Novas

Lara Méndez solicita un encontro con Rueda para retomar os “asuntos que deixou pendentes” Feijóo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez vén de enviarlle unha carta ao novo presidente da Xunta de Galicia para solicitarlle un encontro persoal no que poder abordar “dende a lealdade e a cooperación os desafíos de futuro que encara o municipio”.

Logo de felicitalo polo seu nomeamento, a rexedora instou a Alfonso Rueda a retomar os asuntos que Núñez Feijóo deixou pendentes na cidade.

Lara Méndez sostén que o actual contexto socioeconómico derivado da pandemia impuxo aos territorios novas prioridades que obrigaron aos organismos públicos a reestruturar a súa xestión e a reaccionar con valentía política para empregar os recursos dos que dispoñemos e todo o noso potencial en trazar a senda do crecemento e xerar oportunidades. “Iso é o que estamos a facer dende o Concello, agardamos da Xunta unha resposta á altura”.

A rexedora aludiu a asuntos tan importantes, “dos que xa era ben coñecedor Alberto Núñez Feijóo desde o seu primeiro mandato – por tratarse de materias de competencia autonómica – como as infraestruturas que seguen sen materializarse, tanto as vinculadas á mobilidade como á cultura ou á educación, así como as relativas á proxección do noso patrimonio e ao fomento da industria ou da zona rural, de maneira que quedo á espera de que poidamos falar de todas elas nun próximo encontro persoal”, concluía o escrito.

Vilalba acolle esta fin de semana a segunda edición da Feira do Libro “Vilalé 2022”

Vilalba acolle esta próxima fin de semana, os días 3, 4 e 5 de xuño na praza da Constitución, a segunda edición da súa Feira do Libro ‘Vilalé 2022’, cun ampla programación e actos para todas as idades.

Nesta ocasión, a organización é conxunta coa Federación de Librarías de Galicia, aínda que o concello mantén algunhas das propostas impulsadas na primeira edición como “A Festa das Primeiras Letras” do venres pola tarde.
Este ano haberá pregón a cargo da escritora vilalbesa Luz Airado, que publicou recentemente a súa obra ‘Instintos’.
O venres pola tarde será ‘A Festa das Primeiras Letras’, unha proposta municipal para promover a lectura e a socialización en galego de nenas e nenos de 0 a 6 años. Inclúe dúas actuación infantís: ‘O tranvía Leonardo’, de Fantoches Baj; e ‘A máquina do tempo’, por Teatro Ghazafelhos.

Vilalba será durante tres días a capital do libro en Galicia e pola feira pasarán autoras locais como Antía Yañez, Cecilia Santomé, Luz Airado e María Xosé Lamas. Tamén contarase coa presenza para facer sinaturas de Marisa Vidal Collazo; Rober Cagiao; Juan Galán; Xesús Rábade Paredes, ou Brenda Mondelo.

O horario da feira será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Haberá tamén obradoiros durante os tres días e un 10% de desconto na compra dos libros.

A policía disolve unha nova quedada no polígono das Gándaras

Os axentes tiveron coñecemento a través de redes sociais da convocatoria dunha KDD de vehículos no polígono industrial de As Gándaras, estableceuse un dispositivo especial no que participaron efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, co apoio da Unidade de Atestados do Corpo, co emprego de vehículos policiais camuflados e rotulados, interceptando varios vehículos coas seguintes infraccións:

– DÚAS denuncias por non someterse o vehículo á inspección técnica periódica no prazo debido.

– Circular o vehículo sen que conste que o seu propietario teña S.O.A.

– Establecer unha competición de velocidade na vía pública sen estar debidamente coutada.

– Circular co vehículo entre o ocaso e a saída do sol sen levar acendido a iluminación de curto alcance ou de cruzamento.

– Efectuar un cambio de sentido da marcha sen advertir o seu propósito ao resto dos usuarios cos sinais preceptivos, sen a antelación suficiente.

– Conducir de forma neglixente.

– Conducir utilizando manualmente o teléfono móbil suxeitándoo coa man.

– Conducir o vehículo apuntado cun permiso ou licenza de condución cuxa vixencia venceu.

Así mesmo interceptouse un vehículo cuxo condutor CARECÍA de permiso de condución por PERDA DE VIXENCIA POR PERDA TOTAL DE PUNTOS, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizándose o vehículo.

Tamén se realizou control de alcoholemia, sorprendendo a un condutor que presentaba signos de inxerir bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,48 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución, inmobilizándose o vehículo.

Así mesmo denunciouse a este condutor por non realizar o curso, tendo condena xudicial inferior a dous anos.

Unha vez finalizada a KDD establecéronse diversos filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano, detectándose na Avenida de Ramón Ferreiro a condución temeraria dun vehículo, observando que o condutor presentaba signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 1,01 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, comprobando ademais que o titular non presentara o vehículo a ITV no prazo debido, abríndose expedientes sancionadores con multas de 700 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución, ademais da condena penal que consiste en prisión de 3 a 6 meses ou traballos en beneficio á comunidade ou multa e en todo caso coa privación do permiso de condución de 1 a 4 anos.

Fotografía: Policía Local de Lugo

Rescatados catro deportistas tras pasar a noite no barranco Auga Alta de Mondoñedo

Os catro deportistas, que pasaron a noite no barranco Auga Alba de Mondoñedo ao quedaren sen luz natural e sen capacidade para seguir avanzando, atópanse a salvo.

Coas primeiras horas do día, contra as seis desta mañá, unha compañeira dos deportistas púxose en contacto co 112 Galicia para facilitar as coordenadas de localización e proceder ao seu rescate.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, avisouse aos Bombeiros de Barreiros, quen xa coñecían a situación a través da Federación Galega de Espeleoloxía, e enviaban unha dotación de axuda.

Directamente no punto, facilitado polas coordenadas de localización, procederon a sacar os catro deportistas do barranco, quen, se ben presentaban un bo estado de saúde, atopábanse cansos e con frío logo de pasar a noite nesas condicións. Por iso, no mesmo vehículo dos Bombeiros de Barreiros, foron trasladados ao Punto de Atención Continuada do Centro de Saúde máis próximo debido, tamén, á imposibilidade de acceso dunha ambulancia á zona na que se atopaban. Por certo, un lugar escarpado, con grandes desniveis, que mesmo dificultou a saída do camión dos bombeiros, pois quedou embarrado e tivo que ser remolcado polo vehículo 4×4 dos voluntarios de Protección Civil de Mondoñedo.

Ademais dos voluntarios, os efectivos de salvamento e rescate contaron co apoio de varias patrullas da Garda Civil.

Comeza o Lugo Máxico 2022

Onte deu comezo o Lugo Máxico 2022 cunha gala do valenciano Mago Orbit.

O Lugo Máxico 2022 consta de 10 actividades que terán lugar entre o 27 e o 29 de maio, ademais de distintas actividades nos centros escolares de Lugo que se realizaron durante esta semana, como a sesión de maxia nos vieiros escolares do Colexio de Albeiros. O HULA acolleu tamén sesións de maxia cos magos Marcos Waldemar, Nacho Samena e Fernando Keller.

Hoxe, sábado 28, a praza Anxo Fernández Gómez acollerá a Feira dos Imposibles, organizada pola compañía Civi Civiac, e que está dirixida a todo tipo de públicos. Nesta feira, dúas personaxes proporán xogos con diferentes caixas e obxectos misteriosos. A Feira contará con 25 elementos distintos entre artiluxios de inxenio, caleidoscopios, cadros de dobre visión, inventos máxicos e ilusións ópticas. A actividade terá lugar pola mañá, entre as 11:00 e as 14:00 horas, e pola tarde de 17:00 a 20:00.

Tamén na praza Anxo Fernández Gómez os magos Marcos Waldemar e Nacho Samena impartirán distintos obradoiros pola mañá, entre as 11:00 e as 14:00 e pola tarde de 16:00 a 19:00.

A xornada de hoxe rematará a partir das 19:00 coa gala Galego-Portuguesa. Cayetano Lledó presentará a gala na que actuarán os magos Cali, Camilo Vázquez, Kiko Pastur, David Méndez, Mago Romaris e David Sousa.

Mañá  domingo será o día grande do Lugo Máxico 2022. A xornada comezará ás 11:30 no Hotel Méndez Núñez, coa conferencia A maxia de David Sousa, a cargo do mago portugués, e destinada á formación das e dos profesionais da maxia.

Os obradoiros de Marcos Waldemar e Nacho Samena continuarán na praza Anxo Fernández Gómez entre as 11:00 e as 14:00, e pola tarde de 17:00 a 20:00.

A praza Horta do Seminario acollerá unha gala infantil a cargo do mago Enric Magoo a partir das 13:00. Enric Magoo recibiu numerosos premios, tanto a nivel estatal como internacional nos seus máis de 30 anos de carreira artística. Ademais, é o director do festival internacional de maxia de Badalona.

A partir das 18:30 o Vello Cárcere acollerá a conferencia Do xamón ao mago. Como a maxia se converteu nunha arte?, a cargo do investigador Ramón Mayrata, e aberta ao público xeral. Mayrata ten unha recoñecida traxectoria como investigador e historiador do ilusionismo, e fundou, xunto co mago Juan Tamariz, a editorial Frakson, especializada en textos de maxia.

O Lugo Máxico 2022 rematará coa Gran Gala Lugo Máxico, a partir das 20:00 na praza Horta do Seminario. Camilo Vázquez será o conductor da gala que contará coas actuacións de Fernando Keller, Jessica Guloomal, Enric Magoo, Luís Manuel e o Mag Albert.

Todas as actividades do Lugo Máxico 2022 serán gratuítas e de acceso libre ata completar a cabida do recinto.

Concerto na sala do restaurante Vexetarian da banda portuguesa Birds Are Indie

A banda de Coimbra actuará hoxe sábado, partir das 23:30h na sala do restaurante Vexetarian, en Caldiae Factoría Cultural, na praza Viana do Castelo, 3.

As entradas poden mercarse na páxina de reservaentradas.com e na taquilla dos cines Codex,  e o seu prezo é de 10€.

Birds Are Indie continúa polo camiño do pop tenue pero colorido, conseguindo unhas cancións que teñen moito que ver co movemento LO- Fi. O grupo formado por Joana Corker, Ricardo Jerónimo e Henrique Toscano saben xogar perfectamente cunhas cancións lixeiras, que en ocasións botan man de guitarras eléctricas para gañar impulso á hora de transcender os seus sentimentos cambiantes.”

A banda BIRDS ARE INDIE, ten 5 discos editados e máis de 50 concertos realizados en España nos últimos 10 anos, incluíndo festivais como Atlantic Fest (Grove), Xiria Pop (Coruña), O Día da Marmota (Sevilla), UKP Day (Ribadavia), e en salas como Café Pop Torgal (Ourense), Ou Náutico (Grove), Lata de Zinc (Oviedo), Costello Club (Madrid), NIU (Barcelona), Sala Karma (Pontevedra), Fabrícaa de Chocolate (Vigo), Riquela (Santiago de Compostela), e moitas outras. A súa música foi comparada coa de grupos como Velvet Underground, Eu Téñoa, Belle & Sebastian e The Pastels.

Entrega dos XI Premios Xove empresaria/o e Iniciativa emprendedora de Galicia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou onte en Viveiro na entrega
dos XI Premios Xove empresaria/o e Iniciativa emprendedora de Galicia, organizado por AJE Galicia, a importancia destes galardóns para reivindicar o carácter emprendedor da xuventude galega, resaltando o talento tanto dos proxectos finalistas como dos gañadores dos premios, así como a súa aposta pola innovación, a tecnoloxía, a sustentabilidade e o servizo social.

Neste sentido, o responsable de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego, salientou que a pesar do complexo contexto actual o talento mozo e a Galicia emprendedora continúan a dinamizar a economía. Así, na súa intervención no acto, ao que tamén asistiu a secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, Conde puxo de relevo que en Lugo se crearon 153 empresas no primeiro cuadrimestre do ano, experimentando o maior incremento das catro provincias galegas (cunha suba do +9,3%) e situándose xa en cifras prepandemia.

Este sábado terá lugar o primeiro evento do Arde Lucus 2022

Comeza a conta atrás. Apenas dúas semanas nos separan da chegada do Arde Lucus que, neste 2022, terá a súa edición máis especial e agardada logo de dous anos de restricións sanitarias.

O primeiro dos eventos deste Arde Lucus 2022 terá lugar mañá sábado e co que se oficializa a proximidade das celebracións: o Natalicio.

Un acto, organizado por dez asociacións do Arde Lucus que será o prólogo da recreación histórica da cidade e coa que o Concello quere rememorar a orde que o emperador Octavio Augusto deu para construír as cidades de Lucus Augusti, Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga), irmandadas dende 1986.

O Natalicio dies natalis MMXXII terá lugar este sábado con diferentes localizacións como escenario, xa que a Cohors partirá ás 17:00 horas en desfile dende a Fonte do Rei cara o Centro Histórico, mentres que a Garda Pretoriana sairá ás 17:30 da Milagrosa para xuntarse ás 18:45 na Praza de Santa María.

Alí, serán recibidos polo concelleiro de Xuventude e o Orfeón Xoan Montes e a Coral Ecos do Miño interpretarán o Himno Calendis, propio desta cerimonia. Ademais, proxectarase unha curtametraxe, de 10 minutos de duración, na que os membros da asociación Salesiani protagonizan a Lenda de Briana – unha recreación da vida dos castrexos no bosque sacro de Lugh – e se lembrará, por primeira vez, a fundación da cidade cunha ofrenda aos deuses.

A continuacióno desfile se dirixirá á Mosqueira onde a asociación Lucus Augusti protagonizará o Luvilator se instalará un cronograma que proxectará a conta atrás ata o inicio do Arde Lucus 2022 para, posteriormente, concluír o acto fronte ao cuartel de San Fernando, onde Paulo Fabio Máximo reivindicará a creación do Museo da Romanización MVRO.

No programa, que inclúe 400 actividades de animación na rúa, obradoiros para nenos e adultos, vodas celtas, recreación de loitas desfiles, recupérase tamén o circo romano e a carreira Mvrvs Lvcis e incorpora importantes novidades como o espectáculo – pioneiro en Galicia – de realidade aumentada en 5D que albergará A Mosqueira, a través do que se tematizará en tempo real a época de esplendor de Lugo no século I, reproducindo a Muralla na súa altura orixinal, con romanos paseando no adarve e permitindo aos espectadores integrarse na época a través das novas tecnoloxías.

O PP lamenta da “complicada situación situación que teñen os lucenses á hora de tramitar licenzas de obra”

O Partido Popular mantivo esta mañá unha xuntanza con colexios profesionais e con representantes da APEC para chequear a súa opinión con respecto “á complicada situación que teñen os lucenses á hora de tramitar licenzas de obra no concello de Lugo”.

“O dato que desvela que a situación sigue empeorando témolo na comparativa de licencias resoltas no período comprendido entre xaneiro a
maio de 2021 e 2022”. No ámbito urbano “o pasado exercicio resolvéronse en xunta de goberno 94 expediente e neste mesmo paréntese de tempo do actual exercicio só saíron 39 licenzas”. No tocante aos expedientes da zona rural mantense o ritmo con “38 licenzas concedidas en 2021 ás 37 licenzas deste 2022”.

Os populares enumeraron as diferentes propostas realizadas “co ánimo constructivo para desatascar o pescozo de botella no que están as
licenzas de obra: empregar as ECCOM ou contratar asistencias técnicas puntuais para desbloquear esta situación así como continuar insistindo en recuperar a atención persoal no servizo”.

A última petición sobre esta cuestión foi un rogo que o PP presentou no pleno de onte para conseguir que o concello expida “un documento que avale o criterio da primeira consulta técnica sobre un proxecto para evitar cambios de interpretacións”. O goberno local saíuse “pola tanxente” ao rexeitar esta petición argumentando que “o que se pedía estaba fóra da lei. Esta resposta para o PP “é unha escusa absurda que non se fundamenta en ningunha base legal”.

Adxudicado o mantemento das instalacións culturais e deportivas da Deputación

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación do contrato de mantementemento e conservación das instalacións culturais e deportivas que dependen da institución provincial, cun importe total de 141.000 euros.

O contrato, que permitirá atender avarías ou incidencias do funcionamento cotiá e realizar  intervencións de mantemento preventivo
para conservar os edificios en condicións de seguridade, inclúe o Museo de Lugo, o Museo de San Paio de Narla, en Friol, o Pazo de Tor, en
Monforte,  o Museo do Mar de San Cibrao, en Cervo, o Centro de Artesanía e Deseño e a Capela de Santa María, así como o Pazo dos Deportes e a Escola de Piragüismo.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com