Novas

Concello e Deputación asinan a cesión da rúa Fermin Rivera

O Presidente da Deputación de Lugo e a Alcaldesa de Lugo asinaron a cesión ao Concello da vía provincial LU-P-2911, denominada Fermín Rivera, unha medida aprobada no Pleno provincial coa que a institución dá resposta a unha solicitude do Goberno local ao tratarse dun treito urbano con servizos urbanísticos de titularidade municipal. Esta estrada ten 730 metros de lonxitude e parte da intersección coa estrada vella de Santiago, da Ponte Vella, rematando nas proximidades da igrexa de San Lázaro.

Ambos dirixentes visitaron esta vía acompañados doutros membros das dúas corporacións.

O Presidente da Deputación enmarcou a cesión de Fermín Rivera no compromiso da Deputación de cooperar cos concellos. “Esta é a nosa función esencial, colaborar cos 67 concellos da provincia na medida das posibilidades e dos recursos da institución para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños e veciñas. Por iso, cando o Concello de Lugo nos plantexou a cesión da rúa Fermín Rivera, puxémonos a traballar para facelo, tendo en conta ademais que esta vía está na malla urbana da cidade, polo tanto, ten máis sentido que sexa municipal ca provincial”.

O mandatario provincial destacou que “a cesión ten como obxectivo permitir unha xestión máis áxil para o mantemento dos servizos que alberga e para a ordenación do tráfico rodado e peonil”. Tratase dunha vía que transcorre por un treito urbano, nunha zona de interese para a veciñanza lucense ao atoparse o Club Fluvial ou a igrexa de San Lázaro, que pola súa actividade atraen un importante volume de tráfico.

Na actualidade a estrada presenta un firme asfaltado en boas condicións e conta con beirarrúas na marxe dereita e cun tramo que tamén as ten na marxe esquerda. Así mesmo, a vía conecta con estradas municipais, tanto no extremo que linda coa estrada vella de Santiago, coma no estremo que continúa pola estrada de Orbazai cara a ponte sobre o río Mera.

Continúa a escalada de casos nunha sexta vaga que non abandona a provincia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Lugo é de 2598. Nas últimas horas, volveu a aumentar o número de positivos rexistrados chegando aos 279.

Do total de pacientes positivos, 1 está en UCI e 33 en unidades de hospitalización; por hospitais, o Hula suma 18 pacientes con covid en planta, mentres que o Hospital da Costa rexitra 8 e o de Monforte, 7.

No que vai de pandemia, en Lugo houbo un total de 53.002 persoas curadas, rexistrándose 315 falecementos.

Sentada de piquetes na A6 en Guitiriz polo paro dos transportes

Uns 200 piquetes tumbáronse onte na autovía A6 para evitar o paso de coches e camións pola estrada. Esta particular manifestación, que ven avalada polo paro no sector do transporte, deuse na autovía que une Lugo coa Coruña, á altura de Guitiriz. Un feito simbólico, nunha xornada sen transporte por estrada e que transcurriu nuns dez minutos e sen incidencias.

Aos piquetes acompañáronnos unha decena de furgones dos corpos de seguridade que retrasaron a accións dos transportistas manifestantes que, malia que pretendían cortar ambos sentidos tan só puideron simbolizar o corte dun deles ao berro de ‘¡Ministra, dimisión!’

Cervo recupera mañá ‘A caixa de música’

O Concello de Cervo, a través da Delegación de Cultura, retoma o ciclo de concertos A Caixa de Música este domingo na Praza do Souto. Será o primeiro concerto do ciclo neste ano 2022. A actuación, que correrá a cargo do grupo No Cómbaro das Pontes, terá lugar este domingo, 20 de marzo, ás 13:30H.

O ciclo de concertos A Caixa de Música pretende diversificar as actuacións musicais no municipio, ofrecendo un  programa con estilos clásicos de bandas musicais da nosa contorna. A Caixa de Música vai dirixida a toda a familia, posto que os concertos están calendarizados en fin de semana ou festivos, á hora do mediodía, en diferentes emprazamentos da vila.

No mes de maio, en conmemoriación do Día das Letras Galegas, haberá, ademais, unha actuación especial. Para a concelleira de Cultura, Dolores García Caramés, trátase “dun xeito de complementar o diverso abano de oferta musical que programamos ao longo de todo o ano no noso Concello. Porén, tamén achegamos á nosa veciñanza estilos de música diversos e para todas as franxas de idade.

“Non debemos esquecer figuras como o alcalde Angel López Pérez, que tan fonda pegada deixou en Lugo”

A Alcaldesa de Lugo presentou onte, nun ateigado Salón de Plenos na Casa Consistorial, o libro La Mosca Blanca, obra de Julio Reboredo Pazos sobre o alcalde Ángel López Pérez e sobre o Lugo que deseñou e impulsou no primeiro terzo do século XX. “A edición desta obra era unha obriga para o Concello e, para min, como alcaldesa, é un orgullo activar este recoñecemento porque os e as lucenses non deberíamos esquecer ás figuras que desenvolveron un entusiasta e apaixonado labor en favor da veciñanza e que deixaron tan fonda pegada no municipio”, destacou.

A rexedora estivo acompañada do exalcalde José López Orozco, autor do prólogo do libro – que firman todos os primeros mandatarios da democracia – e da presenza do propio Angel López, xa que o seu retrato, que pintou a lucense Xulia Minguillón, presidiu o acto.

A alcaldesa destacou que con Angel López, Lugo entrou na modernidade, con proxectos como o Hospital de Santa María ou o Parque de Rosalía, pero tamén “foi un mandatario que revolucionou as formas de goberno. “Foi valente e decidido, e moi querido”, incidiu, e engadiu que “a obra de Julio Reboredo, amena, interesantísima e moi ben documentada, nos axuda a contextualizar a súas decisións pero tamén nos aporta unha visión da época nas que se tomaron e  de como era a sociedade lucense”.

O libro, editado polo Concello de Lugo, detalla tamén as relacións de López Pérez cos distintos grupos sociais e de influencia da cidade e traslada un relato de como era a vida cotiá nun Lugo cunha intensa actividade empresarial, obreira, cultural e de ocio. 

López Orozco, pola súa banda, eloxiou o traballo de López Angel Pérez, trasladou a súa admiración por el e lembrou todo o cariño co que o lembra a cidade, mentres que o autor da obra, Julio Reboredo, que agradeceu o interese e total colaboración da alcaldesa “desde o primeiro momento para que este ambicioso proxecto vira a luz”, realizou un repaso das transformacións máis significativas impulsadas pola Mosca Blanca así como da situación social e económica do seu mandato.

Acudiron tamén á presentación como convidados o rexedor Tomás Notario Vacas e numerosos veciños da cidade.

 Julio Reboredo Pazos é licenciado en Historia, especialidade de Historia Contemporánea, catedrático de ensinanza secundaria, fino narrador, articulista e experto documentalista.

 

A Deputación convoca 185 bolsas para apoiar a traxectoria e formación de deportistas

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou hoxe as bases da convocatoria dos premios para deportistas individuais, cun orzamento de máis de 86.000 euros.

Son un total de 185 bolsas cos que a Deputación de Lugo promove a participación continuada e progresiva dos  deportistas lucenses de base nas distintas disciplinas,  recoñecendo os seus logros e favorecendo o progreso na súa formación integración integral.

As contías variarán entre os 300 e os 2500 euros en función dos resultados deportivos acadados en probas e campionatos en cada nivel de competición, desde os campionatos provinciais ata as olimpíadas, ao longo de 2021.

O deputado de Deportes sinalou que  “coas axudas tratamos de contribuír a financiar os custos que lles supón a estes deportistas acudir ás probas e tamén incentivar e recompensar o seu esforzo por mellorar a nivel deportivo, especialmente nas etapas de iniciación, que son o principal obxectivo desta liña de apoio ao deporte” e explicou que “como vimos facendo habitualmente, para impulsar a igualdade no deporte, as bases recollen incentivos para a participación feminina”.

Para poder optar aos premios será requisito indispensable ter residencia en calquera dos municipios da provincia de Lugo, e polo tanto, estar empadroado ou empadroada nalgún destes municipios dentro do prazo de presentación de solicitudes. Ademais, deben ter en posesión a ficha ou licenza federativa durante o ano 2021 e manter na data de presentación de solicitudes (ano 2022) a ficha ou licenza oficial na disciplina ou modalidade deportiva para a que se solicita o premio.

Resérvase expresamente unha porcentaxe mínima do 7% deses 185 premios para deportistas con capacidades diferentes, é dicir, un total de 13 premios que de non seren cubertos, pasarían automaticamente ao resto de deportistas solicitantes.

Vilalba Aberta levará a pleno o mal estado do acceso a unha explotación froiteira en Belesar

Vilalba Aberta volve saír ao paso das necesidades do rural. Logo dunha nova visita a Belesar, a formación municipalista vén de a anunciar o rexistro dunha iniciativa en relación coa pista que lle da acceso a un negocio de produción ecolóxica de arandos na parroquia.

Denuncian que o tramo, actualmente a terra e de arredor dun quilómetro e medio de lonxitude, provoca que, en ocasións, os transportistas se negue a recoller os envíos do produto, derivando isto en perdas por valor de 45.000€ ao perderse a produción.  Dende hai máis de 10 anos, a veciña responsable vén reclamando dos sucesivos  gobernos municipais que se atenda esta solicitude; mais, tal e como lamentou o voceiro da formación, Modesto Renda, “ninguén a está a escoitar.”

Renda, que contextualizou a iniciativa como “a enésima chamada de atención ao goberno en relación co estado da rede viaria municipal”, lembroulle á Alcaldesa que o apoio ao emprendemento no rural demostrase “con feitos” e non con “palabras baleiras na campaña electoral”. “Estamos a falar dun exemplo de negocio que en tempada da traballo a entre 11 e 12 persoas e que perdeu xa tres plans de mellora por culpa do desleixo municipal”, explicou.

Así, e ao tempo que agradeceu a confianza de cada vez máis veciños no Grupo Municipal de Vilalba Aberta, apelou ao consenso de todos os grupos políticos con representación no Concello, con vistas a mudar unha realidade que “debera avergoñarnos coma representantes dos vilalbeses.”

Lugo será protagonista da Placemaking Week Europe 2022

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo mantivo unha xuntanza coa portavoz do Goberno de Pontevedra e concelleira de Réxime Interior, Contratación e Promoción da Cidade do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías Torreiro, na que falaron sobre a participación de Lugo na Placemaking Week Europe 2022, que se celebrará en Pontevedra no mes de setembro.

“Lugo participará neste congreso de mobilidade para mostrar como estamos a facer fronte aos retos de mobilidade do presente e do futuro”, afirmou o segundo edil, que engadiu “todas as cidades están a avanzar de cara a unha mobilidade sostible, poñendo ás persoas no centro e apostando polo transporte público e os medios de transporte alternativos”.

Anabel Gulías, portavoz do goberno de Pontevedra, destacou que “de cara a este evento buscamos coñecer cidades que están a marcar un antes e un despois na transformación urbana, traballo como o que están a facer desde a área de Mobilidade do Concello de Lugo”. “Realizaremos unha actividade arredor dos procesos de transformación urbana de Lugo e traballaremos para que Lugo sexa un dos exemplos protagonistas do evento”, afirmou.

Lugo acudirá á Placemaking Week Europe 2022 para presentar o proxecto de cidade posto en marcha pola área de Mobilidade nos últimos anos.

A Placemaking Week Europe é a maior xuntanza a nivel europeo sobre urbanismo e planificación de mobilidade. Anualmente, compártense experiencias e maneiras de traballar entre as distintas cidades participantes.

A primeira edición da Placemaking Week Europe foi en 2017, en Amsterdam, e realizouse tamén en Estocolmo e Valencia. Este ano chega por primeira vez a Galiza, organizada polo Concello de Pontevedra, e reunirá a máis de 400 expertos en mobilidade.

Proposto para sanción por conducir un patinete sen carné e sen o seguro obligatorio

Durante a madrugada do día 18 de marzo, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, co emprego de vehículos camuflados e rotulados, estableceron diferentes filtros de seguridade viaria para controlar o cumprimento da normativa de tráfico, detectando ás 00:10 horas a circulación pola rúa dos Gardas dun ciclomotor (con aparencia de patinete) que circulaba sen iluminación. Ao darlle o “alto” compróbase que carece de Seguro Obrigatorio de Automóbiles e o seu condutor carece de calquera autorización administrativa para conducir por non obtela nunca.

Por tal motivo trasládaselle á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, abríndose expedientes sancionadores ao seu condutor por circular sen subscribir un contrato de seguro; circular sen iluminación; pneumáticos en mal estado e tubo de escape sen silenciador de explosións e escape libre, sendo o vehículo trasladado ao depósito municipal onde queda inmobilizado.

Ás 4:30 horas unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta na Avenida da Coruña un turismo que pasa a luz vermella dun semáforo na confluencia coa rúa Illas Canarias, observando que o condutor presenta signos de embriaguez polo que é sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado positivo de 0’60 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución

A Deputación envía axuda económica e material ao pobo ucraíno

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a axuda económica e material comprometida hai uns días polo Presidente da institución, José Tomé Roca, ao pobo ucraíno por importe de 28.000€. Trátase dunha achega económica de 10.000€ e outra en especie por importe de 18.000€ que, segundo explicou a voceira socialista do Goberno, se destinará á compra de material básico de primeira necesidade que determinarán as organizacións  que están traballando sobre o terreo e que poden ser dende produtos alimenticios a artigos hixiénicos ou sanitarios.

“Unha achega coa que queremos colaborar fronte á grave crise humanitaria que a brutal invasión rusa está provocando no este de Europa, con miles de persoas mortas e feridas e máis de 3 millóns de ucraínos e ucraínas que tiveron que escapar da súa casa, do seu país, para salvar a vida”, sinalou.

A voceira socialista explicou que as axudas se canalizarán “a través de Cruz Vermella, que é unha das organizacións que o Goberno de España estableceu para a colaboración con Ucraína” e que, ademais desta colaboración directa, a Xunta de Goberno ratificou a disposición da institución a colaborar “en todas aquelas medidas que sexan necesarias,  como a procura de aloxamento temporal ou solucións habitacionais”, en función das posibilidades e recursos dispoñibles e da situación da provincia.

A Deputada tamén lembrou que os grupos políticos representados na Corporación provincial acordaron por unanimidade nunha Xunta de Voceiros e Voceiras unha Declaración Institucional na que condenan a invasión de Ucraína por parte de Rusia, ademais de expresar a súa total solidariedade co pobo ucraíno, reclamar o alto ao fogo inmediato e a volta á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas e alcanzar acordos de paz, e ratificar a plena dispoñibilidade da institución de axudar a paliar a crise humanitaria a través dos cauces establecidos polo Goberno de España.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com