Novas

A Unidade Móbil da Xunta de apoio aos refuxiados ucraínos recala esta semana en Lugo

Xunta de Galicia achega esta semana a Lugo a unidade móbil de información para refuxiados ucraínos que impulsa en colaboración coa Cruz Vermella; estará instalada na explanada da Delegación Territorial dende hoxe ata o venres e atenderá en horario de 09,00 a 14,00 horas.

O delegado territorial, Javier Arias, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitaron esta mañá a oficina móbil, que conta cunha intérprete e unha traballadora social e ofrece asesoramento sobre todos os trámites que debe facer a poboación refuxiada e os servizos que teñen á súa disposición.

Entre outros, ofrecen asistencia nas solicitudes de prestacións básicas para a súa inserción, como a escolarización, o acceso ao sistema de saúde ou a inscrición en cursos de competencias lingüísticas para facilitar a súa entrada no mercado de traballo.

Ambos responsables autonómicos destacaron que precisamente hoxe se conmemora o Día Mundial do Refuxiado, unha data para lembrar a necesaria solidariedade con todas as persoas que foxen de conflitos e persecucións nos seus países. “Nos últimos meses -engadiron- asistimos a unha guerra en Europa que nos demanda aínda maior implicación co drama da poboación ucraína”.

A oficina itinerante comezou o seu percorrido en abril e visita as localidades con maior presencia de refuxiados e refuxiadas ucraínos para que poidan acceder ao servizo de maneira sinxela e áxil. Na provincia de Lugo estiveron no último mes en Burela e Monforte de Lemos.

O Concello renova o firme da estrada de Conturiz a Cardoso

O Concello de Lugo acomete estes días as obras de mellora da estrada de Conturiz a Cardoso, nas parroquias de Santo André de Castro e San Mamede dos Anxos.

As tarefas, que teñen un custo de 73.894 euros e se prevé que finalicen esta mesma semanaconsistirán na renovación con aglomerado en quente de 2.290 metros firme, repartidos entre o itinerario principal e dous ramais que discorren pola zona.

Ciudadanos denuncia o estado no que se atopa o peche perimetral da pista polideportiva de Camiño de Romai

A voceira municipal de Cs, Olga Louzao, alertou esta mañá de que o estado do peche perimetral da pista polideportiva de Camiño de Romai, nas Gándaras, supón un perigo para integridade dos usuarios debido ao seu deterioro e falta de mantemento. “É inadmisible que o Goberno local leve desde antes do ano 2015, cando Lara Méndez acadou a alcaldía, sen realizar nin un só traballo de mantemento nesta pista deportiva. Nin o repintado da pista, nin o arranxo das porterías, nin a adaptación na mellora dos accesos e polo seu posto o urxente arranxo do peche perimetral que supón un risco para a seguridade. O estado da pista de Camiño de Romai ilustra a perfección o que está a facer o bigoberno nesta zona das Gándaras: absolutamente nada. Rúas sen beirarrúas, espazos sen urbanizar, calzada sen sinalización horizontal…un alumeado público que supón nos meses de inverno unha falta de seguridade viaria imperdoable para zona” enumerou  a voceira da formación laranxa.

“Este grupo municipal recibiu numerosas queixas dos veciños e veciñas da zona relacionadas coa falta de seguridade viaria na contorna das súas vivendas. Pero o que realmente preocupa e é urxente neste momento a garantir seguridade na pista. O perigo principal é que as varas de metal que se atopan rotas supoñen unha amenza real contra a integridade física, de forma especial para os máis pequenos”, explicou Louzao.

“Instamos ao Goberno local que acometa os traballos de substitución do peche perimetral coa máxima urxencia. A práctica deportiva nesta instalación municipal é un risco a día de hoxe e desde fai meses. O PSOE non pode deixar morrer os barrios é necesario ser máis receptivo coas demandas veciñais e escoitar a cidadanía a hora de programar as prioridades. Esta obra supón un investimento mínimo, ínfimo en comparación con outros gastos superfluos para os que Méndez non pon reparos, como por exemplo para o mantemento das redes sociais municipais, usadas habitualmente para difundir a imaxe dun Lugo próspero que contrasta coa realidade que se vive en barrios como o das gándaras”, concluíu Louzao.

Alerta laranxa no mar

A Axencia Estatal de Meteoroloxía informa dun episodio adverso costeiro de nivel laranxa, que traerá ondas de 5 a 6 metros a parte do litoral das provincias da Coruña Lugo. Segundo a previsión, os efectos deste fenómeno deixaranse sentir a partir do mediodía deste domingo.

Campamentos de verán nas instalacións museísticas municipais

O Concello anunciou unha nova edición dos campamentos de verán organizados nas distintas instalacións.

As actividades organizadas nas dúas casas das linguas municipais estarán orientadas para nenas e nenos de entre 5 e 12 anos, e levaranse a cabo en dúas quendas, do 1 ao 14 de xullo e do 16 ao 31 de agosto, en horario de 09:30 a 13:30 en cada unha das Casas das Linguas, e cunha participación de 15 nenas e nenos en cada unha das actividades.

Para solicitar unha praza, debe contactarse mediante correo electrónico ou en persoa na Casa das Linguas desexada, entre o días 20 e o 22 de xuño. Os enderezos de correo electrónico habilitados son casa.linguas@lugo.gal para a Casa das Linguas da Estrada da Granxa ou no enderezo casa.linguas.balteira@lugo.gal para a casa das linguas María Balteira. Cada alumna ou alumno só poderá solicitar unha quincena, e as solicitudes para irmás e irmáns deberán remitirse no mesmo correo, indicando en todos os casos o nome e a quincena solicitada.

O MIHL organizará campamentos para nenos e nenas entre o 4 de xullo e o 2 de setembro. As actividades serán semanais e consistirán en xogos artísticos con temática variada, como arquitectura prehistórica, arqueoloxía, pintura, actividades relacionadas coas exposicións da instalación, etc. Cada semana, o MIHL acollerá a 15 nenas e nenos entre 4 e 12 anos.

As persoas interesadas en solicitar unha praza deberán contactar no enderezo electrónico museo.mihl@lugo.gal, indicando o nome e data de nacemento da nena ou neno, ademais da semana solicitada e un teléfono de contacto. As solicitudes para as semanas do mes de xullo deberán remitirse entre o 20 e o 22 de xuño, e as solicitudes para agosto, entre o 18 e o 20 de xullo.

As actividades do Vello Cárcere terán lugar entre o 4 de xullo e o 26 de agosto, e están destinadas a nenas e nenos nados entre o 2010 e 2018. Organizaranse 4 quendas, con 20 nenas e nenos en cada unha. As solicitudes poderán realizarse no Vello Cárcere, onde se poden consultar os prazos para cada unha das quendas.

Jesús Fernández comunica á dirección provincial que non encabezará a lista do PP de Navia de Suarna nas vindeiras eleccións municipais

Jesús Fernández comunica á dirección provincial e aos afiliados que non encabezará a lista do Partido Popular de Navia de Suarna nas vindeiras eleccións municipais. Deste xeito, continuará como voceiro do Grupo Municipal e como concelleiro ata o remate do actual mandato, e ábrese así o proceso de renovación da formación nesta localidade.

Jesús Fernández encabezou a lista do PP dende 2007, pero nesta ocasión decide dar un paso atrás por vontade propia. Faino “cun gran compromiso cos veciños e co Partido”, ao cal, di, “seguirei axudando en todo o que precise”.

 

Preto de 23.000 persoas concorren esta fin de semana ás oposicións de Eduación

Preto de 23.000 persoas concorrerán este sábado e domingo ás oposicións de educación nas 145 sedes habilitadas pola Xunta en 14 localidades de toda Galicia. En concreto, as probas para o corpo de mestres comezarán mañá, sábado 18 de xuño, mentres que para o resto (inspectores, profesores de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas e de artes plásticas e deseño) serán o domingo 19. Todas elas optan ás 2.484 prazas.

Todas as probas serán en centros educativos, ben sexan colexios, institutos ou centros de FP e universitarios. A provincia de Lugo contará con 15 sedes que estarán situadas na cidade e en Monforte de Lemos.

Con carácter xeral, a hora de presentación para os 222 tribunais será as 9 da mañá, salvo excepcións puntuais, e a primeira proba desenvolverase ás 11,00 horas. En calquera caso, as persoas opositoras teñen toda a información dispoñible no Portal Educativo. Cómpre
lembrar que, ao abeiro do acordo asinado coas organizacións sindicais, as persoas interinas e substitutas non estarán obrigadas a presentarse ao procedemento.

É o segundo ano consecutivo na que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades descentraliza o proceso de oposicións. O proceso desenvolverase segundo o sistema habitual, ofrecendo certezas ás persoas que levan anos preparando estas probas.

A Xunta continúa a roza e limpeza de parcelas na cidade

A Xunta de Galicia continúa coa campaña de roza e limpeza de parcelas da súa propiedade na cidade de Lugo, no marco dos labores de mantemento que se realizan de xeito periódico para mellorar a estética e a seguridade nas zonas urbanas.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que nos últimos días o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) eliminou o exceso de vexetación e matogueira nunha parcela da avenida de Magoi. Recentemente, lembrou, tamén se despexaron tres soares do casco histórico.

Últimos días para inscribirse no Corre con Nós

O vindeiro martes, 21 de xuño, remata o prazo de inscrición para participar na proba deportiva Corre con Nós, que a Concellería de Deportes  está a organizar para o domingo, 26 de xuño.

Nesta proba, como vén sendo habitual, haberá distintas categorías: Minis, Sub10 , Sub12, Sub14, Sub16, Sub18, Absoluta. Concretamente, ás 12:00 horas será a saída das e dos participantes da primeira categoría MINI, que percorrerán unha distancia de 350 metros, a segunda categoría SUB10/SUB12, dende as 12:10 horas, unha distancia de entre 800 mt,a terceira SUB14/SUB16, a partir das 12:25 horas, 1850 metros. Por último, os adultos partirán ás 13:00 horas e terán que correr unha distancia de 5850 metros aproximadamente.

O circuíto terá un trazado similar ao das pasadas edicións, achegando a actividade deportiva de novo ás inmediacións do  río Miño”. As persoas interesadas en participar aínda poden anotarse, de forma totalmente gratuíta en www.championchipnorte.com e na web https://correconnos.com/.

A recollida de dorsais farase en Intersport Lugo (Edificio Pimentel en rúa Bispo), en horario comercial, o xoves 23 e o sábado 25 de xuño. A carreira dará comezo ás 12:00 horas para as categorías infantís e ás 13:00 horas terá lugar a saída para a categoría adulta. O punto de partida será a o Pazo de Feiras e Congresos.

O Goberno non consegue aprobar o 5% do PXOM logo da abastención do PP e Cs

O Goberno local non conseguiu aprobar o 5% do PXOM de Lugo logo da abstención do PP e de Ciudadanos e do voto en contra do BNG.
Os populares pedían onte aprazar o Pleno do PXOM para estudiar con detalle “as máis de 300 fichas e planos e más tempo para analizar a documentación xa que “despois de 11 anos de demora uns días máis no significaban nada e, polo contrario, garantirían unha marxe suficiente para poder votar con responsabilidade e poder corrixir posibles erros”. Ante a negativa do PSOE a aprazar o pleno, os populares abstivéronse na votación.
Asemade o BNG non apoia a modificación do PXOM “por coherencia, dado que non cambia o fondo do plan xeral de Lugo”. Rubén Arroxo trasladou que o BNG valora positivamente parte das modificacións introducidas no proxecto que se votou hoxe, mais afirmou que “os cambios puntuais non cambian o conxunto do Plan Xeral, que desde o BNG seguimos calificando como alonxado da situación actual da cidade”, e engadiu “Lugo precisa un plan de ordenación municipal acorde á realidade da cidade, un exemplo é que o actual PXOM prevía un gran crecemento poboacional, cunha estimación de que Lugo contara con máis de 300.000 habitantes aos 10 anos, mais a realidade é que o crecemento poboacional foi de pouco máis de 2.000 veciñas e veciños nos 11 anos e medio que pasaron desde a súa aprobación inicial”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com