Novas

A CIG Ensino denuncia a incertidume ao respecto do futuro do IES Val do Asma en Chantada

Que vai ocorrir co IES Val do Asma? Esa é a pregunta que ronda na cabeza de toda a comunidade educativa deste Instituto da vila de Chantada.

Desde comezos deste curso, a comunidade educativa do IES Val do Asma de Chantada está pendente do futuro do centro, xa que recibiron información por parte de distintos cargos da Consellaría de Educación, “sempre de xeito verbal e nunca por escrito”, da posible transformación do centro nun Centro Integrado de Formación Profesional.

Diante desta información, no día de onte, a CIG Ensino trasladou a súa preocupación polo futuro do centro na Xunta de Persoal Docente da provincia de Lugo que contou coa presenza de Carme Gueimunde, xefa territorial da Consellaría de Educación, ao mesmo tempo que o fixo tamén en Santiago de Compostela na mesa sectorial de educación, na que a CIG Ensino é a organización sindical maioritaria.

Mentres, na Xunta de Persoal a Xefa territorial de educación da provincia de Lugo manifestaba non ter coñecemento da anterior información, como xa fixera no caso do posible peche do colexio de Baamonde e que finalmente se levou a cabo, na mesa sectorial de Santiago, Mira Lema, Secretario xeral de Educación e Formación Profesional, respondía á pregunta da CIG Ensino sobre o IES chantadino afirmando que “non tiñan intención de convertelo nun centro  integrado de FP, senón que o que pretendían era reorganizar as ensinanzas e manter o centro coma un IES, sen concretar se isto se podería facer xa o curso que vén ou non, xa que están pendentes dun informe da Secretaría Xeral Técnica”.

A anterior información “non augura nada bo”, segundo denuncia a central sindical, “de feito pode ser a crónica dunha morte anunciada, é dicir, a crónica do peche dun centro, xa que o Val do Asma ten unha matrícula moi baixa en FP e a reorganización das ensinanzas non faría máis que reducir o número de alumnas e alumnos do centro facilitando que nun futuro a Consellaría de Educación continúe a mermar a calidade do ensino público co peche doutro centro”, consideran.

A CIG Ensino está en contra desta reorganización de ensinanzas que forma parte da política contra o ensino público que o goberno do Partido Popular na Xunta leva practicando desde o ano 2009 co peche de centros e redución de aulas e docentes, “coa visión neoliberal de que a educación é un gasto e non un investimento”.

“Vemos como nos últimos anos reducen sen xustificación a oferta pública nas vilas e no medio rural mentras que nos ámbitos urbanos se aumentan as ratios nas aulas. E todo isto dun xeito unilateral sen consultar nin negociar coa comunidade educativa”, censuran dende a CIG Ensino.

Alfonso García Eiriz presenta a candidatura de ‘Xeración FGA’ para presidir a Federación Galega de Automobilismo

Alfonso García Eiriz, candidato á presidencia da Federación Galega de Automobilismo, presentou esta mañá na Sala de Prensa de Ferrecal, en Santiago de Compostela o equipo con que concorrerá ás vindeiras eleccións á presidencia do colectivo. Baixo o nome ‘Xeración FGA’, García Eiriz xunto cos pilotos Ruth Ortega Macías e José Antonio Martínez del Río, amosaron o compromiso do grupo de cara a pilotos e participantes no mundo do automobilistmo galego en tódalas súas especialidades.

Así, os tres fixeron especial atención ao feito de que ningunha das candidaturas alternativas teñen unha representación “tan clara e expresa” por parte do colectivo, amosando a súa preocupaicón diante “desa pasividade que se entende dende o punto de vista das posibles represalias por parte da actual directiva da Federación, encabezada polo seu presidente, Ivan Corral.

Alfonso García Eiriz explicou os puntos básicos e directrices a seguir que quere levar a cabo, “profundamente convencido” dos beneficios que pode aportar dende a súa experiencia e acompañado dun completo círculo de persoas de tódolos ámbitos do automobilismo galego.

Quixo facer fincapé na proposta dunha “Federación aberta, de máximo diálogo en tódolos ámbitos, tanto interno cos propios federados (deportistas, clubes, árbitros, xuices…), como no externo (institucións, patrocinadores, outras federacións….)”, retomando asimesmo o trato cordial e as relacións coa RFEDA para evitar duplicidades nos calendarios e poder traballar conxuntamente.

O decálogo de actuación de Xeración FGA baséase en varios pilares fundamentais, destacando entre eles:
– A transparencia total e absoluta da xestión económica. Os afiliados deben ser coñecedores dos gastos e ingresos da FGA. Non e concebible a actual xestión na que se descoñece por completo a actuación económica dos cartos de tódolos afiliados.
– Un reparto proporcional e equitativo dos cartos públicos, creando subvencions para todolos campionatos de tódalas especialidades, facendo especial atención a aquelas que se poden considerar como as bases do automobilismo (karting, slalom, autocross…) que hoxe en día están ninguneadas e marxinadas.
– Facer un federación efectiva e eficaz, sempre a disposición dos afiliados, e non como un ente que se adica a recaudar. Unha federación capaz de dar resposta as inquedanzas dos seus membros, unha federación capaz de crear equipos de traballo reais para cada especialidade, unha federación con capacidade de formación contínua de comisarios, xuices, observadores, sinaladores….
– O estudio e reformulación das actuáis becas e copas de promoción. A FGA non pode permitirse que un deportista teña que rexeitar un premio por non poder facerlle fronte os custos que lle acarrearía. Unha beca ou copa de promoción ten ser un pulo para a carreira de un deportista, non un obstáculo. E básico e imprescindible recortar os custes nestas becas e copas dada a súa natureza intrínseca de ser unha axuda para o comezo de calquera deportista.
– Potenciar a inclusión de novos proveedores e marcas, facendo fincapé nos neumáticos, dado que o monopolio actual implica uns custes ainda máis elevados e non xenera absolutamente ningún beneficio sobre o deportista.
– Retomar a iniciativa para o estudo e posta en marcha do tan esperado e necesario Circuito Galego de Velocidade que tantos deportistas e afeccionados veñen demandando dende décadas atrás.

Asimesmo, Alfonso García e a súa equipa Xeración FGA, manifestaron cales serían as primeiras medidas a levar a cabo en caso de conseguir ser a opción maioritaria nas vindeiras eleccións á presidencia da FGA.

O candidato á presidencia destacou que o primeiro que realizará será unha auditoría económica, fiscal e contractual da Federación, ademáis da reducción dos mandatos federativos a un máximo de dúas lexislaturas, a modificación das atribucións do Presidente, ademáis da reducción do salario e, no caso de que non se trate dunda dedicación exclusiva, incluso a eliminalo.

Intentarán crear a figura do ‘Director deportivo’, un cargo nomeado pola Xunta Directiva e que traballará baixo a súa supervisión. Ademáis, buscarán reubicar a sede federativa nun local público e sen custe para a FGA, nunha localidade que resulte máis céntrica para os afilidos.

No relativo aos deportes automobilísticos, crearán os campionatos de vehículos históricos, de Rallysprint e Drift; apostaran pola potenciación da base (Karting, montaña e autocross) con inxeccións económicas directas así como pola supresión dos pasaportes técnicos. Ademáis, revisarán e actualizarán as dietas e a remuneración dos equipos médicos e establecerán uns premios mínimos para cada proba.

Para rematar a rolda de prensa, Xeración FGA, quixo trasladar a tódolos afeccionados, afiliados, deportistas e  clubes, a súa firme convicción de ser a candidatura máis ampla e accesible, invitando a todos a formar parte dela, “dado que tódolos apoios son necesarios e imprescindibles, e todos teñen cabida nesta nova Federación Galega de Automobilismo”.


Autor da imaxe: J.  Gonzalez

A Garda Civil detén aos integrantes dunha banda itinerante especializada en roubos con forza

A Garda Civil, no marco da ‘Operación Motoagro’, detén aos dous integrantes, de nacionalidade romanesa, dunha banda itinerante, un deles experto en artes marciais e experimentado en táctica militar como el mesmo recoñece ante os axentes que lle deteñen. Ambos foron detidos tras a comisión de varios delitos de roubo con forza na provincia de Lugo, un deles cometido o pasado mes de novembro, cando accederon ao interior dunha tenda na localidade lucense de Sarria, neste establecemento conseguen subtraer varias motoserras e outras máquinas por un valor aproximado de 7.000 euros, ocasionando ao mesmo tempo danos de consideración nas portas de acceso ao establecemento.

As investigacións inícianse tras producirse este ilicito, pescudando que se trata de dous homes os cales se trasladan ata o lugar nun turismo de cor negra coas matrículas tapadas, descenden do vehículo cubertos con pasamontañas, luvas e roupa deportiva, collen unha maza de grandes dimensións e golpean a porta ata fracturar o cristal de seguridade, conseguindo a súa apertura facilmente, debido á súa gran pericia nestas situacións, en apenas dous minutos cargan o vehículo co material subtraído e abandonan o lugar a fume de carozo.

Segundo avanza a investigación pescúdase que estas persoas residen na comunidade de Madrid e desprázanse ao longo de toda a xeografía nacional, actuando en todos os delitos de maneira similar. Días despois de producirse o roubo na localidade sarriá son identificados nas inmediacións de Astorga portando a mesma maza no mesmo vehículo que utilizaran días antes para a comisión do delito. Meses despois foron identificados na localidade de Arganda del Rey-Madrid mentres circulaban noutro vehículo diferente ao utilizado nos delitos anteriores.

Durante o transcurso da instrución policial fóronse obtendo múltiples indicios, facendo uso de medios técnicos de investigación e solicitando datos a distintos organismos públicos e privados, os cales tras varios meses de investigación dan os seus froitos ao conseguir situarlles nun das súas viaxes á comunidade galega cando se dispoñían a perpetrar novos roubos.

A pasada madrugada móntase un dispositivo de vixilancia ao redor da localidade de Villalba, sendo localizados minutos despois cando circulaban en dirección a este municipio preparados para levar a cabo novos actos, comprobándose que portaban múltiples ferramentas listas para ser utilizadas, pasamontañas, luvas, gorras e roupa de abrigo, todo o necesario para dar un novo golpe.

Procédese á detención dos dous ocupantes do vehículo. Este operativo é coordinador polo Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 1 de Sarria, sendo presentados os detidos durante a mañá do día de hoxe.

Conde asegura que “sen marco enerxético estable” ningunha medida garantirá a viabilidade da industria electrointensiva

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe no Parlamento galego que sen un marco enerxético estable ningunha das medidas que se poña en marcha será suficiente para garantir a viabilidade de Alcoa e do resto da industria electrointensiva. Por este motivo instou, unha vez máis, ao Goberno central a cumprir o compromiso adquirido cos traballadores de conseguir un prezo competitivo que permita reactivar as cubas o máis axiña posible.

Neste sentido os custos eléctricos (362 €/MWh) representan hoxe en día o 75% dos gastos totais de produción, máis do dobre que en Francia (145,56 euros) e un 18% máis que en Alemaña (306,32 euros). Mentres, o Goberno segue sen dar sinais sobre os contratos bilaterais a prezos competitivos, nin das poxas de enerxía de tecnoloxía marxinal, nin do Perte para electrointensivas, nin sobre as propostas realizadas pola propia industria.

Conde lamentou, por tanto, que o Executivo central se resigne a que España deixe de producir aluminio, como mínimo, ata 2024, xusto nun momento de desabastecemento mundial e cun elevado prezo deste material.

Tras reiterar que a Xunta seguirá ao carón dos traballadores, lembrou que o Goberno galego declarou o sector esencial e estratéxico para priorizar proxectos industriais de ampliación, modernización ou transformación que cumprisen os requisitos; participou na solicitude de medias cautelares para que non pararan as cubas, así como na impugnación do ERE que deu como resultado a declaración de nulidade; e solicitou destinar fondoseuropeos a  impulsar a competitividade do sector; ademais de poñer a disposición desta industria axudas do Inega en materia de renovables e eficiencia enerxética.

Conde rematou ofrecendo, de novo, a colaboración da Administración autonómica. Lembrou o compromiso da Xunta na tramitación de parques eólicos na Comunidade que destinen o 50% da enerxía que produzan á industria a través de contratos de prezo fixo da enerxía, pero lembrou que é competencia do Estado as instalacións que superan os 50MW, advertindo de que esta medida por si soa non pode ser a solución definitiva.

A Fonsagrada consigue o informe de viabilidade da conexión ao futuro polígono

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, enviou hoxe ao Concello da Fonsagrada o informe de viabilidade da conexión ao futuro polígono industrial, en concreto da glorieta que dará acceso ao parque empresarial. Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen sinalou que “a AXI elaborou e enviou este informe, no que se especifican as condicións técnicas que deberá cumprir o proxecto, antes de esgotar o mes de prazo establecido polo Regulamento de Estradas de Galicia, axilizando ao máximo todos os trámites que dependen do goberno Galego”.

Este informe de viabilidade establece os datos técnicos relativos a aspectos como o diámetro, pendentes, ángulos de entrada e saída e trazado, entre outros, para que o proxecto se axuste a estes criterios e a autorización se poida conceder o máis pronto posible, evitando dilacións no tempo e ter que repetir o documento técnico. Neste sentido, Arias Fouz lembrou que “unha vez remitido, o informe ten unha validez dun ano, polo que o Concello debería axustarse a ese prazo para solicitar a autorización da obra e adxuntar o proxecto técnico baseado nas directrices marcadas polo informe de viabilidade da AXI”.

O delegado territorial insistiu na axilidade destes trámites por parte da Axencia Galega de Infraestruturas e lembrou que “a Xunta xa pediu ao Concello da Fonsagrada que presentara de forma oficial a solicitude do estudo de viabilidade, pola que levaba agardando un mes. Por fin, o goberno local deste municipio realizou reste trámite o pasado 15 de febreiro e a Xunta elaborouno no menor tempo posible para remitilo ao concello canto antes. De feito non se esgotou o prazo dun mes que marca a lei; agora agardamos que o Concello da Fonsagrada faga o propio e de verdade avance e coa mesma dilixencia neste proxecto para o municipio”.


Imaxe de arquivo

As pemes do sur da provincia potenciarán a súa competitividade con instrumentos de apoio

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o delegado territorial da Xunta en Lugo,  Javier Arias, participaron hoxe no concello lucense de Bóveda na segunda etapa da iniciativa Camiño de futuro, posta en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de difundir entre as pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas os instrumentos de apoio dirixidos a mellorar a súa competitividade e crecemento.

Patricia Argerey destacou na súa intervención que as pemes son unha prioridade para a Xunta de Galicia -como motor da economía galega- e que, por iso, se persegue que aquelas que aínda non iniciaron o camiño da innovación o fagan, xa que é un factor clave para a competitividade das compañías.

Así mesmo, a directora da Axencia Galega de Innovación sinalou que actualmente as empresas galegas se enfrontan a retos globais que dificilmente se poden abordar sen innovación e o papel da Administración debe ser acompañalas neste proceso. Para iso, púxose en marcha o Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que inclúe diferentes actuacións, como liñas de axuda pensadas para empresas tradicionais e de sectores maduros que queren empezar a innovar; difusión da cultura da innovación para incrementar o número de pemes innovadoras; desenvolvemento de contidos formativos e ferramentas para que as pemes poidan avaliar a súa capacidade para innovar; difusión de casos de éxito de empresas innovadoras da contorna e asesoramento personalizado.

No encontro celebrado en Bóveda técnicos de Gain e do Igape, dependentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, así como dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) Miño-Ulla e Ribeira Sacra-Courel, explicaron as diferentes convocatorias de axuda activadas pola Xunta.

Ademais, celebrouse unha mesa redonda de casos de éxito empresarial con pemes innovadoras da contorna procedentes de distintos sectores, que falaron da súa experiencia como beneficiarios de distintos instrumentos de apoio da Administración para que a empresa mellore a súa competitividade a todos os niveis. En Bóveda, a cita con compañías innovadoras reuniu ás empresas Acios Glamping & Wine, dedicada ao turismo rural; Granja Campomayor, empresa avícola; e Jim Sports, distribuidora de material deportivo e tecnoloxía aplicada ao deporte.

En total, dentro de Camiño de futuro celebraranse catorce encontros de networking durante os meses de marzo e abril por toda a xeografía galega. A seguinte parada -tamén na provincia de Lugo- é mañá xoves en Mondoñedo, a partir das 12 horas no pazo de San  Tomé. A iniciativa, organizada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, conta coa colaboración das consellerías do Medio Rural e do Mar,  os grupos de desenvolvemento rural (GDR) e grupos de acción local pesqueira (GALP), así como as confederacións de empresarios de Lugo e Ourense.

A Deputación rexeita a invasión de Ucraína cunha concentración silenciosa na Praza de San Marcos

Deputados e deputadas da Deputación de Lugo xunto con traballadores da institución provincial e veciños e veciñas da provincia sumáronse este mércores á convocatoria de cinco minutos de silencio realizada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Esta concentración silenciosa realizouse na Praza de San Marcos co obxectivo de amosar o rexeitamento da institución á invasión deste país e ao sufrimento, a dor e a destrución que está ocasionado, así como o ao éxodo forzado de milleiros de persoas.

A Deputación de Lugo aprobou onte unha declaración institucional en condena á agresión que está cometendo Rusia contra Ucraína. Foi acordada de xeito unánime por PSdeG, BNG e PPdeG censurando a invasión de Ucraína por parte das tropas rusas, ademais de expresar a total solidariedade da institución provincial co pobo ucraíno, reclamar o alto ao fogo inmediato e a volta á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas e alcanzar acordos de paz, e ratificar a plena dispoñibilidade da institución provincial de axudar a paliar a crise humanitaria a través das vías establecidas polo Goberno de España.

Cervo comunicará a actual Fábrica de Sargadelos coa antiga Real Fábrica de Fundición

O concello de Cervo vai crear un paseo peonil que comunique a Antiga Real Fábrica de Fundición de Sargadelos coa actual Fábrica de cerámica. O alcalde, Alfonso Villares, a tenente alcalde, Dolores Gacía Caramés, e a concelleira de Obras e Infraestruturas, Mali Méndez, desprazáronse ata o lugar da actuación para manter unha reunión co pedáneo de Sargadelos, Luis Peña, e explicarlle con detalle a execución desta pasarela, que vai comunicar estes dous puntos neurálxicos do municipio.

O obxectivo principal desta actuación é o de separar o tráfico peonil do rodado, o que supón unha remodelación integral do vial, establecendo unha nova cuneta de formigón cos seus respectivos desaugues e cruces da vía. Tamén se vai a renovar a rede de abastecemento de auga, propiciando a conexión coa actual fábrica de Sargadelos.

Establecerase – ademais – unha rede de alumeado público, respectuosa coa paisaxe, entre os dous puntos, executando as canalizacións, o cableado e as luminarias precisas para ofrecer este servizo. Por último, soterrarase o cableado existente na actualidade da rede de telefonía e renovarase a pavimentación dos tramos afectados pola obra.

O orzamento desta execución elévase ata os 499.887 euros, financiados na súa totalidade polo remanente das arcas municipais.

Alfonso Villares declarou que “con esta actuación, que está financiada por fondos procedentes do remanente, pretendemos mellorar a seguridade, o benestar e a calidade de vida da nosa veciñanza, creando un espazo público de calidade na parroquia de Sargadelos”.

“Este paseo peonil permítenos – tamén – incrementar o atractivo desta zona que, lembremos, comunica dous emprazamentos declarados Ben de Interese Cultural” apuntou o alcalde. Por último, o rexedor engadiu: “seguro que esta senda incrementará exponencialmente o número de visitantes atraídos pola riqueza do patrimonio histórico e natural existente na zona”.

O Concello de Vilalba presenta o Concurso de Receitas do queixo de San Simón da Costa

O Concello de Vilalba, a través da súa concellería de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados e Turismo, convoca a segunda edición do “Concurso de receitas do Queixo de San Simón Da Costa” co obxectivo de promocionar un dos produtos emblema na gastronomía de Vilalba.

O concurso consta de dúas modalidades de participación amateur, dirixida a persoas afeccionadas, e profesional, que engloba a persoas que se dedican á hostalaría. Poderán participar neste concurso calquera persoa que desexe, sen ningún límite de idade.

O certame consistirá en crear unha receita na que o principal ingrediente sexa o queixo de San Simón. As receitas deberán ademais estar redactadas en lingua galega. Cada participante poderá presentar unha única receita dun petisco podendo ser doce ou salgada. Os participantes garantirán que as receitas que presentan a concurso son orixinais e que non vulneran dereitos de  terceiros.

No traballo entregado incluirase o nome ou título da receita, os ingredientes coas súas respectivas cantidades, os pasos a seguir na elaboración e a fotografía do prato elaborado. Estes documentos, xunto co formulario de inscrición, deberán entregarse a través da sede electrónica do Concello de Vilalba ou no rexistro presencial en horario de 9:00 a 14:00. O prazo para enviar as receitas está aberto ata o próximo 27 de marzo ás 23:59.

Os criterios a valorar polo xurado serán a presentación do prato, a dificultade da receita, a orixinalidade, a técnica e a explicación da receita. As receitas gañadoras en cada modalidade, amateur e profesional, recibirán unha cesta de produtos galegos valoradas en 100 euros. Ademais, todas as persoas que presenten unha receita estarán incluídas no receitario promocional do queixo de San Simón da Costa 2023.

A Audiencia de Lugo condena a un hostaleiro por presentar nóminas falsas nun xuízo para simular que foran pagadas

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a un ano de cárcere a un empresario do sector da hostalería que, tras ser demandado por unha traballadora que exercía como encargada por non pagarlle os meses de outubro e decembro de 2018, tras o cal foi despedida, presentou nun xuízo dúas nóminas falsas para alegar que foran cobradas pola súa empregada e asinadas por ela. A firma deses documentos, segundo destaca o tribunal, “non foi feita pola demandante, senón que foi imitada polo acusado ou por outra persoa a demanda súa”. Ademais dos doce meses de prisión por cometer un delito de falsificación de documento privado, en concurso cun delito de estafa procesual en grao de tentativa, a Sala impúxolle o abono dunha indemnización á afectada de 2.132 euros.

Os xuíces salientan que presentou como proba esas supostas nóminas na vista celebrada en xuño de 2019 con “ánimo de inducir ao tribunal a erro e obter unha resolución prexudicial para os intereses da traballadora”. A Sala asegura que chegou a esa conclusión tanto polo manifestado pola propia denunciante como polo informe  grafolóxico prestado pola unidade de criminalística da policía, o cal conclúe, de forma categórica, que as firmas das nóminas que se atribúen á traballadora son falsas.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com