Novas

Vilalba adía o seu entroido ante a previsión meteorolóxica

O Concello de Vilalba vén de informar mendiante un comunicado á prensa que decidiu adiar o seu entroido debido á previsión meteorolóxica prevista para o día de mañá, no que se ía celebrar a festa de disfraces

Así, os actos de entroido no concello vilalbés pasarán a ter lugar o vindeiro domingo, 6 de marzo, mantendo os mesmos horarios anunciados.

Namentres, o enterro da sardiña permanece no mesmo día e hora: mércores 2 de marzo ás 20 horas na Praza da Constitución.

Agromuralla esixe ás administracións que garantan o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria

A asociación Agromuralla considera “claramente insuficientes” as melloras ofertadas polas distintas empresas lácteas aos gandeiros aos que lles recollen o leite de cara á renovación dos contratos que vencen o vindeiro 31 de marzo e esixe “o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria, que establece que ningún produto agrario poderá ser pagado en orixe por baixo do prezo ao que ao produtor lle custa producilo“.

“Coas subas producidas nos pensos, o gasóleo, a electricidade e os fertilizantes o custo de produción medio das granxas está situado a día de hoxe en 40 céntimos por litro, como establece o estudo elaborado pola Fundación Juana de Vega feito público pola Xunta a semana pasada, polo que calquera contrato que fixe un prezo por baixo dos 40 céntimos sería ilegal”, asegura o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro.

Ante o inminente vencemento da data de renovación dos contratos, Agromuralla esixe ás Administracións, tanto á Xunta como ao Ministerio, “que impidan a sinatura de contratos ilegais por baixo dos custos de produción e as ofertas abusivas por parte das empresas”, denunciando unha vez máis “a situación de desvantaxe e indefensión dos gandeiros nas negociacións coas industrias”.

Desde Agromuralla esíxense “actuacións máis aló das palabras” por parte das Administracións competentes, con “sancións exemplares” ás empresas, unha vez que tanto as cadeas de distribución como as industrias lácteas “se negan a trasladar ás granxas a revalorización no prezo do leite e os produtos derivados que se produciu nos últimos meses nos supermercados”.

Neste sentido, José Luis Pérez Barreiro pide a “actuación inmediata e de oficio” da AICA, a Axencia de Información e Control Alimentario, dependente do Ministerio de Agricultura. “A AICA debe solicitar ás industrias os contratos e impedir a sinatura daqueles que inclúan prezos por baixo dos 40 céntimos por seren ilegais”, reclama Agromuralla.

“De nada serve aprobar unha lei se despois non se fai cumprir”, dille o presidente da asociación de gandeiros ao ministro de Agricultura, Luis Planas, ao que acusan de “desentenderse do problema”.

“A Xunta lávase as mans”

Agromuralla denuncia que o “incremento de custos de produción nos últimos meses, sen precedentes na historia do sector leiteiro, fai que as ganderías estean vendendo a perdas”. Debido a este desfase, “seguir coa actividade é inviable e moitas granxas están ao borde do peche”, din.

“A desaparición das granxas suporía a desaparición do rural en Galicia, pero a Xunta tampouco fai nada para evitalo, o único que está a facer é xogando co sector, utilizándoo no seu beneficio como unha arma política contra o Ministerio, pero lávase as mans á hora de aplicar medidas que corrixan, por exemplo, que en Galicia os gandeiros esteamos cobrando o leite dous céntimos menos que no resto de comunidades cando producimos o 40% do leite do Estado e a calidade do noso leite é superior ao resto”, denuncia José Luis Pérez Barreiro.

“A solución non está en aforrarlle 4 céntimos á industria”

Do mesmo xeito, Agromuralla non comparte que a solución pase por establecer unha prima puntual de 4 céntimos en litro, como está a reclamar a Xunta ao Ministerio, dado que se estaría “tapando os incumprimentos da lei por parte das industrias e premiando a aquelas que menos pagan polo leite”.

“O noso leite ten que ser pagado polo prezo que se merece e unha prima excepcional non corrixe a situación”, di o presidente de Agromuralla, que engloba a 400 produtores das provincias de Lugo e A Coruña.

“As industrias teñen que pagar o leite, como mínimo, a 40 céntimos, iso é o que di a lei, e coa proposta que fai a Xunta a mensaxe que se lles está trasladando ás industrias é que poden aforrar 4 céntimos, pagando o leite só a 36, porque os outros 4 irían nunha prima á parte”, denuncia José Luis Pérez Barreiro.

“A proposta que fai a Xunta non nos aporta solucións aos gandeiros, mais ben fortalece ás industrias premiándoas por incumprir a lei”, asegura José Luis Pérez Barreiro, que reclama “solucións serias e reais urxentes”.

Agromuralla mostra tamén o seu temor ante o feito de que a guerra de Ucraína provoque unha nova escalada no prezo dos cereais, posto que boa parte das importacións de millo e trigo realizadas polas industrias de penso Españolas proceden da zona do Mar Negro. Outra das consecuencias das sancións impostas a Rusia podería ser o encarecemento dos prezos do gas e a enerxía. “Se todos estes custos seguen subindo, cos prezos que se ofrecen actualmente nos contratos as granxas non imos ser capaces de poder asumilos”, advirten.

Por iso desde Agromuralla consideran que “capar o prezo do leite en 41 céntimos como máximo para todo o ano 2022, como propón a Xunta, é unha irresponsabilidade”. “O lóxico, e así o establece a Lei da Cadea Alimentaria, é vincular os prezos en orixe aos custos de produción, en base a un índice público que se actualice mensualmente, e a actual situación non permite pensar que os custos de produción vaian baixar, por iso non se debe limitar tampouco o prezo de compra do leite”, asegura José Luis Pérez Barreiro.


Imaxe: Presidente de Agromuralla, José Manuel Pérez Barreiro

A Biblioteca Nodal de Lugo organiza actividades conmemoraticas dos días mundiais da poesía e do teatro

A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo celebra en marzo os días mundiais da poesía e do teatro con contacontos e unha mostra bibliográfica arredor destas efemérides, ademais de coa entrega de premios do certame de poesía Nadal 2021. Xunto a estas propostas, ofreceranse as habituais sesións para público infantil e familiar todos os venres, ás 18,00 horas. A axenda con todas as actividades, para as que se require inscrición previa, pode consultarse na web do centro bibliotecario.

As propostas do mes arrincan con maxia da man de David Méndez, quen protagonizará o espectáculo Maxia de aquí e de acolá, o venres 4, para público infantil de catro a 12 anos. A semana seguinte, o día 11, será a quenda de Raquel Queizás, con Nano canta croac, un conto musical dirixido a bebés de ata tres anos.

As sesións conmemorativas céntranse na segunda quincena e destínanse á rapazada de catro a 12 anos. Así, na xornada do 18 celébrase o Día mundial da poesía da man de María Canosa e os seus Versos para perder medos, e na do 25, o Día mundial do teatro con Paco Nogueiras e Radio BuleBule. Todas as actividades terán lugar ás 18,00 horas.

A maiores, ao longo de todo o mes instalarase a mostra bibliográfica Achégate á poesía, con recomendacións de libros de diferentes autores que forman parte do fondo da biblioteca, tanto clásicos coma actuais, consolidados ou emerxentes.

A Audiencia de Lugo condena a prisión permanente revisable á muller que asasinou á súa filla en Muimenta

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, a prisión permanente revisable á veciña de Muimenta (Lugo) que asasinou á súa filla de sete anos durante a madrugada do 3 de maio de 2019. A vítima, segundo a sentenza, careceu de calquera posibilidade de defensa (aleivosía por desvalemento), debido á “absoluta desproporción entre as posibilidades de agresión ou ataque á nena e a súa agresora”. Ademais, segundo salienta a maxistrada presidenta, hai que ter en conta as circunstancias en que se produciu o ataque, pois a nena se atopaba “durmindo a soas coa súa nai na súa habitación e probablemente adormecida pola Trazodona que lle subministrou”. O instinto levou á menor a tentar defenderse, “pero non había posibilidade algunha de éxito nese intento, ante ese ataque violento e sorpresivo da súa propia nai, decidida a acabar coa súa vida”. Por iso, foi considerada autora dun delito de asasinato, coa agravante de parentesco e a atenuante analóxica de alteración mental ou psíquica.

O xurado considerou acreditado que a acusada, quen durmía na mesma cama que a súa filla, coa finalidade de acabar coa súa vida, lle subministrou un fármaco con efectos sedantes e, a continuación, “a asfixiou coas súas propias mans, exercendo presión no seu pescozo e obstruíndo tamén as súas vías respiratorias, boca e nariz, para o que puido empregar, ademais das súas mans, algún dos obxectos que había na habitación”, tales como un coxín. Na sentenza, a maxistrada presidenta do tribunal do xurado relata, de conformidade cos feitos acreditados, que a nena “se chegou a espertarse e a tentar defenderse, sen posibilidades de éxito”. Tras matar á súa filla, a condenada acudiu ao dormitorio da súa nai, comunicoulle que morrera e inxeriu unhas pastillas sabendo que non lle provocarían a morte, segundo indícase na resolución.

O xurado, baseándose nos informes da pericial de psicoloxía e de psiquiatría, estimou que non existe unha relación directa entre o trastorno que sofre a acusada, mesmo no seu aspecto de posibles delirios, coa acción de dar morte á súa filla, “máis aló do estrés que nela xeraba a relación das dúas co pai (moi acusado polo feito de ser coñecedora da intención da súa exparella de incrementar a relación coa nena)”. No momento matar á menor, segundo o xurado, “tiña afectadas as súas capacidades cognitiva e volitiva, de forma significativa ou relevante, pero só parcial e non importante, especialmente a volitiva”. Ademais, concluíu que se produciu unha “simulación/esaxeración da psicopatoloxía por parte da acusada, sobre todo en canto ás alteracións de memoria”.

A sospeitosa, segundo a resolución, era coñecedora da intención do pai da menor, con quen mantivo unha relación sentimental durante catro anos, de modificar o acordo de medidas paterno-filiais, ampliando o réxime de visitas ou reformando a garda e custodia para que fose compartida, co fin de pasar máis tempo coa nena. “Esa foi a principal razón de que dese morte á súa filla”, segundo sostiveron os membros do tribunal do xurado, os cales tamén consideraron probado que, uns días antes dos feitos, a condenada indagou na internet sobre os medios cos cales podía acabar coa vida da súa filla e realizou unha procura dun veleno chamado estricnina.

De acordo coas conclusións do tribunal do xurado, a condenada ten diagnosticado un trastorno psicótico non especificado e un trastorno da personalidade de tipo mixto, que no momento dos feitos “afectaba parcialmente ás súas facultades mentais e non de forma importante e, por tanto, á súa capacidade para comprender a ilicitude do feito e/ou á súa capacidade de autocontrol e autodeterminación para actuar conforme á devandita comprensión”.

A maxistrada presidenta asegura no fallo que as explicacións da condenada e a súa confrontación coas demais probas “nin sequera no que se referiron á súa suposta falta de capacidade, permitirían soster a existencia dunha dúbida razoable ao seu favor”. Así, afirma que, no xuízo, a muller insistiu na súa falta de recordo acerca dos feitos. Esa amnesia, segundo a sentenza, foi “posta en dúbida pola proba pericial” e apreciábase “selectiva”. Ademais, lembra que, aínda que a acusada sempre apuntou a que a menor puido beber dunha botella con medicamento, “non sempre afirmou que a tivese preparada con intención de suicidarse ela”. A Audiencia tamén sinala no fallo que as conclusións do informe pericial biolóxico apuntan que nos dous tapóns de botellas (o de cor rosa da mesiña de botella con líquido branco e o de cor vermella e branco correspondente a botella con líquido marrón) aparecen restos orgánicos co perfil xenético da menor. Pola contra, non figura perfil xenético da súa nai. Contra a sentenza cabe interpoñer recurso de apelación para ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O Concello renovará os accesos na parroquia de Santa Cristina de San Román cos cartos do Plan Unico

A Alcaldesa de Lugo e o edil de Medio Rural, Miguel Fernández, presentáronlle á veciñanza de Santa Cristina de San Román o proxecto de mellora de dous importantes accesos viarios municipais nesta parroquia, obra na que se investirán 115.000 euros.

Actuarase en preto de dous quilómetros de estradas, concretamente na de Allariz e Camiño de San Román e no viario que, partindo de estrada provincial CP-24-02 atravesa o lugar do Val ata as proximidades da estrada provincial CP-16-11. Estes camiños atópanse moi deteriorados debido á súa antigüidade, ao uso e ás inclemencias meteorolóxicas sufridas co paso do tempo, polo que urxe proceder á súa rehabilitación.

A rexedora trasladoulles aos representantes veciñais o compromiso do Concello lucense co impulso rural, onde se levan investidos en melloras de camiños máis de dous millóns de euros neste mandato co obxectivo de que “a vida nas parroquias sexa máis cómoda e máis competitiva para atraer e axudar a asentar poboación”. “Con esta actuación damos resposta a unha demanda da poboación que vive en cinco núcleos, Allariz, Illar de Amigo, San Roman, Tedín e O Val, e que beneficiará de maneira directa aos 85 veciños que residen nestas zonas”, sostivo.

A execución nestes viarios consistirá na rexeneración do firme, a limpeza de cunetas e taxeas co fin de restablecer a drenaxe e facilitar a evacuación da auga para que non ocasione danos sobre a pista unha vez reparada, e a cobertura cunha capa de rodadura en quente e a correspondente sinalización.

Esta obra enmárcase nas melloras que o Concello apostou este ano por incluír Plan Provincial Único de Cooperación 2022, co que se investirán, só no rural, 548.000 euros, e que permitirá melloras en sete estradas en cinco parroquias e dous execucións de abastecemento de auga.

Estas actuacións súmanse a outras correspondentes ao Plan Único do 2021 nas parroquias de Camoira, Tirimol, Pedreda, Santo André de Castro, San Mamede dos Anxos, Calde, San Pedro de Mera, Vilachá de Mera, Prógalo e Poutomillos, algunhas xa executadas e as restantes que se executarán proximamente. Así como obras en Santiago de Sáa, O Burgo e Bascuas, financiadas a través de AGADER.

O Concello abre 1.500 prazas para os cursos de natación nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras

A área de Deportes do Concello de Lugo oferta máis de 1.500 prazas para veciñanza de todas as idades nos cursos de natación que se impartirán nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras dende abril ata xuño.

Este ano, o edil titular da área avanzou que o obxectivo do executivo de Lara Méndez é  “duplicar neste trimestre as quendas e a oferta para os nosos maiores de máis de 65 anos tras a demanda no primeiro trimestre do ano”.

O Goberno lembrou que o prazo de inscrición para todos os colectivos estará aberto ata o vindeiro venres, 4 de marzo, en ambas as dúas piscinas. Unha vez pechada a inscrición, publicarase a lista de admitidos o día 14.

Posteriormente ábrese o prazo de matriculación:

–         Do 14 ao 18 de marzo: rapaces e rapazas nados entre o 2007 e o 2018 e adultos nados antes do 2006.

–         Do 14 ao 16 de marzo: maiores de 65 anos.

Os días 21,22 e 23 de marzo será o período de matriculación para os lucenses que quedaran en lista de espera en Frigsa e As Pedreiras, e o 22 e o 23, será a matrícula para cubrir as prazas libres.

Todos os trámites de matriculación deberán facerse nas dependencias administrativas da piscina de Frigsa.

Do mesmo xeito, o edil avanzou que os prezos non varían con respecto ao pasado ano, sendo o prezo de dous días semanais para adultos de 22,90 euros. Os máis cativos terán que abonar 18,40 euros para os cursos de dous días semanais.

Senadores do PP preguntan ao Goberno que plans ten para a mellora da A6

Os senadores populares pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Lorenzo Varela e Juan Serrano, presentan sendas iniciativas para que o Goberno aclare que plans ten para a mellora do pavimento da autovía A-6 entre Lugo e A Coruña e para dotar á capital lucense dunha nova Comisaría de Policía.

No que respecta á autovía A-6, os populares queren que o Goberno aclare que actuacións ten previsto levar a cabo para reparar o pavimento, cheo de fochancas entre Lugo e A Coruña. En caso de que estean previstas intervencións, os senadores populares interésanse por coñecer en que consistirán, así como que orzamento hai asignado para tal fin. Advirten de que as melloras deben ter suficiente calidade, un aviso que se produce á vista do resultado dalgunha reparación feita aínda hai pouco tempo. No tramo afectado por ditas obras utilizouse un pavimento escasamente drenante, polo que cando chove a calzada énchese de auga, a diferencia do que ocorre co pavimento orixinal, de alta calidade en canto a drenaxe.

Os mesmo senadores destacan que a maior parte das fochancas están no carril dereito, polo que os condutores vense obrigados a circular polo carril esquerdo. Lembran que a Garda Civil de Tráfico realizou informes relativos ao mal estado desta vía e a plataforma Stop Accidentes elevou unha queixa á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

Comisaría de Lugo
Os senadores populares por Lugo presentan unha nova iniciativa en relación coa prometida construción da nova Comisaría de Policía da capital lucense. Nunha moción que defenderán na Comisión de Interior, propoñen poñer en marcha o proxecto para construír a nova Comisaría da Policía Nacional de Lugo, co fin de acabar cos problemas debidos, por un lado, á localización da actual, e, por outro, aos derivados das condicións do edificio no que se atopa.

Os populares tamén propoñen a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) na Comisaría da Policía Nacional de Lugo, que foi aprobada na Comisión de Interior do Congreso o 12 de marzo de 2021, así como modificar a Relación de Postos de Traballo (RPT) da Garda Civil, co obxectivo de cubrir os postos que se atopan vacantes e que están a provocar unha sobrecarga de traballo intolerable nos axentes en activo.

Na iniciativa popular inclúese a creación dunha unidade de seguridade cidadá na Comandancia da Garda Civil de Lugo (USECIC).

O Goberno reafirma a aposta polas fontes renovables cun investimento de 6M€ en proxectos galegos

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reafirmou hoxe a aposta do Goberno polas fontes renovables co anuncio dun novo investimento de 6 millóns de euros para financiar 13 proxectos de instalación de sistemas de produción de enerxía termica con promovidos por 11 empresas galegas. Este importe foi concedido na primeira convocatoria de “Axudas ao Investimento en Instalacións de produción de enerxía térmica con fontes de enerxía renovable” que resolveu definitivamente o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico o pasado mes de xaneiro.

José Miñones indicou que estas axudas servirán para financiar desde o proxecto, ata as obras de instalacións pasando polas probas técnicas e a  adquisición de materiais para fornecer estes mecanismos de calefacción e/ou refrixeración con fontes renovables.

O delegado remarcou que os beneficiarios “poderán acceder a un anticipo dun 80% do total concedido para facilitar o avance do proxecto, que, en todo caso, deberá estar concluido antes do 30 de xuño de 2023”.  No caso de Galicia, as axudas contemplan proxectos de aerotermia, biomasa, geotermia e unha pranta de biogás. Os importes máis elevados superan amplamente o millón de euros, que se destinan á instalación de caldeiras de biomasa na fábrica de Hijos de Rivera na Coruña e á construcción dunha pranta de biogas nas instalacións de Frigoríficos Bandeira, en Silleda.

José Miñones puxo en valor a participación das empresas galegas vinculadas ao sector primario nesta convocatoria, así como as do sector residencial e asistencial: “esta aportación permitirá poñer en funcionamento en Galicia dúas residencias de anciáns e promocións de edificios residenciais eficientes enerxeticamente”. O delegado do Goberno destaca que é imprescindible que as empresas galegas “sigan a ser protagonistas do Plan de Recuperación” e de que “a colaboración público-privada continúe neste bo camiño para sacar adiante proxectos que fagan avanzar a Galicia no ámbito económico e social”.

Nova convocatoria
O delegado do Goberno lembrou que nestes momentos está aberta unha nova convocatoria deste tipo de axudas financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.

En concreto, Galicia dispón dispón de 8.778.958 euros para subvencionar proxectos de xeración de enerxía térmica con fontes renovables en distintos sectores da economía e da administración pública. As axudas estarán vixentes ata o 31 de decembro de 2023 e elevarán a porcentaxe de subvención un 5% no caso dos proxectos que teñan orixe nos concellos de menor poboación, “en liña coas políticas do Goberno de apoio aos municipios de Reto Demográfico”, lembrou o delegado.

Nove empresas líderes compiten para ser novos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial ata 2025

Airbus, Babcock, Boeing Aerospace Spain, Indra, Sistemas y Montajes Industriales, Telefónica, Telespazio, CT Ingenieros e Aertec-Tecnobit son as nove empresas que aspiran a converterse nos novos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia ata 2025.

Estes nove consorcios e empresas, moitas delas de referencia internacional, iniciaron xa a fase de diálogo da licitación de Compra Pública Precomercial, na que detallarán as súas propostas para o desenvolvemento de programas conxuntos de I+D coa Xunta de Galicia. O obxectivo é atraer a Galicia a entre catro e oito empresas tractoras do sector a través do financiamento de programas conxuntos que dean resposta aos grandes retos tecnolóxicos dos vehículos non tripulados; ao tempo que se crea emprego en torno a este segmento do sector aeroespacial e se xera pegada industrial e coñecemento no ecosistema.

Cos programas conxuntos de I+D cos novos socios estratéxicos, Galicia ofrecerá ao mercado dos UAVs solucións de alta tecnoloxía tanto no segmento das plataformas como no dos sistemas non tripulados capaces de dar resposta aos principais retos dos vehículos non tripulados.

Esta licitación foi a primeira das 30 actuacións planificadas ata 2025 no Polo Aeroespacial de Galicia. No marco destes acordos contémplase construír novos hangares no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas, desenvolver ata 80 proxectos de I+D no marco dos programas conxuntos e xerar e manter 700 postos de traballo de alta cualificación.

Agárdase que o desenvolvemento destes novos programas exerza un efecto tractor sobre 80 pemes galegas e multiplique a capacidade tecnolóxica de Galicia neste eido; ao tempo que se continúa impulsando o ecosistema de innovación vinculado aos vehículos non tripulados en torno ao Polo Aeroespacial de Galicia cos líderes do sector.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com