, resultou sorprendente. Por último, o presidente lembrou tamén que o Auditorio leva máis de dous anos entregado ao Concello de Lugo.

 

Lugo acollerá o peche de Correlingua 2022

O Correlingua pechará a edición deste ano o mércores 26 no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, cunha festa final na que participarán máis de 400 alumnos e alumnos do do CEE Santa María,  IES Ánxel Fole, do IES Sanxillao, do  IES NªSª dos Ollos Grandes de Lugo,  do CPI de Cervantes, do CPI Poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel), do CPI Virxe do Monte (Cospeito), do CPI Luís Díaz Moreno (Baralla) e do EEI Xela Arias (Sarria).

A xornada que se  abrirá coa lectura do manifesto do Correlingua 2022, baixo o lema “Fálame” contará  cunha actuación de Pauliña.

O evento está organizado pola Asociación Correlingua, A Mesa e a ASPG que propón ao longo do ano  diferentes actividades arredor da lingua en centros educativos galegos.

.

Máis dun milleiro de participantes na XI Limpeza Simultánea de Praias

Durante a fin de semana do 14 ao 15 de outubro, máis de 30 entidades xuntaron a máis dun milleiro de persoas as cales sumaron os seus esforzos ao longo do litoral galego para limpar as praias e denunciar a problemática ambiental do lixo mariño. Nesta undécima edición da Limpeza Simultánea de Praias retirouse, en total, case unha tonelada de lixo dos nosos areais. Aínda que o tempo non acompañou, non foi impedimento para a maioría das persoas voluntarias realizaran a acción, aínda que algunhas foron canceladas e intentarán facelo ao longo desta semana.

Na actividade coordinada por ADEGA, participaron centros de ensino, asociacións, escolas de surf, particulares de todo o territorio galego, que traballaron de xeito organizado na praia elixida por eles mesmos.

De entre o lixo retirado, tiveron moita presenza as cabichas, os pauciños dos ouvidos, algunhas máscaras e, como vén sendo habitual restos plásticos. Ademais, adoitan aparecer residuos menos convencionais como calzado, traxes de baño, bidóns antigos, garfos etc.

Con este tipo de accións, a organización pretende poñer o foco sobre a problemática dos residuos nos nosos areais despois da tempada turista así como a importancia de conservar a nosas praias libres de lixo, evitando que acabe no mar. Ademais, ADEGA incide en que as limpezas de praias non deben de ser feitos illados, e convida a calquera persoa a

Pechando o ano de Florencio Delgado Gurriarán

Lugo acolle desde hoxe a mostra itinerante da Xunta “Compromiso na distancia”, que percorre a vida e figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou a Biblioteca Pública de Lugo acompañado da súa directora, María Isabel Pérez Fórneas, para inaugurar a dita exposición, que permanecerá na biblioteca lucense ata o próximo 10 de novembro. De aí pasará a Pontevedra e, finalmente, pechará a súa itinerancia en Celanova.

A mostra, que se enmarca nas máis de 150 actividades da programación das Letras Galegas 2022 impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, consta de diferentes zonas explicativas nas que se fai un completo percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, desde a súa infancia ata a súa madurez, incluíndo as súas experiencias en terras mexicanas e o regreso a Galicia coas primeiras publicacións.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com