Novas

PargaNonSeDivide esixe a reapertura do centro médico de Parga

Dende a asociación #PARGANONSEDIVIDE solicitan da Xerencia da Área integrada de Lugo- Mariña que, unha vez superado o peor da pandemia da Covid 19 e rematada a sexta onda, se proceda á reapertura total do centro médico de Parga, pechado dende marzo do ano 2020. “Tiñamos o compromiso reiterado tanto da dirección de primaria coma da xerencia de que o consultorio reabriría as súas portas unha vez superada a pandemia. Ese momento xa chegou, non pode haber mais escusas” din dende #PARGANONSEDIVIDE.

Dende a plataforma lembran que a situación evolucionou moi positivamente nos últimos meses unha vez superada a sexta onda, coa poboación diana practicamente vacinada na súa totalidade, cunha incidencia mínima e coa reapertura practicamente total e volta á normalidade na maioría dos ámbitos, dende o lecer de masas ata a mellora substancial das condicións na hostalería, por poñer dous exemplos. “Non se sostén que dende o Sergas manteñan centros de saúde coma o de Parga pechados mentres nos campos de fútbol poden xuntarse ducias de milleiros de persoas ou se está a barallar a retirada das máscaras incluso en interiores. Recuperar o lecer é moi importante, mais recuperar a atención sanitaria para nós, é vital” inciden dende a plataforma veciñal.

A plataforma veciñal lembra o compromiso da Xerencia de reapertura paulatina ao rematar a sexta onda, recuperando primeiro o servizo de enfermería e despois a atención médica en Parga, expresados nunha reunión a mediados de decembro. “Xá van alá tres meses da reunión e dous anos do peche e non se fixo nada do prometido”, denuncian.

Cervo organiza este luns unha acción voluntaria de limpeza da contorna do río Xunco

O Concello de Cervo, dentro do programa Coida Cervo, vai levar a cabo este vindeiro luns 14 de marzo unha actividade de voluntariado en conmemoración do Día Internacional da Acción polos Ríos.

Nesta ocasión a actividade consiste en facer unha recollida de lixo pola contorna do río Xunco.

O Punto de encontro será a Praza do Souto ás 12.00 horas. Para participar pódense anotar enviando un whatsapp ao 683 31 59 39
O Concello subministrará todo o material necesario para poder realizar a acción voluntaria; mantendo e respectando sempre todas as medidas de prevención fronte ao COVID-19.
Coida Cervo é unha campaña de voluntariado de limpeza e acondicionamento de espazos públicos, que ten como obxectivo poñer en valor as boas prácticas individuais no noso día a día no coidado e protección da contorna.

Os axentes da Garda Civil localizan a un octoxenario veciño do Páramo con pequenas feridas e desorientado

Aparece en pouco tempo un octoxenario veciño do Páramo ao que lle perderan a pista durante a tarde pasada.

Os axentes da Garda Civil deron co home, tendido nunha cuneta con leves feridas e signos de desorientación.

Tras o aviso dos axentes de seguridade ás 20:30 horas de onte, os xestores do 112 Galicia contactaron coas agrupacións de voluntarios de Protección Civil  de Sarria e Portomarín para iniciar unha busca, xunto coa Garda Civil, dun octoxenario veciño de Mundín, no Páramo, ao que lle perderan a pista despois de que saíra polo seu propio pé da residencia na que habita.

Por fortuna, foi localizado pouco máis tarde, sobre as nove da noite, nunha cuneta con algunhas rabuñadas e signos de desorientación. Así, desde o 112 Galicia, solicitouse a intervención dun equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia.061.

O Goberno presenta na Fonsagrada as axudas para facilitar á mocidade a compra de vivenda

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, explicou hoxe a alcaldes e responsables municipais da Fonsagrada, Baleira e Negueira de Muñiz o novo incentivo que pon en marcha o Goberno para facilitar o acceso á vivenda a mozos e mozas nos concellos menos poboados da provincia. A subdelegada deulles a coñecer unha liña de axudas que está destinada a favorecer o asentamento de poboación nova nos municipios con menos de 10.000 habitantes. Na reunión, que tivo lugar na Casa do Concello da Fonsagrada, participaron os alcaldes deste concello, Carlos López; o de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña, e o primeiro tenente de alcalde de Baleira, Miguel Ángel Fernández.

Isabel Rodríguez trasladoulles que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana creou este programa de subvencións á adquisición ou arrendamento de casa co dobre obxectivo de facilitar o acceso á vivenda da xente nova ao tempo que trata de axudar a atraer poboación aos concellos con menos habitantes e informou de que nos tres concellos son 1.461 os mozos e mozas maiores de 18 anos e menores de 35 os que se poden acoller a este novo programa de axudas que poderían beneficiarse destas axudas.

Rodríguez anunciou que o Goberno concederá unha axuda de ata 10.800 euros para aqueles mozos e mozas que decidan adquirir unha vivenda para uso habitual en municipios de menos de 10.000 habitantes. Esta subvención tamén se estende á mocidade que opte polo alugueiro no lugar de comprar vivenda. Os beneficiarios e beneficiarias serán aquelas persoas que no momento de solicitar a axuda teñan 35 anos ou menos.

A subdelegada destacou que este programa “facilitará que a mocidade opte polas vilas e os pequenos municipios á hora de iniciar o seu proxecto de vida” e destacou o impacto que pode ter na nosa provincia pois “61 dos 67 concellos entran dentro desta categoría de poboación”.

Isabel Rodríguez incidiu en que o obxectivo que se fixa o Goberno con estas novas axudas é axudar a asentar poboación nova nos pequenos concellos para frear o seu declive. Lembrou que o reto demográfico é una política transversal do Goberno de España, que se reflicte naqueles programas e medidas que teñen impacto sobre a poboación e o territorio como poden ser a vivenda, os servizos públicos e o impulso a actividade empresarial.

Axudas para compra e aluguer

O Programa de axuda ás persoas mozas para contribuír ao reto demográfico é un dos trece programas que forman parte do novo Plan estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025, aprobado polo Goberno. O obxectivo deste programa é atraer xente moza aos concellos máis pequenos, facilitando o asentamento de poboación nestes territorios.

Para isto contémplanse dúas axudas:

– Unha axuda á compra de vivenda, de ata 10.800 euros ou ata o 20% do total de prezo da vivenda. O prezo da vivenda non deberá ser superior a 120.000 euros.

-Unha axuda ao alugueiro por cinco anos. Será una axuda mensual que cubrirá ata o 60% da renda mensual, ata un máximo de 360 euros. Esta axuda será compatible co bono de alugueiro xoven de forma que pode cubrir ata o 75% do custe do alugueiro.

Máis de 250 participantes de altísimo nível competirán este domingo na XXXI Duatlón Cidade de Lugo

O Concelleiro de Deportes anunciou que a XXXI Duatlón Cidade de Lugo, memorial “Alejandro López”, voltará nesta edición á contorna do Pazo de Feiras e Congresos, onde preto de 250 participantes se darán cita o próximo domingo, 13 de marzo, “unha proba emblemática da cidade e consolidada no calendario oficial de tríatlon de Galicia”.

O edil fixo fincapé en que “Lugo é unha cidade que respira deporte, co profesional e co de base”, ao tempo que destacou o arraigo do atletismo e do ciclismo en Lugo, que cada vez gañan más adeptos. O edildestacou a “aposta que desde o Goberno local estamos a desenvolver co impulso do deporte de distintas modalidades, xa que Lugo pode presumir de ser unha das cidades de Galicia, senón a que máis, onde a veciñanza pode practicar un alto número de disciplinas diferentes en instalacións de categoría”.

A proba, como ven sendo habitual, conta con duatletas de toda Galicia de recoñecida traxectoria. Ademais, destaca a participación do arxentino Facundo Medard, do Tríatlon Arteixo e vencedor do circuíto de Dúatlon 2021 e claro favorito ao podio masculino; a do xuvenil Jarno Pousada, que xa acada podios absolutos na súa traxectoria neste deporte, así como a triatleta murciana Natalia Hidaldo, 3ª no Campionato de España Olímpico Elite 2021, e a muxián Barca Toba, ambas as dúas militantes do club local Cidade de Lugo Fluvial e favoritas ao podio feminino.

A competición conta tamén cunha gran participación dos clubs locais e das categorías promesa onde unha vez mais o Cidade de Lugo e os seus deportistas teñen claras opcións aos galardóns nas categorías promesa dando relevancia ao gran traballo levado a cabo na súa escola. Jarno Pousada ou Diego Tomé que levan formándose na mesma son un claro exemplo.

Distancias

A saída, transición e a meta estarán localizadas no interior do pazo e desenvolverase coas medidas de prevención establecidas polo Protocolo Fisicovid-DXT da Federación Galega de Tríatlon, certificado pola Secretaría Xeral para o Deporte, para conter a propagación da COVID-19

A proba disputarse sobre distancia sprint (5 Km de carreira a pé, 21,4 Km. de ciclismo e 2,5 Km. de carreira), entre cada sector os deportistas deben pasar pola transición para facer o cambio de material.

A primeira carreira a pé constará de catro voltas no parque do Pazo de Feiras e Congresos e o paseo Fluvial do Miño. O ciclismo que constará de 4 voltas desenvolverase pola estrada de Ombreiro, dende o enlace de Marqués de Ombreiro coa Avd. dos Deportes ata o enlace de subida ao colexio Galén que os/as deportistas deberán completar antes de voltar á transición 2 para o último sector de carreira a pé realizando dúas voltas ao parque e rematando nas instalacións interiores do Pazo onde estará localizada a meta.

O TSXG autoriza prorrogar ata o 26 marzo a esixencia do certificado COVID-19 en hospitais e residencias

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda a comunidade, ata o próximo 26 de marzo, a obriga de presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos doentes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional.

Os maxistrados consideran que a “existencia relevante do risco dentro do territorio de Galicia” xustifica “xenericamente a adopción de medidas que se poidan reputar idóneas para conter a transmisión do virus”. O TSXG tamén incide en que as medidas propostas son adecuadas para as contornas que establece a orde da Xunta porque nelas se concentran “persoas especialmente vulnerables”. No auto, ademais, destaca que as medidas son a forma “menos lesiva” de compatibilizar “a salvagarda da vida e a saúde co exercicio doutros dereitos como o de reunión ou acceso a determinados espazos pechados e o dereito á intimidade persoal e á vida familiar, propios da visita a seres queridos internados neses centros”.

Os xuíces tamén indican que calquera das alternativas ao certificado de vacinación está “facilmente dispoñible para o cidadán/a, de maneira que o sacrificio de acudir a calquera delas para a realización das actividades condicionadas parece razoable”. Os maxistrados aseguran que as medidas propostas pola Xunta implican “a restrición en grao mínimo de dereitos fundamentais, un sacrificio tenue do dereito, en expresión da sentenza do Tribunal Supremo nº 1112/2021, con relación á forte salvagarda que se pretende do dereito á vida e á saúde”.

A Sala advirte no auto de que, aínda que a situación epidemiolóxica de Galicia determina “un risco de transmisión do virus decrecente”, segundo o informe presentado pola Consellería de Sanidade, os valores continúan sendo elevados. “Ademais do dano intrínseco que causa á poboación afectada, segue ocupando significativos recursos do sistema público de saúde de Galicia”, salientan os maxistrados.

Adxudicadas as obras do Parque Central de Galicia

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a adxudicación por un importe de 1,3M€ das obras de construción do Parque Central de Galicia, o proxecto “que estamos impulsando a Deputación de Lugo para poñer en valor o centro xeográfico de Galicia, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla, segundo estableceu o Instituto Xeográfico Nacional”.

“As actuacións que aprobamos adxudicar inclúen a colocación dun pórtico de entrada visible dende a estrada provincial que dá acceso ó Parque, e o acondicionamento dunha praza e a colocación dun monolito xusto nas coordenadas que indican o centro xeográfico de Galicia”, subliñou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo. Detallou que ao lado dereito do monolito, haberá un templete -unha estrutura aberta polos laterais que servirá para resgardarse e para acoller actividades ao aire libre-, e ao lado esquerdo do monolito, levantarase un edificio multiusos con varias dependencias que se poderán utilizar para accións formativas, actividades culturais ou medioambientais e reunións, entre outras.

Pensando en crear un espazo de ocio para as familias, escolares e a organización de actividades, a Deputación dotará o Parque Central dun parque infantil que incluirá diferentes zonas de xogo adaptadas a todas as idades, e tamén haberá dúas fontes. Así mesmo, o proxecto contempla a instalación do alumeado do conxunto do Parque Central, a sinalización e a colocación dunha serie de mobiliario, como papeleiras de madeira, e bancos e mesas de pedra para poñer a disposición dos veciños e dos visitantes.

Unha vez adxudicadas as obras, o inicio das mesmas dependerá agora da axilidade coa que o Concello de Antas de Ulla lle conceda á Deputación a licencia necesaria. Cando comecen os traballos, o prazo de execución será de 5 meses, un mes menos do inicialmente previsto porque a empresa adxudicataria se comprometeu a facelas neste tempo.

“Con estas actuacións quedará completada a creación do Parque Central de Galicia porque, despois de adquirir as parcelas e de presentar o proxecto a toda a sociedade da provincia nun acto público, a Deputación comezou en abril do ano pasado cos traballos de acondicionamento dos terreos e, nestes momentos, estamos ultimando as obras de creación dunha zona de estacionamento e de mellora viaria do acceso a este espazo”, indicou a voceira do Goberno.

A Deputada subliñou que “o Parque Central de Galicia é un proxecto de provincia, un compromiso do Presidente, que se sitúa no mesmo plano que a Granxa Gayoso Castro ou que o Museo e a Finca de Tor, e que supoñerá un impulso moi importante para a promoción do noso territorio dentro e fóra de Galicia, e polo tanto para a economía e o emprego, pola súa capacidade de atracción e de dinamización turística, o que representa tamén unha aposta polo Adxudicadas as obras do Parque Central de Galiciareequilibrio territorial e por fixar poboación no rural”.

O Goberno dá orde de retirar os parquímetros da Ora

As máquinas do sistema Ora teñen os días contados. A alcaldesa de Lugo vén de dar orde para proceder á súa retirada.

Cando só resta unha peza separada, de tipo penal, para concluír definitivamente todo o proceso legal que afectou á licitación deste servizo, a rexedora lucense iniciou o procedemento para sacar das rúas estes parquímetros, actualmente en desuso.

Unha decisión que, segundo a rexedora, “obedece á necesidade de seguir avanzando na eliminación de barreiras que dificulten a mobilidade peonil e de mellorar a estética do conxunto da cidade ao tempo que se evita un foco de confusión para visitantes que descoñecen que, actualmente, estas máquinas non se atopan operativas”.

A este respecto, a alcaldesa incidiu en que a actuación concorda “cos cambios da mobilidade urbana que está a experimentar Lugo, dentro da transformación do municipio que iniciamos xa no anterior mandando, baixo parámetros de sostibilidade. Onde ao tempo que incrementamos os espazos restrinxidos ao tráfico rodado e proxectamos zonas de baixas emisións, procuramos disuadir máis do uso do vehículo particular fronte ao transporte colectivo e fomentamos a utilización doutros medios como a bicicleta, para o que nos estamos dotando dunha senda ciclista de máis de 14 quilómetros de lonxitude e habilitando máis e mellores estacionamentos nos diferentes barrios da capital, todos eles, totalmente gratuítos”, subliñou a primeira edil.

En total, quitaranse ao redor de 60 postes. Traballos que o Executivo local agarda “poidan iniciarse canto antes” ao abeiro dun contrato de tipo menor.

Cs denuncia o colapso absoluto do servizo de atención cidadá trala caída do 010

A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, denunciou esta mañá a situación de colapso que sofre a atención cidadá no Concello de Lugo debido á caída do servizo do 010. “É unha terrible irresponsabilidade que o BNG deixase que este servizo morrese cando tiña a notificación por parte da empresa de que renunciaba a prorrógaa do contrato. Contaban coa o información suficiente para buscar un plan b e non o fixeron. Agora as queixas dos cidadáns multiplícanse e a indignación é máxima. Trátase dunha mala previsión de Participación Cidadá. Deben achega solucións urxentes”, sinalou a concelleira da formación laranxa.

“É necesario solucionar o bloqueo na atención cidadá que existe no Concello de Lugo nestes momentos. Durante o día de onte o noso grupo municipal recibiu decenas de chamadas de veciños onde mostraban o seu malestar. É necesario que, canto menos, o goberno local facilite os números de atención cidadá porque o 010 está inoperativo e os veciños e veciñas desprázanse ás dependencias municipais  buscando información e atópanse cun departamento onde só hai dous traballadores municipais, máis os ordenanzas que temporalmente están a facer labores de reforzo pero non de atención do 010, o que de xeito evidente resulta insuficiente para impedir o embude que sofre este servizo”, explicou.

“Ademais a supresión do servizo do 010 e está sobrecarga de traballo na atención cidadá, tradúcese nunha atención deficiente á cidadanía e está a colapsar a maiores o servizo de conserxería onde xa faltan conserxes nos colexios (xa hai unha baixa e unha vacante aínda sen cubrir nos centros escolares) polo que é necesario dar substitución a estes postos ou sacar con urxencia as bolsas de emprego para que temporalmente realícese este traballo”, concluíu Louzao.

A banda Zënzar dará o seu segundo concerto do ano mañá en Sarria

A Buril ACDE de Sarria será o local escollido pola veterana banda, a máis lonxeva do rock galego e en galego, que ofrecerá o seu segundo concerto deste ano este sábado día 12. Os de Cerceda estarán acompañados pola banda Cuarta Xusta, que abrirán a xornada ás 22:30h. As entradas poderán adquirirse o mesmo día antes do concerto, ou no Café Bar Cubano, e teñen un prezo de 10 €.

Zënzar, que cumpliu 33 anos de historia o pasado 23 de decembro, ven de presentar o seu último traballo, Benvidas ó futuro. Fieis ao estilo guitarreiro e potente, os “padriños  do rock galego” seguen a dar que falar máis de tres décadas despois. Un disco que fai chiscadela ao seu primeiro, Disparados ó futuro, gravado en 1997, despois de teren gravado dúas maquetas previas.

Bocixa, Manolo, Mario, Paco e Laura interpretarán no Casino tanto cancións do novo traballo coma clásicos da banda, mais tamén revisión doutros temas e unha versión celebérrima dun coñecido cantante galego.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com