Novas

A Xunta regula o acceso á praia das Catedrais ata despois da Semana Santa

A Xunta de Galicia activou onte e ata o 18 de abril a limitación das visitas diarias á praia das Catedrais (Ribadeo). O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que nestas datas o acceso a este espazo protexido estará regulado cun máximo de 4.812 persoas cada xornada, co fin de facer compatible o uso público coa preservación dos valores ambientais que motivaron a súa declaración como Monumento Natural.

Arias lembrou que as entradas poden reservarse gratuitamente a través da páxina web ascatedrais.xunta.gal. Tamén hai un cupo de accesos que xestionan diferentes entidades públicas e privadas autorizadas para distribuílas, como o Clúster de Turismo, a Mancomunidade de Municipios da Mariña, establecementos hoteleiros, os taxistas de Ribadeo e outros operadores de transporte colectivo. Polo momento o pico de reservas rexistradas para a Semana Santa concéntrase entre os días 14 e 16, que superan o milleiro de prazas ocupadas. Para o Venres Santo case 2000 persoas solicitaron xa acceder á praia. O prazo segue aberto ata que se cubra toda a oferta.

O delegado fixo fincapé en que a Xunta pretende favorecer un turismo ordenado e sustentable no Monumento Natural da Praia das Catedrais. Entre as medidas postas en marcha para a conservación deste espazo figura o contrato de atención a visitantes, que ten un investimento de 215.400 euros para dous anos -o actual está en vigor ata 2023-.

O PP de Vilalba condena a “falta de vontade da esquerda” para aprobar os orzamentos municipais

O Grupo Municipal Popular de Vilalba lamenta “a nula vontade e a total falta de interese do goberno local por atender as necesidades actuais dos veciños”; así coma “a total carencia de proxecto para desenvolver o futuro de Vilalba por parte do goberno socialista”. Así o manifesta a voceira, Sandra Vázquez, tralo pleno celebrado este xoves no que o PSOE votou en contra da proposta dos populares para a elaboración dun anteproxecto dos presupostos municipais para este ano 2022 co que poder dialogar para tratar de chegar a un acordo de cara á súa aprobación.

“Ningún dos dous partidos da esquerda teñen vontade para sacar adiante os orzamentos municipais”, engaden os populares. “Vilalba Aberta recordou que non ten intención de chegar a acordos co Partido Popular”, explica a voceira. “E todo a pesar de ver a parálise do Concello do que son cómplices por apoiar cos seus votos que Elba Veleiro fose alcaldesa”.

“O que vimos é que hai un divorcio entre o PSOE e Vilalba Aberta. De cando en vez Vilalba Aberta cede a ese amor incondicional co Partido Socialista, pero o PSOE mira para outro lado e só lle tende a man cando realmente lle interesa”, subliña Vázquez. “E como resultado, os veciños temos que sufrir as consecuencias de que a esquerda non sexa capaz de sacar adiante uns orzamentos despois de 33 meses de goberno pola súa inoperancia. O Concello conta na actualidade cos orzamentos prorrogados que elaborara o anterior goberno do PP e que, no seu momento, contaron co voto en contra das outras dúas forzas”.

“Os socialistas teñen manifestado que o seu socio preferente é Vilalba Aberta, pero non son capaces de poñerse de acordo en temas relevantes para o futuro de Vilalba”. Nese sentido, os populares pregúntanse “por que non se poñen a traballar se a pelota está no tellado destas dúas formacións”.

Ademais dos orzamentos, o goberno local mantén paralizado o PXOM, a RPT, a licitación do contrato de recollida do lixo ou a ampliación do polígono. Pero, ademais, “perdeu axudas doutras administracións. Despois de perder unha axuda da Xunta dirixida ás obras da rúa Calvario, agora perden outra da Deputación Provincial -da súa mesma cor política- para financiar as obras de acondicionamento do cruce da rúa da Emigración por un importe de máis de 43.000 euros”, explica a popular. “E, ademais de perder axudas pola súa mala xestión, malgastan 1 millón de euros en destruír un parque acuático que xa estaba en funcionamento para volver a construír outro”, incide Vázquez.

O Goberno Central achegará 4,4M€ para converter en Zona de Baixas Emisións o casco histórico

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe en Lugo que o Goberno achegará a mobilidade sostible, eficiente e de baixas emisións a un terzo da poboación de Galicia a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Será a través dun investimento de 35,7 millóns de euros que aprobou destinar o Ministerio de Transportes a 21 proxectos de seis concellos galegos dentro da convocatoria de 2021 de axudas para proxectos de mobilidade sostible e modernización do transporte público: “máis de novecentos mil galegos e galegas poderán gozar dunha mobilidade máis segura, máis sostible e máis conectada nos seus municipios”, sinalou.

José Miñones desprazouse ata a cidade de Lugo onde presentou, xunto coa alcaldesa, Lara Méndez, o proxecto Zero Emisións: centro verde, que obtivo 4,4 millóns de euros desta convocatoria. Este proxecto, impulsado polo Goberno Local, permitirá que o centro histórico de Lugo se converta nunha Zona de Baixas Emisións. Ante a alcaldesa e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, José Miñones subliñou que “o Concello de Lugo fai cidade e o Goberno de España axuda tamén a facer cidade”, cun modelo máis sostible, ecolóxico e con mellor calidade de vida para as persoas. Tamén felicitou á alcaldesa pola transformación que está a impulsar o Goberno local da cidade de Lugo, “unha cidade de futuro que non quere deixar de mirar o seu pasado”, engadiu.

Miñones recoñeceu o esforzo dos gobernos locais, como o de Lugo, que se presentaron á convocatoria do Ministerio de Transportes xa que todos captaron fondos da mesma: “Unha vez máis, os concellos souberon estar á altura do reto que presentaba esta convocatoria”. De feito, o pasado setembro, José Miñones reuniu a rexedores e rexedoras de Galicia para presentarlles os pormenores da liña de axudas, que nesta ocasión estaba dirixida a cidades de máis de 50.000 habitantes ou concellos de máis de 20.000 habitantes que contaran con transporte público urbano e plan de mobilidade sostible.

O delegado lembrou que, con esta liña, o Goberno busca acelerar a descarbonización das cidades, mellorar a calidade do aire e mitigar o ruído mediante o impulso de zonas de baixas emisións (ZBE), a transformación sostible do transporte público colectivo e a dixitalización da mobilidade.

En total, son 21 proxectos que se desenvolverán nos concellos de Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense , e Arteixo, ademais de Lugo. Todos os proxectos subvencionados deberán estar rematados antes do 21 de decembro de 2024. Entre os proxectos subvencionados hai plans de peonalización, construcción de carrís ciclistas, ou adquisición de bicicletas e autobuses eléctricos, ademais de impulsar as Zonas de Baixas Emisións.

José Miñones avanzou que o Ministerio de Transportes vai lanzar en breve unha nova convocatoria de axudas, á que se poderán presentar os concellos galegos de máis de 20.000 habitantes, coa condición de que conten cun Plan de Mobilidade Sostible. Esta convocatoria contará cun orzamento dispoñible de 500 millóns de euros.

Reeditada a liña de axudas a asociacións para impulsar o territorio das Reservas da Biosfera

A Deputación de Lugo reedita este ano, con 83.000€, a liña de axudas de concorrencia competitiva destinada a entidades sen ánimo de lucro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola propia institución, para desenvolver actuacións e proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico das propias reservas.

Así o aprobou hoxe a Xunta de Goberno provincial, segundo explicou a voceira socialista do Goberno. “Convocamos por segundo ano consecutivo esta liña de subvencións, unha medida que implantamos o ano pasado dentro do Plan de Impulso da Economía da Provincia, que puxemos en marcha dende a Deputación de Lugo para axudar na recuperación dos sectores produtivos fronte ó impacto da pandemia”, lembrou a Deputada.

Segundo explicou a voceira, “a experiencia do ano pasado foi moi positiva”, porque preto dunha vintena de  asociacións de ambos territorios recibiron estas achegas, grazas ás que desenvolveron proxectos moi interesantes  “que contribuíron de maneira importante a poñer en valor o territorio e a dinamizar a actividade social, cultural e económica”.

Trátase dunha iniciativa que inclúe dúas liñas de actuación, a primeira dotada con 45.000€ para actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño e outra, por un importe de 38.000€, para iniciativas na Reserva dos Ancares Lucenses. O importe que outorgará a Deputación será de entre 1.000€ e 7.000€ por cada proxecto e o prazo para presentar solicitudes será de 10 días hábiles a contar a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

O Xulgado anula a entrada da Deputación no accionariado de Tragsa

“O PP avisou unha e outra vez ao goberno provincial de Lugo de que estaba facendo mal as cousas e que o modo de decidir a entrada no accionariado de Tragsa non era o correcto. O prepotente goberno presidido polo socialista José Tomé non quixo escoitar e agora o xulgado acaba de anular esa decisión e consecuentemente todas as derivadas dela”. Así informaba esta mañá a presidenta provincial do PP, Elena Candia, xunto co portavoz na Deputación, Javier Castiñeira, e o resto dos deputados populares os pormenores da citada resolución xudicial.

Javier Castiñeira explicou nunha rolda de prensa celebrada diante da antiga sede de Suplusa que o Xulgado do contencioso administrativo de Lugo vén de estimar o recurso presentado polos populares e, con el, anular “de pleno dereito” tanto o decreto co que o Goberno provincial decidía entrar a formar parte do accionariado de Tragsa, comprando unha acción da empresa, como o acordo da Xunta de Goberno polo que se decide encargar a Tragsa o mantemento das zonas verdes, que antes facía Suplusa. “Dá por tanto a razón en todo ao grupo provincial do PP”.

Ademais, advirten dende o PP, a Deputación terá que pagar as costas procesuais.

O voceiro popular na Deputación manifestou que o seu partido foi capaz de “demostrar a falta de espírito democrático e prepotencia, non só do presidente Tomé senón do bipartito provincial, que tomou decisións por enriba das súas competencias e vulnerou os dereitos dos deputados e da corporación provincial”. Segundo explica Castiñeira, o Goberno provincial incumpriría con eses acordos o artigo 33 da Lei de Bases de Réxime Local, dado que, cando unha decisión afecta á estrutura organizativa a competencia teríaa o Pleno.

“Agora, despois de dous anos, o dano está feito”, denuncia o PP. Os populares non entenden “por que o equipo de goberno non quixo atender as suxestións que fixo o PP, cal era a présa e os  motivos desa contratación exprés de Tragsa, que despois conlevou numerosos encargos de servizos sen o procedemento de contratación legal e que agora quedan nulos de pleno dereito”.

Asemade, Castiñeira explica que, con base a esa decisión, contrataron servizos a Tragsa, por valor de máis de 6 millóns de euros, entre eles, o mantemento de zonas verdes, a limpeza de edificos provinciais, así como servizos noutros concellos como Monforte, Vilalba ou Pol. Unhas obras que non poderían ser encargadas, di agora o PP, porque o procedemento de entrada no accionariado “foi ilegal”.

“Queremos, sinala Castiñeira, que pida perdón aos traballadores da antiga Suplusa, que se ven afectados por esta decisión; tamén aos deputados do PP, que viron vulnerados os seus dereitos, e, especialmente, a todos os lucenses pola imaxe que dá o goberno da Deputación”. Asemade, o PP reclama “que se resolva o antes posible este problema, dado que quedan colgando moitos servizos pola nula xestión e a neglixencia do goberno da Deputación de Lugo”.

Os populares anuncian que estudarán todas as accións posibles, toda vez que advertiron “en tempo e forma destas circunstancias” (consta en acta que se indicou en pleno que se estaba actuando en fraude de lei) e “aínda así, e a sabendas, Tomé decidiu actuar”. Igualmente, poñen de manifesto que o goberno provincial fixo discriminación entre os traballadores “e considerou a uns de primeira e a outros de segunda”, de tal maneira que estes últimos tiveron que acudir aos tribunais para defender os seus dereitos.

Dez locais focenses celebran esta Semana Santa a XVIII Ruta das Tapas

Dez locais de hostalería celebran do 14 ao 16 deste mes, en plena Semana Santa, a XVIII Ruta das Tapas de Foz organizada por AciaFozCCA. Así, os participantes ofrecerán as súas creacións en miniatura en horario de mediodía e noite, de 13 a 15 e de 20 a 23 horas. O prezo da tapa será de 2 euros.

Os participantes na cita gastronómica desta Semana Santa son Anduriña, A Rambla- Pachán, Augas Santas, Dandy, Espacio Machete, Happy Days, Namarinos, O Pelolo, O Tangarte e Xoyma.

Anduriña servirá piruleta de tenreira galega en tempura sobre queixo de San Simón e redución de viño Mencía; na Rambla-Pachán poderase saborear salpicón de pescada; en Augas Santas albóndega de tenreira á cervexa negra con boniato; en Dandy hojaldre de carrilleira; en Espacio Machete poderase degustar brioche 2.2; en Happy Days pemento recheo de bacallao; en Namarinos niño de bacallau con guacamole e crocante de cebola; no Pelolo ovo de paspallás a baixa temperatura con escuma de pataca, faragullas e boleto; no Tangarte servirán bacallau con bechamel e cebola caramelizada e en Xoyma maristojo de marisco en trampantojo.

O evento foi presentado polo presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, que estivo acompañado polo alcalde, Fran Cajoto, e pola concelleira de Cultura, Inés López. Paleo sinalou que “puidemos organizar a décimo oitava edición da Ruta das Tapas de Foz, que é un clásico da Semana Santa na nosa vila e na Mariña. As expectativas para estas datas son bastante boas, polo que agardamos que sexan moitos e moitas os que nos visiten nestas datas para disfrutar da nosa gastronomía, das nosas paisaxes, dos nosos monumentos. Aquí temos moito que ofrecer e os turistas teñen moito por descubrir”.

O presidente de AciaFozCCA animou “a achegarse á hostalería local para degustar as preparacións elaboradas para a Ruta das Tapas. Seguro que, un ano máis, se van sorprender”. AciaFozCCA conta coa colaboración do Concello de Foz e da Xunta de Galicia para a organización da XVIII Ruta das Tapas.

Un motorista ferido ao colisionar contra unha furgoneta en Lugo

O condutor dunha moto resultou ferido ao bater contra unha furgoneta en Lugo, á altura do punto quilométrico 2 da N-540.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para alertar do accidente ás seis menos dez desta tarde.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, dos Bombeiros de Lugo, de Protección Civil e do servizo de mantemento da vía de circulación.

A sección sindical da CIG denuncia prácticas de cesión ilegal de persoal no Carrefour

A sección sindical da CIG en Carrefour Lugo denuncia publicamente a cesión ilegal de traballadores que a multinacional está a facer, xa que está utilizando o persoal da empresa externa RPV como se fora persoal propio. Así, Carrefour ordénalles facer as tarefas de reposición de mercadorías que lle corresponden aos traballadores da compañía francesa ou ao persoal contratado para esta finalidade mediante a empresa CTC.

A representación da CIG advirte da conivencia que existe entre as direccións de Carrefour e RVP para este persoal que presta servizos para Carrefour e non para as marcas que os contratan. Deste xeito, Carrefour aforra salarios e contratacións valéndose do persoal que contratan as marcas, que son as que tamén abonan as nóminas.

Unha práctica totalmente fraudulenta. A sección sindical da CIG sospeita que as marcas descoñecen que os seus traballadores  son utilizados para repoñer outras mercadorías, incluídas as marcas brancas do Carrefour.

A CIG porá estes feitos en coñecemento da autoridade laboral, xa que entende que “estamos ante unha evidente cesión ilegal de traballadores”.

Lugo Monumental non alegará contra a desprotección do edificio de Correos da estación

A Asociación Lugo Monumental non presentará finalmente alegacións contra a desprotección do edificio de Correos da estación de ferrocarril. Así o anunciou o propio colectivo logo de revisar o expediente xa que,segundo afirman, puideron comprobar que as razóns técnicas expostas para a devandita desprotección son máis que razoables.

A ficha do Plan Xeral que recolle a protección da estación de ferrocarril describe pormenorizadamente o edificio da propia estación, pero deixa fóra claramente ao de Correos, así o explica a asociación de empresarios do casco histórico. Ademais, a fotografía que ilustra dita ficha tamén inclúe exclusivamente ao edificio principal, polo que consideran que “todo apunta a que a representación gráfica da área protexida foi un mero erro facilmente explicable pola proximidade de ambos os inmobles e a súa confusión sobre plano”.

Segundo declara nun comunicado aos medios a plataforma, a decisión que toman non supón “ningún paso atrás” na defensa que a asociación fai sobre o “inoportuno” de trasladar a estación de autobuses a unha futura Intermodal.

Ademais, explican que a súa renuncia a presentar alegacións a este tema é froito dos criterios de “independencia, rigor e seriedade” que, din, “caracterizan a esta asociación”, que analizou a documentación chegando á conclusión de que a protección do edificio de Correos, considerada nun primeiro momento pola asociación como eixo fundamental da súa posible alegación, “foi un erro gráfico que agora se emenda”.

Con todo, o colectivo si está a estudar se o nivel de protección ambiental descrito no Plan Xeral, é compatible coa edificación dunha nova gran estrutura que “fagocite á actual estación” para presentar alegacións no momento oportuno.

Desde a Asociación consideran que é “un grave erro, que aínda estamos a tempo de evitar”, a construción dunha Intermodal “totalmente inútil” xa que o esforzo ha de facerse, di o colectivo, para conseguir conexións ferroviarias e mellorar as instalacións das estacións de bus e tren actuais. “Consideramos que se está confundindo a dirección dos esforzos e que Lugo precisa de trens antes de exporse unha obra faraónica que podería acabar como o icónico aeroporto de Castelló, sendo un cascarón baleiro que custaría unha enorme suma de diñeiro público”, explican.

A reunión mantida recentemente coa Conselleira, Ethel Vázquez, e os contactos que Lugo Monumental mantén con empresas do sector do transporte por autobús reforzan a súa postura, xa que, din, “é unánime o clamor para non retirar o servizo de autobuses interurbanos da súa actual localización”, debido a que é a dirección en que se traballa
desde o punto de vista da mobilidade e a ecoloxía.

Exemplos

“A nova Intermodal de Vigo ten sentido porque vén acompañada dun servizo ferroviario e de autobuses razoable, e ademais achegou os transportes ao centro da cidade, permitindo que os viaxeiros prescindan doutros medios secundarios para chegar aos seus destinos (a estación de bus de Vigo moveuse cara ao centro)”, alega a asociación Lugo Monumental.

Outro exemplo que pon o colectivo é na Coruña, “mantense a localización da nova estrutura onde estaba o  ferrocarril, pero isto obrigou a construír unha nova dársena nos xardíns de Méndez Núñez (a chamada parada “ entrexardíns”) para liquidar a conexión co centro da cidade. É rechamante que os argumentos expostos no estudo destas dársenas coinciden ao 100% coas formulacións que Lugo Monumental defende desde o ano 2013 e que son opostos á planificación que se está levando a cabo en Lugo e que esperamos poder cambiar”, explica Lugo Monumental.

Dende a asociación convidan aos lucenses a ler o estudo deste último proxecto “ou polo menos a súa presentación” que, segundo explican, recolle en poucas liñas a filosofía defendida por Lugo Monumental.

Becerreá continúa agardando pola súa Residencia: “Hai un ano que está rematada e non moveron nin un só papel”

O Concello de Becerreá denuncia os retrasos que están a ter as obras de apertura da residencia e centro de día que a Deputación de Lugo conveniou co concello. O alcalde de la localidade, Manuel Martínez, cuestionase os motivos por los que Goberno Provincial non está impulsar apertura de este centro de atención a maiores, que se convertiría nun centro de referencia en toda a comarca e contaría con 96 plazas de residencia e 40 de centro de día. En Xornal de Lugo entrevistamos onte a Manuel Martínez, que nos explicou un pouco máis sobre como avanza o proceso de apertura desta residencia solicitada pola veciñanza desde 1983.

Xornal de Lugo: Tirando de hemeroteca, en agosto de 2017 saiu a licitación a contrución da residencia de Becerreá cun presuposto de 4,8 millóns de euros, en decembro do 2018, iníciase esa construcción e o orzamento xa baixa aos “pouco máis de 4 millóns de euros”, segundo os anuncios feitos polo Goberno provincial.

Manuel Martínez: Cando saíu debía andar polos 5 millóns e pico de euros Era un proxecto moi xusto e entonces, esta empresa Copcisa, fixo unha baixa de case un 30%, ata os catro millóns e pico. Ao principio houbo algúns problemas coa empresa porque, bueno, obviamente collera a obra case en baixa temeraria. Eu pensei que non chegaban a construila. Entonces negociouse, por non ter problemas con eles, chegando incluso a ameazalos dende a Deputación con rescindir o contrato, polo que perderían a fianza. Puxéronse a facela e a verdade é que o bordaron despois. Hai un ano que está acabada e, a partir de aí, xa veremos.

XdL: En que punto está agora a Residencia?

M.M.: A Residencia de Becerreá é unha das obras máis importantes que ten a Deputación Provincial de Lugo nos últimos 15 anos. Era unha inversión, en principio de cerca de 6 millóns de euros que, despois, coas baixas, quedou ao redor de catro. Co cal, nestes momentos, ten unha cantidade das baixas que poden e que deben según un convenio para amoblar e acabar de poñer en funcionamiento a residencia.
O triste de todo esto é que a residencia leva un ano acabada. Desde entón solo pediron licencia para empezar a tramitar o centro de transformación e darlle papeles á tramitación que iniciou no ano 2019 e que pediron licenza ao concello de Becerreá o mes pasado.
Ou sexa, que desde 2019 hasta 2022 non moveron un papel, pero é que tamén teñen problema, e que todavía non decidiron, un ano despois de acabada, que tipo de cociña van poñer. Algo que é un elemento esencial. Porque estamos a falar dunha residencia non só de Becerreá, senón de toda a comarca á que vai vir xente de todos os municipios limítrofes; e que, obviamente debe ter unha cociña.
Pois todavía non decidiron, despois de cinco anos, que cociña van poñer. Pero é que tampouco deron un só paso, un ano despois de acabala para amoblala. Unha deputación ou unha administración eficaz, previsora, que queira rentabilizar a súa inversión, evitar o deterioro dun edificio como este que fixeron en Becerreá, o que ten que facer se sabe que acaba en agosto pasado, tiña que, a partir de xaneiro, estar contratando os mobles para poñela en funcionamiento. Porque, ademáis, eu creo que a Residencia é a xoia da coroa de Deputación Provincial. Pero o que vemos por parte deles é só desidia, dar largar e intentar prexudica, porque no tiene sentido actuación que está a facer.
E, a parte, estas tres medidas do centro de transformación, a luz, a cociña e o amoblar están impedindo que a propia Deputación, despois de acabala, poida poñela en funcionamiento. Aínda teñen que pedir á Xunta de Galicia o PIA, é dicir, a autorización para poñela en funcionamiento, e mentres estas tres decisións que levan retrasadas xa un ano non se cumpran, pois a Xunta, obviamente, non lles pode dar o visto e prace para abrila.

XdL: O que se ve tamén é que a Deputación está licitando e en seguida xa constrúen e abren outras residencias da provincia. Cal é o problema coa de Becererá?

M.M:Bueno eu creo que aquí o que os move é o resentimento e a mala fe, falando en prata; e o rencor contra o alcalde de Becerreá. E estes señores non pensan que detrás do alcalde de Becerreá hai unha importante cantidade de persoas, non só de Becerreá senón de toda a comarca, que queren un respecto, e que están esperando por esta inversión tan largamente solicitada e reivindicada se poña en funcionamiento. Porque ademáis vai ser unha das residencias máis rentables.
Pero tampouco me extrana nada, porque tamén no pleno da Deputación, de 28 de decembro do ano pasado, aprobaron addendas para prolongar os convenios de colaboración con 12 concellos da provincia para implantar e executar un modelo asistencial dos centros de atención a maiores. Que, aquí tamén minte a Deputación. Está diciendo que ten xestión pública pero o que están facendo nas residencias é privada e, incluso, os centros de día, seguen sen abrirse, despois de levar algúns tres ou catro anos en funcionamento. Co cal a xestión da que presume o presidente por Europa e por Cuenca e cando sae máis aló de Pefdrafita é todo unha falacia e unha mentira.

XdL: A voceira do Goberno provincial, en novembro do ano pasado, anunciou o funcionamento de dúas residencias este ano, entre ellas a de Becerreá. Cre que pode ser viable?

M.M: É imposible cos pasos que deron ata agora que non deron ningún desde fai un ano, creo que é imposible. Que ogallá sexa verdade e son o primeiro que vai pedir desculpas, pero non é así. Están enganado á veciñanza.
É máis, sendo a maior inversión e un dos mellores edificios da Deputación dos últimos 15 anos, resulta que non viñeron nin a entrega das obras, porque? Para que o alcalde de Becerreá non sacara a foto. Se me avisaran, Manolo Martínez, marcha da vila ese día e así poderían sacar a foto e abrila o máis rápido posible.
Pero bueno, creo que a inoperancia e a ineficacia deste goberno bipartito non ten parangón con ningún da Deputación anteriores. Eu creo que este goberno parécese máis aos gobernos da dereita antes de que os gobernos socialistas e do bloque empezaran a gobernar la Deputación. Pois están volvendo atrás. Eu non sei se son caciquiles, clientelares ou corruptos como aqueles gobiernos, o que si sei é que caciquiles e clientelares e cando se rozas esas dúas, o caciquismo e o clientelismo estase moi cerca da corrupción.

XdL: Non sei se o Concello ten pensado tomar cartas no asunto dalgunha forma ou se é complicado para o Goberno local.

M.M: O Concello está esperando, deulles unha marxe. Porque tamén podo pensar que entre o coronavirus, a guerra, etcétera, todos estes problemas que agora se sacan a relucir para tapar a inoperancia e a falta de xesión, pois si lles pode afectar a eles.
Estamos esperando que obviamente que se cumpla este ano, a ver que fan e se non, obviamente, os veciños de Becerreá e da comarca tomarán decisións e incidirán no cumprimento do convenio.
Convenio que este Concello, e moi poucos dos que teñen residencia, o teñen cumprido escrupulosamente, ao 100%. Cousa que non poden dicir algunhas residencias da Deputación que están funcionando e que non cumpriron o convenio; onde se lles deu un trato, como dixen antes, de amiguismo, caciquil e clientelar; porque aínda non pagaron as cantidades que teñen que pagar por esos convenios, pero, sen embargo, están funcionando.
A de Becerreá, cun ano dende que se acabou, segue sen facerse. Hoxe mesmo queixábase unha deputada do Partido Socialista de que a Xunta discrimina concellos que non eran da súa cor política.
Pois eu creo que, calquera persoa intelixente, e invito aos cidadáns da provincia de Lugo a que entren na páxina web da Deputación e que miren para onde van as inversións que non estean condicionadas como o Plan Único, que aí si, non teñen marxe de manobra, pero, no resto, en convenios e pactos. Todo basicamente, repártese, a parte do PSOE en Monforte, Antas de Ulla e tres concellos máis; e na do Bloque, básicamente igual, Ribadeo, Muras e outros máis. Despois queren dar leccións de honradez, esixirlles ás outras administracións o que eles non fan.
Nós o que lles pedimos dende Becerreá é que teñan un pouco de respecto institucional non co alcalde, senón coa poboación e os veciños de Becerreá que cumpren escrupulosamente todos os convenios e todos os acordos que teñen, neste caso coa Deputación Provincial de Lugo.

E así falabamos con Martínez, que deixaba claro que o Goberno local de Becerreá está a facer todo canto está na súa man para sacar adiante esta infraerstrutura, malia o que tildou de “desidia” do Goberno Provincial. Veremos en que queda todo, e se , finalmente, a Deputación cumpre a súa promesa de apertura.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com