Novas

As Tanxugueiras tocarán gratis en Lugo o domingo do Arde Lucus

A alcaldesa de Lugo anunciou hoxe que as Tanxugueiras serán un dos pratos fortes musicais da festa do Arde Lvcvs deste ano, programación na que está a traballar a concellería de Xuventude ao fronte. O concerto do trío galego, integrado por Aída Tarrío e as xemelgas Olaia e Sabela Maneiro, será o vindeiro 12 de xuño na Praza de Santa María.

“A actuación será de balde”, avanzou a rexedora, que puxo en valor o traballo destas “mulleres galegas, fortes, valentes e empoderadas, que non só están a achegar a cultura galega á xente máis nova, o que permite que arraigue un sentimento de amor e respecto pola nosa identidade, senón que poñen a Galicia no mapa español e internacional”.

Méndez destacou que o talento destas artistas xa teñen a súa marca na cidade, “xa que con elas bautizamos a nova pasarela que une a trama urbana co Miño, a nosa Tanxurela, e tamén teñen unha placa co seu nome na Rúa Menorca”.

Repetto incidiu, pola súa banda, en que “o Arde Lvcvs regresa con toda a súa forza nesta edición co obxectivo de revitalizar os sectores cultural, hostaleiro e de ocio atraendo á nosa cidade actuacións de gran nivel, como é este caso”.

O edil destacou a importancia do Arde Lvcvs para divulgar o patrimonio e a historia da cidade xa que “Lugo recuperará o esplendor desta festa despois de dous anos marcados pola pandemia, ademais de estar a dar pasos para que sexa unha edición moi especial e teña a maior relevancia internacional posible”.

Castrexas e romanas premiadas co ‘Tourism Women Friendly’ en recoñecemento á visbilización da muller no Arde Lucus

A alcaldesa de Lugo acompañada do edil de Xuventudeo recibiu hoxe no Concello a representantes das asociacións castrexas e romanas do Arde Lvcvs para facerlles entrega do premio Tourism Women Friendly 2022, concedido pola organización Mujeres para el Diálogo y la Educación (MDE) ao municipio lugués, pola visibilización das mulleres nesta festa de recreación histórica.

A alcaldesa lembrou que “durante a celebración de Fitur en Madrid, o pasado mes de xaneiro, recibimos este galardón, con gran entusiasmo, pois distínguenos como mellor destino turístico pola organización do Arde Lvcvs, unha festa na que se lle da visibilidade ás mulleres e na que se colabora coa sensibilización social e a integración do talento feminino”.

“Por iso, hoxe queremos facervos entrega do premio, pois sodes as asociacións do Arde Lvcvs as que facedes posible o gran éxito desta festa, que cada ano suma máis adeptos. Co voso esforzo, xunto co traballo que realizamos dende o executivo municipal, aspiramos a conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional para o Arde Lvcvs proximamente; o galardón que hoxe compartimos con vós, estou segura de que tamén contribuirá a acadar este recoñecemento mundial”, engadiu a rexedora.

Para a concesión do premio, o xurado valorou, por unha banda, o papel que as mulleres tiveron hai 2.000 anos na defensa pacífica da súa terra dominada entón polos romanos e, por outro, na época actual, o protagonismo das mulleres na celebración da recreación histórica Arde Lvcvs, con catro asociacións formadas integramente por mulleres e unha presenza e participación superior ao 40% en todas as celebracións.

No acto de hoxe participaron unha trintena de representantes das diferentes asociacións castrexas e romanas do Arde Lvcvs.

O PSdeG de Monterroso denuncia que o Concello mantén ao arquitecto municipal, catro días ao mes con 2.000 euros

Dende o Grupo Municipal Socialista xa levan tempo denunciando a pésima xestión do equipo de goberno do Concello de Monterroso para resolver o proceso de selección dun arquitecto municipal, que comezou en xuño de 2021 e que aínda acaba de resolverse recentemente.

Nesa liña critican que tras resolver o procedemento para ocupar de xeito temporal, e a través do programa da Deputación de Lugo, a praza de arquitecto municipal que estaba vacante, “o Concello de Monterroso continua pagando con cargos as arcas públicas municipais o asesoramento urbanístico que xa tiña contratado anteriormente, o que supón un custe de máis de 3.300 mensuais”.

Dende o Grupo Socialista de Monterroso puntualizan que esta contratación temporal é integramente subvencionable pola Deputación de Lugo, a través do Plan único, e conta cunha duración inicialmente de 12 meses. “Este procedemento ten que estar xustificado o día 31 de outubro de 2022, segundo a proposta que remitiu a Alcaldía a Institución Provincial, perdendo polo tanto dende o mes de outubro do ano pasado os meses de contratación”, advirten.

Así as cousas, e unha vez resolto o proceso de selección “o Grupo Socialista é coñecedor de que a nova técnica municipal comezou a prestar servizo dende o pasado 28 de febreiro a xornada completa, pero por outra banda tamén observamos que non se rescindiu o Convenio de colaboración que estaba asinado anteriormente, cos custes que isto implica”.

Diante deste panorama queremos avanzar “que presentamos un escrito no Concello para pedir explicacións por seguir mantendo en vixencia o convenio que supón un sobrecuste de 2.000 euros mensuais, xa que entendemos que é máis que suficiente un só técnico a xornada completa para despachar o volume de licenzas que se cursan no noso Concello”. No tempo que foron contratados estes servicios complementarios concedéronse 4 licencias e recadouse por ese concepto 945,09 euros. “Polo tanto, para ingresar esta mínima inversión o concello gastou 39.600 euros, un autentico escándalo”, din.

Ademais emprazamos á Alcaldesa a que se poña a traballar “para aprobar o P.X.O.M e Plan Especial do Casco Histórico, xa que os atrasos que acumula supoñen un grave prexuízo para os propietarios de solares, xa que se atopan con enormes dificultades para a obtención de licenzas de construción ou ven como se devalúan as súas propiedades por falta de aprobación deste proxectos, rexéndonos por unhas Normas Subsidiarias de Planeamento Urbanístico que datan do ano 1997, quedándose obsoletas a realidade urbanística actual”.

Por último reclamamos “que se regularice a praza do Arquitecto Municipal, xa que este posto aparece recollido na RPT coa conseguinte dotación orzamentaria, un persoal que consideramos imprescindible para o bo funcionamento municipal”.

Concello de Lugo e USC recuperan documentación inédita do Cemiterio Municipal

O Goberno Local recibiu esta mañá ao Decano da Facultade de Humanidades da USC, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, con quen o Goberno de Lugo asinou un convenio de colaboración para recuperar documentación inédita do Cemiterio Municipal.

A concelleira responsábel do Cemiterio explicou que “esta colaboración  permitiranos recuperar e poñer en valor nova documentación antiga, atopada recentemente nas instalacións do Cemiterio Municipal, mentres que as e os estudantes de Humanidades terán unha grande oportunidade para realizar prácticas de tratamento arquivístico con documentación real”, explicou a edil.

A documentación procede dunha serie de caixas atopadas na sacristía da Capela do Cemiterio, e na revisión preliminar da mesma atopáronse  licenzas ou autorizacións de enterramentos, traslados de restos e permisos de obras. “As e os estudantes da USC poderán realizar todo o proceso de tratamento arquivístico desta documentación, pasando pola limpeza e a clasificación, ata a catalogación e dixitalización da mesma”, declarou a concelleira de Participación.

Con esta acción o Goberno de Lugo recuperará documentación xerada entre os anos 40 e 80 do século pasado. A edil destacou a importancia desta colaboración, “dado que son documentos únicos que polas datas coinciden coa posta en marcha do actual Cemiterio Municipal de San Froilán”. A concelleira de Participación agradeceu ao Decano de Humanidades da USC “a boa disposición para levar adiante este proxecto”.

A Deputación envia de xeito urxente axuda económica e de materiais de primeira necesidade a Ucraína

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este xoves o envío urxente tanto de axuda económica, como de materiais básicos de primeira necesidade ao pobo ucraíno para colaborar fronte á grave crise humanitaria que a brutal invasión rusa está provocando no este de Europa.

“Ademais de estar a plena disposición para colaborar no que faga falta coas entidades que están coordinando a cooperación das administracións locais con Ucraína, como poden ser a FEGAMP ou o Eixo Atlántico, dende a Deputación de Lugo tamén faremos unha colaboración directa para contribuír a paliar na medida do posible o sufrimento dos ucraínos e axudar na protección e no benestar das persoas que se vén obrigadas a fuxir deste terrible conflito para salvar a vida, sobre todo mulleres, nenos e persoas maiores”, subliñou José Tomé.

O mandatario provincial explicou que a institución levará a cabo as accións de cooperación a través dunha das entidades que o Goberno de España estableceu para canalizar a colaboración con Ucraína, como é a Cruz Vermella.

Por unha banda, a Deputación fará de maneira inmediata unha contribución económica por importe de 10.000€ a través desta entidade humanitaria e nos vindeiros días, e tamén por medio da Cruz Vermella, aportará outros 18.000€ para a compra de material básico de primeira necesidade que determinen as organizacións que están traballando sobre o terreo en función das necesidades existentes para atender ás persoas que sofren o conflito.

Entre eses materias estarán produtos alimenticios, de hixiene ou sanitarios, pero tamén todos aqueles bens que as entidades determinen máis útiles para poder dar resposta aos problemas cos que se atopan tanto as persoas que permanecen en Ucraína na zona de conflito, como as que se atopan fuxindo da guerra nos países limítrofes. “Sabemos que a día de hoxe a prioridade é axudar á poboación civil nestes momentos nos que atravesan situacións tan difíciles, e sabemos que a mellor forma de facelo é en colaboración coas entidades que están no territorio, como é o caso de Cruz Vermella”, asegurou o Presidente.

José Tomé púxose xa en contacto co presidente desta institución humanitaria en Lugo, Luis Abelleira, co fin de artellar os mecanismos necesarios para coordinar as diferentes liñas de cooperación que a Deputación deseñou para colaborar ante a crise xerada pola invasión rusa de Ucraína.

O Presidente incide que a colaboración económica e material que fai a Deputación servirá para “responder ás consecuencias inmediatas que esta crise está causando sobre a poboación civil e a súa vida diaria, pero tamén nas infraestruturas que están afectando directamente á poboación, deixándoa sen auga, gas ou electricidade”. O mandatario provincial tamén pon en valor o reforzo e respaldo que é necesario facer co voluntariado que “presta primeiros auxilios e apoio psicosocial ás persoas afectadas polo conflito, que as están asistindo na medida que a situación de seguridade o permite”.

Tomé Roca destaca a “absoluta implicación da Deputación de Lugo co pobo ucraíno”, e remarca que a institución que dirixe adopta esta medida porque ante “esta tremenda catástrofe, tan inxusta, temos que amosar a solidariedade dos veciños e veciñas da provincia co pobo ucraíno”. Salienta, ademais, que a coordinación con Cruz Vermella, como unha das entidades establecidas polo Goberno de España para canalizar as axudas, é a vía máis rápida e eficaz para que a nosa colaboración chegue aos ucraínos e ucraínas”.

Arias destaca o apoio da Xunta á Cultura con novas medidas para o crecemento do sector

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade reforza este ano o seu apoio á cultura con novas medidas que lles darán continuidade ás adoptadas desde o inicio da pandemia para contribuír a retomar o crecemento do sector.

Arias acudiu á Sala Tebras, un dos catro locais lucenses beneficiarios da orde extraordinaria de axudas realizada pola Xunta en 2021 para organizar espectáculos musicais no marco do Xacobeo.

Durante a visita, o delegado puxo en valor o “enorme esforzo” que fixeron establecementos do ramo como as salas de música, ás que agradeceu que “con todos os condicionantes de seguridade esixidos pola pandemia seguiran ofrecendo aos lucenses unha programación dinámica e unha axenda cultural con citas tan relevantes” como o dobre concerto que dará Manu Chao neste mesmo espazo -a Sala Tebras- os vindeiros domingo 13 e martes 15 de marzo.

“De seguro que a súa presenza na cidade terá un impacto moi positivo”, salientou Arias, quen afirmou que en Lugo “temos bastantes indicios de que estamos recobrando certa normalidade e de que o público recupera a confianza para asistir aos espectáculos e actividades culturais”.

Durante a visita fixo tamén fincapé en que a área autonómica de Cultura, que neste exercicio incrementou o seu orzamento nun 6%, “seguirá promovendo este ano iniciativas de impulso como a Rede Galega de Música o Vivo ou a Rede Galega de Teatros e Auditorios”, entre outras.

O BNG en Vilalba inicia unha campaña para dotar de máis recursos e servizos ao centro de saúde

O Bloque Nacionalista Galego en Vilalba iniciou unha campaña para dotar de máis recursos, tanto humanos como materiais, ao centro de saúde e PAC de Vilalba.

A primeira acción desta campaña foi a recollida de sinaturas, na que se solicita á Consellería de Sanidade: a dotación total das prazas de persoal facultativo coas que conta o centro de saúde e PAC de Vilalba, a restitución urxente do servizo de pediatría e, por último, a dotación de recursos materiais suficientes para garantir o pleno funcionamento do centro de saúde e PAC de Vilalba.

A responsábel local do BNG en Vilalba, Mónica García, explicou a situación actual da Atención Primaria na localidade “o centro de saúde non conta con todo o persoal facultativo de familia, e por riba, o servizo de pediatría é inexistente; é inadmisíbel esta situación, precisamos contar con todos os servizos para garantir o noso dereito a sanidade pública”.

Neste senso, Mónica García sinalou que este centro non só da servizo a Vilalba senón que unha meirande parte da comarca da Terra Chá, por ser o seu centro de referencia de urxencias “é moi grave que un concello de máis de 10.000 habitantes como é Vilalba non conte con este servizo, pero isto agrávase máis tendo en conta que da servizo a Muras, Abadín, Xermade ou Cospeito”.

O BNG continuará con accións para que a Xunta de Galiza redirixa esta situación e dote con todos os recursos necesarios a Atención Primaria de Vilalba.

Dúas mulleres foron trasladadas ao intoxicarse posiblemente con monóxido de carbono nunha vivenda en Lugo

Dúas mulleres recibiron asistencia esta tarde en Lugo ao resultar posiblemente intoxicadas con monóxido de carbono nunha casa na Rúa de San Eufrasio.

O 112 Galicia recibiu a alerta da situación das dúas persoas a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao fío das dúas e media. Segundo a información recollida no 112 Galicia, un familiar das dúas mulleres afectadas non lograba comunicarse con elas, o que puxo en alerta aos servizos de emerxencia que, á súa chegada á vivenda, atopáronas inconscientes.

Así, nada máis recibir o aviso, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Lugo, da Policía Nacional e Local, de Protección Civil e da empresa subministradora do gas.

Posteriormente, as dúas mulleres foron trasladadas polos servizos sanitarios a un centro hospitalario.

Alumnos de Maristas coñecen o traballo que se realiza no eido dos vehículos non tripulados en Rozas

Máis dun cento de alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO do CPR A Inmaculada de Lugo (Maristas) coñecerán de preto este mes de marzo o traballo que se realiza no eido dos vehículos non tripulados no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) así como nas instalacións das empresas Indra e Babcock no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas.

Estas actividades enmárcanse no programa de fomento das vocacións científico- tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia Voando alto, sumando vocacións, co que a Xunta de Galicia segue a impulsar novas actuacións para promover as profesións tecnolóxicas entre a xente moza, especialmente entre as nenas.

Con estas actuacións, nas que se implicarán tamén os futuros novos socios estratéxicos da Xunta no Polo de Rozas, perséguese atraer á xente moza cara a áreas tecnolóxicas relevantes para o desenvolvemento económico e social, como é o caso do sector aeroespacial, incrementando a demanda de profesións STEM e contribuíndo a reducir a fenda de xénero neste tipo de estudos.

O primeiro grupo de escolares do CPR A Inmaculada coñeceu esta semana un dos drons que se desenvolveron no Polo Aeroespacial e as súas utilidades e intercambiou impresións cos profesionais que traballan nesta iniciativa estratéxica da Xunta de Galicia.

Unha visita na que participaron a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias.

Entre as actividades que se promoverán destacan as visitas ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas e ao Parque Tecnolóxico e Industrial, a formación en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas mediante dinámicas prácticas na Aula Newton permanente situada en Tecnópole e un concurso destinado a alumnos de infantil e primaria para dar a coñecer os vehículos non tripulados e as súas aplicacións, que se desenvolverá ao longo deste curso académico.

Un condutor cuadriplica a taxa de alcolemia permitida e colisiona cun semáforo

A Policía Local desprazouse a pasada madrugada á rúa do Xenebro xa que ao parecer produciuse un accidente de circulación.

Os axentes comproban que un vehículo chocara contra o mastro dun semáforo de peóns situado na intersección desta vía coa Avenida da Coruña, derrubándoo, observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado positivo de 1,06 mg/l (máis de catro veces a taxa máxima permitida), levantándose acta de atestado e instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com