Novas

Arrancan os traballos de peonalización de Rafael de Vega

Membros do Goberno local e persoal técnico do Concello de Lugo visitaron a rúa Rafael de Vega onde veñen de comezar os traballos de peonalización. “Trátase dunha zona da cidade que conta con moita poboación e que ata o de agora non tiña zonas adicadas ao uso e desfrute da veciñanza”, explicou o tenente de alcalde que engadiu que “desde o Goberno de Lugo seguimos traballando en crear zonas para a veciñanza, como as xa feitas no Sagrado Corazón e en Río Sil, ou as que se están a planificar nos distintos barrios”.

O Tenente Alcalde afirmou que “o obxectivo é ter un Lugo humanizado que permita á veciñanza desfrutar do espazo público”, e engadiu “con esta humanización conseguiremos un espazo de lecer necesario para a veciñanza ao mesmo tempo que se continuará a traballar na redución de tráfico rodado en toda a cidade”.

O proxecto da nova zona peonil foi elaborado pola área de Mobilidade e Infraestruturas mantendo xuntanzas coas veciñas e veciños da zona, contando co seu apoio e tendo en conta as súas necesidades para transformar esta rúa.

O Goberno de Lugo adxudicou os traballos a Construcciones Sanle Lugo, que presentou unha oferta por valor de 221.427€ e un prazo de execución de 6 meses.

O PP expón unha imaxe da colocación da estreleira no cuartel de San Fernando e pide que se identifique aos autores

O Grupo Municipal do Partido Popular envioulle á alcaldesa unha petición para que identifique e sancione ás persoas que colgaron esta fin de semana a bandeira independentista no cuartel de San Fernando.

Os populares achegan fotografías “nas que se ve a un grupo dunhas oito persoas que portaban varias bandeiras mentres un deles subíase a unha escaleira para colocar na fachada do cuartel, catalogado como Ben de Interese Cultural, unha destas bandeiras independentistas mentres o resto acirrábano”.

O viceportavoz popular espera que a alcaldesa ordene abrir inmediatamente unha investigación diante desta  “provocación” xa que “estamos a falar dun acto premeditado que se fixo á plena luz do día”.

Ameijide recrimina que ata o momento non houbese ningunha declaración pública do goberno local sobre estes feitos, o que lles resulta, din, “curioso” e “moi revelador” é ver “o silencio cómplice tanto do PSOE como do BNG ante este acto propagandístico”.

Da rúa ás plataformas dixitais: Louband presenta o seu primeiro videoclip ‘O Tren’

Un arranxo propio dunha canción de sempre e unhas mesturas cun temazo setenteiro, esas son as claves do novo videoclip da banda de rúa sarriá Louband. E si, sona tan ben como semella. A canción elixida O Tren, de Andrés do Barro e os tintes de Proud Mary, unha conocidísima canción de John Fogerty versionada por grandes da música como Tina Turner ou Elvis Presley, conforman este tema arranxado por Iñaki L. Campo, un dos oito membros de Louband.

O tema que xa está nas principais plataformas de música en streaming dende onte estreará este xoves, 7 de abril, a súa versión con videoclip en Youtube. A peza audiovisual, realizada polo galaico-arxentino Nahuel Lioi, é un dos puntos a destacar do traballo. Foi realizado aproveitando os contrastes de luz que se dan ao longo de todo un día (metáfora das longas xornadas que realiza o grupo cando saen levar a súa alegría ás festas) nun lugar con historia, a vella fabrica feculera de Sarria, cedida polo concello da vila.

A música, pola súa banda, foi grabada polo venezolano Jesús Álvarez e José A. Salvador, no estudio de este último, PAN Studio. Un arxentino de sona, Gonzalo Ariel López Brouchoud, técnico de Louband, encargouse da mezcla e masterización.

A banda

Louband é un grupo de música de rúa, conta con un MEAM (Micro Escenario de Alta Mobilidade), que ten os seus momentos no videoclip, desfilando detrásdos músicos, enchendo a enorme feculera de luz, lume e confeti. É o mesmo que acompaña a Louband en todalas actuacións, ó fin e o cabo, un membro máis…Neste momento compaxinan o lanzamento do single coa preparación da tempada de 2022, que xa quenta motores despois dun entroido que os levou a Pontevedra, Ourense, Cabañas Raras, Toral de los Vados, O Carballiño…no mes de abril xa contan con varias datas, nas feiras do viño de Sober e Quiroga e o verán ten pinta de ser frenético. E ainda gardan unha sorpresa importante.

O grupo leva dende o ano 2017 movendose por toda Galicia, o Bierzo e Asturias, pero está aberto a novos horizontes. Os seus oito compoñentes forman unha familia que se volcou no proxecto de Louband, un soño que lles permite cantar e bailar unha multitude de estilos musicales e escenarios tan grandes coma o mesmo mundo, entre as xentes, a pé de rúa.


Imaxe: Lucy – Llum_photography

A Biblioteca Nodal ofrece un encontro coa autora Cecilia Fernández Santomé

A Biblioteca Pública Provincial de Lugo ofrece este xoves, día 7, a posibilidade de asistir a un encontro coa escritora vilalbesa Cecilia Fernández Santomé a partir das 19.30 horas no salón de actos. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

A iniciativa forma parte das actividades do centro para celebrar o Día do Libro, que se conmemora o vindeiro 23 de abril. Cecilia Fernández é autora de obras como Quérote. Eu tampouco e Unha rapaza de provincias. Entre outros recoñecementos, o ano pasado gañou o certame de narracións breves Manuel Murguía por As orfas daquel verán.

A provincia baixa dos 2.000 casos por primeira vez dende decembro

A provincia de Lugo baixou hoxe dos 2.000 casos activos de Covid 19. Un caso que non se daba na área sanitaria dende o pasado 26 de decembro. E é que nas últimas semanas a sexta vaga establecera nos dous mil casos o seu límite de baixada.

Así, nas últimas horas, o SERGAS notificou 1728 casos activos, 417 menos dos que se notificaban o pasado sábado, último día con datos publicados por Sanidade. Este descenso vén dado pola baixada de número de positivos detectados, logo de que a Xunta deixara de contabilizar os autotest, e que se sitúan en 72 novos positivos, fronte aos 133 do sábado.

Un baremo que si deu un paso atrás na xornada de hoxe foi a presión asistencial, que nas últimas horas ascendeu ata os 47 pacientes en planta e os 3 na UCI, fronte aos que se daban o sábado, 38 e 2 respectivamente.

Por hospitais, os tres pacientes de UCI se atopan no Hospital Lucus Augusti que conta con 33 pacientes en unidades convencionais, o Hospital da Costa, pola súa banda, conta con 10 pacientes covid mentres que o de Monforte, suma 4 pacientes.

Dende o inicio da pandemia, na provincia perderon a vida polo Covid 320 persoas, mentres que se recuperaron 56.702.

 

Unha menor ferida nun autobús tras interceptar na vía un animal en Foz

Unha nena resultou ferida despois de que o autobús no que viaxaba sufrise un accidente tras interceptar un animal na vía, en Foz. No vehículo viaxaban preto de cincuenta persoas e cubría a liña de Asturias a Viveiro.

O suceso tivo lugar preto das dúas e media desta madrugada na N-642 preto de Polígono de Barreiros. Foi, a esa hora, cando o condutor do bus chamou ao 112 Galicia para informar do accidente. Segundo confirmaba aos xestores de emerxencias, unha meniña precisaría de asistencia sanitaria despois de levar un golpe tras impactar o vehículo co animal.

Axiña, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112 Galicia) puxo o suceso en coñecemento dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Barreiros, dos membros do GES de Cervo e dos voluntarios de Protección Civil da localidade. Ademais, foron informados os axentes da Garda Civil de Tráfico así como o persoal de mantemento da estrada, que se encargaron de recuperar as condicións de seguridade na vía.

19,30 h.- O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, manterá un encontro co piloto Eduardo Iglesias. Na sala de xuntas da Vicepresidencia segunda (edificio administrativo número 5 de San Caetano, 4º andar). foto xoán crespo

O piloto Eduardo Iglesias recibe o apoio da Xunta para levar o nome de Galicia Calidade e do Xacobeo a nivel internacional

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo recentemente un encontro co piloto do Team Monforte Rally Eduardo Iglesias, a quen felicitou pola súa participación no Rally Dakar 2022, que logrou rematar por terceiro ano consecutivo, logrando nesta ocasión situarse na 78ª posición. 

No encontro, o vicepresidente segundo trasladoulle ao deportista monfortino o apoio da Xunta para seguir levando en próximas competicións o nome de Galicia Calidade e do Xacobeo a nivel internacional, contribuíndo así á proxección exterior da Comunidade.

A Xunta licitará a redacción da ampliación do polígono industrial de Meira

A Xunta licitará proximamente a redacción do proxecto de ampliación do polígono industrial de Meira coa intención de iniciar este mesmo ano as obras, para as que existe unha partida orzamentaria de 515.000 euros.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará 39.800 euros á licitación do proxecto. Nesta nova fase de urbanización e electrificación do parque empresarial actuarase sobre unha superficie total de 23.900 m2, dos que 15.000 serán superficie industrial e o resto zona verde e vías de comunicación.

Está previsto sumar tres parcelas cunha superficie mínima de 5.000 metros cadrados, que é a dimensión que se establece para esta zona do parque.

Actualmente o polígono ocupa unha extensión de preto de 66.000 m2 e conta con 35 parcelas, todas elas vendidas. Debido á demanda que existe de solo industrial na zona, a Administración autonómica levou a cabo os trámites necesarios para conseguir os terreos necesarios para a ampliación mediante compravenda e expropiación.

Arias subliña que o obxectivo da Xunta é “favorecer a implantación de empresas ofrecendo solo industrial a prezos competitivos e con todos os servizos e infraestruturas que precisen, de modo que poidan traballar e medrar dende calquera comarca da provincia”.

Adif adxudica obras para optimizar pontes e explanacións do treito Ourense – Monforte

O Consello de Administración de Adif aprobou a adxudicación dun contrato para optimizar elementos da infraestrutura (pontes e explanaciones) situados nun trazado duns oito quilómetros de lonxitude da liña ferroviaria convencional Ourense-Monforte de Lemos.

O contrato adxudicouse á unión temporal de empresas (UTE) formada por Dragaxes e Tecsa Empresa Construtora, por un importe de 8.960.834,18 euros (IVE incluído) e cun período de execución de once meses.

O proxecto comprende actuacións nun total de nove pontes, doce trincheiras e seis medias ladeiras situados entre os puntos quilométricos 028/183 e 036/524 da liña. O obxectivo é adaptalos aos novos parámetros de explotación (incluído o gálibo) que require a electrificación a 25 kV que se instalará nesta liña entre as estacións de Monforte de Lemos e Ourense.

Así mesmo, optimizaranse os sistemas de drenaxe destes elementos da infraestrutura ferroviaria, así como as súas condicións de conservación e durabilidade.

Ademais, ampliarase o noiro existente no lado sur da estación ourensá de Vos Peares para, posteriormente, permitir que se constrúa a plataforma ferroviaria dunha futura vía desviada (vía 2) e conseguir unha lonxitude de estacionamento de 750 metros.

‘Revolta Rural’, o maratón de emprendemento fronte aos retos do rural chega a Baleira

Chega a Revolta Rural. A volta ao valor das comarcas rurais, e o poder do talento das persoas para impulsar o desenvolvemento destas áreas. Con este propósito celebrarase un maratón de emprendemento para dar solución aos retos que lanzan dende estos grupos de comarcas rurais da provincia de Lugo, entre eles estarán o do Concello de Baleira e o de Mondoñedo.

Entre os retos propostos, estos tres GDR necesitan encontrar modelos innovadores en sectores chave das suas comarcas, como o forestal, a enerxía, o turismo activo e experiencias turísticas, e a sua comercialización en novos mercados, así como proxectos que melloren os servicios á poboación.

No último día da Revolta Rural os participantes presentarán os proxectos e os GDR contan con unha bolsa de 15.000€ para entregar en premios, ademáis da participación na incubadora rural que se porá en marcha en cada un dos tres territorios.

Neste maratón podrán participar tanto novas persoas emprendedoras e empresas que busquen lanzar novas líneas de negocio, e que xa poden rexistrarse na web de www.ruraltalent.eu. Durante dous días traballarán con mentores especializados, empresas referentes dos sectores en talleres e dinámicas de traballo e networking, para construir os seus modelos de negocio e que poidan poñelos en marcha nestas comarcas rurais.

Ademáis, durante estos próximos días, os GDR celebrarán charlas informativas nos seus territorios para dar toda a información dos seus retos, as bases do programa e as posibilidades de financiación para os proxectos participantes.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com