Novas

Vilalba Aberta levará a pleno o arranxo da pista da Louseira dende a parroquia de Alba

Vilalba Aberta volve saír ao paso das necesidades das parroquias. Logo dunha visita a San Xoán de Alba, a formación municipalista vén de rexistrar unha nova iniciativa – a debater no vindeiro Pleno de Marzo – coa que pretenden dar resposta ás demandas dos veciños, pola vía do arranxo e limpeza de noiros no vial municipal coñecido como Pista da Louseira.

O tramo, que conecta as parroquias de Alba, Torre e Insua, atópase nun estado evidente de degradación, polo que a solicitude de actuación exposta na proposición de Vilalba Aberta, redundaría nunha importante mellora da rede de comunicacións do rural vilalbés.

Dende hai xa demasiado tempo, os veciños da zona veñen reclamando do goberno local que se atenda esta solicitude; mais, tal e como lamentou a vicevoceira da formación municipalista, María Xosé Fernández, “ninguén os está a escoitar.”

Xunto á concelleira, a Alba desprazouse tamén o voceiro municipal da agrupación, Modesto Renda, quen contextualizou a iniciativa como “unha nova chamada de atención ao goberno en relación co estado da rede viaria municipal”, apuntando directamente á responsabilidade do edil de infraestruturas en base ao “limitado da inversión” e o “baixo custe” que, para as arcas municipais, suporían os traballos de rebacheo.

Así, e ao tempo que agradeceron a confianza dos veciños no Grupo Municipal de Vilalba Aberta para, ámbolos dous edís apelaron ao consenso de todos os grupos políticos con representación no Concello de Vilalba, con vistas a atender esta nova reivindicación veciñal “de xeito inmediato”

Detidos dous mozos por realizar pintadas na pasarela de acceso ao Anxo Carro

A Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092, en torno ás 1:30 horas do día 5 de marzo, para que se traslade á Variante da N-VI, xa que ao parecer dúas persoas estaban a facer “pintadas” na pasarela que dá acceso ao estadio Anxo Carro.

Os axentes comproban que se acababan de realizar tales pintadas, xa que a pintura estaba fresca e había un forte cheiro, sen que se achase ningunha persoa no lugar. Para tratar de identificar a estes individuos establécese un dispositivo de procura, sendo localizados na rúa Río Mandeo, coincidindo coa descrición dada polas testemuñas e ao decatarse da presenza policial foxen á carreira, un deles cara á rúa López Cuevillas, introducíndose nunha zona de leiras e vexetación da zona do Carmen, onde se dá á fuga, e o outro cara á Avenida de Marqués de Ombreiro, sendo interceptado polos axente nesta rúa, resultando ser un mozo de 21 anos de idade que porta unha mochila que contén cinco aerosois de pintura e luvas de nitrilo.

Os policías, nunha inspección realizada pola zona, observaron que había pintadas recentes, realizadas por estes mozos, non só na pasarela da N-VI senón tamén nas escaleiras que unen a rúa Esquío coa Avenida das Américas, nunha porta de garaxe desta rúa e na rúa Sabugo. O mozo unha vez identificado foi denunciado por unha infracción urbanística da Lei do Solo de Galicia, abríndose expediente sancionador para a súa remisión á Autoridade competente e procedendo á intervención dos sprays de pintura, quedando ao dispor do instrutor do expediente e á espera de que os propietarios dos lugares onde se observaron os graffiti presenten denuncia.

Axentes da Garda Civil fóra de servicio interrompen a un home que maltrataba á súa parella

Cinco axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo, fóra de servizo, foron testemuñas, na madrugada do pasado sábado, de como un home agarraba polo pescozo a unha muller, empuxándoa e propinándolle varias labazadas, motivo polo cal unha delas diríxese correndo cara ao lugar para intentar parar ao home.

Diante da agresividade do home, que chegou a ameazar á axente da Garda Civil, os outros catro compañeiros da axente, achegáronse tamén á parella, separando á moza do agresor e impedindo que continúe golpeándoa, á vez que retendo ao home e dan coñecemento á Policía Local.

Así, en torno ás 4 da mañá o Grupo Operativo Nocturno da Policía Local son comisionados pola Sala do 092 para que acudan á Praza do Campo. Ao chegar ao lugar os policías comproban que os cinco axentes da Garda Civil, testemuñas dos feitos, estaba composto por tres axentes masculinos e dúas axentes femininas que deron protección á vítima mentres os seus compañeiros facíanse cargo do agresor para impedir que continuase os malos tratos físicos, bastante alterado, desafiante e en actitude retadora, ata a chegada dos servizos policiais.

A muller manifestou, chorando e bastante alterada, que “só foi unha discusión de parella”, que era a primeira vez que lle pasaba e que leva dez anos de convivencia co home. Ante tal situación os axentes do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo proceden á detención desta persoa, de 41 anos de idade, e ao seu traslado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias por un presunto delito de violencia de xénero, para a súa remisión á Autoridade Xudicial competente.

Pola súa banda, a vítima rexeitou ser asistida polos servizos médicos, trasladándose a dependencias policiais para prestar declaración. A Policía Local de Lugo quere poñer de manifesto que a rápida e decidida intervención dos Axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo, fóra de servizo, impediu que o agresor puidese causar máis dano á súa parella.

Filmes de Noruega e Corea do Sur protagonizan a semana en Codex Cinema

As estreas de Introduction do mestre coreano Hong Sangsoo e a mutipremiada A peor persoa do mundo de Joaquim Trier chegan este venres ás pantallas lucenses.

Desde hai dúas décadas, o cine de Hong Sangsoo chega regularmente (poderíamos dicir incluso que relixiosamente) aos festivais internacionais e desde hai algúns anos é un fixo das pantallas españolas, unha vez que conseguiu afastar os prexuízos que pode haber sobre o cinema dun lugar tan lonxano como Corea. As súas películas están cheas dun humor e unha humanidade perfectamente recoñecibles para calquera cinéfilo, en canto que falan da idiosincrasia e as hipocrisías da sociabilidade contemporánea. O egoísmo, o medo ao ridículo, a esperanza no amor e a angustia polo paso do tempo son algúns dos temas que aparecen habitualmente no seu cinema. Filmes que son como miniaturas que rara vez alcanzan os 90 minutos de duración e que aínda así son inmensos tratados sobre a condición humana sen perder nunca o humor, a tendencia cara o escatolóxico e o ridículo.

Introduction é o seu último traballo, o terceiro que chega a Codex tras O hotel á beira do río e A muller que escapou. Nesta ocasión, Hong nos fala dun home, aspirante a actor, que viaxa a Berlín co obxectivo de darlle unha sorpresa a súa moza, que trasladárase á capital alemá para estudar deseño. Sen embargo, o soñado encontro amoroso non sairá como o noso protagonista agarda e descubrirá as enormes diferenzas entre a sociedade berlinesa e a coreana, así como a dobre vida da súa muller. Como sempre no cinema de Hong Sangsoo, a película confórmase de longas escenas cheas de diálogos sorprendentes e equívocos, e tamén de moitas reunións arredor de moitas, moitísimas botellas de alcohol.

Tamén en clave de comedia chega unha das grandes sensacións da tempada de premios: A peor persoa do mundo, o filme que consagrou a Joaquim Trier. Despois de estrearse mundialmente no festival de Cannes de 2021, onde a súa protagonista, Renate Reinsve, foi recoñecida como mellor actriz, a película viaxou por todo o mundo causando unha enorme aclamación popular, ata o punto de triunfar na mesma meca do cine, e incluso loitará na próxima edición dos Óscar por dous galardóns, o de mellor guión orixinal e o de mellor película internacional (onde competirá contra Drive my car e Flee, xa estreadas en Codex Cinema).

A película é un fermoso retrato xeracional dominado pola inmensa e contaxiosa presenza de Renate Reinsve, unha moza na encrucillada de elixir entre a seguridade que lle da o seu mozo Aksel, un novelista gráfico doutra xeración que ela, ou a esperanza dunha nova vida chea de emocións xunto a Eivind, un rapaz que acaba de coñecer.

Presentadas respectivamente no Festival de Berlín e de Cannes do ano pasado, e de parte de dous recoñecidos autores como Hong Sangsoo e Joaquim Trier, as estreas de Codex Cinema desta semana son unha mostra do mellor cinema que está a presentarse no mercado internacional.

Rego urxe recuperar todas as frecuencias e horarios do servizo ferroviario en San Clodio-Quiroga

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia o desmantelamento do servizo ferroviario que conecta as comarcas de Lugo Sur e Valdeorras co resto do país despois da resposta do Goberno do Estado a preguntas rexistradas pola formación nacionalista. Recrimina a actuación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana por ter como prioritario a conexión con Madrid e non a mellora do servizo na mobilidade interna da Galiza e reclama o aumento de frecuencias e enlaces entre os diferentes servizos.

“Estamos vivindo un desmantelamento encuberto dos servizos ferroviarios internos en Galicia por parte do executivo estatal” alerta o deputado nacionalista que mesmo lembra a supresión dos servizos co gallo da pandemia da COVID-19- e que aínda non foron repostos na súa totalidade- e, agora, coa entrada do AVE a Galicia. O servizo ferroviario do País sufriu unha modificación dos horarios, de novo, en función da demanda externa e dificultando os desprazamentos interiores dos traballadores, estudantes e demais usuarios habituais.

Exemplo disto é o que acontece co servizo ferroviario que se presta na comarca de Lugo Sur. Máis concretamente coas frecuencias e horarios do ferrocarril con parada en San Clodio-Quiroga. A organización nacionalista rexistrou iniciativas na cámara baixa para que o executivo estatal respondese ante a eliminación dos servizos nesta estación como a supresión da conexión polas tarde coas cidade da Coruña e Santiago de Compostela.

“É inaceptable que o Ministerio non demostre interese en mellorar servizos ferroviarios, as frecuencias e as tarifas en Galicia, para atender mellor a demanda existente e mesmo incrementala cunha oferta atraente e competitiva” explica o deputado nacionalista. Pola contra, o executivo estatal defende a supresión de liñas e conexións como a de San Clodio-Quiroga cando era “unha das poucas posibilidades de chegar a Quiroga en transporte público”.

Rego denuncia a hipocrisía do Goberno estatal que di “mellorar a mobilidade rexional” mentres que suprime liñas e frecuencias, así como aumenta o tempo de viaxe nas poucas opcións existentes que conectan A Coruña ou Santiago de Compostela- 13.30h e 14.00h respectivamente- coa estación de San Clodio-Quiroga que chega ás 17.20h. “Máis de catro horas de traxecto para ir até Quiroga frente as dúas horas e media que conleva o traxecto Ourense-Madrid no AVE” denuncia o deputado. “Iso por non mencionar que as persoas usuarias terán que coller dous trens: un AVANT até Ourense, co prezo tan elevado que iso supón, e un tren Media Distancia até San Clodio” critica.

Para as persoas usuarias desde Vigo, a cuestión é similar, posto que o denominado “tren Rexional Express”, ironiza o deputado do BNG, sae ás 13.55h da estación e chega ás 17.20h. “Un transporte que debería ser fomentado e promocionado como transporte colectivo, público e sostíbel mentres que se promove, con estas decisións, o uso de medios como o vehículo propio por estrada” reivindica Rego.

Os populares de Vilalba consideran “prioritario” avanzar na ampliación do polígono industrial

Os populares de Vilalba consideran “prioritario” avanzar no proceso de ampliación do polígono industrial de cara á implantación de empresas ou á ampliación das xa existentes de forma que xeren postos de traballo e, polo tanto, contribúan ao asentamento das familias e, ao mesmo tempo, á dinamización da actividade comercial vilalbesa.

A voceira, Sandra Vázquez, incide en que “a creación de emprego é fundamental para o asentamento de poboación no noso municipio. O PP vilalbés aposta por seguir atraendo empresas como as que se asentaron no momento da creación do  polígono”. Tamén considera que “é necesario acompañar a estas empresas mantendo limpo o polígono industrial e conservando as súas instalacións; pero tamén con políticas que favorezan a actividade empresarial no municipio”.

Vázquez lembra, neste sentido, que “dende o Grupo Municipal Popular levamos en numerosas ocasións ao pleno distintas iniciativas para que o Concello se adhira á iniciativa da Xunta e da Fegamp de Concellos Emprendedores Doing Business”. Así, “para contribuír a captar investimentos, o Concello debería comprometerse a aplicar incentivos fiscais, simplificar os trámites administrativos e facilitar acceso a solo industrial ás iniciativas empresariais interesadas. A Xunta, pola súa banda, dá prioridade aos Concellos Emprendedores nas convocatorias de axudas”.

A popular engade, nesta liña, que “para Vilalba é imprescindible dispoñer de solo industrial”. Así, mentres o anterior goberno municipal deu numerosos pasos de cara á ampliación do polígono Sete Pontes; o actual goberno socialista permanece impasible”. De feito, “en xullo do ano pasado anunciaba que porían á venda seis parcelas de titularidade municipal que Entrepinares tiña que ceder ao polígono; pero non volvemos saber máis nada. Non sabemos cando estarán dispoñibles esas parcelas para as empresas interesadas en asentarse no polígono de Vilalba. Todo indica que a ampliación do polígono industrial non é unha prioridade para este goberno”.

A Garda Civil detén aos presuntos autores dun delito de furto

A Garda Civil detivo a catro veciños de Lugo, de 21, 31, 40 e 56 anos de idade como presuntos autores dun delito de furto de material agrícola. Os feitos tiveron lugar no termo municipal de Monterroso, onde os presuntos autores tras acceder ao interior dunhas instlaacións subtraeron varios apeiros agrícolas valorados en 3000 euros.

As dilixencias policiales foron remitidas á autoridade xudicial.

Leve baixada dos casos activos mentres os positivos seguen en aumento

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Lugo é de 2125, 6 menos que no día de onte. Un descenso pequeno que se produce despois de dous días de suba de casos e co ritmo de contaxios polas nubes.
Así nas últimas horas o ritmo de contaxio, subiu ata os 254 positivos rexistrados, polos 233 da xornada anterior e lonxe xa dos 175 informados o xoves.
No tocante á presión asistencial, do total de pacientes positivos 37 están en unidades de hospitalización dos distintos hospitais públicos (polos 43 de onte) mentres que na UCI do HULA continúan 3 personas. Así, por centros, o Lucus Augusti suma 22 pacientes, o Hospital da Costa 5 e no de Monforte, son 10 os pacientes covid hospitalizados.
Polo de agora, na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte hai un total de 50.434 persoas curadas, rexistrándose 312 falecementos; dende o inicio da pandemia.

O aproveitamente enerxético centra o vindeiro obradoiro da Deputación en Reque

O aproveitamento enerxético centrará o vindeiro obradoiro programado pola Deputación de Lugo no Espazo Permacultural Lugar de Reque.

Trátase dunha formación teórica e práctica na que as persoas anotadas poderán participar no proxecto de creación dunha estufa de inercia de alto rendemento, unha tecnoloxía que permite lograr a máxima eficiencia á hora de xenerar calor e aproveitalo.

O enxeñeiro Gustavo García e o especialista en bioconstrución Sol Sun Castro encargaranse de guiar a actividade, cunha metodoloxía participativa para que as persoas participantes poidan desenvolver este tipo de proxectos no seu ámbito profesional ou doméstico.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, animou “ás persoas interesadas a participar no obradoiro no que adquirirán as nocións básicas para deseñar e construír estas estufas baseadas en coñecementos que non son novos, que se aplicaron tradicionalmente, pero que foron desprazados, volvéndonos máis dependentes desde o punto de vista enerxético”.

A actividade desenvolverase en dúas fin de semana, os días 12 e 13 de marzo e 2 e 3 de abril, de 10.00 a 14.00 e de 15.30 a 19: 30 horas, no centro de cestería, un espazo reducido polo que as prazas son limitadas. Para participar, é necesaria a inscrición previa a través do enderezo electrónico lugardereque@deputacionlugo.org. O prazo para solicitar a participación abre o luns, 7 de marzo. Anotarase por orde de inscrición.

Vilalba Aberta propón a acollida de refuxiados ucrínos nas antigas vivendas de mestres

Vilalba Aberta presentou hoxe a súa quinta iniciativa de cara Pleno Ordinario do mes de Marzo. Unha nova proposta aos grupos, que se enmarca no contexto da crise humanitaria consecuencia do conflicto na Ucraína e cuxo obxectivo é que o Concello de Vilalba “contribúa dende o limitado das súas capacidades” na acollida e protección das persoas refuxiadas que foxen da guerra.

Tal e como explicou a vicevoceira da formación, Mª Xosé Fernández, a día de hoxe, “son xa varios os municipios que se ofreceron á FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) e prevese que nos vindeiros días se somen máis administracións locais”.

Vilalba Aberta, que no ano 2015 levou xa a Pleno unha iniciativa semellante en relación coas sucesivas guerras en Siria, Afganistán ou Irak, proporá para a acollida a utilización dunha propiedade recentemente adquirida polo Concello, isto é: a do edificio orixinariamente construído para albergar vivendas de profesores na rúa Cuart de Poblet.

Un inmoble que, en palabras de Fernández, “conta con varias vivendas baleiras”, e cuxo recente proceso de desafectación previo á concreción da súa nova titularidade, “xa mereceu en 2016 doutra interpelación de Vilalba Aberta”, neste caso en base ás dúbidas do que facer con el unha vez pasara a mans municipais.

Unha opinión compartida pola responsable de Organización da formación, Mónica González, quen lembrou que “as consecuencias do conflito, que afectan principalmente á poboación civil, e o elevado número de persoas (máis dun millón) que están tentado saír da Ucraína, fai necesaria unha resposta”.

Así mesmo, a iniciativa de VA pon o foco tamén no papel da área de Servizos Sociais do Concello no que ten que ver coa “planificación da propia acollida”, así como ao “contacto directo e permanente para traballar na integración temporal ou definitiva destes refuxiados.”


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com