Novas

O TSXG autoriza prorrogar ata abril a esixencia do certificado COVID-19 en hospitais e residencias

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou hoxe á Xunta a prorrogar en toda a comunidade, ata o próximo 9 de abril, a obriga de presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos doentes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo destaca no auto que esta medida permite “o mantemento desas actividades en situacións nas que se aprecia un incremento de risco de contaxio, polas características de especial vulnerabilidade que concorren”. Ademais, indica que o feito de que o pasaporte COVID-19 “non elimine completamente a posibilidade de novos contaxios”, non invalida “a idoneidade dunha medida que permite reducir o risco”. Así, incide en que o seu obxectivo consiste en diminuír “a posibilidade de que unha persoa infectada contacte con non infectados e non protexidos e que lles poida transmitir a infección”. Ademais, asegura que está acompañada “dun esforzo da administración sanitaria no campo da vacinación, no da expedición de certificados e no aumento de probas para a detección do virus, destacándose que todos os que se quixeron vacinar, puideron facelo”.

Na resolución, os maxistrados sinalan que o informe médico achegado pola Xunta xustifica a obriga de presentar o certificado COVID-19 en determinados espazos. Ademais, indican que a medida “se manterá o tempo imprescindible para mellorar a situación epidemiolóxica da comunidade, que se revisa diariamente e se somete semanalmente á consideración do comité clínico, segundo as evidencias científicas que poden xurdir”.

O Concello súmase mañá á Hora do Planeta apagando a iluminación da Tanxurela e a Casa Consistorial

O Concello de Lugo sumarase, un ano máis, á Hora do Planeta, nun xesto simbólico que mantén dende o 2010 e co que, ademais de dar exemplo, quere crear conciencia social sobre a necesidade de conectar e ser máis respectuosos coa natureza.

Así, este próximo sábado, 26 de marzo, apagará entre as 20:30 e as 21:30 horas a iluminación pública da Casa Consistorial e tamén da Tanxurela, reiterando o compromiso da institución pola sostibilidade e coa convocatoria promovida pola organización internacional WWT contra o cambio climático, o maior movemento global neste eido que conta co apoio das Nacións Unidas.

A alcaldesa convida á veciñanza a adherirse á iniciativa cun pequeno gran aceno como apagar a luz unha hora esa tarde, co fin de que “todas e todos contribuïamos á defensa do medio ambiente, unha responsabilidade que nos incumbe e nos afecta, de forma xeral, como sociedade”, afirmou.

“Os concellos, como administración máis próxima á veciñanza, desenvolvemos, ao igual que noutras moitas facetas, un papel clave para impulsar o cambio cara a transición ecolóxica. Por iso, unha vez máis – subliñou a rexedora – queremos facer fincapé na importancia que ten coidar aquilo que nos rodea e salvagardar a saúde do noso planeta porque o que está en xogo é a nosa propia saúde e o benestar dos que máis queremos e das xeracións vindeiras”, destacou a rexedora.

A Moexmu volve o día 1 coa súa primeira edición trala pandemia

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo presentou este venres no Pazo de San Marcos a programación da 38 edición da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), que se celebrará os días 1, 2 e 3 de abril no recinto feiral Manuel Vila. No acto participou o Alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e representantes da comisión organizadora, que asume a Asociación de Comerciantes Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta. En concreto, asistiron o presidente da MOEXMU, José Darriba Hermida; o coordinador da mostra, José Manuel Rus, e o presidente de AFRICOR e FEFRIGA, Manuel Sandamil Cabana.

A Deputación puxo en valor a recuperación deste encontro despois de dous anos de parón debido á pandemia e felicitou por elo á organización, ademais de trasladarlle “o recoñecemento e o apoio” da institución provincial polo seu traballo e polo programa que prepararon.

A Deputada subliñou que este respaldo tradúcese “en medidas concretas”. Así, neste ano 2022 “incrementamos a colaboración económica que xa dende hai anos mantemos coa MOEXMU ata máis que triplicala, chegando desta forma aos 33.000€ entre distintas axudas, que se suman á doazón de dúas xatas da Granxa Gayoso Castro” para o certame, explicou a deputada, quen enmarcou este apoio “no compromiso firme” da institución provincial coa Mostra Exposición de Muimenta, “para que puidera recuperarse con forza”, pero tamén, engadiu, “é o reflexo de  ue todo o que ten que ver co noso rural e co noso sector primario é un eixo de traballo estratéxico, prioritario, para a Deputación de Lugo”.

Neste sentido, a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo mostrouse convencida de que as actividades relacionadas co impulso do sector primario, como é a MOEXMU, son fundamentais para apoiar a economía da nosa provincia, tanto polo retorno económico que ten de maneira inmediata a súa celebración en actividades como as do comercio e a hostalería e a propia actividade agrogandeira, como pola promoción e a proxección que fai, e que ten impacto tanto a medio, como a longo prazo”.

Así mesmo a tamén voceira provincial destacou que “un sector primario forte, competitivo, de valor engadido e diversificado, é un dos elementos claves do futuro do noso rural e do conxunto da nosa provincia”. A Deputada dixo confiar en que a MOEXMU atraerá “a milleiros de persoas e servirá para seguir consolidando unha cita que xa é todo un referente no sector agrogandeiro do noso país”.

O Arde Lucus Cultural arranca mañá coa Festa da Primavera

Lugo prepárase un ano máis para revivir o seu pasado romano, e como antesala a súa gran festa de recreación histórica, que se celebrará do 8 ao 12 de xuño, comezan xa as actividades do programa Arde Lvcvs Cultural, impulsadas polo Concello.

A primeira delas será a Festa da Primavera, que se desenvolverá este sábado, 24, na Horta do Seminario, de 11.00 horas a 20.00 horas. Segundo lembrou o concelleira de Xuventude, Mauricio Repetto, “é unha das festividades galaicas máis importantes antes da chegada do Imperio Romano e con gran influencia na nosa cultura, dado que este tipo de celebracións marcaban os cambios de estación e a chegada do bo tempo, pasando ás estacións de fertilidade, luz e vida, deixando atrás as estacións máis frías e escuras”.

Así, este sábado, as asociacións Civitas Lucensis, Clan De Breogán, Lugdunum, Mercenarios Galaicos e Trebas Galaicas participarán con diferentes obradoiros de traballos en coiro, barro, cociña e cestería, pero tamén prepararán unha representación das vodas celtas, das ofrendas dos e rituais inspirados nos antigos poboadores. Ás 20.00 horas haberá un desfile polas rúas da cidade.

Repetto anima á cidadanía a participar nesta primeira acción dun completo programa de actividades previo ao gran Arde Lvcvs, “que este ano recuperará todo o seu esplendor tras dos anos de pandemia”. O concelleiro puxo en valor o traballo que están a realizar as 19 asociacións de recreación histórica do municipio, e avanzou que o Arde Lvcvs Cultural, “que anunciaremos nos vindeiros días, inclúe medio cento de actividades de inspiración romana e castrexa, que se desenvolverán ata xuño”.

Ademais, o sábado tamén terá lugar, no Cantiño Nemesio Cobreros, unhas xornadas de lanzamento de bolos organizadas polo Club de Bolos Celtas Muralla, de 10.00h a 14.00h en xornada de mañá, e de 16.30h a 20.30h pola tarde.

Programa

» 11:30 h. Obradoiro de traballos en coiro
» 12:00 h. Obradoiro de traballos con barro
» 12:30 h. Pregúntalle ao péndulo
» 13:00 h. Representación de vodas Celtas
» 13:30 h. Cociña Galaica
» 16:15 h. Mostra traballo de cestería
» 16:45 h. Oráculo Galaico
» 17:30 h. Representación de vodas Celtas y escenificación de Loita Galaica
» 19:00 h. Ofrendas e rituais á deusa Navia
» 20:00 h. Desfile polas rúas da cidade


Imaxe de arquivo: Tribos castrexas en Arde Lucus

Rematados os traballos de mantemento nos leitos de dous ríos en Cervantes

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico finalizou os traballos de mantemento e conservación nos leitos de dous ríos do termo municipal de Cervantes. Actuouse no río Cereixedo, na contorna de Veiga, e no río do Mazo, nas proximidades de O Mazo. A lonxitude total destas actuacións ascende a 1373 m de leito.

Os traballos principais consistiron na retirada de árbores e restos vexetais acumulados en diferentes tramos do leito, así como a talla de árbores secas, enfermos ou con risco de caída, e a poda ramaxe intensiva e arbustiva que diminúe a sección de desaugadoiro dos leitos.

Estes traballos, cun investimento de 25.096,10 €, realizáronse a través da empresa pública Tragsa dentro do Programa de mantemento e conservación de leitos que desenvolve a Confederación Hidrográfica do Cantábrico fóra das zonas urbanas, nas que os labores de conservación e mantemento de leitos son competencia dos concellos. Durante o pasado ano 2021 investíronse en Lugo 528.178,01 € repartidos en 42 actuacións en 14 municipios.

A Federación Veciñal colaborará con Ecoembes e a Xunta para subir a taxa de reciclaxe entre a veciñanza

A Xunta de Galicia, Ecoembes e a Federación de asociacións veciñais Lucus Augusti renovaron hoxe a liña de colaboración que manteñen desde o ano 2020 para fomentar a recollida selectiva de envases lixeiros e papel-cartón  en Lugo co reto de incrementar as taxas de reciclaxe deste tipo de residuos nun 10%.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe no acto de sinatura do convenio coa entidade veciñal, que aglutina a máis de 300 asociacións de veciños lucenses e renova deste xeito, por terceiro ano consecutivo, o seu compromiso coa reciclaxe e o fomento da concienciación cidadá nesta materia.

En concreto, entre as obrigas que asume Lucus Augusti para este ano figura a celebración de, como mínimo, unha sesión de sensibilización dirixida principalmente aos seus asociados pero tamén ao público en xeral, que será impartida por un educador ambiental facilitado a tal fin por Ecoembes.

Así mesmo, a entidade comprométese a proporcionar información e concienciar sobre a reciclaxe deste tipo de residuos dentro do seu ámbito de actuación e no exercicio da súa propia actividade. Por último, a federación tamén garantirá a colocación de contedores en todas as súas sedes para poder facer unha recollida selectiva de envases e embalaxes, ao tempo que se encargará do mantemento, recollida e baleirado dos cubos e papeleiras habilitados para depositar estes residuos.

Para poder poñer en práctica todas estas accións, a federación veciñal lucense recibirá unha achega de 10.000 euros —contía que duplica á do ano pasado— procedente do convenio marco de colaboración subscrito no ano 2020 entre a Consellería e Ecoembes. Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou a importancia de contar co apoio e a implicación directa de entidades como Lucus Augusti para poder seguir avanzando na separación dos residuos en orixe nos fogares galegos. Así, indicou que en breve se darán a coñecer as cifras oficiais de recollida de envases e de papel-cartón en Galicia correspondentes ao ano pasado e avanzou que se continúa “na boa dirección”.

“Agradecemos ese labor de concienciación que asume a federación, que é fundamental e que moitas veces nin a Administración nin Ecoembes somos quen de facer mentres que vós sodes capaces de chegar a cada recuncho”, declarou a conselleira.

Por iso, agradeceu o compromiso de Lucus Augusti co coidado do medio ambiente a través do fomento dunha xestión dos residuos domésticos axeitada e eficaz e lembrou que o ano pasado esta entidade recibiu de Sogama un total de 300 compostadores con capacidade para 400 litros que repartiu entre todas as asociacións ás que  representa para implicalas así tamén no tratamento dos biorresiduos.

Por último, o presidente da Federación Lucus Augusti, Jesús Vázquez, indicou que grazas á renovación deste convenio poderán darlle continuidade á campaña de concienciación coa que o ano pasado, a pesar da pandemia, lograron chegar a moitos barrios e concellos; e como principal novidade, salientou que en 2022 se fará “especial énfase” nos centros educativos, para concienciar sobre a recollida selectiva “aos mozos, que son o futuro”.

Socialistas de Portomarín denuncian que o Concello rexeite mellorar dotacións públicas

Os socialistas de Portomarín demandaron na sesión plenaria, a través dunha moción, instar ao Concello para solicitar axudas co fin de mellorar as nosas dotacións e servizos públicos, pero unha vez atopémonos coa negativa do PP”, sinalan.

A Voceira Socialista, Silvia Rodríguez explica que “primeiro solicitei ao Concello que dentro da convocatoria pública do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos, solicite axudas para rehabilitar a Casa de Cultura, co fin solventar os problemas de accesibilidade do edificio e a deficiente conservación que presenta”.

Por todo isto, “lamentamos que unha vez máis perdemos unha oportunidade extraordinaria para mellorar as nosas infraestruturas públicas, a custe cero”. E insisten nas súas criticas “estaremos expectantes para coñecer os grandes proxectos aos que nos se presentar o concello para mellorar este edificio nas vindeiras datas”, advirten.

Dende o PsdeG tamén defenderon outra proposta, que foi aprobada por unanimidade, co fin de elaborar un Plan de Medidas Antifraude, “un requisito esixible para poder concorrer a estas axudas públicas do Plan de Recuperación”.

Por último, Silvia Rodríguez, defendeu outra moción polo tramite da urxencia, que tamén foi aprobada por unanimidade, tras coñecer as denuncias das nais e pais de Portomarín e da Comarca sobre o servicio de pediatría de Monterroso.

Segundo se fixo publico o servicio está cancelado dende fai varios dias e están dando citas para dentro dun mes. “Por iso demandamos á Xunta recuperar de xeito inmediato o Servizo de Pediatría no Centro de Saúde de Monterroso, que atende aos usuarios dos concellos de Portomarín, Antas de Ulla e Taboada”.

O Concello pide á Xunta autorización para utilizar suelocemento no ‘leiraparking’ do Hula

Unha condutora ferida en Foz pide axuda ao 112 mediante o sistema ecall

O sistema ecall permitiu a unha condutora pedir axuda ao 112 Galicia despois de bater contra un animal que interceptou na vía en Foz. A muller necesitaba asistencia médica debido ás lesións provocadas polo golpe e tras activarse a bolsa de aire de seguridade do vehículo.

De feito, presentaba algunhas feridas nas pernas, polo que foi atendida polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, posteriormente, trasladada ao centro hospitalario de referencia.

Ademais, o sistema de chamada de emerxencia ecall instalado no interior do vehículo permitiu coñecer axiña a súa localización, a LU-152, ao paso por Santo Acisclo do Valadouro, no termo municipal de Foz.

Así, xunto cos profesionais médicos, desprazáronse ao lugar do accidente os axentes da Garda Civil de Tráfico, membros do GES de Cervo e voluntarios de Protección Civil da vila. Igualmente, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración do persoal de mantemento da Axencia Galega de Infraestructuras (AXI) para a retirada do animal.

Cómpre indicar que o accidente produciuse ás 20:30 horas de onte.

A Deputación impulsa cinco concertos de Lucus Ensemble centrados en compositoras e intérpretes

A Deputación de Lugo lanza un ciclo de cinco concertos do grupo Lucus Ensemble baixo o nome A Muller na Historia da Música. O primeiro realizarase no concello de Barreiros este domingo 27 de marzo ás 19 horas nos colexios vellos de San Miguel, e continuarán en vindeiras datas actuacións en Vilalba, Meira e Taboada.

A titular da carteira de cultura subliñou a necesidade de “coñecer e achegar a todos os públicos os nomes das grandes compositoras e intérpretes da música, desfrutando da súa obra, moitas veces asinada por varóns e soterrada pola súa condición de mulleres, ocultando todo seu talento ao longo da historia”.

O proxecto da formación Lucus Ensemble, “A Muller na Historia da Música”, inspírase noutras disciplinas como as Belas Artes, eidos nos que as mulleres foron deliberadamente agochadas detrás de figuras masculinas e que institucións de tanto prestixio como o Museo do Prado decidiron sacar do esquecemento con distintas iniciativas.

Clara Schuman, Alma Mahler, Fanny Mendelson, María Anna Mozart son só algúns exemplos de destacadas creadoras eclipsadas por cónxuxes ou irmáns compositores que si pasaron ao Olimpo da creación musical.

Neste punto é onde nace o proxecto impulsado pola Deputación da man de Lucus Ensemble, un dos referentes musicais da provincia que comezou a súa andaina hai máis de seis anos co obxectivo de difundir a música de cámara e, neste proxecto en concreto, poñer en valor o talento das mulleres na historia da música.

Seguindo os principios fundacionais do grupo, divulgarán a importancia que tiveron grandes mulleres dende o punto de vista da composición, a interpretación ou a edición de destacadas obras musicais. Farano mediante cinco concertos de balde para o público en distintas localidades da provincia.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com