Novas

A Xunta estenderá o sistema XIDE para axilizar a citación e ofrecer consultas máis resolutivas

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe o centro de saúde Illas Canarias, onde presentou os resultados da iniciativa piloto XIDE, posta en marcha en atención primaria en novembro do pasado ano polo Executivo galego, co obxectivo de axilizar a citación e ofrecer consultas máis resolutivas. Este sistema, -tal e como anunciou o conselleiro-, a Xunta o estenderá a máis modalidades, deseñando un XIDE específico para pediatría e para máis servizos. De xeito inmediato estenderase aos 14 servizos que onte asinaron os seus Plans locais de saúde e a intención da Xunta é tentar buscar o máximo consenso para elo, e levalo ao resto de servizos neste ano.

Grazas ao XIDE, -sinalou o conselleiro-, “imos poder axilizar as consultas porque poderemos evitar duplicidades de citas ou consultas que acaban derivando a outro profesional máis indicado. XIDE indica un camiño directo cara á consulta máis resolutiva e que máis se axusta á necesidade do paciente”.

Tal e como destacou o conselleiro, o departamento sanitario galego detectou, con esta pilotaxe, que ao redor do 50% das consultas non programadas que entran cada día nun centro de saúde non requiren necesariamente a intervención dun médico; que case un 30% poden ser atendidas de xeito directo por persoal de enfermaría e outro 15% por categorías como o farmacéutico de atención primaria, o traballador social, o odontólogo ou o propio persoal administrativo. Isto nos obriga, -remarcou o conselleiro-, a organizar os servizos de primaria doutro xeito, a través das novas carteiras de servizos das categorías que foi aprobando o Consello Técnico de Atención Primaria e cos Plans Locais de Saúde, como os asinados onte, que definen un programa coordinado de acción entre todos os profesionais do centro.

Tamén detectouse na iniciativa piloto que máis da metade das demandas que entran sen previo aviso no centro de saúde non necesitan dunha resposta inmediata ou no día, senón que poden ser programadas no próximo oco dispoñible do profesional. Isto trae como consecuencia, -proseguiu o conselleiro-, que fagamos outra xestión das axendas, tal e como está a realizar o Sergas coa implantación das axendas de calidade para todas as categorías profesionais, e que xa están en marcha en medicina de familia e enfermaría.

Así mesmo, García Comesaña remarcou como outro dos resultados da pilotaxe a comprobación de que os primeros postos entre os motivos de consulta para o persoal médico eran actos sanitarios cun carácter máis burocrático, como a xestión de incapacidades temporais ou a elaboración de informes médicos ou automatizables ou derivables a técnicos de saúde. A tal efecto, entre as medidas levadas a cabo pola Xunta destacou que onte comezaron a traballar de xeito centralizado os primeiros técnicos de saúde contratados polo Sergas para realizar tarefas de apoio aos médicos do primeiro nivel asistencial

En definitiva, -dixo o conselleiro-, “o XIDE deunos moita información para emprender outras reformas pero tamén é unha reforma en sí mesmo no xeito de xestionar a demanda nos centros”. Trátase, pois, dun sistema deseñado por profesionais sanitarios que axuda ao persoal administrativo a orientar ao paciente cara ao profesional que mellor pode resolver a súa demanda.

Baixa o número de casos activos pero suben os novos contaxios en Lugo

2743. Esa é a cifra total de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo. Lonxe quedan os máis de 8000 que se acadaron hai un mes. Neste gran descenso, é chave o gran número de altas médicas que se rexistran cada día. Así, na xornada de onte segundo informou o SERGAS foron 390 as persoas que se sumaron á lista de curados da covid19.

Se ben é certo, a baixada podería ser maior se descenderan igual de rápido as cifras de novos contaxios confirmados vía PCR. No último rexistro de Sanidade foron 211 as persoas que deron positivo en Covid na nosa provincia, moi por riba dos 130 que se rexistraban na xornada anterior. Unha cifra, a de novos casos que, malia ao descenso visible nas últimas semanas, non se consigue establecer nun rango fixo.

En canto aos falecementos, na última xornada volveu subir esta cifra ata os 305 na provincia, ao finar na área sanitaria unha nova persoa. Trátase dun home de 68 anos que tiña patoloxías previas.

Con todo, e malia que as cifras na UCI empeoran subindo ata as 2 persoas ingresadas en críticos no HULA, a presión asistencial continúa en descenso leve. Así, en cifras, son 38 os pacientes en unidades convencionais do Lucus Augusti, 7 permanecen ingresados no Hospital da Costa, 6 no de Monforte (5 menos que un día antes) e o Polusa, que nos últimso días tiña un pacientes, queda libre de Covid.

Detido en Ribadeo un mozo de 23 anos por un suposto delito de tráfico de drogas

A Garda Civil detivo na tarde onte no termo municipal de Ribadeo a un mozo de 23 anos de idade como suposto autor dun delito de tráfico de drogas.

Os feitos teñen lugar na estrada N-642 ao seu paso pola localidade de Ribadeo, cando se identifica a persoa detida e compróbase que tiña na súa poder 106 gramos dunha substancia, supostamente pole de haxix, a cal levaba oculta no difusor do aire acondicionado do turismo que conducía.

As dilixencias policiais foron remitidas ao Xulgado de Instrución nº 2 de Mondoñedo (Lugo).


Imaxe de arquivo

Investigado un home por un presunto delito de falsidade documental

A Garda Civil imputou en calidade de investigado a un veciño de Lugo, como suposto autor dos delitos continuados de falsidade documental e contra a seguridade do tráfico. Os feitos remóntanse a cando axentes da Garda Civil identificaron o condutor dun turismo no termo municipal de Castro de Rei (Lugo), ao cal ao serlle requirido o permiso de conducir fai entrega dun PIC (permiso internacional de condución) de Nixeria.

Tras analizar o documento presentado, este xera dúbidas en canto á súa autenticidade, xa que non presenta un formato conforme aos convenios internacionais e tampouco é coincidente cos PIC indubitados de Nixeria.

O axentes realizan unha análise detallada do PIC en dependencias policiais da Garda Civil en Lugo, determinando que o documento é falso e efectuando consulta ás autoridades nixerianas ao obxecto se o condutor posúe algún tipo de permiso expedido no devandito país.

As investigacións efectuadas puideron acreditar que o citado permiso de condución falso foi exhibido anteriormente polo investigado ante a policía local de Lugo, sendo por este feito denunciado ao art. 1.1.5 .de R. G. C. As dilixencias policiais foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Lugo

O Concello estuda emprender accións legais pola gravación da vía pública realizada polo PP

No día de onte o Partido Popular municipal facía chegar aos medios de comunicación unha información sobre o pouco uso que os lucenses estan a dar ao carril bici proxectado polo Goberno local. En concreto, os populares facían referencia a un video, que non se chegou a facer público, gravado durante un día enteiro, na rúa e cunha cámara dentro dun coche; co que, supostamente, descubriron que en todo un día tan só 2 lucenses facían uso deste servizo.

Unha información publicada en numerosos medios e que nada tería de malo se non fora pola gravación, segundo considera o Goberno local.

E é que, precisamente, dende o Concello veñen de informar que o Goberno estuda emprender  accións legais pola gravación que o Partido Popular efectuou na vía pública. Un comportamento que o Executivo local cualificou de “nada ético e que mesmo pode ser constitutivo de infracción e sancionable”, e que agora porá en coñecemento da Axencia de Protección de Datos para que analice e actúe en consideración, segundo corresponda.

Así o informou o voceiro municipal quen ademáis explicou hoxe que “durante as últimas horas foron moitos os veciños e veciñas da cidade que manifestaron o seu rexeitamento ao acontecido e que trasladaron as súas queixas non só ao Goberno senón tamén, como así nos consta, ao propio PP por considerar primeiramente inapropiada e, en segundo lugar e aínda máis importante, ilexítima, a devandita gravación, procedendo sen autorización á filmación de imaxes na vía pública, rexistrando os movementos da cidadanía, o paso de vehículos, matrículas, etc, con fins particulares que, neste caso, non perseguían ningún tipo de interese xeral, senón réditos partidistas”.

Dende o Goberno aseguran que adoptarán agora “as medidas oportunas” para evitar “este tipo de abusos propios de aqueles que menosprezan os dereitos alleos e se consideran impunes para actuar á marxe da lei”.  O portavoz non dubidou en enmarcar os feitos na “estratexia de espionaxe ao estilo Casado que ultimamente define a este partido e que na nosa cidade afectou tanto á veciñanza como aos propios funcionarios municipais”.

O Goberno local lamentou alén a “baixeza moral dunha oposición que prefire facer espectáculo a traballar verdadeiramente por mellorar a vida dos lucenses dun xeito propositivo e que non ten reparos en terxiversar a realidade e mesmo mentir, o que acontece cando cuantifica, por exemplo, a perda de prazas de estacionamento que derivaron desta nova infraestrutura. De aí que nas primeiras denuncias que fixo – por certo dunha obra que está sen rematar e que, por tanto, aínda non se puxo a disposición da cidadanía para que faga uso dela – estimara nun cento o número de aparcadoiros que suprimía o itinerario da senda ciclista, unha cantidade que, da noite para a mañá, sen o máis mínimo pudor nin rigor, elevou a 500 nun mesmo barrio, segundo afirmaba na información. Como tamén minte ao falar do custe desta obra, que cifra en 1,4 millóns, cando é de 1,2. Esa é a súa credibilidade e a mellor mostra do tipo de labor que está a desenvolver pola cidade”, concluíu Miguel Fernández.

“Unha ameaza velada”

Hai escasos minutos que o Partido Popular respondía, cun comunicado, a estas declaracións do equipo de Goberno. Na resposta, os populares aseguran que “manterán a súa folla de ruta e o seu traballo de política útil”, malia o que tildan de “intentos implícitos por parte do goberno de Lara Méndez de coartar as denuncias públicas que realizamos”.

O Partido Popular lamentaba no escrito que o PSOE “suba un chanzo o nivel de tensión” e criticou que está a pasar da actitude “á defensiva” habitual a “unha ameaza velada froito do seu nerviosismo” xa que, segundo os populares, o Goberno “é consciente” de que algunhas das accións que leva a cabo “non contan co respaldo de moitos cidadáns”.

Dende o PP interpretan a reacción do Goberno local “como un síntoma claro do temor a que se demostre e se dea publicidade tanto ao derroche de fondos públicos como ao mal funcionamento de determinados servizos municipais”. E convidan ao equipo de Goberno a deixar de facer “oposición á oposición” e adicar tempo a “buscar solucións aos problemas da veciñanza”.

Continúan as dúbidas no PP sobre a dimisión de Casado e a marcha de Feijóo a Madrid

Moitos foron os que nos últimos días deron o seu punto de vista sobre o cisma que se está a crear no Partido Popular a nivel estatal. Un cisma que, din as malas linguas, está obrigando ao presidente estatal do partido, Pablo Casado a dimitir e impulsa ao actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a ocupar ese posto.

O certo é que nada se sabe e nada está claro hoxe no PP. Se ben é certo, o presidente galego leva días reivindicando unha “nova etapa” para o partido ademais de instar a Casado a “tomar a última decisión”. Malia que nin Feijóo nin ningún persoeiro do seu círculo asegura nada, todo semella apuntar a que o galego acabará chegando a Madrid.

Así, esta mesma mañá o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita a Lugo, negouse a facer declaracións sobre o futuro do presidente da Xunta, pero si amosou certa “preocupación” polo que lle agarda ao partido. Ao igual que outros populares, Comesaña limitouse a falar dende a súa postura como militante, e pediu, como tal, que a situación se resolva canto antes. Iso si, non quixo falar sobre as decisións que teña tomadas Feijóo ou “o que vaia facer” pois deixou moi claro que “non toca” hoxe falar diso.

No mesmo senso pronunciouse hoxe Antonio Ameijide, vicevoceiro popular no Concello de Lugo, que tamén quixo falar dende o seu rol de afiliado. Ameijide amosouse “avergoñado e triste” ante cada titular da prensa sobre o partido porque, dixo, “bota por terra o traballo de milleiros de afiliados”. O popular reiterou as palabras que onte dicía o propio presidente da Xunta ao asegurar que agora é tempo de “tomar decisións”, e fíxoo, apelando á “humildade e ao sentido de Estado” que “todos deben ter a ese nivel en política”.

“Milleiros de afiliados levamos moitos anos traballando por este partido, por un proxecto e que, por egos ou ambicións, pódese ir todo ao garete en poucos días”, aseverou nunha entrevista Ameijide, quen instou á dirección do Partido Popular a “poñer o proxecto por riba dos nomes dalgunhas persoas”.

Ameijide deixou ademáis tres tarefas ao partido, “tomar decisións, reimpulsar o PP e tirar para diante do proxecto”. Así o dixo facendo referencia a verbas similares que o presidente galego pronunciaba no día de onte. Sobre a posible dimisión de Pablo Casado, Ameijide asegurou que “non sei cal será a decisión” pero apelou á responsabilidade do presidente estatal do partido e “despois do cisma que se montou urxe que se tomen decisións”. “A historia e o futuro do partido valen moito máis que esas rencillas de patio de colexio”, concluiu.

Pola súa banda, Feijóo nas últimas horas volveuse pronunciar e aclarou que o partido necesita pronto “cambios, novas etapas e novos horizontes”, malia que segue sen dar unha resposta á pregunta que moitos galegos se fan sobre se deixará o seu cargo orgánico actual -presidente do PPdeG- e collerá rumbo Génova; o certo é que avanzou que el será o primeiro que “tome unha decisión” en función do que lle pida “o partido”.

Os membros do GES de Monteroso espertan aos ocupantes dunha casa ameazada por un incendio na cheminea

Os ocupantes dunha vivenda situada na Avenida de Pontevedra, en Monterroso, durmían completamente alleos ao incendio declarado na cheminea da casa. Foron os integrantes do GES da localidade quen deberon espertalos para poñelos a salvo do lume alimentado pola feluxe acumulada no interior do conduto.

Así, evitaron que as persoas sufriran danos e fixeron fronte ás chamas de maneira que só a cheminea se vise afectada.

Malia que os Bombeiros de Chantada estaban prealertados, bastaron os recursos do GES de Monterroso para reducir o lume.

Este incendio rexistrouse no 112 Galicia na medianoite.

Arde o faiado e o tellado dunha casa en Sarria

Un incendio declarado nunha casa de tres andares deixou danos na vivenda, sen que se ningunha persoa resultase ferida.

Concretamente, as lapas afectaron ao faiado e ao tellado da vivenda. Segundo a información recollida no 112 Galicia, un curtocircuíto puido ser a causa do lume.

O incendio tivo lugar en Lezoce, na parroquia de San Xulián da Veiga, uns minutos despois da unha e media. Nese momento, unha persoa particular alertaba do lume ao 112 Galicia.

Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso aos Bombeiros de Sarria, á Garda Civil, á Policía Local e, como medida preventiva, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Lugo baixa dos 3000 casos nunha xornada de repunte nas hospitalizacións

A provincia de Lugo continúa lenta pero segura o descenso de casos activos de Covid19. A sexta vaga veu forte e logo de varios meses de suba, acadábase o pico o pasado 21 de xaneiro, con algo máis de 8000 casos. Hoxe, un mes despois, Lugo baixaba por primeira vez en meses dos 3000 casos activos.

E é que a provincia rexistraba, ata ás 6 da tarde deste domingo, 2921 casos activos de Covid19, lonxe xa deses 8000, e máis preto do pico da terceira vaga (2135) que se acadaba o febreiro do pasado ano.

Malia que as cifras de casos activos alónxanse moito dunha vaga a outra, o certo é que a evolución diaria, é semellante. Días de baixadas e subidas dos positivos detectados que se van sucedendo ao longo da semana. Así, na última xornada, en Lugo se rexistraron un total de 130 positivos novos, 41 menos que un día antes, e a cifra máis baixa que se deu na provincia dende o 21 de decembro.

Con todo, non todo son boas novas na provincia e é que o número de hospitalizados medrou na última xornada. Malia que de xeito escaso, se onte eran 53 os ingresados con Covid19 en unidades convencionais da provincia, hoxe son 57, 4 máis, os que ocupan unha cama en hospitalización.

Por hospitais, o HULA suma 38 casos covid en planta en un na UCI (o único paciente covid en críticos da provincia), o Hospital da Costa suma 7 e o de Monforte conta con 11. Pola súa banda, o Hospital Polusa mantén un paciente con covid en planta.

No tocante ás altas, dende o inicio da pandemia, Lugo rexistrou 47.419 persoas curadas, 419 nas últimas 24 horas. Do outro lado da balanza, están as 304 persoas falecidas na provincia, ningunha nas últimas horas.

A provincia suma 23 ‘Concellos Emprendedores’ trala adhesión de Portomarín

Un total de 23 municipios da provincia de Lugo xa son Concellos Emprendedores tras a adhesión de Portomarín. Con esta distinción súmase ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.

Todos eles recollen o espírito da nova Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica aprobada o ano pasado no Parlamento galego e contribúen, así, a implantar unha nova cultura administrativa en Galicia para eliminar trabas burocráticas, intensificar a simplificación dos trámites e apoiar a implantación de novos proxectos empresariais.

O principal obxectivo desta iniciativa é trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido económico e, nese sentido, cómpre sinalar que, como novidade, a nova lei fixa un prazo de tres meses para a emisión de informes por parte da Xunta e amplía os supostos de iniciativas empresariais prioritarias.

Para ser Concello Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia.

O Goberno galego está a dar prioridade aos concellos adheridos a esta iniciativa en diversas liñas de axudas destinadas a impulsar o emprendemento e a dinamización económica. Para iso, establece nestas axudas, que están a ser convocadas en réxime de concorrencia competitiva, un criterio específico.

Os Concellos Emprendedores, pola súa banda, comprométense a ofrecer ás empresas que mostren interese por instalarse nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e unha simplificación na tramitación administrativa. Os maiores incentivos fiscais por parte dos concellos para favorecer a chegada de novas empresas suporán unha bonificación de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes. Deste xeito, a colaboración entre as administracións públicas permite avanzar cara a unha Galicia máis competitiva.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com