Novas

O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana formaliza a construción da glorieta da N-6 e Alfonso X

O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana ( Mitma) formalizou , por un importe de 432.787 euros o contrato de obras para a construción da glorieta de conexión da estrada N-6, no seu km 498,800, coa rúa Alfonso X O Sabio. Esta actuación requiriu a transmisión de titularidade de terreos pertencentes ao Concello e á Deputación Provincial.

O obxecto do proxecto é substituír a actual intersección en T por unha nova glorieta entre a N-6 e a rúa Alfonso X O Sabio, cunha configuración máis propia da contorna periurbano en que se sitúa. Con iso espérase unha mellora da seguridade viaria na zona, ao facilitar os movementos de entrada e saída na cidade. O proxecto contempla a execución da explanación para a nova glorieta, estendido de firme, drenaxe lonxitudinal, sinalización, balizamento e sistemas de contención. Ademais, prevese a reposición de camiños agrícolas afectados e o despregamento de medidas de corrección ambiental.

O areal de Fontela Valea en Barreiros recupera a bandeira azul

A provincia de Lugo contará con 18 bandeiras azuis, ao recuperar este ano a do areal de Fontela Valea en Barreiros.

Nesta edición de bandeira azuis, distintivo co que cada ano a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece areais de todo o mundo,  Foz volve ser o concello lucense con máis areais galardoados, un total de 5; mentres que Barreiros, con 3, recupera a bandeira azul para o de Fontela Valea; Burela consigue o recoñecemento de Adeac para 3 das súas praias e 2 centros azuis; Cervo con 1; O Vicedo e Ribadeo con 2; e Viveiro e Xove cunha bandeira cada un.

 

Paula, Montse e o Menéndez Pelayo

Nos actos públicos é habitual contar cunha intérprete de signos – xeralmente son mulleres – para que as persoas xordas poidan contactar coa realidade. E se alguén considera excesivo esforzo a prol dun colectivo que se supón minoritario, con que unha soa persoa se salve do pozo do aillamento, está plenamente xustificado.
Nun colexio preto de Lugo, un neno xordo de seis anos tivo a sorte de ter por profesora á lucense Paula Sancosmed, e que esta tivese como veciña e amiga a Montse Flores, que domina o idioma dos xordos porque xordos son seu pai e súa nai. Foi un pequeño milagro, porque non só conseguiron que o neno se integrase na aula e no mundo, senón que xunto co neno xordo aprendeu ese idioma o resto do alumnado, co que a integración foi total.
Se isto de por si xa é unha victoria incuestionable, ademais dunha liña a seguir con toda firmezavai ter continuación en Lugo porque Paula veu destinada ao Colexio Menéndez Pelayo, e aínda sen alumnos xordos, este colexio vai honrar ao colectivo no próximo Día das Letras Galegas, contando con Montse, cunha celebración especial. No conxunto de accións do “Menéndez”, o alumnado de once anos de Paula, está preparando a escenificación de “Terra”, de Tanxugueiras, na linguaxe de signos.
Ver alumnos –no meu caso, nenas- facer de Tanxugueiras neste especial idioma, é abrirlle unha porta inesperada a esa canción que tanto impacto nos causou, é unha lección maxistral que sobrepasa o mundo da música, da lingua e da cultura. “Terra”, por signos, entra no mundo da sensibilidade, do sentidiño, da solidariedade e da irmandade. Póñome firme, e descúbrome.

Becerreá rememorará cunha recreación histórica a batalla de Cruzul

Os vindeiros días 12, 13 e 14 de maio vaise celebrar na contorna da ponte de Cruzul en Becerreá a recreación da batalla que se produciu contra os franceses na guerra da Independencia. Nesa época houbo distintas batallas contra os invasores e unha delas produciuse nesta ponte que formaba parte do Camiño Real entre Castela e Galicia. O que se pretende con esta recreación histórica é dar visibilidade a un fito de grande interese na chamada guerra da Independencia contra os franceses.

Programa:

Vernes, 12 de maio

Montaxe do campamento.

20:00h .- Conferencia ¿Dónde está o ouro de Moore?: A retirada do exército inglés para Becerreá en xaneiro de 1809», a cargo de Javier Gómez Vila, historiador.

Sábado, 13 de maio

12:00h  Formación marcial diante do Concello.

18.00h. Batalla da ponte de Cruzul, con recreación da retirada d exército británico de sir John Moore diante do exército francés.

Domingo, 15 de maio

11.00h. Recreación da emboscada a unha columna formada por parte das alarmas da zona. No descampado cerca do campamento (Carballeira).

A Xunta facilitará o acceso a préstamos con xuros subvencionados a particulares para a rehabilitación de vivenda

A Xunta de Galicia publicará proximamente unha nova convocatoria do programa de préstamos a propietarios particulares con xuros subvencionados para fomentar a rehabilitación e o fermosismo no eido residencial. Cun orzamento global de 400.000 euros destinados a cubrir os xuros —o dobre de fondos que en 2021—, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) facilitará ás familias galegas a través deste programa unha liña de financiamento en condicións vantaxosas grazas ao convenio que ten subscrito con entidades bancarias.

Así o anunciou hoxe en Monforte de Lemos a conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que seguirá percorrendo diferentes comarcas galegas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e máis de 80 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños de 12 concellos da zona sur da provincia lucense, Ángeles Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará a Consellería este ano, poñendo á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.

Con relación aos préstamos, explicou que o IGVS asumirá a totalidade dos xuros durante 4 anos no caso de que as familias solicitantes teñan ingresos de ata 4 veces o IPREM e que a subsidiación acadará o 80% para as unidades de convivencia con ata 5,5 veces o IPREM, neste caso, por un período de 3 anos.
En canto ás persoas con ingresos que se sitúen entre 5,5 e 6,5 veces o IPREM e tamén cando a solicitude a realice unha comunidade de propietarios, non se aplicarán bonificacións sobre os xuros, aínda que si disporán de facilidades na concesión do préstamo, beneficiándose, por exemplo, da exención das comisións correspondentes.

O Concello convoca axudas para promover o tecido asociativo da cidade

O Concello de Lugo, a través da Área de Desenvolvemento Local e Emprego, que dirixe a tenente de alcaldesa Ana González Abelleira, convocará 40.000 euros en axudas para promover que o tecido asociativo da cidade leve a cabo proxectos que dinamicen a economía lucense.

A edil explicou que, este mércores, a “Xunta de Goberno aprobará as bases do procedemento no que os criterios de valoración puntúan a inclusión de actividades de fomento da igualdade entre homes e mulleres para combater a discriminación feminina, que na composición da directiva exista un número de mulleres superior ao 50% e que a actuación vaia dirixida a colectivos con maiores dificultades de inserción laboral ou que se fomente a dixitalización e o uso de redes sociais e das TIC”.

Toda vez que o seu anuncio se publique no Boletín Oficial da Provincia, poderán acollerse a estas achegas – que terán unha contía máxima de 3.000 € coa que se pode cubrir até o 90% da acción – as entidades sen animo de lucro que, tendo a súa sede e domicilio social en Lugo, teñan recoñecidos nos seus fins estatutarios a realización de actividades de fomento, promoción económica, comercio e formación empresarial que persigan a mellora e recuperación do municipio e a creación de emprego, autoemprego ou de novas empresas.

O PP alerta de novos sobrecustes nas facturas da auga

O Grupo Popular alerta de que se poderían estar producindo outra onda de facturas de auga con sobrecustes. O vicevoceiro popular Antonio Ameijide chega a esta conclusión tras detectar que “nos últimos días varios veciños volveron a poñerse en contacto connosco porque non lles fixeron a lectura dos contadores ou houbo erros que propiciaron que se dispare o importe habitual que viñan pagando”.

O PP lamenta que o goberno local siga sen admitir a falta de xestión, “o descontrol e a falta de dirección política que hai no concello xa que a
estas alturas ninguén se cre que o problema dos sobrecustes foi pola pandemia” reflexionando “resulta lamentable e infantil que recorran a
estas escusas”, sinalou.

Dende o PP tamén anuncian que “pedirán explicacións en comisión sobre: Cal foi o número total de reclamación sobre as liquidacións da taxa de auga, lixo e sumidoiros que se rexistraron no Concello de Lugo no ano 2021? E no que vai de 2022?; Cantas destas reclamacións foron
respondidas? Cales de xeito favorable ao contribuínte? E cantas en contra?; Daquelas que foron estimadas, cantas foron xa aboadas aos
titulares do subministro? e das que están pendentes de resolución, cal é o prazo estimado para a mesma?”

Rutas do Románico en Terras de Sarria

Seguen as visitas turísticas guiadas por diferentes lugares da provincia e hoxe queremos destacar as dúas que se van realizar por terras de Sarria o vindeiro día15, co gallo da celebración do Día da Transrománica. Pola mañá a iso das 10.30 horas xirarase unha ruta que baixo a denominación “O Románico na contorna do Miño e o Camiño de Santiago, percorrerá on municipios de Paradela e Portomarín. Pola tarde a partires das 16.30 horas realizarase a ruta “O Románico no Camiño Francés”. Para as dúas rutas aínda quedan algunhas parazas libres. O fin destas rutas e promocionar o patrimonio románico da provincia e ao mesmo tempo, consolidar un modelo de turismo de calidade e sostible.

A Ruta Transrománica está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

A provincia de Lugo é o terceiro lugar do estado que forma parte desta entidade e conta nasúa ruta con 10 igrexas de arte románico.

 

 

Estabilizado o incendio forestal no concello de Begonte, parroquia de Gaibor

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello de Begonte, parroquia de Gaibor, está estabilizado.

O lume iniciouse ás 14,29 h. deste mediodía e quedou estabilizado ás 18,31 h. da tarde. Segundo novas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 35 hectáreas. No seu control participan 4 axentes, 10 brigadas, 7 motobombas, 6 helicópteros e 2 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Detido por delito de atentado a axentes da autoridade

Os feitos tiveron lugar sobre as 14:45 horas do pasado venres 6 de maio, cando unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á Avenida das Fontiñas xa que ao parecer había unha persoa tirada no xardín, preto dun terraplén de varios metros de altura.

Os axentes que comparecen de inmediato no lugar observan que un home de 51 anos está tirado entre dous coches, cos pés na calzada e a cabeza colgando cara ao terraplén, completamente durmido, sendo inmediatamente auxiliado pola patrulla policial que o coloca en posición de seguridade, momento no que o individuo se esperta e comeza a proferir insultos e ameazas graves contra os policías, que o trasladan a un lugar seguro, comezando a golpear aos axentes con patadas e puñadas nas pernas e peito, tendo que ser inmobilizado, procedendo á súa detención por un delito de atentado a axentes da autoridade, sendo conducido inicialmente a un centro sanitario e posteriormente a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para a súa remisión ao Xulgado de Garda.

Asemade durante a fin de semana, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, co apoio de equipos de Atestados do Corpo, estableceron diversos filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano.

Sobre as 1:20 horas do día 7 de maio un equipo de Atestados desprázase á Rolda do Carmen xa que se produciu un accidente de circulación, comprobando que un vehículo golpeara coa parte dianteira dereita a posterior esquerda dun turismo estacionado, quedando ambos imposibilitados para a circulación, observando que o condutor presenta signos de acharse baixo os efectos de bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia e lanzando un resultado POSITIVO de 0,56 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Sobre as 1 horas do día 8 de maio dáse o alto a un vehículo que circular de forma irregular pola rúa Río Eo, observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 1,10 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, procedéndose á inmobilización do vehículo

Sobre as 6:45 horas do día 8 de maio dáse o alto a un vehículo que circula de maneira irregular pola rúa San Roque, observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,91 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, procedéndose á inmobilización do vehículo.

Ás 20:50 horas do día 8 de maio un equipo de Atestados acode á rúa Santo Graal xa que se produciu un accidente de circulación no que un vehículo desvíase da súa traxectoria e choca contra dous estacionados, rexistrándose danos materiais e observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,83 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com