Novas

Tráfico detecta en Lugo o posible fraude nun exame teórico de conducción

Esta mañá detectouse na aula de exame da Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo que un cidadán estaba a facer uso, de forma fraudulenta, dun teléfono móbil co que obtiña a imaxe das preguntas do exame teórico, colocado baixo unha chaqueta e adherido a unha camiseta con cinta adhesiva.

A cámara do móbil enfocaba as preguntas por detrás da chaqueta e investígase se outra persoa axudáballe a responder desde o exterior. De feito, detectouse o uso do dispositivo debido a que os encargados de vixiar a proba comezaron a escoitar unha voz que non se sabía de onde procedía. Por iso, e seguindo o protocolo habitual, inmediatamente deuse aviso ao grupo GIAT do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo, para que investigase se se estaba cometendo algún tipo de fraude.

Esta conduta desvirtúa completamente a preparación que toda persoa aspirante á obtención do permiso de condución debe seguir, cuxo obxectivo non é unicamente superar un exame, senón adquirir, de forma razoada, os coñecementos necesarios para conducir de forma segura e respectuosa con todos os usuarios da vía.

A Dirección Xeral de Tráfico prioriza que as preguntas estean redactadas nunha linguaxe alcanzable e incidan especialmente nos aspectos máis relevantes para a seguridade viaria.

Por ese motivo, o uso dun dispositivo de intercomunicación non autorizado durante as probas constitúe unha infracción administrativa e supón a declaración como non apto no exame.

Ademais, a nova Lei de Tráfico, que entrará en vigor o próximo día 21, tipifícao como infracción moi grave, sancionada con 500 euros de multa e ademais coa imposibilidade de poder volver presentarse ao exame durante seis meses.

A Deputación destinará 33.000 euros á primeira edición da Moexmu trala pandemia

O Presidente da Deputación de Lugo recibiu este martes no Pazo de San Marcos a representantes da Asociación de Comerciantes Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, aos que ratificou o compromiso da institución provincial de colaborar con achegas económicas que ascenden a un total de 33.000€ para a celebración da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), un encontro que volve tras dous anos de parón pola pandemia. Así mesmo, a Deputación doará dúas xatas da Granxa Gayoso Castro para a súa poxa nesta cita.

A feira multisectorial, que conta cunha importante presenza de gando, maquinaria agrícola e gandeira e artesanía celebrarase os vindeiros días 1, 2 e 3 de abril no recinto feiral Manuel Vila López de Muimenta.

O programa para o 2022 conta con concurso, exposición e poxa de gando frisón e rubio galego, sendo o único concurso de gando frisón que queda na comunidade autónoma. Este ano a MOEXMU tamén acollerá o Concurso Autonómico de Raza Frisona de Galicia, FERIGA 2022 na que participarán explotacións de toda Galicia. Está previsto que nesta edición participen más de 200 animais dunhas 30 explotacións das provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña.

O Presidente provincial destacou que a Deputación colabora con esta iniciativa, que leva dous anos sen poder celebrarse debido á pandemia, “porque é moi importante para o impulso do tecido social e económico de toda a comarca vinculado ao sector primario, no que a provincia de Lugo é unha auténtica potencia”. “MOEXMU axuda a poñer en valor o traballo dos gandeiros e das gandeiras e tamén dos artesáns da comarca, contribuíndo ao desenvolvemento social e económico de Muimenta, da Terra Chá e da provincia”, sinalou.

Becerreá acolle unha subasta de novillas do Centro de Recría Gayoso Castro

O Concello de Becerreá será este sábado o escenario dunha Subasta de gando vacún, procedente do Centro de Recría Gayoso Castro. Así, Deputación, Concello e Asociación Acruga colaboran nesta subasta de novillas de raza Rubia Galega. 

Así, segundo informan dende o concello, a subasta comezará ás 12 do mediodía deste sábado, día 19 de marzo e a retirada das tarxetas se realizará ás 11 horas no Campo da Feira de Becerreá.

O filme feminista do ano chega a Codex Cinema

Este venres chega as pantallas lucenses O acontecemento, o filme de Audrey Diwan baseada na novela de Annie Ernaux que gañou o León de Ouro no último festival de Venecia.

A literatura da escritora francesa Annie Ernaux converteuse nunha crónica non só da súa vida, senón tamén un relato íntimo e veraz dos sentimentos, as intimidades, as inseguridades e as discriminacións de toda una xeración de mulleres. Os libros de Annie Ernaux son unha autobiografía secreta que vai desde a súa xuventude ata a madurez, o seus tempos de estudante, a súa maternidade, a relación cos seus pais e, sobre todo, o mundo segredo das mulleres, oculto por culpa dunha sociedade patriarcal: as reunións, as confidencias, a culpabilidade por non cinguirse a un prototipo de muller, as relacións amorosas ou o aborto. Precisamente este último, o feito traumático de ferir o propio corpo para poder seguir vivindo, nunha sociedade que consideraba ilegal este acto, é o tema central de O acontecemento, unha das súas novelas máis celebradas e un clásico da literatura feminista que agora, da man da cineasta Audrey Diwan, chega á gran pantalla.

Así, o filme de Diwan, seguindo as verbas de Ernaux, constrúe un mundo fascinante na Francia dos anos sesenta, unha sociedade secreta de mulleres obrigadas a ser elas mesmas unicamente na clandestinidade. Na escuridade e na intimidade dos espazos libres de violencia, desenvólvese o desexo e unha autoafirmación de xénero, de mulleres aliadas nun mundo onde todo está contra ela. A actuación de Anamaria Vartolomei como alter ego da propia Ernaux consigue expresar nos seus ollos, no seu rostro e no seu corpo todo o drama e a paisaxe interior das mulleres que se viron obrigadas a abortar para manter a súa liberdade, nunha Francia onde o aborto era ilegal, ademais dunha condena social.

A adaptación de Diwan, ao igual que a obra de Ernaux, é ao mesmo tempo dura e fermosa. De asistir á dor desa moza nunha situación terrible, pero a mesmo tempo doce e arrepiante mirada ao mundo íntimo dunha muller. O filme estreouse cun éxito arrebatador no festival de cinema de Venecia de 2021, onde gañou o premio á mellor película, o prezado León de Ouro. Desde entón, todo foron eloxios para unha película moi especial, incluídos os da propia Ernaux, que viu a mellor tradución en imaxes posible para a súa novela.

O filme chega finalmente a Lugo tras adiarse en varias ocasións debido ao coronavirus. Faino coa bendición da crítica e do público francés, da escritora da obra orixinal e tamén de moitos dos lectores que ten no mundo Annie Ernaux.

A Pobra do Brollón e a Deputación acordan a pavimentación da pista polideportiva de Samugueiros

196 voluntarios de Protección Civil formanse con oito cursos no primeiro semestre do ano

A Xunta de Galicia organiza para o primeiro semestre deste ano na provincia de Lugo oito cursos que suman 196 prazas para persoal das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). Desenvolveranse na capital luguesa e nos concellos do Incio, O Saviñao, Chantada e Vilalba.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, explica que as actividades enmárcanse no programa de formación continua da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Están previstos catro cursos de formación básica cunha duración de 32 horas e 25 prazas cada un nos municipios do Incio -do 30 de marzo ao 3 de abril- ; Chantada -do 13 ao 23 de abril -; Vilalba -do 4 ao 8 de maio – e Lugo -do 25 ao 29 de maio -.

Esta actividade vai dirixida ao persoal voluntario que ingresa nas agrupacións, co obxectivo de proporcionarlles os coñecementos básicos para o exercicio das funcións propias de Protección Civil. O contido inclúe nocións relacionadas cos riscos, os accidentes e a autoprotección; a loita contra os incendios e as actuacións básicas ante emerxencias médicas. Tamén figura un módulo de dúas horas sobre igualdade de oportunidades.

Así mesmo, haberá catro cursos de Desfibrilación Semiautomática Externa (DESA), que ofertan cada un 24 prazas e teñen unha duración de cinco horas. Impartiranse no Incio -o 9 de abril -; O Saviñao -o 30 de abril -; Vilalba -o 21 de maio -; e Lugo – o 4 de xuño -.

A finalidade é formar no manexo dos desfibriladores externos, co fin lograr aumentar as taxas de supervivencia nos pacientes con morte súbita, acadando un acceso precoz a un sistema de emerxencias médicas; así como acortar os tempos para realizar a reanimación cardiopulmonar e a desfibrilación precoz.

Agromuralla apoia as “reclamacións xustas” dos transportistas e amosa a súa solidariedade cos camioneiros

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla solidarízase coa folga de transporte que iniciaron este luns os camioneiros e mostran o seu apoio ás medidas que reclaman ás Administracións públicas.

“O sector do transporte por estrada atópase nunha situación parecida á que nos encontramos a día de hoxe os gandeiros, dado que a suba dos custos que se produciu nos últimos meses está a afogalos, facendo que traballen perdendo cartos. As súas reivindicacións son xustas, igual que o son as nosas”, argumenta o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro.

“Unha vez máis o Goberno español demostra que vai con retraso, porque na maior parte dos países da UE a día de hoxe xa están tomando medidas de cara a parar esta sangría de subida de prezos, sobre todo das enerxías, mentres aquí aínda non se tomou ningunha medida, cando por todos é sabido que no prezo dos carburantes máis da metade do prezo final son impostos, que afectan ademais de xeito proporcional ao prezo de venda”, insisten desde Agromuralla, que demandan medidas para conter a escalada de prezos dos combustibles e a electricidade en xeral, que sofre toda a cidadanía no seu conxunto, e especialmente no caso dos profesionais do transporte ou a agricultura.

Agromuralla considera que tanto o sector primario como o do transporte son “sectores básicos que calquera Goberno debería salvagardar”. “Durante o confinamento e os momentos máis duros da pandemia demostrouse que hai cousas das que non se pode prescindir e tanto os gandeiros como os camioneiros somos sectores esenciais”, afirma José Luis Pérez Barreiro, que pide “empatía, apoio e solidariedade” por parte da sociedade.

“Os camioneiros son os nosos compañeiros de viaxe, cos que traballamos día a día, pois nós producimos os alimentos e eles encárganse de achegalos aos puntos de destino para que non haxa desabastecemento e ao consumidor non lle falte de nada”, recalca.

O encarecemento do transporte está a afectar tamén de cheo sobre o sector agrogandeiro, incrementando os portes de insumos básicos para o día a día das granxas, como son as materias primas para a alimentación do gando.

Neste sentido, Agromuralla explica que os portes dos cereais aumentaron nos últimos tres meses, desde o mes de decembro de 2021 ata comezos deste mes de marzo, un 16% desde Castela e un 9% desde o porto da Coruña.

“Traer ata unha granxa da provincia de Lugo unha tonelada de millo, trigo ou cebada desde León custa hoxe 13€, cando en decembro custaba 11,20; e desde Palencia 18€, cando hai só tres meses estaba a 15”, detalla. No caso das viaxes desde os almacéns do porto da Coruña, saen hoxe a 7,9€ a tonelada, cando en decembro pasado eran 7,20€.

Ao encarecemento nos custos de transporte hai que engadir a propia suba dos cereais e do resto de materias primas de alimentación do gando. No último ano, a tonelada de millo pasou de custar 180€ a estar hoxe a 327€; a soia de 380€ púxose a 523€ e a colza pasou de 320€ a 460€, explica Agromuralla.

O gasóleo agrícola tamén duplicou o seu prezo pasando de 58 céntimos na pasada campaña de ensilado de herba a estar a 1,45 nestes momentos. “Achégase un dos momentos de máis consumo para nós, porque vén o momento de ensilar o raigrás e dentro de dous meses o de labrar o millo. Co prezo actual do gasóleo e os fertilizantes, este ano producir as nosas propias forraxes, algo fundamental para depender o menos posible das compras de insumos externos, vai ser moito máis caro para as granxas”, indica José Luis Pérez Barreiro.

As explotacións traballan a día de hoxe con marxes negativas que as sitúan nunha situación moi comprometida. “Coas subas producidas nos pensos, o gasóleo, a electricidade e os fertilizantes o custo de produción das granxas disparouse no último ano, mentres o prezo do leite permanece practicamente estancado”, denuncia o presidente de Agromuralla.

Lugo continúa renovando o alumeado público cunha nova intervención nas Gándaras

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas do Concello de Lugo informou da última actuación que está a executar o Goberno avanzando na renovación da rede de alumeado público. O edil explicou que “con esta actuación avanzamos na mellora da rede de alumeado público da cidade e melloramos do mesmo xeito a imaxe desta zona”, e engadiu “avanzamos na instalación de alumeado LED de baixo consumo, que permite unha boa capacidade lumínica reducindo o consumo enerxético e as emisións de substancias contaminantes emitidas á atmosfera pola rede de alumeado público da cidade”.

A concellería de Infraestruturas renovou o alumeado público das rúas Virxe da Soidade, San Xosé, Tres Marías e Camiño de Romai. En total, instaláronse 15 luminarias de 30W e 7 de 15, o que mellorará a visibilidade da zona permitindo reducir o consumo eléctrico.

Desde a concellería de Infraestruturas continúase a investir na renovación da rede de alumeado, con distintos proxectos postos en funcionamento por toda a cidade, que se executarán durante o 2022. Nos últimos dous anos a área de Infraestruturas renovou o alumeado en múltiples zonas da cidade, instalando novas luminarias en rúas que non contaba con alumeado público, e reducindo a cantidade de luminarias con elementos contaminantes, como o vapor de sodio ou de mercurio instaladas na cidade.

15 grupos locais darán un concerto solidario por Ucraína o día 27 en Vilalba

O Concello de Vilalba organiza o próximo 27 de marzo o Concerto Solidario a favor do Pobo Ucraíno, unha cita enmarcada na programación cultural municipal dos meses de marzo, abril e maio. Vilalba mostra así o seu apoio á  cidadanía ucraína ante a invasión rusa e mostra o seu rexeitamento ao conflito bélico.

“Sabemos que hai moita xente querendo axudar, polo que nos pareceu unha boa idea implicar a distintos grupos de Vilalba por un obxectivo común, e canalizar toda esa solidariedade a través da arte e da música, seguindo as indicacións das organizacións oficiais e que desenvolven o seu traballo sobre o territorio, como é o caso de Cruz Vermella”, explicou a Tenente de alcaldesa e concelleira de Servizos Sociais, Marta Rouco.

A cita musical, coa actuación de 15 grupos e agrupacións locais, será ás 18:00 no Auditorio Municipal de Vilalba.

Concretamente, participarán no concerto alumnado dos IES Santiago Basanta Silva e Lois Peña Novo, a Escola Municipal de Teatro, a Escola de Movemento; alumnado do Conservatorio de Música e da ESMUVI, e tamén os grupos locais Buxos Verdes; Entre Lusco e Fusco; A.C de Andrade; AAVV Nete e Asociación Deportiva e Cultural de Árbol. Contarase ademais coa participación do Dúo Estrellas; Irmandades do Falo; Banda de Música de Vilalba e Sintonía de Sancovade.

Desde o Concello quixeron agradecer publicamente a resposta tan positiva de todos os grupos por esta causa.

Entradas

A entrada terá un custe de 5 euros e a recadación do concerto destinarase integramente a Cruz Vermella. Poderanse adquirir na web entradasvilalba.es ou na Casa da Cultura. O concello habilitará unha Fila 0 para aquelas persoas que queiran mercar a súa entrada para facer a súa aportación económica pero que non podan asistir ao concerto. As entradas da Fila 0 non terán validez no acceso ao patio de butacas. Para poder asistir ao concerto, deberase mercar a entrada no evento nomeado Concerto Solidario a favor do pobo Ucraíno.

A Audiencia de Lugo absolve a un acusado de traficar con droga

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo absolveu a un home que en febreiro de 2020 foi interceptado por axentes da Garda Civil, os cales realizaban funcións de verificación de seguridade cidadá, nunha rúa de Lugo con droga no seu poder. O tribunal considera que non quedou acreditado que o acusado fose destinar as substancias estupefacientes á súa venda a terceiros.

“Hai que ter en conta que, xuntamente coa droga, non se atopou ningún elemento ou instrumento que puidese inducir o destino ao tráfico da devandita substancia. Tamén está acreditada, mesmo admitida pola acusación, a súa condición de consumidor de substancias estupefacientes”, salienta a Audiencia.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com