Novas

Rego pon en valor os proxectos de explotación gandeira en extensivo desenvoltos en Galicia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita unha explotación en extensivo do gandeiro Alberto Santín no concello lucense de Samos e reivindica o papel deste tipo de proxectos que permiten o desenvolvemento do rural e loitar contra o despoboamento. Rego lembra as iniciativas rexistradas polo BNG para reclamando novos criterios para o reparto das axudas da PAC entre as que se inclúe á referida a superficie admisíbel dos pastos arbustivos e a súa introdución nos ecoesquemas.

Durante a visita á explotación gandeira en extensivo na Serra do Oribio, Néstor Rego estivo acompañado pola  concelleira do BNG en Samos, María Jesús “Chus” López e o responsábel local, Emilio “Milucho” López, así como membros do BNG de Samos. Os concelleiros de Sarria tamén acudiron ao proxecto, Efrén Castro- deputado provincial- e Mónica López, ademais do responsábel da subcomarca de Sarria, Fernando López, e o responsábel comarcal de Lugo, Bernardo Valdés.

Rego destacou a calidade do proxecto desenvolto durante os últimos 14 anos da explotación en extensivo e puxo en valor a recuperación da cabra e ovella de raza Galega. “Unha explotación con máis de 200 ovellas de raza galega e máis de 130 cabras de raza autóctona” enfatiza o deputado do BNG. Razas que desenvolven un papel de gran valor na conservación dos ecosistemas e que contribúen á limpeza e conservación dos montes, así como “evita a aparición e propagación dos lumes”

Por outra banda, o deputado nacionalista lembrou as iniciativas rexistradas no Congreso para que a superficie dos pastos arbustivos e de baixo arborado sexa admisíbel e recoñecida no desenvolvemento da nova PAC. “Co esta inclusión garantiríase que os gandeiros e gandeiras da Galiza non saísen prexudicadas a través do recoñecemento das singularidades do País” subliña Rego.

Para o deputado nacionalista, é preciso tamén incorporar “a identificación de prácticas locais estabelecidas en base á importancia que ten o pastoreo para a conservación dos valores protexidos polas directivas de hábitat e aves da Unión Europea”.

Alén do máis, engade a necesidade de incluír as especifidades dos territorios propios da Galiza no deseño dos ecoesquemas da PAC. “O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ten que ter en conta as distintas necesidades de cada territorio para lograr unha mellor adaptación da nova regulación” afirma o deputado do BNG.

Un home perde a vida tras sufrir un accidente cun tractor en Abadín

O condutor dun tractor perdeu a vida, esta pasada noite, logo sufrir un accidente no lugar de Espiñarcao, no concello lugués de Abadín.

O sinistro tivo lugar pasados trinta minutos desta medianoite. A esa hora, o persoal sanitario comunicou ao 112 Galicia a mobilización dunha ambulancia pola caída dun tractor por un desnivel logo de sufrir unha saída de vía na estrada que une os lugares de Gontán e Estelo. Así mesmo, segundo a información recollida polos xestores de emerxencia, afirmábase que o único ocupante estaba tendido na calzada.

Desafortunadamente y a pesar dos esforzos, os servizos sanitarios desprazados tan só puideron confirmar o falecemento do home.

Ao lugar dos feitos tamén acudiron tras ser informados polo 112 Galicia unha patrulla da Garda Civil de Tráfico co fin de coñecer as circunstancias deste suceso, aínda por esclarecer.

Navia de Suarna presenta a súa Festa da Androlla que terá lugar este domingo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, presentaron este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a XXXI Festa da Androlla, que acollerá este concello da Montaña mañá, 27 de febreiro, coincidindo coa festividade do Entroido. No acto tamén estiveron presentes a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e unha produtora de androlla, María del Carmen Sánchez.

A institución provincial colabora cunha achega, a través do Plan Único Provincial, de 3.000 euros con esta cita, na que se porán á venta máis de 1.000 quilos de androlla. “A Festa da Androlla é unha festa moi senlleira e moi importante para a economía de Navia e de toda a Comarca da Montaña. Dende a Deputación de Lugo imos seguir colaborando para a posta en valor dos produtos do noso sector primario porque cremos que o impulso e a modernización deste sector é un dos grandes camiños de progreso que temos por diante”, sinalou o mandatario provincial.

Tomé Roca felicitou ao Alcalde e aos produtores por recuperar a tradición que celebra “31 anos de historia nos que se consolidou como unha cita gastronómica, lúdica e turística de primeiro nivel. Posiblemente, a cita máis importante para o concello de Navia de Suarna e, dende logo, un referente na oferta de ocio da Montaña e do conxunto da provincia”.

“Arredor da androlla hai unha industria que xera emprego de calidade e oportunidades no noso rural. Unha industria que crea riqueza polo seu traballo, e que tamén axuda a difundir unha idea do rural dinámico”, subliñou o Presidente.

O programa

O programa de actividades arrancará ás 10.00 horas co pasarrúas a cargo do grupo de gaitas; ás 10.30 horas dará comezo a XXXI Festa da Androlla e a apertura de stands, onde ao longo de todo o día poderanse adquirir produtos típicos e tamén artesanais. Ás 13.00 horas haberá degustación de Androlla na Praza da Vila; ás 15.00 horas actuación musical e clausura.

Miñones fai balance das oficinas do Peregrino que patrullaron o Camiño durante o verán

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fixo balance da primeira campaña desenvolvida polas Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino (OMAP) da Garda Civil que patrullaron os Camiños ao paso por Galicia no verán pasado. As OMAP son patrullas móbiles xurdidas para “dar resposta de forma máis áxil e eficiente a calquera necesidade de seguridade ou información que poidan ter os peregrinos no seu camiño a Compostela”, explicou José Miñones.

“Os resultados son moi positivos, tanto en número de actuacións como na percepción dos peregrinos e peregrinas”, indicou, “o que nos alenta a prestar de novo este servizo este ano”. Os datos achegados pola Garda Civil apuntan que en pouco máis de 100 días de operativa (netre o 1 de xullo e o 13 de outubro), as tres unidades despregadas nos Camiños en Galicia realizaron preto de 5.000 actuacións ao longo de 356 turnos de servizo.

“Na maioría dos casos falamos de auxilios de tipo informativo, mecánico ou sanitario e só 21 delas causaron dilixencias por infraccións penais”, detallou o delegado.

Boa acollida
Os integrantes destas unidades recolleron a reacción positiva dos peregrinos e peregrinas ante estas oficinas, sobre todo polo feito de dispoñer ao longo da ruta de servizos que ata agora obrigaban a desprazarse ata un posto ubicado nunha vila cercana, como presentar denuncias ou trámites de documentación e información policial.

No primeiro ano de funcionamento destas unidades, a Garda Civil despregou catro oficinas OMAP nos Camiños de Santiago. Tres delas estiveron destinadas a Galicia, en concreto ás rutas nas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. A cuarta estivo destinada fóra de Galicia.
As OMAP están integradas por tres axentes, son itinerantes e con horario flexible, e prestan servizos de seguridade con especial atención ás mulleres e presencia nos puntos estratéxicos onde hai habitualmente máis concentración de peregrinos.

No caso de Galicia, ademais, estas Oficinas Móbiles contaron coa colaboración dos axentes que prestan servizo cada verán en zonas turísticas de Galicia e que proceden de corpos policiais extranxeiros como o GNR de Portugal ou os carabinieri italianos.

Dous falecidos con Covid no día en que se recupera o ritmo de descenso de casos

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus ná area sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte volve ao descenso cun total de 2.672 casos activos, os mesmos que se daban o pasado mércores e logo de dous días de suba de casos.

Esta baixa vén dada por un descenso no ritmo de contaxios que na última xornada rexistráronse 159 novos positivos, polos 242 da xornada anterior ou os 221 do xoves.

Do total de pacientes positivos, 47 permanecen en unidades de hospitalización, menters que as UCIs permanecen baleiras. Así, por hospitais, o HULA suma 31 pacientes con Covid, polos 8 cos que contan cada un dos hospitais comarcais.

No relativo aos falecemento, Lugo rexistrou, dende o inicio da pandemia un total de 310 falecidos, os últimos notificados na área sanitaria, unha muller de 90 anos  que finaba o pasado 23 de febreiro e un home de 88 anos que perdía a vida o xoves, 24.

No tocante ás altas médicas, nas últimas horas volveron subir cun total de 48707 dende o inicio da pandemia.

Constituía a Comisión Executiva dos socialistas lucenses

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este venres a primeira xuntanza de traballo da Executiva do partido elixida no IV Congreso Provincial celebrado o pasado domingo. Na reunión quedou constituída a propia Comisión, que, seguidamente, acordou a proposta da Comisión de Listas para a súa aprobación no Comité Provincial, estableceuse o baremo para a elección dos membros do Comité Provincial por parte das agrupacións locais e deuse conta da documentación que se remitirá ás agrupacións para o proceso de renovación das Comisións Executivas municipais, que deberá estar concluído o día 7 de marzo.

José Tomé subliñou que a Executiva arranca desta forma o seu traballo para cumprir “coas liñas de acción que temos marcadas e darlle un novo impulso ó Partido Socialista na provincia co obxectivo de ampliar a representación institucional nas próximas eleccións municipais e, desta forma, seguir mellorando a nosa provincia e a vida dos nosos veciños e veciñas”.

Sen regateo

Neste país, o comercio sempre foi arte ou ciencia, e a nobleza rexía esta actividade, a gran escala ou a modesta, cunha floritura intelectual na que o regateo era esencial. “Non terás palabra de Rei?” dicía o comprador cando o vendedor se plantaba nun determinado prezo… E cando a operación era importante, ao chegar a acordo rubricábase dando a man e “mollando a palabra”, tomando un viño que pechaba a operación coa firmeza dun documento notarial.

A única herdanza do sistema pervive nas feiras dos pobos e nos mercadiños urbáns, onde o prezo fixo do que presumían os comercios serios hai medio século aínda non chegou a rexir. Pero dentro dos prezos fixos de agora pode haber a excepción ou rareza do combustible onde non hai rebaixas pero a liberdade de prezos xoga un papel que oscila entre o mellor trato e a tomadura de pelo.

No último ano, o prezo dos combustibles non deixou de subir de tal xeito que na actualidade un litro de gasoil xa supera o euro e medio por litro, e pode considerarse un deporte circular polo Ceao e contemplar os prezos, dubidando o conductor da racionalidade do sistema, porque das sete gasolineiras, tres teñen o gasoil a 1,569, aínda que varían a diario, e as outras, dez, trece ou quince céntimos menos por litro, polo que de repostar nunha ou noutra pode haber dez euros de diferencia non xustificada polo trato, xa que alomenos unha das máis baratas ten o trato igual ou mellor ca as máis caras.

Aqui non vale o regateo aínda que a oferta sexa de mercadeo ou mercadiño. Non se entende ben a situación, pero alomenos – se non podemos regatear – somos libres para elixir o máis barato.

Corte no servizo na Rede Municipal de Subministración de Auga

O Concello de Lugo informa de que, con motivo das obras de reparación na rede de abastecemento de auga no barrio da Tolda, estes traballos obrigarán á Brigada Municipal de Augas a cortar a subministración na zona de Bosende, Santo André de Castro (Conturiz) e San Xoán de Pena (Nadela) o vindeiro mércores, 2 de marzo, dende as 9:00 horas e ata que rematen os labores, momento no que o servizo será restablecido de inmediato.

O Concello pide desculpas á cidadanía afectada polas molestias que lles poida ocasionar este corte de auga, necesario para acometer obras de reparación na rede de abastecemento da cidade.

O TSXG autoriza prorrogar ata marzo a esixencia do certificado COVID-19 en hospitais e residencias

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda a comunidade, ata o próximo 12 de marzo, a obriga de presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos doentes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional. A Sala indica no auto, que foi notificado hoxe, que os datos do estudo técnico achegado pola Consellería de Sanidade demostran que “o virus continúa tendo unha elevada circulación”.

A situación epidemiolóxica da comunidade, segundo os maxistrados, implica “un evidente risco de contaxio”, polo que consideran necesario manter a medida preventiva. Ademais, do mesmo xeito que sinalaron no auto do 11 de febreiro, destacan que a presentación do pasaporte COVID-19 ten como obxectivo, neste caso, protexer a persoas especialmente vulnerables.

“Non pode levar a engano a tendencia decrecente da taxa de incidencia do virus desde o 19 de febreiro”, advirte a Sala, á vez que salienta que, a 19 de febreiro, a taxa de incidencia a 14 días se situou en 1.347 casos por cada 100.000 habitantes. Ademais, os maxistrados explican que as persoas non vacinadas teñen alternativas para acceder a estes centros, “con alto risco de transmisión”. Así, lembran que teñen a posibilidade de presentar un certificado de proba diagnóstica negativa ou de pasar a enfermidade e, ademais, os centros hospitalarios ofrecen a posibilidade de someterse voluntariamente a unha proba diagnóstica.

A Garda Civil investiga aos presuntos autores dun delito contra a saúde pública

A Garda Civil imputa en calidade de investigados a un veciño de Chantada e a un veciño de Barcelona, como supostos autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.

Axentes da Garda Civil teñen coñecemento da chegada dun paquete, a través dunha empresa de mensaxería, desde Barcelona con destino á localidade lucense de Chantada, en cuxo interior se atopan 46 gramos dunha substancia,  supostamente hachis.

As dilixencias policiais foron entregadas no Xulgado de primeira Instancia e Instrución nº 1 de Chantada.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com