Novas

Cervo acolle un curso de esquimotaxe

A Piscina Municipal de Lieiro, no Concello de Cervo, acollerá esta fin de semana un novo curso de esquimotaxe organizado polo Club de Piragüismo Cidade de Lugo e a Federación Galega de Piragüismo, coa colaboración da sección de piragüismo do Club Deportivo San Ciprián e do Concello de Cervo.
O curso será este domingo, 20 de febreiro, na piscina olímpica municipal de Lieiro e transcorrerá entre as 10 e as 19 horas. Os prezos por participante irán dende os 4 euros para socios do club Cidade de Lugo, ata os 9 euros para participantes non asociados e sen licenza. Se teñen licenza, malia non estar asociados a ningún club, pagarán  6 euros.
Reixtro Civil

Un Xulgado considera que o Concello de Lugo carecía en 2020 de competencia para sancionar aos hostaleiros por incumprir os horarios de peche da Xunta

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo declarou nula a sanción imposta ao propietario dun establecemento hostaleiro da localidade por incumprir o horario máximo de apertura en outubro de 2020, que neses momentos a Xunta o establecera á unha da madrugada como consecuencia da crise da COVID-19. A maxistrada acolleu o recurso do dono do local porque considera que o Concello de Lugo carecía de competencia para impoñer esa sanción. En consecuencia, deixouna sen efecto e condenou á administración a devolverlle os 250 euros que abonou no período de pago voluntario. O recorrente, segundo consta na sentenza, foi denunciado por dous axentes da Policía Local o 18 de outubro de 2020 ás 01:14 horas por superar o horario máximo de apertura establecido para locais de hostalería.

A maxistrada explica na resolución que, en base a esa denuncia, o 26 de febreiro de 2021 a Alcaldía do Concello de Lugo acordou incoar o inicio do procedemento sancionador, por considerar ao demandante autor da comisión dunha infracción administrativa de carácter leve. O concello, posteriormente, comunicoulle ao hostaleiro que a multa sería de 500 euros e que tiña a posibilidade de acollerse á redución do 50 % do importe, no prazo de 15 días. Por iso, o 18 de maio de 2021, procedeu ao pago bonificado.

A titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo salienta que a administración local carecía de competencia para impoñer a sanción. Así, destaca que a Lei 8/2008, de saúde pública, na súa redacción vixente cando se cometeron os feitos, “deixa claro que son os órganos da administración autonómica os competentes para a imposición das sancións previstas nesa lei”. Ademais, engade que, aínda que tamén prevé a posibilidade de que os concellos poidan resultar competentes, “iso será factible a condición de que cumpran os requisitos establecidos no seu apartado 2, é dicir, que así o prevexan as respectivas ordenanzas municipais e que as infraccións obxecto de sanción afecten as áreas de responsabilidade mínima sobre as cales exercen competencias de control sanitario”. Neste caso, segundo a xuíza, “resulta incontrovertido que o Concello de Lugo carece dunha ordenanza municipal que regule a referida materia, pero é que, en todo caso, a infracción obxecto da sanción- incumprimento do horario de peche establecido para a hostalería- non afecta ás áreas de responsabilidade mínima sobre as cales exerce competencias de control sanitario o concello”.

Medio Ambiente porá en marcha Puntos Limpos Móbiles para posibilitar a xestión selectiva de residuos no rural

Dotar ao rural dos mesmos servizos, rachando coa brecha que mantén coas contornas urbanas e achegando á veciñanza os recursos necesarios para incentivar á reciclaxe e o coidado da contorna e do medio ambiente.

Con esa motivación, o Executivo local, vén de anunciar que porá en marcha dous Puntos Limpos Móbiles que complementarán ás instalacións fixas que o Concello xa ten no Ceao e que permitirán ás 8.786 persoas que actualmente residen nas parroquias lucenses desfacerse axeitadamente de pequenos electrodomésticos, pilas, baterías, radiografías, lámpadas, fluorescentes, vernices, pinturas, disolventes, etc, sen necesidade de ter que trasladarse á capital.

A rexedora explicou que o proxecto – que se porá en marcha coa entrada en vigor do novo contrato de limpeza viaria, próximo xa á súa adxudicación definitiva logo das últimas resolucións do TACGAL – consistirá na implantación dun novidoso sistema que visitará a totalidade das parroquias que conforman o municipio, cun calendario previamente establecido e informado, aínda que adicionalmente e, en caso de ser preciso, estes Puntos Limpos tamén poderán prestar servizo a diversos barrios da capital.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa e edil de Medio Ambiente indicou que en prol de mellorar a nova prestación, o Concello adquirirá diferentes equipamentos, orzamentados en 49.610 euros, os que se agarda poder financiar coas achegas autonómicas habilitadas ao abeiro dos Fondos de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea.

“O modelo elixido, pola súa versatilidade e funcionalidade de acordo ás necesidades municipais, é un remolque multiservizos compatible con diferentes estruturas, o cal se trasladará polas diferentes localizacións empregando os vehículos dos que xa dispoñemos e permitindo, deste xeito, o deposito de determinados tipos de residuos que posteriormente serán derivados aos xestores autorizados correspondentes, en base a un acordo establecido entre ambas entidades”, referiu o edil.

A este respecto, o concelleiro especificou que se trata de dous remolques multilift con equipo de gancho e dous módulos de punto limpo móbil.

“O noso obxectivo é poder ofrecer un servizo inexistente até o momento, coa vocación de que teña continuidade no tempo, que permita mellorar a recollida selectiva, fomentar a separación en orixe diminuíndo a cantidade de impropios e evitando o vertido incontrolado de refugallos, minorando as repercusións medioambientais e posibilitando, alén, o aforro de materias primas para a súa recuperación e/ou reciclaxe”, subliñou o responsable de Cohesión Territorial.

O tenente de alcalde avanzou que, tendo en conta as características demográficas da zona rural e os hábitos de consumo, o Concello estima recoller de forma anual até 1.000 kg de pequenos electrodomésticos, 500 kg de pilas e baterías, 1.500 litros de aceites, 500 radiografías, 2.000 kg de téxtiles e calzado e 800 kg de xoguetes. Así como 1.000 unidades de lámpadas/ fluorescentes e 900 kg de pinturas, vernices e disolventes. A maiores de 7 toneladas de residuos voluminosos, 5 toneladas de poda e 4’5 T de entullo de orixe doméstico.

“Antes de comezar a desprazar os Puntos Limpos polos diferentes núcleos, publicitaremos este proxecto a través da páxina web municipal e das redes sociais da Institución para informar á poboación da súa posta en marcha e do seu funcionamento. E toda vez comece a operar, daremos a coñecer mediante bandos o calendario co itinerario e tempos de permanencia en cada parroquia para tratar de darlle a maior difusión posible e promover, así, a súa utilización”, concluíu o concelleiro de Medio Ambiente.

A Deputación aproba aportar 300.000 euros para a plataforma pública de baño de Lugo

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou un novo convenio de colaboración co Concello de Lugo a través da achega 303.319,94€, para a instalación dunha plataforma de baño pública no parque do Miño. A institución provincial aporta deste xeito o 80% do total do investimento necesario para acometer esta actuación.

A Voceira do Goberno, explicou que “coa aprobación deste novo convenio, o Presidente da institución, José Tomé Roca, cumpre coa súa palabra de manter o mesmo compromiso económico para habilitar esta dotación de lecer tan importante para o concello de Lugo”.

“Como xa explicamos, o convenio de colaboración que existía entre a Deputación e o Concello de Lugo para a finalidade do espazo fluvial de baño no Miño, formalizado no ano 2010, quedou sen vixencia. Na Xunta de Goberno deste venres acordouse así a resolución dese acordo e, ao mesmo tempo, aprobouse un novo convenio, co que se axiliza a tramitación administrativa”.

A deputada insistiu que “isto dá boa conta do firme compromiso da Deputación por colaborar co Concello de Lugo, como o demostran tamén outras actuacións tan importantes para o futuro da cidade como son as obras de desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, nas que dende a institución provincial estamos investindo 1,4M€”.

Cs insta ao Goberno a mellorar as comunicacións do barrio da Cheda

O concelleiro de Cs Juan Vidal-Pardo instou esta mañá ao Goberno local a desbloquear a situación de asilamiento na que se atopa o barrio da Cheda e traballar por integrar esta zona da cidade no seu deseño urbano. “Na Cheda, como en moitos outros barrios de Lugo, apréciase un preocupante abandono por parte de Goberno local quen durante décadas deixou de lado esta zona da cidade coma se non formase parte dela. A falta de planificación urbana chega ata tal punto que se converteu nunha especie de illa perimetrada por un valado en gran parte dos seus límites e que apenas conta cunha entrada e saída”, sinalou o edil da formación laranxa.

Vidal-Pardo considera que é necesario actuar en varias frontes para lograr equiparar este barrio a outras zonas da cidade: completar o armazón urbano e mellorar beirarrúas e iluminación público, integrar o barrio a cidade e mellorar os seus accesos e saídas. “É inadmisible que moitas rúas non cheguen a ningunha parte. A rúa río Azumara debe comunicarse coa rúa río Eume en condicións, e esta á súa vez debe ter continuidade. A situación na Cheda é un exemplo de libro onde é necesaria unha intervención urbanística municipal para evitar que a degradación continúe”, sinalou o Vidal-Pardo.

“Trátase dunha tarefa que involucra a varias áreas do Goberno e por tanto PSOE e BNG deben apartar as súas diferenzas e sentar xuntos a planificar. Basta de ir por libre. Deben chegar a acueros polo ben dos veciños e veciñas. Sen dúbida agora o máis urxente é que o Concello actúe na vía que une o barrio coa N-VI á altura de Pazo de Feiras. Trátase dunha pista cun ancho insuficiente cuxo firme está totalmente bacheado e atópase sen ningún tipo de sinalización nin horizontal nin vertical. Ademais non conta coas condicións de seguridade viaria necesarias como cruzamento de incorporación a unha estrada nacional. Traballar nos accesos para vehículos é clave se realmente quérese conectar o barrio de forma efectiva co resto do armazón urbano”, sinalou

“A pasarela do millón de euros construída sobre a N-VI non pode ser unha escusa para dicir que se está traballando pola Cheda. Se calquera dos concelleiros do Goberno se dignara a pasear por este barrio durante un cuarto de hora verían o potencial que ten como zona residencial e a necesidade real de que se realicen investimentos. Con moi pouco investimento pódese realizar unha transformación total deste espazo. Imaxínanse a transformación que se acometería co diñeiro destinado a salvar a N-VI cunha pasarela onde xa existía un paso subterráneo? Esiximos que o Goberno local tome a iniciativa e dedique o diñeiro para mellorar a calidade de vida dos veciños no canto de obras faraónicas”, concluíu.

As traballadoras da limpeza da Garda Civil de Tráfico en Lugo están en folga indefinida para esixir o cobro dos seus salarios

As traballadoras do servizo de limpeza da Agrupación da Garda Civil de Tráfico de Lugo están en folga indefinida dende o pasado 7 de febreiro para esixir o cobro dos seus salarios. A empresa Yaunde SL (que dende o ano 2021 ten adxudicado o contrato de limpeza destas instalacións en Galicia, Asturias e Cantabria),  acumula xa unha débeda de cinco meses de salario co seu persoal.

Ante a desaparición da empresa, que non responde nin sequera aos correos electrónicos, e as informacións contraditorias por parte da administración estatal, as dúas traballadoras que prestan o servizo na agrupación de Lugo acordaron pórse en folga indefinida até que lle abonen os salarios. Para visibilizar as súas demandas, onte xoves día 17, realizaron unha concentración diante das oficinas da Comandancia da Garda Civil de Lugo.

A propia Inspección de Traballo levantou acta de infracción e sanción contra a empresa tras constatar os feitos e solicitar de maneira reiterada a Yaunde que acreditara o abono das nóminas, requirimentos aos que a dirección fixo caso omiso.  De feito, a empresa, con sede nunha localidade de Sevilla, está completamente desaparecida, non ofrece ningún tipo de información e descoñécese mesmo se vai entrar en concurso de acredores.

A CIG ten solicitada unha reunión coa Subdelegada do Goberno en Lugo para tratar esta problemática e buscar unha solución, pois, como lembra Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, “o FOGASA só cubre os primeiros 120 días de impago, pero a día de hoxe Yaunde xa acumula unha débeda de cinco nóminas”.

Por iso, Paz esixe á administración estatal que proceda á rescisión inmediata do contrato coa empresa ante tan manifesto incumprimento dos pregos de condicións, que se garanta ao conxunto do persoal afectado (os impagos danse en todos os centros de traballo) que van poder percibir os seus soldos e unha actuación contundente con este tipo de empresas pirata que veñen facer negocio a conta dos cartos públicos e de roubarlle os salarios as traballadoras.

Neste senso, critica a falta de dilixencia da administración para cortar estes abusos laborais nas súas contratas. Unha pasividade que converte as institucións en “cómplices destes incumprimentos e irregularidades por adxudicar concursos públicos a empresas sen ningunha solvencia económica nin escrúpulos cos dereitos das traballadoras”.

PSdeG de Riotorto empraza ao alcalde a priorizar a asistencia social a maiores con dificultades de mobilidade

A Agrupación Socialista de Riotorto denuncia que o Concello non está prestando ningunha axuda social á familia a que se lle incendio á vivenda no lugar de Cachán, o pasado sábado dia 12 de febreiro, e onde vive unha muller encamada de avanzada idade xunto co seu fillo.

Dende a Agrupación Socialista de Riotorto puidemos comprobar que esta familia non está recibindo ningún tipo de asistencia por parte dos servicios sociais do Concello, tal e como anunciou o propio Alcalde, ao que lle gusta moito saír nos medios, pero despois rascamos e resulta que non hai absolutamente nada de nada sobre o que afirma. Ademais hai que puntualizar que a única asistencia coa que conta esta veciña, esta pagada do seu propio peto.

Por iso queremos emprazar ao Concello, da man dos servicios socias do Concello de Riotorto, para que priorice as demandas das persoas maiores da nosa vila, especialmente das persoas que teñen mobilidade reducida e non poden valerse por si mesmas, xa que precisan moita axuda e atención. Dende o PSOE de Riotorto creemos que o coidado aos nosos maiores debe ser unha prioridade nas políticas do noso Concello, por iso vamos a seguir reclamando e insistindo para que se mellore a calidade de vida da nosa veciñanza.

As Mercedes crea unha aula de tecnoloxía aplicada con robótica e simuladores de realidade virtual

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade incorporou no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes de Lugo unha aula de tecnoloxía aplicada con equipamento de creación, reprodución e visión de realidade virtual e realidade aumentada ou sistemas robóticos, entre outras dotacións.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou as novas instalacións, que foron reformadas e equipadas cun investimento de 50.000 euros. Xa dispoñen de dous simuladores funcionando e están comezando a usar un robot colaborativo logo de que esta semana recibiran formación sobre o seu manexo por parte da empresa instaladora.

Este proxecto enmárcase na aposta da Xunta por avanzar na dixitalización e na calidade que se ofrece na FP galega, estreitando o vínculo entre Formación Profesional e empresa como vía para dar un valor engadido á preparación que os estudantes acadan nos ciclos formativos.

Neste sentido, que o alumnado poida simular desde os propios centros de ensino procesos produtivos reais favorece que acade unhas mellores competencias de cara á súa incorporación ao centro de traballo e, polo tanto, redunda nun maior beneficio para a empresa que o incorpore no mercado laboral; tamén facilita que faga realidade a súa propia idea de negocio.

A aula estará a disposición do alumnado das catro familias profesionais do CIFP As Mercedes: Comercio e márketing, Instalación e mantemento, Enerxía e auga e Transporte e mantemento de vehículos. Grazas ás técnicas virtuais e interactivas poderán traballar en diferentes escenarios, dende a animación de espazos comerciais ata a montaxe de instalacións frigoríficas ou instalacións solares térmicas ou o mantemento correctivo dun motor de turbina de avión.

Arias destacou que As Mercedes é un dos 78 centros galegos que forman parte da recentemente creada Rede Galega de Educación Dixital, que naceu este curso ao abeiro do Plan Dixital de Centro da Consellería de Educación.

Esta iniciativa implica acompañamento profesional e específico en todo momento a través de 78 docentes cunha dedicación completa e exclusiva a esta función, a razón de un para cada un dos centros baixo a coordinación de dúas persoas da Consellería de Educación.

Igualmente, o instituto lucense é un dos que se beneficiará da nova Estratexia de FP Galicia 2030, que contempla un investimento de 900 millóns de euros nos próximos tres anos para consolidar unha rede de centros de excelencia e personalizar estas ensinanzas.

O delegado territorial subliñou o traballo da Consellería “pola mellora constante dos contidos, os métodos da aprendizaxe e a confortabilidade e eficiencia das instalacións dos centros de ensino público”. Ao respecto, lembrou que vén de acometerse unha obra de urbanización no recinto deste instituto, na que se investiu 25.000 euros. Implicou a regularización do chan, renovación do pavimento e pintado de marcas viarias e zona de aparcamento.

Reque acollerá un obradoiro sobre coidados para a saúde baseados en prantas

O Espazo Permacultural Lugar de Reque, promovido pola Deputación de Lugo na contorna do centro de cestería, no paseo do río Rato, en Lugo acollerá un obradoiro sobre coidados para a saúde a base de prantas o vindeiro sábado 26 de febreiro.

Compartiranse nocións básicas sobre algunhas prantas empregadas para remedios naturais en preparacións sinxelas como as infusións ou decoccións ou algo máis elaboradas como tinturas, xaropes ou emplastos. Tamén se coñecerán as formas de conservación para poder acceder a elas durante todo o ano e, se o tempo o permite, aprender a recoñecelas a través dun roteiro polo campo.

O obradoiro extenderase por oito horas, concretamente de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Para participar, é necesaria a inscrición previa a través do correo lugardereque@deputacionlugo.org. O prazo de inscricións ábrese este domingo 20 de febreiro, aceptando as solicitudes por orde de recepción das mesmas ata o día 25.

CSIF denuncia o trato de “explotación laboral” a certos empregados do Concello de Lugo

CSIF vén de denunciar o trato que están a recibir certos traballadores por parte do Goberno local. “Un goberno que proclama aos catro ventos ser progresista, de esquerdas e por tanto defensor do traballador, pero que á hora da verdade máis ben parece que o que tenta é explotalos laboralmente”.

Así o denuncia o sindicato facendo referencia aos novos axentes da Policía Local, que terminaron a súa formación en xaneiro e aínda “a día de hoxe, malia que xa foron integrados nas quendas de traballo, rotando mañá tarde e noite e realizando as taregas propias da función policial”, continúan a percibir, segundo denuncian, un salario que non chega aos 700 euros mensuais, “moito menos” do que o propio Goberno Central fixou como salario mínimo interprofesional.

“A parte de ilegal de xeito evidente, esta actitude parécenos vergoñenta e impropia dunha administración pública que, supostamente, debe ser exemplo de legalidade e de cumprimento das leis”, critica o sindicato que, á súa vez denuncia que “non é a primeira vez que este Goberno fai o mesmo”.

Segundo lembran dende o CSIF, á anterior promoción de policías tamén se lles negou o abono do salario completo durante o seu período de prácticas no 2020, malia que, durante o mesmo, en plena pandemia pola Covid-19, estes traballadores exerceron todas as funcións propias do seu posto, “manténdose na primeira liña na loita contra o virus, arriscando incluso a súa saúde co fin de protexer a da cidadanía”.

Aínda así, di o sindicato, o Concello, e a pesar do informe da Xefatura de Policía, expoñendo que durante os períodos de prácticas estes traballadores levaran a cabo todas as funcións policiais encomendadas, sendo encadrados nas distintas quendas operativas, “negouse en redondo a pagar o establecido por lei, véndose obrigados a acudir ao Xulgado, sendo representados por CSIF”.

Nese caso, o Xulgado ditaminou “tallante e razonadamente” que estes axentes en prácticas debían percibir o mesmo salario que calquera outro policía durante o tempo en que desempeñaron as funcións propias do posto. “A pesar diso, Lara Méndez, nun exercicio de irresponsabilidade absoluta, decidiu non acatar esa sentenza e recorrela ante o TSXG”.

Desde CSIF consideran que esta situación dáse porque “é moi fácil recorrer cando o que se xoga é o diñeiro de todos os cidadáns e non se arrisca o patrimonio propio, que isto pasa porque é moi fácil recorrer cando o que se xoga é o diñeiro de todos os cidadáns e non se arrisca o patrimonio propio, e é que, segundo expresan, “no caso de que a sentenza dea a razón aos traballadores, todos os lucenses, cos seus impostos, terán que abonar os intereses correspondentes á cantidade debida, e con toda probabilidade as costas do proceso xudicial. Todo iso froito da temeridade política”.

“Pois ben, aínda con estes antecedentes, o Concello de Lugo, coa alcaldesa á fronte, segue querendo caer no mesmo erro, negando un salario digno aos policías de última promoción durante os períodos de prácticas nos que  desenvolveron a función policial”, critica o sindicato quen explica ademáis que “o pasado 31 de xaneiro terminouse oficialmente o seu período de formación e inmediatamente integráronse nas diferentes quendas, comezando a traballar normalmente, como calquera outro policía do persoal, e a día de hoxe, emitido xa o informe de superación do curso por parte da AGASP, continúan sen tomar posesión do posto”.

Respecto a isto, din descoñecer porque o Servizo de Persoal “non realiza o seu traballo cunha mínima axilidade para evitar prexuízos innecesarios a estes traballadores”, tamén din que non saben “se o Xefe de Persoal segue instrucións políticas ou todo iso é froito da súa incompetencia, descoñecemos se o que está a pasar pode estar motivado por un odio visceral  e inxustificado que este funcionario parece ter cara á Policía Local, e en sucesivos comunicados trataremos de demostrar que a nosa desconfianza respecto diso está máis que motivada”.

“O que non é de recibo é que, a pesar de estar a traballar normalmente, a pesar de realizar todos os servizos que se lles encomenda, a pesar de cumprir fielmente coas súas obrigacións, sígaselles pagando un soldo mísero, pouco máis da metade do SMI, co que resulta imposible chegar a fin de mes”.

CSIF denuncia así que o Goberno “autoproclamado progresista e ao lado dos traballadores” coa súa actitude fará que os axentes en prácticas véxanse obrigados “a reclamar o que se lles debe no xulgado”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com