Novas

Visitas guiadas e experiencias de viño esta Semana Santa na Ribeira Sacra da Pobra do Brollón

O Concello da Pobra do Brollón presenta o seu programa turístico para esta Semana Santa baixo o lema ‘Coñece a ribeira guímara, a Ribeira Sacra auténtica’. Do 11 ao 18 de abril, ofrécense dúas visitas guiadas a elixir, que se poden combinar con dúas ‘experiencias de viño’ en diferentes puntos da parroquia de Vilachá de Salvadur.

“Condensamos nestas visitas o traballo de moito tempo para poñer en valor os relatos dos propios veciños e veciñas, con proxectos como Adegas da Memoria, a nova ordenanza dos furanchos…” comenta o alcalde Xosé Lois Maceda. “A ribeira que queremos que coñezan os visitantes é unha ribeira auténtica e viva, non simplemente unha paisaxe de postal,” engade.

Dentro do programa de visitas guiadas, ofrécese unha ao xacemento arqueolóxico de Os Conventos, un lugar excepcional para entender a evolución histórica da paisaxe da Ribeira Sacra. Foi aquí, no marco do proxecto Adegas da Memoria, onde se realizou a primeira datación por Carbono-14 para saber con exactitude científica as orixes das
terrazas vinícolas da ribeira.

A outra modalidade de visita é un ‘paseo entre pataos’, entre as viñas da ribeira do Eivedo, onde os visitantes poderán coñecer a viticultura tradicional, a historia da Ribeira Sacra, lendas da zona…

Experiencias de viño da man de veciños
As visitas son combinables con unha, ou dúas, ‘experiencias de viño’. Por un lado, a experiencia do Furancho O Currio, o primeiro e único furancho da Ribeira Sacra. Consiste nun paseo pola aldea de Trasmonte que acaba cun viño de Pedro na súa adega-furancho.

Por outro lado, a experiencia Val do Frade, unha adega que fai viños con Denominación de Orixe no propio conxunto de adegas tradicionais da Abelaira, en Vilachá. Xunto coa adegueira Puri, os visitantes poden dar un paseo polas adegas e adentrarse nunha delas para probar o viño.

As experiencias de viños teñen un custo de tres euros por persoa. As visitas guiadas son gratuítas. É preciso un mínimo de 5 persoas por visita. Para máis información e reservas, hai que contactar por chamada ou WhatsApp no teléfono 650 624 828.

A Xunta comezará en maio a restauración ecolóxica da Lagoa de Cospeito

A Xunta de Galicia destinará case 450.000 euros ao proxecto de restauración ecolóxica da lagoa de Cospeito, un dos humidais máis importantes da Comunidade e no que se actuará co fin de garantir un bo estado de conservación para a súa biodiversidade nos vindeiros anos.

Durante unha visita esta mañá á zona que será obxecto da intervención, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou que as obras sobre o terreo comezarán no mes de maio e previsiblemente estarán terminadas en decembro. Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, a conselleira explicou que a iniciativa, para a que se contou coa colaboración e asesoramento do Instituto da Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), financiarase con cargo aos fondos do programa NextGenerationUE.

En concreto, Ángeles Vázquez detallou que o obxectivo da intervención programada na zona é dobre, xa que por un lado están previstas varias accións encamiñadas a asegurar unhas condicións favorables para os hábitats e as especies de fauna e flora que alberga este ecosistema, e ao mesmo tempo, búscase tamén favorecer o seu uso e desfrute público de cara ao futuro.

A tal fin, explicou que aínda que en xeral o estado do humidal lucense é bo, considérase necesario corrixir certas situacións mediante accións dirixidas á restauración do bosque de ribeira do río Guisande, ao control das especies exóticas invasoras detectadas no entorno, ao mantemento do sistema de presas da zona húmida ou á recuperación do campo visual dos observatorios de aves existentes, eliminando vexetación.

A maiores, tamén está previsto intervir para mellorar a lámina e o fluxo da auga así como levantar un peche vexetal en determinadas zonas do sendeiro de uso público para garantir unha mellor protección das partes restrinxidas do espazo natural.

Así mesmo, explicou que a restauración da lagoa de Cospeito e do humidal que a rodea se enmarca no proxecto Mil Ríos, cun orzamento global de 5 millóns de euros e unha das actuacións máis ambiciosas que levará a cabo a Xunta grazas ao financiamento europeo asignado a Galicia para iniciativas de conservación da biodiversidade.

Neste sentido, a conselleira subliñou a importancia da intervención que está a piques de comezar no humidal de Cospeito, un espazo no que xa se realizara unha actuación no ano 1997 co fin de restaurar de forma parcial a zona húmida desecada e á que tempo despois se lle deu continuidade con distintas accións de monitorización, recuperación de hábitats e repoboacións ademais de medidas de control sobre as especies invasoras.

Cómpre lembrar que a lagoa está integrada nun espazo natural de 37 hectáreas dentro da Zona de especial conservación (ZEC) Parga-Ladra-Támoga, en Rede Natura 2000. O conxunto destaca polo seu alto valor ecolóxico, xa que alberga un total de nove hábitats de interese comunitario propios das zonas húmidas —entre eles, algún de carácter prioritario— e especies de fauna e flora, algunhas delas protexidas, como poden ser a planta Eryngium viviparum, —Cardiño da lagoa—, o peixe espiñento, a ra de Santo Antón e a ra patilonga, o tritón ibérico, a cobra de colar ou ata medio cento de aves de diferentes familias.

O Goberno leva resolto o 76% das licenzas de obra maior presentadas no Concello

O Goberno local deu conta esta mañá da actividade desenvolvida pola área de Sostibilidade Urbana en canto a tramitación de expedientes. “Un balance obxectivo – destacou a alcaldesa – extraído dos informes facilitados polo persoal do propio departamento”.

A rexedora explicou que, segundo os datos que obran nas bases municipais, dun total de 889 solicitudes de obra maior realizadas ata a data, neste momento se encontran en diferentes fases de tramitación, pendentes de resolver, 215 expedientes (o 24’18%), mentres que as 674 restantes xa están finalizadas. “É dicir, que esta concellería ten unha capacidade resolutiva do 76% sobre a tramitación de obra maior”.

A alcaldesa apuntou tamén que deses 215 expedientes que se están a tramitar pero que aínda non finalizaron, correspóndense 2 deles ao ano 2019, 33 ao ano 2020, 111 ao 2021 e 69 ao 2022. “E referir tamén que entre o 80 e o 90% deses expedientes permanecen inconclusos porque presentan carencias documentais e os promotores deben facer subsanacións; a verdadeira causa que determina, na maioría dos casos, os tempos de resolución”.

“Trátase dun factor que non podemos esquecer, xa que cada expediente ten as súas propias dificultades engadidas que, no caso do rural, por exemplo (ao redor do 50% das 215 licenzas pendentes), están condicionadas ademais polas autorizacións sectoriais doutras Administracións que os promotores precisan tramitar e que teñen os seus propios prazos, de xeito que uns ralentizan outros”, apuntou.

A rexedora lembrou tamén que, “precisamente para evitar a reiteración das subsanacións e a dilatación dos prazos, o 12 de novembro entrou en vigor unha instrución ditada polo Coordinador de área que está a dar un impulso a toda esta tramitación, e marcando tempos de resposta tanto para a Administración como para o administrado en prol de ser máis dilixentes en beneficio do interés xeral”.

Cervo levará a cabo unha nova edición de ‘Enredos’ e ‘Xuventude’ esta Semana Santa

O concello de Cervo, a través das delegacións de educación e xuventude, programa para a semana que vén, os días 11, 12 e 13 de abril, unhas novas edicións de Enredos e Xuventude.

O xa tradicional programa de Enredos vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos. Estarán divididos en dúas franxas horarias e de idade. As crianzas pertencentes ao segundo ciclo de infantil gozarán das actividades programadas o luns, martes e mércores de 11H a 12:30H, mentres que os de primaria terán a súa quenda de 12:30H a 14H.

As actividades enmarcadas no programa terán lugar no Pavillón Municipal da Veiga e as inscricións xa están dispoñibles, tanto na Casa da Cultura de San Ciprián como no Concello de Cervo.

No referente á Xuventude, o Concello de Cervo organiza para o luns e o martes un torneo de Fútbol 7 no Campo de Fútbol de a Veiga, nas categorías infantil, cadete e xuvenil. Os equipos que se queiran inscribir deberán estar formados por un mínimo de 7 e un máximo de 10 compoñentes.

Para formalizar a inscrición pódese facer a través do número de teléfono 691 656 600 ou na Casa da Cultura de San Ciprián.

Por último, o mércores 13, no parque Reina Sofía, os maiores de 10 anos  poderán desfrutar do Láser Tag. A actividade comeza ás 16:30H e as inscricións tamén se farán a través do número de teléfono 691 656 600 ou
na Casa da Cultura de San Ciprián.

A festa da Carballeira deixa 5 toneladas de lixo

O servizo de limpezado Concello de Lugo retirou esta mañá ao redor de 5.000 kilos de lixo, na súa maioría bricks, plásticos e vidros, procedentes da celebración universitaria que tivo lugar na Carballeira de Acea de Olga durante a pasada madrugada.

O concelleiro de Medio Ambiente planificou con previsión o amplo dispositivo que se despregou xa a primeira hora deste xoves para proceder ao aseo da zona co obxecto de que a festa non tivera repercusións para a veciñanza.

O edil acompañou ao persoal durante a realización dos traballos para supervisar a execución do operativo que estivo composto por 12 operarios – 10 peóns e 2 condutores – así como por 10 máquinas entre elas, dous camións satélite, dúas cisternas, 2 recolledoras pequenas de carga traseira, 2 varredoras grandes e unha pequena ademais dunha hidrolimpadora de alta presión que deron por concluídas as tarefas ás 09:30 horas.

Pola súa banda, a Policía Local informou de que a celebración non deu lugar a ningún tipo de incidencia.

O PP recrimina que o Goberno leve 11 anos permitindo que os gorrillas cobren no Hula

“O lamapárking ou leirapárking propiedade do concello de Lugo é o último escenario das pelexas entre o PSOE e o BNG”, Así o denunciou esta mañá o Partido Popular quen considerou que estes días “asistimos a un novo espectáculo gratuíto de loita no barro do bipartito”.

E é que os populares critican que socialistas e nacionalistas están “nun bucle” de permanente combate por  demostrar cal é a parte do goberno que vai conseguir pavimentar “en condicións” esta zona de aparcamento “onde hai centos de fochancas”.

O viceportavoz do PP Antonio Ameijide manifestou que “este é o nivel que temos no bipartito do noso concello cando se achegan as eleccións. Pelexas no barro no canto de buscar solucións”.

De momento, critican, a “única realidade” é que esta zona de aparcamento que anunciou o seu predecesor no cargo, “non se poderá arranxar ata que se aprobe o 5% do PXOM”. Hai que lembrar que a corrección dos erros detectados pola Xunta na documentación “está en mans do Goberno e leva desde 2013 sen facer nada”. A colaboración da Xunta, para sacar adiante este plan enquistado desde hai máis de dúas décadas pola ineficacia do bigobierno, está a ser absoluta. O que non pode pedir a alcaldesa e o seu vicealcalde é unha dobre vara de medir, facer a vista gorda cando se trata dunha administración mentres que ao cidadán aplícaselle a normativa.

“O que tamén nos parece moi grave é que a alcaldesa de Lugo e o seu vicealcalde leven 11 anos permitindo que os cidadáns paguen un imposto revolucionario por aparcar nas rúas da contorna do Hula. Alzan a voz para pedir a gratuidade do aparcadoiro do Hula pero non fan nada para evitar as extorsións dos gorrillas” puntualiza Ameijide.

O popular tamén quixo agradecer que “aínda que sexa só por gañarse unha foto e parecer que se fai algo, a alcaldesa dese marcha atrás e cambiado de criterio e agora parézalle unha boa idea a proposta que fixo o Grupo Popular, en xaneiro de 2021, de instalar cámaras de videovixilancia nesta zona como medida de persuasión para poñer coto
a esta práctica que xerou infinidade de denuncias e mesmo a intermediación do valedor do pobo”.

Por último concluía que “oxalá que o PSOE e o BNG de Lugo alzasen a súa voz fixesen algo para acabar coa extorsión dos gorrillas. Pero claro, no canto de buscar solucións ao problema de aparcar na contorna do Hula resúltalles máis fácil culpar á Xunta”.

O TSXG autoriza prorrogar a esixencia do certificado Covid en hospitais e residencias

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou hoxe á Xunta a prorrogar en toda Galicia, ata o próximo 23 de abril, a obriga de presentar o certificado Covid-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos doentes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional.

Os maxistrados destacan no auto que a medida trata “de protexer a persoas que presentan unha especial vulnerabilidade”, as cales se atopan en “contornas de elevado risco epidemiolóxico”, pois se trata de “ambientes cerrados, nos que o propio nivel de dependencia das persoas ingresadas ou residentes favorece o establecemento de contactos próximos e prolongados cos coidadores, o que aumenta o risco de transmisión e de contaxio”. Ademais, indican que, con frecuencia, os residentes presentan “algún grao de discapacidade ou deterioración cognitiva que pode dificultar o mantemento das medidas de prevención, como son a hixiene de mans e respiratoria ou o uso adecuado da máscara”.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG tamén advirte que “non pode levar a engano a tendencia decrecente da taxa de incidencia do virus, nin a previsión anunciada do fin da obrigatoriedade da máscara en espazos interiores”. Os xuíces inciden en que a prórroga da medida ten por obxecto “garantir a saúde de persoas que presentan unha especial vulnerabilidade e, por tanto, merecen unha especial protección nun contexto como o que nos atopamos, ata o punto de que a previsión de retirada de máscara en espazos interiores non sería xeneralizada, pois non se estendería a centros como os indicados”.

Na resolución, o tribunal sinala que o período ao que se prorroga a medida solicitada comprende datas, como as de Semana Santa, “nas que se produce un aumento de traslados da poboación e un incremento de visitas a residentes e familiares”, o que provoca “un aumento xeneralizado do risco das infeccións, nun contexto no que as taxas de incidencia na nosa comunidade, a día 30 de marzo, a 7 e 14 días, continúan sendo elevadas, con valores de 349 e 846 e casos por 100.000 habitantes, respectivamente”. Contra o auto cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

Galicia rexeita repartir os fondos das axudas polo lobo sen ponderar o peso da especie en cada territorio

Galicia rexeita a proposta inicial do Goberno central para repartir os fondos destinados a indemnizar os danos causados polo lobo xa que, cos criterios suxeridos, non se ponderaría dun xeito xusto o peso e a presencia desta especie en cada territorio.

Esta foi a postura que defendeu hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, ante a directora xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertización do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, María Jesús Rodríguez, que convocou a unha reunión por videoconferencia aos representantes de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León para falar sobre a xestión das axudas do lobo e emprazalos a remitir as súas propostas ao respecto antes do vindeiro 21 de abril.

En nome da Xunta, Do Campo xustificou o seu rexeitamento á proposta estatal subliñando que estas catro comunidades concentran o 95% dos exemplares de lobo ibérico de todo o país. Por iso, incidiu en que “carece de sentido” que o Goberno central propoña un reparto dos fondos destinados a previr posibles ataques no sector agrogandeiro sen ter en conta todo o peso da presencia real destes animais nos distintos puntos do país.

Pola contra e aínda que a Xunta —ao igual que os gobernos de Asturias, Cantabria e Castela e León— se comprometeu a trasladar por escrito a súa proposta con relación aos criterios de reparto, Belén do Campo adiantou que o número de mandas de lobos existentes en cada territorio debe ser “un factor fundamental” á hora de asignar o diñeiro prometido para as axudas de prevención así como os datos reais de danos comprobados.

Así mesmo e no caso dos fondos destinados a paliar o impacto que ocasionen estes animais nas explotacións gandeiras, a responsable galega considerou necesario neste caso valorar o número de cabezas de gando en extensivo e semiextensivo de cada rexión; pero lamentou que na proposta trasladada polo Goberno central unicamente se teñan en conta os exemplares de vacún, obviando os posibles ataques que se poidan rexistrar a ovellas, cabalos e outras especies gandeiras.

Por último, os representantes de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León coincidiron en pedirlle á directora xeral de Biodiversidade que axilice os trámites e prazos necesarios para que as comunidades poidan dispoñer dos fondos comprometidos xa que, en caso contrario, se corre o risco de que non se poidan executar.

7 meses de espera
Neste sentido, cómpre lembrar que a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, anunciou hai xa case 7 meses —en concreto, o pasado 25 de setembro— unha partida de 20 millóns de euros para axudar a compatibilizar a presencia no territorio da gandaría cun dos seus principais depredadores, o lobo. Este anuncio, sen embargo, non se plasmou ata o de agora nun plan concreto para levar a  cabo o reparto destes fondos entre as distintas comunidades, polo que os catro representantes autonómicos confirmaron que achegarán as súas propostas alternativas ás do Goberno central antes do 21 de abril.

Infraestruturas activa a renovación do asfalto das entradas do Cemiteiro Municipal

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas anunciou que o Goberno de Lugo vén de poñer en marcha o procedemento para renovar o asfaltado das entradas do cemiterio municipal. “Trátase dos viais que unen o cemiterio coa estrada de Esperante e coa Estrada Vella de Santiago, unha zona cuxo asfalto está xa moi desgastado e que fai preciso realizar unha actuación integral para garantir o funcionamento axeitado deste vial”, explicou o edil.

A solución adoptada pola concellería de Infraestruturas consiste na aplicación dunha nova capa de rodadura, baseada en mestura bituminosa en quente cun espesor medio de 5 cm. Os traballos comezarán coa limpeza do firme actual, garantindo a drenaxe da vía e evitando os efectos nocivos da auga unha vez se remate a renovación. A actuación está en fase de licitación, que se estenderá ata o 22 de abril, data límite para que as empresas presenten ofertas para realizar os traballos. O proxecto ten un orzamento máximo de 96.773,30€ e un prazo de execución de 21 días.

O Concelleiro destacou o traballo executado pola Tenencia de Alcaldía nos últimos anos para garantir as mellores condicións posibles no Cemiterio Municipal. “Durante o 2020 ampliamos o cemiterio, primeira ampliación que se fai desde o 2006, e nos últimos anos consolidouse a programación cultural, que se realiza de xeito estable durante todo o ano”, afirmou o edil, que engadiu “continuamos a traballar na mellora do Cemiterio para consolidalo como un referente internacional no eido dos cemiterios patrimoniais”.

O actual Cemiterio Municipal de San Froilán substituíu ás antigas instalacións de Magoi. A versatilidade do deseño de Eloi Maquieira para realizar actividades como as visitas nocturnas ou as distintas actividades culturais organizadas durante todo o ano, que fixeron que o cemiterio de Lugo fose incluído na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos e gañase o recoñecemento de National Geographic como un dos cemiterios máis bonitos do mundo.

A Xunta remite ao Concello un informe con propostas sobre a modificación urbanística do Garañón

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de dar traslado ao Concello de Lugo do informe ambiental estratéxico acerca do proxecto de modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Lugo na zona do Garañón (ámbito do URPI-58).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou “a celeridade e a vontade de colaboración” coa que se redactou este documento, necesario na tramitación do proxecto acordado polo Goberno local.

Unha vez pechado o prazo de consultas do borrador o pasado 16 de marzo, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental reuniu as conclusións e propostas da Xunta de Galicia para que sexan tidas en conta na redacción final do proxecto se o Concello así o estima, atendendo aos informes sectoriais emitidos por parte das direccións xerais de Urbanismo e Patrimonio Cultural así como do Instituto de Estudos do Territorio.

“Deste xeito -afirmou Arias- gañamos tempo e evitamos obstáculos que poden xurdir mais adiante, cando o Concello deba recabar os informes sectoriais da Administración autonómica sobre o texto definitivo, que entón si serán preceptivos e vinculantes”.

A principal achega da Xunta estriba na necesidade de partir da realidade física actual, xa que o borrador omite as edificacións existentes ao prever que serán demolidas. O informe autonómico lembra que para proceder á modificación puntual do PXOM debe garantirse a viabilidade técnica e económica da nova ordenación proposta, polo que cómpre incorporar todos os conceptos de gasto, incluída a adquisición de terreos e a eliminación dos edificios ou calquera outro elemento incompatible coa ordenación prevista.

Ademais, o informe ambiental estratéxico establece algunhas determinacións en materia de patrimonio cultural, como as de axustar a documentación urbanística á delimitación oficial do Camiño e ás contornas de protección contidas nas fichas do Catálogo do PXOM, e proxectar edificacións que impoñan a menor presión posible sobre os bens culturais da zona.

Así mesmo, recolle o apuntamento da Asociación cultural na defensa do parque Rosalía de Castro sobre a posible presenza dos restos dun acueduto que foron soterrados nas obras da urbanización do ámbito para, no seu caso, valorar a súa recuperación e protección.

En xeral, a Xunta entende que a proposta do concello para a zona non terá efectos ambientais significativos adversos, mentres que si se prevén efectos positivos en materia de protección da paisaxe.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com