Novas

A Xunta propón un Escape Room no albergue de Samos

Xunta de Galicia converterá nas próximas semanas o albergue público de Samos en escenario dun Escape Room sobre o Camiño Francés, no que participarán máis de 500 persoas co único requisito de ter máis de seis anos de idade.

A iniciativa foi presentada hoxe na Delegación Territorial de Lugo polo delegado, Javier Arias, e Fernando Carballo xunto a outros responsables da organización. Desenvolverase durante as fins de semana -de venres a domingo- entre os días 6 e 22 de maio, ademais do mércores 11 e o xoves 12. Están comprometidas preto de 80 sesións, dunha hora de duración cada unha, se ben dado o éxito que está a ter a convocatoria estúdase a posibilidade de amplialas.

Trátase dun xogo de escapismo con diferentes probas para completar unha misión baseada no Camiño de Santiago e o Xacobeo 21-22. Esta é a segunda fase dun proxecto que antes se desenvolveu, cun formato máis reducido, en Betanzos (sobre o Camiño Inglés), Vigo (Camiño Portugués da Costa) e Ourense (Vía da Prata). Todos eles seguiron un guión similar, adaptado en cada caso á ruta do lugar e ás características do albergue, que consistía en resolver unha misión deixando unha pista ou proba para este Escape Room final de Samos.

Os participantes organízanse en grupos de entre 6 e 8 persoas, guiados por un director de xogos e dous monitores; as probas electrónicas para resolver as pistas son elaboradas, complexas e detalladas. As solicitudes de inscrición deben presentarse no enderezo de correo electrónico inscripciónreservaslucusescaperoom@gmail.com.

 

Provoca un accidente na Rolda da Muralla e case cuadriplica a taxa de alcol

Os feitos tiveron lugar sobre as 5:10 horas desta pasada madrugada cando un codutor ebrio provocou un accidente de circulación na Rolda da Muralla. Cando un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo chega ao lugar  comproba que un vehículo chocara contra outro estacionado, desprazándoo cara adiante e impactando contra outro vehículo máis, tamén estacionado, observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,87 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Asemade, a madrugada do día 1 de maio, nun control establecido na Rolda da Muralla, detectáronse dous condutores con signos de inxesta de alcol, sendo sometidos ás probas regulamentarias, lanzando resultados POSITIVOS de 0,33 e 0,53 mg/l, abríndose expedientes sancionadores con multas de 500 euros e a retirada dos 4 puntos ao primeiro e de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos ao segundo.

Ás 16:00 horas do día 1 de maio un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á rúa Tui xa que se producira un accidente de circulación no que un vehículo desvíouse da súa traxectoria e choca con outro que acababa de estacionarse e o seu condutor aínda estaba no interior, e debido ao impacto desprázase e choca á súa vez cun terceiro, observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido a un control de alcoholemia con resultado POSITIVO de 0,50 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución. A condutora do vehículo estacionado precisou asistencia sanitaria.

Foto: Imaxe facilitada pola Policía Local de Lugo.

Lugo súmase ao movemento do comercio xusto

O comercio xusto chega a cidade de Lugo da man de Solidariedade Internacional de Galicia co fin de seguir espallando a súa mensaxe: promover unhas relacións comerciais máis xustas entre países respectando os dereitos humanos.

No marco da campaña Aquí e Acolá O Xusto, realízase na cidade de Lugo a feira #AquíeAcoláOXusto de produtos de comercio xusto, que terá lugar na Praza do Concello entre as 17:00h e as 20:30h, así como a representación da obra teatral “Vaia Tea!” na sala Clavicémbalo ás 19:30h. A entrada ao espectáculo será de balde, poderase facer a reserva enviando unha mensaxe ao correo: info@solidaridadgalicia.org.

Os e as asistentes á feira poderán achegarse á realidade que existe detrás dalgúns dos alimentos que consumimos no noso día a día como o azucre, o cacao ou o café. A través desta actividade, Solidariedade Internacional de Galicia proporciona información a cerca da súa orixes, produción, comercialización, características e variedades, así como dos problemas aos que os produtores e produtoras se enfrontan ata que esta mercancía chega as nosas mans. Ademais os/as asistentes tamén poderán degustar variedades de café, cacao e azucre. Por outra banda, a
representación teatral “Vaia Tea!” da compañía Xucrut Teatre pretende achegar aos/as espectadoras a realidade que existe detrás do consumo de roupa a través do humor e a invitación á reflexión.

A campaña Aquí e Acolá O Xusto,  nace para sensibilizar á poboación sobre as desigualdades sociais que provoca o comercio internacional e achegar alternativas de consumo máis sostibles que respecten os dereitos humanos de todas.

A Xunta acolle a exposición “Campamento” de Xesús Otero-Yglesias

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle dende hoxe e ata o vindeiro día 31 de maio a exposición Campamento, do lucense Jesús Otero-Yglesias. Será inaugurada este venres nun acto que contará coa presencia do propio artista e o delegado territorial, Javier Arias, entre outros.

Otero-Yglesias acredita unha extensa e exitosa traxectoria profesional, que o levou a expoñer en distintas cidades de Galicia así como en boa parte do territorio nacional e en países como Bélxica, Alemaña, Xapón ou Portugal. Ten recibido numerosos premios, entre eles o Gran Premio de Honor da Real Academia de Belas Artes da Coruña (no ano 2000), o Premio Pilar Juncosa y Sotheby,s da Miró Mallorca Fundació (2004), ou o recoñecemento nos Premios Europa da cidade belga de Ostende (1993).

 

A vindeira semana comezan as obras dunha nova pista deportiva en O Castiñeiro

A vindeira semana comezarán as obras de execución dunha nova pista deportiva, que se ubicará nunha parcela de titularidade municipal de case 800 metros cadrados, sita entre Juana la Loca e Ramón Piñeiro, no barrio do Castiñeiro.

As instalacións, ao aire libre e de uso público e gratuíto, disporán de céspede artificial e contarán cun peche perimetral. “

Asemade a área de Medio Ambiente está xa a traballar no proxecto de renovación na súa integridade dos parques infantís da contorna da praza de O Castiñeiro.

A Audiencia confirma o procesamento do sospeitoso do dobre crime do Cash Record

A Audiencia Provincial de Lugo confirmou o procesamento, por dous delitos de asasinato, un delito de roubo con violencia nas persoas e un delito de tenencia ilícita de armas do único investigado polo dobre crime do Cash Record, sucedido hai 27 anos no polígono do Ceao, no que faleceron, tras ser tiroteados, unha caixeira e un repoñedor do establecemento.  

Na resolución, o tribunal confirma o auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Lugo -antigo xulgado de instrución- e rexeita, polo tanto, o recurso interposto polo investigado. A Audiencia salienta que o auto do órgano de primeira instancia “se basea en dilixencias que a parte apelante tacha de nulas”, pero afirma que, nesta fase procesual, “non se debe rexeitar ningunha dilixencia de investigación practicada”. Ademais, destaca que a resolución recorrida dá “unha explicación razoada e lóxica de cales son os indicios sobre os que basea ese auto de imputación formal”, por iso considera que esa valoración é suficiente, lóxica e racional.   

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Lugo sinalou no auto, agora confirmado pola Audiencia Provincial, que, na instrución, “non interveu ningún ánimo de persecución”, senón que é o resultado de “dilixencias de investigación practicadas con todas as cautelas e garantías constitucionais, sen que conste rexeitamento algún á súa práctica ou se combatera o seu resultado dalgún modo”. A xuíza, ademais, insistiu en que “non se trata de conxecturas ou simples sospeitas”, senón que existen indicios de criminalidade respecto ao procesado. En canto á quebra do dereito que no seu momento alegou o recorrente, explicou que “carece de fundamento”, debido a que non foi declarado culpable dos delitos polos que está procesado. 

Dez mil estudantes da provincia participaron o pasado ano no Plan de Convivencia nos centros escolares 

A  evolución da crise pola Covid-19 está a permitir a reactivación do Plan Director de Convivencia e Mellora da Seguridade nos centros escolares da provincia, que este curso puido recuperar a actividade presencial logo do paréntese imposto pola pandemia. A subdelegada do Goberno, que presidiu unha xuntanza da Comisión provincial de seguimento do Plan Director, recoñeceu “o esforzo realizado durante os dous anos de pandemia tanto pola comunidade educativa como polos equipos da Policía Nacional e da Garda Civil da provincia que, malia as dificultades, seguiron traballando na formación en seguridade do alumnado, do profesorado e dos pais e nais de escolares”.

Isabel Rodríguez destacou que grazas a implicación dos formadores e da comunidade educativa foi posible que, a pesar das circunstancias sanitarias, 11.386 persoas, entre alumnos, profesores e pais e nais, participaran nas 408 actividades realizadas en 147 centros escolares da provincia de Lugo ao abeiro desde Plan do Ministerio do Interior.

A subdelegada explicou que “estes datos demostran a boa acollida que teñen na comunidade escolar as actividades do Plan Director, deseñadas para previr riscos aos menores, fomentando nos nenos e nenas unha cultura de prevención contra as adiccións e riscos no uso da internet e das redes sociais e para que aprendan a facerlle fronte a situacións como o acoso ou a violencia de xénero”.

O número de escolares que participaron nas actividades, a maioría delas celebradas por medios telemáticos, foi de 10.397. Participaron tamén 619 profesores e 370 nais e pais. En canto á temática, ás que suscitaron maior interese foron as dedicadas a formar aos escolares nos riscos que presentan as novas tecnoloxías e as redes sociais, que foron 204, a metade das actividades celebradas o ano pasado. Tamén se impartiron charlas sobre acoso, adición a drogas e alcol, violencia de xénero e bandas xuvenís.

No actual curso académico está a reactivarse o Plan de Convivencia nos centros escolares da provincia, unha tendencia que se observa nos datos do primeiro trimestre no que xa se realizaron actividades en 120 colexios e institutos da provincia.Os equipos de formadores da Policía e da Garda Civil realizaron neses centros 170 actividades nas que participaron 4.372 persoas.

 

“Alcarrás” gañadora do Oso de Ouro no Festival de Berlín, estrease maña nos cines Codex

Os Codex Cinema estrean mañan “Alcarràs”. Logo de conquistar o corazón da crítica e do público co seu anterior filme, Verano 1993 (Estiu 1993), a cineasta catalá Carla Simón (1986) alzouse co máximo galardón do festival de Berlín, fito que non alcanzaba unha cinta española dende que Mario Camus acadou o mesmo premio en 1983 con La colmena (sen incluír La teta asustada, de Claudia Llosa, coproducida xunto a Perú en 2009). Asemade, a directora converteuse así na primeira muller española en conseguir este premio.

En Alcarràs, Simón narra, cun sobresaínte naturalismo, como a familia Solé, que leva oitenta anos cultivando pexegos nas mesmas terras, reúnese para afrontar unha última colleita. A directora aborda unha historia que coñece ben, pois a súa familia cultiva pexegos no mesmo
pobo que dá nome á cinta, Alcarràs. Unha maneira de traballar a terra, a tradicional, hoxe en crise. A película é unha homenaxe á resistencia das familias que non desexan abandonar a súa forma de vida. Simón fala tamén das tensións xeracionais, a necesidade de superar as
tradicións e a importancia da unidade familiar ante as adversidades. Por iso aposta por facer un filme coral interpretado por actores naturais de Alcarràs.

A segunda estrea desta semana é El cuarto de Mona, segundo filme do pontevedrés Darío Autrán (1987) quen realizou o seu debut, Tilda & Jean, en 2010. Autrán é director, guionista e actor, tarefa que desempeñou en numerosas montaxes escénicas baixo o paraugas de Abismo
Caracol, a súa produtora cinematográfica e teatral. Tamén é un practicante habitual da curtametraxe, títulos como Nidos de luz, Efectos de mayo, Lecciones de la niebla ou Salamandra son proba diso.

El cuarto de Mona supón a primeira incursión de Autrán na comedia e fíxose cos propios medios dos seus artífices. Rodada en 2020 durante a pandemia, contou cun equipo de cincuenta persoas e unha vintena de intérpretes, entre eles figuras tan recoñecidas como
Melania Cruz ou Manuel Manquiña. A actriz principal de El cuarto de Mona é Sabela Hermida, intérprete e bailarina que neste filme afronta o seu primeiro papel protagonista.
Este venres 29 haberá un pase especial da película en Codex, ás 20:45, e acudirán a presentala o director e a actriz principal. Logo da proxección celebrarase un coloquio co público.

José Manuel Rozas

Con floxedade propia do tempo e dos tempos sei que se nos foi José Manuel Rozas, á idade venerable dos 101 anos, que sempre resultan poucos para as persoas que manteñen a alma en pe, e do seu facer e ser aprendemos todos.

E xa que fisicamente non puiden acompañalos, o ralentí do motor que ando regulando permíteme dicirlles aos Rozas que sinto a súa perda pero tamén lles lembro o afortunados que son por formar parte dunha unidade familiar extraordinaria.

Admírame a xente que sae do humilde no material e medra ata o infinito e máis aló con sobrehumanos esforzos, sen nunca sufrir o mal das alturas, soportando conscientemente que o que é sumamente modesto por forza ten que ser enxalzado.

Coñecino hai quizais medio século, a través doutro “Señor”, amigo e compañeiro, chairego de Rábade, Benjamín Andrade, e neles dous coincidía un “aquel de señorío”, un saber ser e estar, un imposible querer pasar desapercibidos, formando parte deste Lugo inmaterial que con cada perda humana se engrandece en humanidade e en historia.

Con José Manuel fillo, hai ben anos teño especial relación, ben porque herdou familiarmente saber e seriedade, pero tamén especialmente porque foi secretario de Ourol, concello no que el e máis eu mantemos amores pola terra, pola paisaxe e pola paisanaxe.

Fóisenos Rozas como antes Andrade, como se nos están indo chairegos inmensos nos que se fixou Manuel María para facer da Terra Chá ese mundo diferente de xentes con alma mancada por sensible, que saben, como acreditou Díaz Castro, que Deus da boa fada aos ollos namorados que chegaron abertos ás portas do mencer”. Apertas a todos os Rozas e a toda a boa xente coma eles.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com