Novas

O Concello mellorará os barrios cun Plan de Embelecemento urbano ao que destinará 260.000 € en dous anos

A Xunta de Goberno Local adxudicará esta semana o Plan de Embelecemento urbano co que se pretende mellorar a conservación e a habitabilidade dos barrios da capital. Un obxectivo ao que destinará 260.000 euros en dous anos e cos que se abordarán aquelas intervencións, demandadas pola veciñanza, que contribúan a garantir o correcto mantemento dos espazos públicos.

“A súa posta en marcha nos permitirá acometer traballos de acondicionamento, arranxo e recuperación do mobiliario urbano, ofrecendo unha resposta áxil ás necesidades que nos trasladan as e os lucenses e incrementando a vida útil de elementos como bancos, papeleiras, etc… pero repercutindo, tamén, noutros aspectos como a seguridade das vías ou no ornato das zonas axardinadas”, destacou a rexedora.

Así, este próximo mércores, o Executivo municipal autorizará a asignación do contrato ao centro especial de emprego e iniciativa social Coregal Parques e Xardíns, “atendendo a outro dos obxectivos que queremos alcanzar con esta iniciativa como é a inserción no mercado laboral das persoas con discapacidade”, lembrou a primeira edil.

A alcaldesa lucense referiu que a licitación foi dividida en dous lotes. Un deles, cofinanciado ao 80% polos fondos FEDER dentro da Estratexia DUSI Muramiñae – a través da súa liña vinculada a estimular a creación de emprego en colectivos vulnerables – e que permitirá desenvolver accións de mellora nas dez localizacións incluídas no seu ámbito de actuación, e un segundo lote para o resto de barrios.

“Entre as obras que se poderán efectuar destacan intervencións de conservación e instalación de mobiliario, de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, así como de reordenación de espazos ou arranxo de beirarrúas e pavimentos, entre outros. Co requisito de que todos estes labores deberán iniciarse no prazo máximo dunha semana dende que o Concello realice o seu encargo e deberán concluír en quince días”, sinalou a rexedora..

O Plan de Embelecemento dará continuidade ao programa de capacitación sociolaboral Muramiñae Rehabilita, co que o Concello de Lugo articulou tres brigadas formadas por 27 traballadores e traballadoras que se atopaban en situación de desemprego e, a través do cal se executaron a peonalización da Rúa do Esquecemento ou as rehabilitacións do Parque Rosalía de Castro e da contorna fluvial do río Miño.

Isabel Rodríguez preside a Xunta de Seguridade da proba ciclista “O Gran Camiño”

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a Xunta de Seguridade que estudiou o dispositivo que velará pola seguridade con motivo do paso pola provincia da proba ciclista “O Gran Camiño”. A carreira, que se disputará do 24 ao 27 de febreiro, terá dúas etapas na provincia de Lugo, concretamente nos concellos de Pantón e Sarria. Na xuntanza participaron, ademais dos organizadores, o alcalde de Pantón e o concelleiro de Seguridade Cidadá de Sarria; o xefe territorial da consellería de Presidencia, Turismo e Xustiza; o xefe provincial de Tráfico, o xefe da Compañía de Monforte da Garda Civil e o capitán do Subsector de Tráfico da Garda Civil, ademais de responsables da Policía Local de Sarria e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Trala xuntanza, a subdelegada do Goberno informou de que a Garda Civil organizou un dispositivo de seguridade viaria que acompañará aos ciclistas durante a volta, que estará composto por 46 gardas civís. Neste operativo participarán tamén axentes da provincia, 30 na etapa do sábado e 40 na do domingo.

Isabel Rodríguez pediu aos cidadáns que se informen de horarios e itinerarios da proba, así como das posibles alternativas. Tamén fixo un chamamento a todo o público que se congregará para presenciar o paso dos ciclistas pola provincia para que respecten á sinalización e atendan as indicacións da organización e do dispositivo de seguridade da proba.

A terceira etapa, entre Maceda e Luintra, disputarase o día 26 e discorrerá en parte -21,100 km- polo concello de Pantón. As estradas da provincia polas que pasarán os ciclistas son a LU-P-4103, LU-P-4104 e N-120A. A entrada na provincia de Lugo está prevista para as 16:40 horas e a saída será, aproximadamente, ás 17:37 horas.

Ao día seguinte, o 27, terá lugar a derradeira etapa da proba, unha contrarreloxo que se disputará integramente no concello de Sarria, con un percorrido de 15,800 km. A saída está prevista para as 11:42 horas, da rúa Calvo Sotelo, e o remate ás 14:30 horas, na rúa do Castelo.

Detida por tirar a un axente polas escaleiras cando ía a intruir dilixencias contra ela por ameazas

Unha muller foi posta o pasado sábado a disposición xudicial despois de agredir a un axente da Policía local mentres lle instruía dilixencias por ameazas e agresións contra outros axentes.

Os feitos tiveron lugar pasadas ás 4.30 horas do pasado 19 de febreiro cando efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo achábanse realizando un control de seguridade viaria na Avenida de Ramón Ferreiro. Mentres realizaban unha proba de detección alcohólica a un condutor, a súa acompañante descende do mesmo e comeza a insultar e ameazar gravemente aos axentes actuantes.

No momento, os policías tratan detranquilizala, amosándose cada vez máis agresiva, e negándose a identificarse. Asemade, a muller tratou en todo momento de entorpecer a realización da proba de alcoholemia ao condutor, arremetendo contra os axentes e lanzando lapotes contra estes, alcanzándoos en varias ocasións, motivo polo cal se procede á súa detención, sendo trasladada a dependencias policiais.

No traxecto á Comisaría continua insultando e ameazando aos policías, negándose a entrar no edificio policial, mostrando gran resistencia. No seu interior, ao ser informada polo instrutor das dilixencias que debe acompañarlle para ser ingresada nos calabozos, comeza a insultarlle e nas escaleiras empuxa a un axente, motivando que caia polas escaleiras.

Por estes feitos instrúense dilixencias para o Xulgado de Garda contra esta muller de 37 anos de idade, polos delitos de atentado a axentes da autoridade, desobediencia e resistencia grave.

Os veciños din “non” á nova praza do Sagrado Corazón

A Asociación de Veciños “Porta de Lugo” non acepta as obras da Praza do Sagrado Corazón, tal e como parece que van quedar definitivamente. Así o denunciaron, dende o colectivo, no día de onte mediante un comunicado aos medios de comunicación no que remarcan que o “único aceptable en parte” é que boten cemento a toda a praza, que levaba, segundo lembran, “60 anos sen un plan de mantemento”.
Os veciños consideran que dende o Goberno local, en especial, dende a concellería de Infraestruturas “traballaron para deixar unha praza sen gusto, sen prestación e nada acolledora”.

“Á praza, usurpáronlle os farois artísticos de aluminio (que queremos saber onde foron a parar, xa que temos fotografías da súa carga no vehículo que as transportou) e que coincidira a súa instalación coa rehabilitación do Polígono Sagrado Corazón levada a cabo no Goberno de José López Orozco, estaban perfectamente distribuídas e a praza gozaba dunha marabillosa iluminación con toda a súa instalación soterrada”, explican dende o colectivo veciñal.

Segundo explica a asociación, o Goberno local anunciaba que melloraría a iluminación pero, “a realidade e que empeoramos ostensiblemente”. Denuncian que a cambio dos farois artísticos puxéronlles uns “tipo bricolaxe para xardinería de tipo esférico”. Unhas luminarias que van, por unha banda pegadas ao muro de saída da senguda planta do ascensor a preto de medio metro de distancia unha de outra “co cal, unha gran parte da iluminación desperdíciase”.

Doutra banda, hai unha que vai colocada á beira da saída á planta primeira do ascensor “nunha zona xa suficientemente iluminada”, e outra máis, moi separada das demáis, colocado o globo aproximadamente a 30 cm do edificio situado ao leste da praza, “un lugar que non procede e onde a parede do edificio non precisa iluminación”. Colocan tamén un faron no medio do paso de peón que vai dende a baixada por escaleira á primeira planta. “Toda a disposición de farois creada, xera zonas de sombras na praza, principalmente na zona máis próxima a Adolfo Suárez.

Os veciños tamén contan que se substituiron as xardineiras que había na fonte da Igrexa por unhas colocadas en superficie e sen protección para as plantas. “Cando haxa unha aglomeración na entrada da Igrexa, quen as vai protexer?”. Critican así, que a reforma eliminou tamén unha xardineira duns 7 ou 8 metros que estaba no lateral leste da praza “e que todo o verán estaba coas hortensias en flor”.

“Leváronnos tampouco sabemos onde os nove bancos de madeira con respaldo existentes na praza que eran de gran uso especialmente de abril a outubro e colocáronnos 6 bancos de pedra antiestéticos, sen respaldo e que están dispostos para que ningún vehículo ocupe unha zona da praza (non para sentar a veciñanza, polo fríos que son)”, denuncia a asociación. “Finalmente, aínda así teremos 3 bancos menos e sen respaldos”.

Dende a asociación poñen o foco tamén na execución das obras. E é que, segundo o proxecto inicial, o periodo para acometer esta modificación sería de 3 meses, sen embargo, as obras iniciaronse o 21 de setembro de 2021, polo que deberían ter rematado o pasado mes de decembro, pero, lembran, hoxe “cumprense 5 meses”.

A asociación de veciños ‘Porta de Lugo’ percibiu durante todo este tempo “unha falta de dirección de obra repetitiva e con traballadores sen traballo asignado”, polo que anuncian que “procederemos contra este tipo de actuacións o engano en tempo e se as obras recíbense como esta previsto, contra quen realice a aceptación delas”.

“Esixiremos responsabilidades ao responsable técnico da obra e se se acepta o proxecto como esta en obra, ao receptor da obra no seu momento. Agora xa temos unha praza de cemento modelo BNG. Queremos unha praza digna e cómoda para todos os veciños, porque é o noso dereito”, avanzan.

Mitma adxudica por 8,1 millóns de euros as obras de adecuación e mellora da seguridade en varios túneles de Lugo

O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana ( Mitma) adxudicou por 8,1 millóns de euros (IVE incluído) as obras de adecuación e mellora das condicións de vialidad e circulación dos túneles de Villafranca, Trabadelo, e A Escrita, na autovía A-6, en León, e dos túneles de Piedrafita e Montefurado, na A-6 e na N-120, respectivamente, na provincia de Lugo. O anuncio publicarase proximamente no Boletín Oficial do Estado (BOE).

A actuacións, incluídas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, están encamiñadas a adaptar as infraestruturas galegas e leonesas aos requisitos de seguridade e vialidad establecidos no Real Decreto 635/2006, do 26 de maio, froito da transposición da Directiva 2004/54/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004.

Aínda que na actualidade os túneles contan cunhas condicións de explotación favorables, é necesario levar a cabo esta actuación para actualizar as súas instalacións.

O PRTR conta cun orzamento de 357 millóns para adaptar os túneles á normativa europea e para potenciar a protección da fauna e os usuarios vulnerables. En concreto, financiará actuacións en túneles da RCE centradas na mellora das saídas de emerxencia, a sinalización, o balizamento, a iluminación, a ventilación, a instalación eléctrica, a protección antincendios, a drenaxe, a comunicación ou a xestión do tráfico, etc.

40 expositores danse cita esta fin de semana no MercaLugo, do Pazo de Feiras

A alcaldesa de Lugo inauguraba esta mañá, a feira de mostras de productos ‘Merca Lugo’, que se vai a celebrar na cidade dende hoxe, ata o próximo día 20 de febreiro, “un certame recuperado tras a paréntese forzada pola pandemia sanitaria” explicaba a rexedora.

No acto inaugural, a alcaldesa de Lugo estivo acompañada polo subdelegado de Defensa na provincia de Lugo, Fernando Brinquis Crespo; o xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López; o director do CIFP As Mercedes, Joaquín Expósito López e representantes da UME e das Forzas Armadas.

O evento, reunirá no Pazo de Feiras e Congresos a aproximadamente 40 expositores, procedentes de diferentes puntos de Galicia, que ofertarán productos de alimentación, bricolaxe, automoción, cociña, etc. Ademais de estar habilitado tamén, un espazo informativo de reclutamento da Armada e outro do CIFP As Mercedes.

Para  a rexedora, “esta Feira evidencia a capacidade do sector para adaptar os seus proxectos a novos modelos innovadores, sostibles e accesibles, sen renunciar ao atractivo para o público” explicaba destacando o espazo CIFP As Mercedes, onde comprobou de primeira man os avances en simuladores a través dun brazo robótico capaz de mover placas dunha superficie a outra, o simulador de voo ou a experiencia de “sentir coma se en verdade estiveses noutro lugar a través dunhas lentes de realidade virtual, coa imaxe e o movemento totalmente coordinado” apuntaba a rexedora.

“O pleno extraordinario improvisado saca á luz importantes reparos nas contas do goberno vilalbés”

A voceira do Grupo Municipal Popular de Vilalba, Sandra Vázquez, considera que “a convocatoria doutro pleno de carácter extraordinario no que vai de mandato demostra a falta de xestión, a improvisación e en definitiva o desgoberno do PSOE en Vilalba”.

Tendo en conta que “a conta xeral debería estar aprobada antes do 1 de outubro de 2021 e, polo tanto, xa vai con catro meses de atraso; o goberno local debería, polo menos, respectar o regulamento e convocar este pleno cun mínimo de dous días hábiles de antelación. É unha falta de cortesía e de respecto telo convocado con menos de 18 horas de antelación. Condenamos as malas formas do goberno local”, matiza a popular.

Os populares votaron a favor da aprobación da conta xeral que é “un documento técnico e contable, elaborado polos servizos xurídicos e económicos, que reflexa a situación económica do Concello. En definitiva, un traballo moi laborioso realizado polo persoal encargado nesta área, ao que lle agradecemos o seu esforzo. A diferencia doutros partidos o Partido Popular é un partido de goberno, que coñece e recoñece a necesidade de aprobación da conta Xeral para que o Concello reciba as oportunas subvencións das diferentes administracións públicas, entre outras cuestións”, apuntou Vázquez.

Con todo, quixo deixar claro durante a sesión plenaria celebrada de xeito telemático que “o goberno local esquece día a día tres cuestións fundamentais. Gobernan en minoría e, ás veces, esquéceno e gobernan con prepotencia, incluso ante o seu socio de goberno que ten que saír ao seu auxilio porque ve claramente que van en caída libre”.

Tamén recordou a popular que “o goberno local do PSOE segue traballando cunhas contas elaboradas polo anterior goberno do Partido Popular ás que os socialistas se opuxeran no seu momento; pero non deberían ser tan malas cando van camiño de gobernar tres anos coa planificación feita polo PP”.

Así mesmo, Vázquez incidiu en que “os responsables xurídicos e económicos advirten en numerosos informes desfavorables sobre o seu proceder na contratación”.

A voceira popular sinalou, en canto ao recoñecemento extraxudicial de crédito incluído na orde do día deste pleno extraordinario, que “tal e como explicou a interventora se corresponde cunha factura traspapelada, pero que nada ten que ver coa responsabilidade do anterior goberno do PP como a alcaldesa quere facer ver. É lamentable esa actitude. O que lle pedimos son uns orzamentos que contemplen as necesidades deste ano 2022 e que o seu equipo de goberno se poña a traballar nun proxecto de futuro como merece Vilalba e os vilalbeses”.

Volven ao descenso ás cifras da Covid malia un novo falecido

O SERGAS vén de informar dos novos datos relativos á Covid 19 na provincia e son boas noticias. Malia o lixeiro paso atrás dado na xornada anterior, as cifras recabadas ata as 6 da tarde de onte, revela un novo descenso xeralizado en todos os baremos principais.

Así, na última xornada, o SERGAS rexistrou un total de 3423 casos activos de Covid19. Unha cifra que vén dada, por unha banda, por un importante descenso dos positivos detectados, 228 fronte aos 309 da xornada anterior, así como a un aumento das altas médicas que chegaron ás 752 en 24 horas.

No tocante á presión asistencial, a área sanitaria tamén descendeu as súas cifras, e é que  nas últimas horas os hospitais da provincia rexistraron 48 persoas con covid en unidades convencionais de hospitalización (29 no HULA, 7 no Hospital da Costa, 11 no Hospital de Monforte e 1 no Hospital Polusa), mentres que na UCI do HULA queda tan só unha persoa.

Asemade, nas últimas horas os falecidos eleváronse a 304 dende o inicio da pandemia; un novo notificado esta mañá. Trátase dun home de 88 anos que perdía a vida o pasado 17 de febreiro.

Okupas, deberes para os distintos entes administrativos con responsabilidades

Hai case un mes, a Asociación de Veciños “Porta de Lugo” requiriu publicamente ás distintas Institucións públicas unha actuación clara e contundente coas ocupacións de vivendas privadas que están a acontecer (ou aconteceron xa noutras datas) na Avda. de Adolfo Suarez. Ata o momento, ningunha Administración con responsabilidades, contactou connosco nin cos propietarios afectados, isto é inadmisible porque os cidadáns teñen lexítimo dereito a dispoñer dos seus bens en todo momento e este dereito deben de asistilo os políticos votados e convertidos por iso en xestores dos entes administrativos e nisto non aceptamos ningún tipo de descarga na súa culpabilidade, con ningún argumento.

Dado que os problemas son de gran envergadura, ademais de repetitivos están a desestabilizar aos habitantes da zona, requirimos inmediata intervención dos órganos estatais, da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo, tomando como base o seguinte:  Os Cidadáns non son os que teñen que ofrecer vivenda aos OKUPAS, isto é unha obrigación das Administracións de forma coordinada.

Por iso, entre as medidas inmediatas, solicitamos:

Á Xunta de Galicia
– Como ente responsable en materia de vivenda e de forma inmediata, negocie cos okupas a saída das vivendas ou locais ocupados e ao tempo ofreza unha alternativa provisional de vivenda, se son persoas con dereito a iso e non a teñen.

– Restitúanse os servizos de asesoramento das ocupacións atendidos ata o de agora desde o teléfono 900121221 desde 2015 e asignado de novo o 4 de decembro de 2020, onde o IGVS a través do “ Consello de Avogacia” ofrecía asesoramento gratuíto prestado por profesionais en materia de vivenda a todos os propietarios ou usufructuarios de vivendas afectadas por unha ocupación ilegal. (Véxase Guía Informativa de ocupación Ilegal da Xunta de Galicia).

– Confecciónese e aprobe con urxencia o Decreto Regulador das Inspeccións Técnicas de Edificios anulado en 2017 polo Tribunal Constitucional e que a partir de agora recibirá ls denominación de Informe de Avaliación de Edificios, pero a pesar de dar distintas datas para
a súa aprobación, aínda continua pendente a súa aprobación.

– Prográmese a disposición de vivenda social na comunidade de forma anual en función das necesidades reais do momento.

Ao Goberno do Estado:
– Cambio lexislativo INMEDIATO en materia de ocupacións, que libere as vivendas ocupadas desde o minuto uno no coñecemento da ocupación.

– Elaboración de protocolos de actuación #ante a ocupación ilegal, que contemplen tamén sancións e solucións habitacionales alternativas de acordo con lexislación actual e de apoio nos procedementos para usar por outras Administracións.

– Déanse ordes a través da fiscalía xeral do Estado para levar por trámite de urxencia inmediata a desocupación de vivendas ou locais particulares.

– Dispóñase un sistema de vixilancia especial e continuada por parte dos distintos corpos policiais nas zonas onde se están producindo as
ocupacións, controlando mesmo obras realizadas por empresas desaprensivas, que poidan estar a levar a cabo instalacións sobre os edificios, como conexión a redes de telefonía (sen que exista documentación de propiedade que o permita).

Ao Concello de Lugo

– Denéguese de forma rotunda calquera inscrición no Padrón de Censo Municipal, por non ser titulares da propiedade nin dispoñer de ningún contrato de arrendamento ou título por parte dos okupas, baseándose na lexislación vixente.

– Verifíquese e cancele calquera tipo de axuda social que as persoas que levan a cabo a ocupación, teñan ou tivesen dereito a percibir, coordinando co resto de Administracións involucradas no tema.

– Que, por parte do Concello, realícese de forma inmediata un censo de locais baleiros, a súa condición estrutural incluídos os tellados, os seus elementos de seguridade, decoro, estanqueidad e blindaxe, algo esixible e posiblemente legal no ámbito municipal.

– Ábrase expediente de ruína a todas aquelas edificacións que presentan evidencias graves, mesmo de derrube sobre a rúa.

– Vai contactar con outros colectivos cidadáns, para esixir pola vía rápida unha lexislación sumamente protectora para os lexítimos donos, igualmente para que estes entes actúen #ante a Fiscalía e os Xulgados, facilitando ao tempo asesoría xurídica aos prexudicados.


Texto: Asociación Veciñal “Porta de Lugo”

A Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo e o BNG achegan posturas sobre o acceso a servizos bancarios

Olalla Rodil, viceportavoz do BNG no Parlamento Galego e Rubén Arroxo, portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo mantiveron onte unha xuntanza con representantes da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo para achegar o posicionamento do BNG acerca do acceso a servizos bancarios.
Olalla Rodil afirmou que a exclusión financeira de miles de cidadáns en Galicia  “ten dúas caras, por unha banda, no medio rural dende xa non poden acudir a ningunha oficina bancaria e para todas esas persoas para que as novas tecnoloxías estanse a converter nunha carreira de obstáculos”. Olalla Rodil destacou que “desde o BNG recollemos e compartimos as propostas deste colectivo, que están a facer a chegar a todas as forzas políticas do país con representación nas distintas institucións”.
Por outra parte, subliñou que a  exclusión financeira  tamén amosa outras caras, “peches de oficinas, encarecemento do cobro por acceder á conta bancaria, realizar transferencias ou xestionar os seus aforros, accións que afectan máis gravemente ás persoas maiores ante a posta en marcha de novas tecnoloxías que supoñen outro atranco cando carecen dun teléfono móbil intelixente ou conexión a internet”, aformou Olalla Rodil, que lembrou que “o sistema bancario foi rescatado por todos e todas nós, incluídos cos cartos das persoas maiores, máis de 90.000 de euros para recatar unha banca que agora os devolve en forma de exclusión financeira”.
Non podemos tolerar, dixo, que as persoas maiores teñan a obriga de adaptarse ao bancos, “son os bancos os que deben adaptarse as necesidades dos nosos e nosas maiores” que merecen un trato humanizado e de calidade.
O BNG aposta por unha banca pública galega para poñer no centro a veciñanza e non a usura, evitando  que unha parte do aforro galego marcha para fóra do noso país. Olalla Rodil afirmou que “é urxente frear os abusos da banca e pola parte das entidades bancarias ofrecer un trato humanizado e todos os recursos que precisan”. A deputada do BNG reclamou á Xunta “que lidere as negociacións para protexer os dereitos das persoas usuarias da banca garantindo o acceso aos servizos sen discriminación”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com