Novas

Un novo falecemento pola covid nun día de retroceso tamén na evolución da sexta vaga

316. Esa é a cifra de persoas falecidas na provincia por mor do Covid dende o inicio da pandemia. Así o confirmaba hoxe o SERGAS logo de dar conta dos falecementos na comunidade nas últimas xornadas. Así, a última fenecida na provincia foi unha muller de 86 anos que perdía a vida o pasado 20 de marzo.

E todo isto o mesmo día en que Lugo volve rexistrar un retroceso na mellora desta sexta vaga que non acaba de marchar. Así, na última xornada os casos activos subiron ata os 2.553, fronte aos 2472 da xornada anterior.

Tamén subiu na última xornada a presión asistencial. E é que malia que a UCI do Hula segue a contar cun só paciente, en planta nos distintos hospitais públicos hai un total de 46 persoas ingresadas con covid. Así, por hospitais, no HULA hai 28 casos (dous máis que a xornada anterior), o Hospital da Costa segue sumando 9 pacientes mentres que o Hospital de Monforte perde un paciente e queda con 8.

A boa cifra da xornada, son os positivos detectados que suman 264, 24 menos que na xornada anterior. EN canto ás altas médicas, son 53.941 en total dende o inicio da pandemia, 180 máis que un día antes.

Arranca este venres o Concurso de tapas con Queixo San Simón en Vilalba

Un total de 22 establecementos de hostalería de Vilalba participarán desde este venres, 25 de marzo, e ata o 3 de  abril no XXIII Concurso de Tapas do Queixo de San Simón da Costa.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; a tenente de alcaldesa, Marta Rouco, e Manuel Silvosa, representante da Asociación de Empresarios do Polígono Sete Pontes, presentaron a nova edición do concurso, no que cada establecemento deberá elaborar unha tapa na que o ingrediente principal sexa o queixo de San Simón da Costa.

As tapas poderán elaborarse de xeito tradicional ou ofrecendo unha tapa de maneira máis novidosa e creativa, mantendo sempre as materias primas. Terán que inscribirse nunha das dúas modalidades que prefiran: tradicional (1,80 euros) ou creativa (dende 2,50 euros ata o precio que considere o hostaleiro).

A cada establecemento entregaráselle un cartel do Concurso de Tapas, unha urna e tarxetas para que os clientes poidan emitir o seu voto. Tanto o cartel, como a urna e as tarxetas de votación deberán de estar colocados nun lugar visible. Haberá por un lado unha votación popular e o reconto de votos emitidos polo público calcularase facendo unha media de todolos puntos obtidos polo establecemento según as papeletas válidas depositadas nas urnas,  admitíndose un único voto por cliente e tapa.

Sairán gañadoras as tapas que feita a media do cálculo obteñan máis puntuación. De este reconto sairán o Premio do Público de Tapa Creativa e o Premio do Público de Tapa Tradicional.

Por outra parte, os oito establecementos que reciban máis puntuación (catro de cada categoría) pasarán á final. Estes establecementos finalistas serán debidamente avisados para citalos a elaborar a tapa para proceder á derradeira valoración do xurado, que se realizará o xoves 7 de abril nos establecementos finalistas.

Os consumidores das tapas poderán ademáis participar na Ruta do Tapeo ata o día 3 de abril de 2022. Haberá a disposición do usuario unhas papeletas da Ruta do Tapeo, na que aparecerán tódolos establecementos participantes, así como un mapa indicador da súa localización. Cada establecemento dispón dun espacio para que o consumidor, ó degustar a tapa, poida solicitar que lle selen o devandito espacio co selo do establecemento.

Cando o consumidor acade 5 establecementos diferentes, pode introducir a papeleta da Ruta do Tapeo debidamente cumplimentada cos seus datos persoais, pasando así a participar no sorteo de varios agasallos que se sortearán ao finalizar o concurso.

Os establecementos participantes serán o Hotel Spa Attica21; Cervexería Lembranzas; 27 Oitocentos Burguer Bar; Bar Pafe; Oasis; Café Centro; Mesón do Campo; Café Brasil; Casa Maragata; Taberna Galega A Lareira; Taperia O Porrón; Os Roques Burguer; Bar Puro Teatro; Mesón O Carballo; Potekebap; Bar A Madalena; Parador de Vilalba; Bar Trébol; Hostal O Cristo; Casa das Xaquinas, e Cafetería Luar.

Milleiros de camións da provincia paralizan Lugo nunha marcha lenta ata a Ronda da Muralla

Noveno día do paro do transporte e Lugo colapsou. Á falta de subministros en moitos supermercados da cidade, uníuse no día de hoxe a parálise que se viviu en torno á avenida da Coruña e á Ronda da Muralla. Claxóns de transportistas, taxistas e agrogandeiros que acompañaban ao sector na súa protesta e aplausos de veciños de Lugo que apoiaban aos traballadores esenciais, encheron o ruído da capital durante unhas cantas horas.

En torno ás 10 da mañá comezaron a xuntarse camións de toda a provincia e algún do resto da comunidade no Polígono das Gándaras dende onde saía a manifestación, que arrancou en torno ás 11 e remataron no mesmo parque industrial pouco antes das 6 da tarde. Segundo estimacións iniciais da Policía Local reuníronse en Lugo en torno a 1000 camións.

A protesta foi convocada pola Plataforma en Defensa do Sector do Transporte de Mercadorías. Segundo a Subdelegación do Goberno non houbo incidentes de gravidade máis aló das retencións pola cidade.

Taxistas e agrogandeiros xuntáronse tamén nesta manifestación, xunto a numerosos veciños da cidade que acompañaron cos seus vehículos á marcha lenta.

Convocan para mañá unha concentración contra a suba de prezos da enerxía

“A sociedade española vive cunha profunda preocupación e gran malestar a escalada desbocada dos prezos que desde hai meses sufrimos no país. O pasado mes de febreiro, a inflación acadou unha nova cifra histórica ao se situar no 7.6%, o nivel máis alto desde 1986. A tensión dos prezos da electricidade, o gas, os carburantes e outras materias primas estase a trasladar ao prezo do resto de bens e servizos, que xa soben de xeito xeneralizado. As perspectivas non son boas. Toca actuar con celeridade”, así explican dende a Unión Comarcal de Lugo de Comisións Obreiras (CCOO) as razóns polas que, xunto con outras organizacións, organizan para mañá unha concentración diante da Subdelegación do Goberno en Lugo para condenar a suba dos prezos da enerxía.

O acto de protesta terá lugar mañá, día 23 de marzo, a partir das 19.30 horas.

CCOO chama así, á mobilización de toda a cidadanía o día 23 de marzo en todo o Estado, para lle esixir ao Goberno do Estado e á Unión Europea que actúen para conter a escalada disparatada dos prezos, protexer o emprego e frear o deterioro das nosas condicións de vida.

Neste marco, as organizacións convocantes mantiveron, a nivel comarcal, un encontro con outras organizacións sociais e políticas, na que participaron representantes de diversos sectores moi afectados pola actual suba do prezo da luz como o Sindicato Labrego Galego, organizacións ecoloxistas como Ecoloxistas en Acción e partidos políticos como Esquerda Unida e o Partido Comunista de Galicia.

De ese encontro saíu a idea de facer unha convocatoria o máis ampla posible e entre todas as organizacións alí presentes o firme compromiso de seguir a traballar en conxunto para loitar contra a pobreza enerxética.

Quero baixar!

Para un indocumentado político é difícil pasar as follas do calendario, xa que sen ter arte nin parte na marcha do mundo paréceme que canto máis camiño máis afondo no pouso das miserias de cada día.

Lembro que a haxiografía real no 1981, cando ao daquela príncipe lle morrera alguén da familia, contaba que o neno, o 23 F, exclamou: Que mes! Un mes non me chega, nin un ano, polo que vou ter que exclamar (en silencio, por se acaso), que século!. Porque desde que este malfadado vinteún empezou, fomos recibindo avisos – coma no Inferno de Dante – de esquecer toda esperanza.

Non faltou nada aciago: terremotos, volcáns, atentados, crises, guerras… de todo, para non chamarnos a engano, para non crer que este século sería mellor ca o anterior.

E por se pretendemos esquecer, a pandemia no canto de adormecernos os sentidos, pon de manifesto que o dinosaurio de Monterroso segue estando aquí, utilizando todo o seu armamento, porque despois da pandemia veu a crise económica, e sen levantar cabeza chegou unha guerra de tolos, e os paises civilizados loitan coas armas da razón que, por ser razoables, vólvense contra nós mesmos. E a loita xusta contra a guerra infame dispara prezos, e os camioneiros protestan parando o transporte, as industrias quedan sen materias primas e pechan as portas, os mercados quedan baleiros, o que ten oportunidade acumula produtos na despensa, os combustibles andan polas nubes,e o goberno pacta con Marrocos mentras Arxelia se cabrea… E se non hai gas de Rusia, necesitamos a Arxelia…

Gustaríame baixarme, aínda que non sabería a onde ir, porque noutros sitios están aínda peor. A ver se esta noite consigo durmir.

Adxudicados os 12.600 m² dos novos espazos verdes de Lugo na Garaballa

Lugo contará próximamente con máis de 12.610 m² de novas zonas verdes que, repartidos en tres parcelas ofrecerán un innovador espazo axardinado, nas inmediacións do Barrio Multiecolóxico que se proxecta na Garaballa. Unha intervención que se executa ao abeiro do programa Life Lugo + Biodinámico, o proxecto co que xa se identifica a estratexia impulsada pola rexedora dende o inicio do seu mandato para transformar a cidade.

A Xunta de Goberno Local adxudicará mañá os traballos á UTE formada polas empresas Citanias Obras y Servicios e Mantemento Forestal que disporán dun prazo de cinco meses para materializalo.

A alcaldesa lucense lembrou que a actuación inclúe a creación de 1’2 hectáreas de terreo destinadas a zonas verdes dentro das que terán un especial protagonismo uns novidosos hortos ecolóxicos comunitarios artellados en prol dun obxectivo fundamental: propiciar a dinamización social e aproveitar a súa capacidade terapéutica e didáctica.

A rexedora recordou tamén que o proxecto creará un espazo cun valor engadido, que sexa esteticamente pracenteiro e apto para o uso de diversos perfís.

Todas as parcelas disporán dunha serie de elementos comúns:

Zonas de hortos. Coa finalidade de facer un proxecto inclusivo para todas as idades – dende nenos ata maiores – e tamén integrador, tivéronse en conta os posibles perfís de usuarios e usuarias. Para o que se xeraron temáticas e usos propios que contarán con elementos singulares que fagan as parcelas máis atractivas ao usuario obxecto, aínda que estarán abertas a todo tipo de público.

Contémplanse así, diferentes tipos de hortos:

Horto Cidadán: o seu obxecto é compartir traballo, aprendizaxe e experiencias con xente da comunidade maior de idade. Serán de grandes dimensións e, neles, os bancais estarán a ras de chan, acompañados de espaleiras que permiten diversificar o cultivo.
Horto Terapéutico: pretende contribuír á mellora da saúde mental e física da poboación. As persoas utilitarias serán, en principio e por razóns de proximidade, pacientes do Centro de Rehabilitación Lugo Rúa e da Unidade Asitencial de Drogodependencias. Proxectouse en bancais elevados, que facilitarán a realización de tarefas hortícolas.
Horto para Maiores: A súa finalidade é servir de terapia en persoas da terceira idade. Diseñouse, como o anterior, en socalcos elevados que favorecerá poder traballalos dende unha postura máis cómoda.
Horto Escolar: destinado ao alumnado das escolas, especialmente das máis próximas, para que sexan visitados en compañía do equipo docente e aprendan, dende curta idade e de forma práctica, sobre cultivos. Prevese un uso maioritariamente en días de semana.
Horto Familiar: dirixido a familias con crianzas, estímase que a súa utilización será en fines de semana o que evitará que se solape en horario cos anteriores.
Horto Didáctico: a súa principal finalidade é trasladar coñecementos e información ás e aos usuarios das parcelas sobre o seu mantemento e tamén será empregado para a realización de obradoiros afíns.

Igualmente, as parcelas contarán con bancais de cultivo formados por travesas de madeira e recheos de terra vexetal. De maneira que uns irán a nivel do solo e outros serán elevados, pensando e aportar confort aos colectivos con dificultades de mobilidade.

A modalidade de agricultura en chan se desenvolverá en socalcos de diferentes dimensións segundo o espazo dispoñible, de maneira que permitan o paso das e dos usuarios e de calquera equipo ou ferramenta de cultivo. Estarán organizados en liñas rectas para facilitar os labores de plantación e rega e permitirán o traballo simultáneo entre varias persoas.

Barreiro: “Sánchez non resolveu nada, actúa dunha forma total e absolutamente frívola”

O voceiro adxunto do Grupo Parlamentario Popular no Senado, José Manuel Barreiro, afirmou hoxe que “o presidente Sánchez non resolveu nada, actúa dunha forma total e absolutamente frívola”, á hora de implementar medidas encamiñadas a unha rebaixa fiscal, tal e como se comprometeu na Conferencia de Presidentes. “Non sei se son frívolos, soberbios ou irresponsables, porque coa situación que estamos a vivir seguen de brazos cruzados”, sentenciou.

“As familias non son capaces de aguantar máis esta situación”, asegurou Barreiro, polo que reclamou ao Goberno “que nos diga que medidas vai adoptar e cando, porque a situación non admite máis dilación. Nunca, nunca España viviu unha situación como a que estamos a vivir nestes últimos tempos, cun Goberno tan frívolo, que mira para outro lado e non dá respostas”, afirmou con rotundidade o portavoz adxunto do GPP.

Durante a sesión de control ao Goberno celebrada esta tarde na Cámara Alta, Barreiro defendeu unha interpelación ao Goberno para que explique e detalle as medidas de carácter tributario que vai implementar para facer efectiva a rebaixa fiscal, impulsada polas Comunidades Autónomas na Conferencia de Presidentes da Palma, de maneira que as facturas que pagan familias e empresas polo prezo da enerxía e os hidrocarburos redúzanse de maneira urxente.

“Que vai facer Sra. ministra? Vai facer algo? Vai esperar ao día 29 de marzo? Que vai facer o día 29?, preguntoulle á ministra Montero. “Vostede, un día máis, contribúe a que esta traxedia sexa cada vez maior e non podemos tolerar esta apatía e frivolidade por parte do presidente do Goberno”, aseverou José Manuel Barreiro.

Así, o senador popular explicou que, na devandita Conferencia de Presidentes, celebrada o pasado 13 de marzo, o Goberno de España e as Comunidades Autónomas acordaron que se puxese en marcha unha resposta que  contemplase rebaixas fiscais, para amortecer o impacto dos prezos da enerxía nos recibos que pagan familias e empresas.

“Para que serviu a Conferencia de Presidentes?”, preguntou á ministra, tras o que denunciou que “desde o 13 de marzo non se adoptou ningunha das medidas expostas e algún dos compromisos que se adquiriron de forma implícita, como a baixada de impostos, agora vostedes din que non”.

“Nunha situación crítica e despois de pasar os días, o Goberno non fixo absolutamente nada, a pesar de que vemos como os países da nosa contorna – Portugal, Francia e Irlanda- están a adoptar medidas para paliar a situación económica derivada do proceso inflacionista”, explicou. Ademais, resaltou que “se a maioría dos países da nosa contorna adoptaron medidas concretas: Por que nós non adoptamos ningunha? Vostedes falan da data mítica do día 29 de marzo. Adiántenos algo para poder irnos tranquilos”, pediu á ministra de Facenda.

Neste sentido, o portavoz adxunto do GPP asegurou que “os transportistas están na rúa porque non poden traballar, os gandeiros están a tirar o leite porque os camións non a recollen, os pescadores teñen as cámaras dos barcos cheas e as lonxas xa non teñen máis capacidade para almacenar o peixe. O 70 por cento dos barcos de Galicia están amarrados a porto porque non poden saír a faenar”, apostilou.

Así mesmo, Barreiro reprochou á ministra que digan que “a causa da situación económica é a invasión de Ucraína por parte de Rusia, cando este problema vén de moito antes, con taxas de inflación en febreiro en torno ao 8 por cento. Xa van moi tarde e non me veña coa carraca de que non se poden baixar impostos”, díxolle a Montero.

Por último, o portavoz adxunto do GPP e senador por Lugo esixiu á ministra de Facenda “unha resposta urxente porque España e os españois necesítano e a situación actual non admite un día máis de dilación en canto á resposta do Goberno”.

Fegapan e Afapan reclaman “medidas de emerxencia” para garantir o abastecemento ás panadarías

A Asociación Provincial de Fabricantes de Pan de Lugo (Afapan), xunto coa Federación Galega de Fabricantes de Pan (Fegapan), reclaman a inmediata posta en marcha de medidas de emerxencia para garantir o abastecemento de materias primas ás panadarías.

Estas asociacións empresariais do pan sinalan “xa hai un forte desabastecemento de carnes de todo tipo, o que dificulta a elaboración de empanadas, ou de aceite de xirasol, pero a cada vez máis perentoria falta de provisión de fariña pode determinar o desabastecemento dun produto básico, o pan, á poboación”.

O colectivo é moi pesimista: “de continuar así a situación dos almacéns” -subliñan- “a maioría das panadarías terán que pechar nos próximos días”.

“Urxe” – sinalan desde estas asociación – “que se garanta a entrada de fluxos de fariña e reclaman medidas para que cheguen a almacénelos camións coa necesaria materia prima”. Destacan que nestes intres moitos establecementos están a sobrevivir “con movementos para o microabastecemento”, pero que esta estratexia “non é sustentable nin viable no tempo”.

Fabricación de pan é un sector que xa estaba a sufrir unha forte redución de marxes e unha situación de crise progresiva a raíz do incremento de custos, fundamentalmente pola subida da enerxía eléctrica e os cereais, que se viu agravada, primeiro, coa guerra en Ucraína e, agora, co paro do transporte.

Os panadeiros subliñan que as perdas económicas para os seus establecementos van ser xa irrecuperables e piden responsabilidade a todas as partes.

Máis de mil vehículos novos e seminovos danse cita esta fin de semana en Lugo Autoocasión

Máis de mil vehículos novos, semi-novos e quilómetro cero estarán dispoñibles no Salón Lugo Autoocasión. A mostra, organizada pola Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, atraerá á cidade a milleiros de persoas, de toda Galicia e as comunidades limítrofes, interesadas nas novidades do sector da automoción.

Os próximos 25, 26 e 27 de marzo o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo será o espazo ideal para todas aquelas persoas que buscan adquirir un vehículo. Quen se achegue a Lugo Autoocasión poderán percorrer os máis de 10.000 metros cadrados de exposición nos que terán á súa disposición unha cifra superior a 1.000 coches de 33 marcas diferentes. Os grandes fabricantes do sector estarán representados nun evento que será o escaparate das últimas novidades do mercado automobilístico e terá un especial carácter dinamizador e reactivador do mesmo no contexto actual.

O evento foi presentado hoxe nun acto celebrado no Salón de Xuntas do Pazo de Feiras no que o xerente da instalación, Rubén López, amosou a súa satisfacción por “volver situar a Lugo como a capital galega do motor cunha mostra na que estarán os fabricantes máis importantes do sector, representados polos seus concesionarios oficiais”.

Lugo Autoocasión representará, en palabras do propio xerente, “unha excelente oportunidade para que todas esas persoas que están pensando en mercar un coche poidan atopar o vehículo perfecto que responda ás súas necesidades”. Ademais, López destacou a “importancia de recuperar pouco a pouco a normalidade con feiras que, de seguro, servirán para darlle un pequeno impulso ao sector que lle axude a remontar o contexto de incertidumbre”.

Lugo Autoocasión nace co obxectivo de poñer en valor as propostas máis innovadoras dun sector industrial de vital importancia e á vez favorecer a venda de automóbiles. As persoas que visiten o evento poderán beneficiarse das vantaxes que lles brindará este gran espazo para mercar, probar, financiar e asegurar o automóbil que desexen.

As portas de Lugo Autoocasión estarán abertas, de forma continua, de 11:00 a 21:00 horas durante os tres días de duración do salón. A entrada terá un custo de 3 euros e os nenos menores de 12 anos poderán acceder de forma gratuíta.

40 emprendedores celebrarán este xoves o primeiro almorzo de negocios do ‘Localmente Lucense’

Localmente Lucense celebrará a súa primeira actividade de networking este xoves, 24 de marzo. Será un almorzo de negocios, en horario de 08:30 a 09:30 horas, no Hotel Fórum Ceao. Esta actividade está dirixida a emprendedores/as, asociacións e empresas de comercio, hostalería ou outros sectores interesados. En total haberá dispoñibles 40 prazas, sendo necesaria a inscrición previa a través do seguinte enlace: www.localmentelucense.gal/almorzo-de-negocios

Esta iniciativa enmárcase no Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial, posto en marcha polo goberno local. En total faranse 12 almorzos de negocios ao longo do ano, cada un versará sobre un tema diferente e realizarase nunha zona da cidade distinta, facilitando así a creación de lazos entre o empresariado lucense.

“Nesta primeira sesión, ademais de que as persoas asistentes se presenten a sí mesmos/as e ás súas empresas, falarase sobre a importancia da colaboración e a cooperación entre o tecido empresarial lucense”, explicou a rexedora, quen subliñou que “o obxectivo desta xuntanza é crear sinerxías entre os establecementos e seguir dando a coñecer a campaña Localmente Lucense, orgullo de barrio’, para a que destinamos preto dun millón de euros”.

Esta campaña enmárcase na Estratexia global de dinamización, reconstrución e reactivación da economía de Lugo, deseñada pola rexedora para paliar as consecuencias da crise provocada pola Covid-19. Inclúe dous piares fundamentais:

Por unha banda, o Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial (326.700 euros), dentro do cal se realizarán, ademais dos almorzos de negocios, charlas con empresarios locais e expertos nacionais; programas de formación en áreas como administración e xestión, atención ao cliente, marketing, compras, comunicación, informática e comunicacións, internacional, marketing dixital, packaging, promoción e venda; asesoramento ‘in situ’ sobre escaparatismo ou iluminación; xornadas de portas abertas nos viveiros de empresas do Concello; ou e actividades de dinamización polo Día Internacional do Emprendemento.

E por outra, un Plan de dinamización de barrios (653.400 euros) que se desenvolverá por cinco zonas da cidade, incluíndo todos os barrios lucenses, e que contempla a realización de actividades de ocio e lecer como tardeos, noiteos, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento; campañas estacionais e en datas sinaladas como San Valentín, Nadal, Samaín, rebaixas de inverno e de verán; ou a organización de mercadiños nas rúas.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com