Novas

Novas oficinas de Galicia Digital na praza Maior de Lugo

GaliciaDigital (Interdix Galicia S.L.) vén de Inaugurar novas oficinas para atención ao público na Praza Maior de Lugo, no número 13, 2º dereita.
Ata o momento, GaliciaDigital levaba funcionando no número 30 da rúa das Nóreas desde a creación da empresa e do portal galiciadigital.com, hai case 25 anos. O traslado da oficina de atención ao público á Praza Maior provén do desexo de ofrecer un mellor servizo aos seus clientes e ao público en xeral,cunhas instalacións modernas, accesibles, que sigan sendo punto dereferencia e de xuntanza dos numerosos colaboradores da súa Plataforma en Internet.
Coa inauguración destas novas instalacións, a empresa reforza o seu labor informativo e de opinión a través da súa plataforma dixital, así como o seu traballo centrado no deseño e desenvolvemento web, servizo que se ve complementado con outros como rexistro de dominios, aloxamento e mantemento web, xestión de redes sociais, comercio electrónico, e todo tipo de servizos dixitais.

As obras do desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena comezarán na primavera

O proxecto contempla o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena no treito comprendido entre a glorieta Garaballa de Arriba e á de Benigno Rivera. Este tramo, cunha lonxitude total de 466 metros, contará con dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. Ademais, a marxe dereita dotarase dun carril bici cun ancho de 3 metros, e no caso das beirarrúas terán 4,05 metros de ancho a ambos lados, con árbores, iluminación, bancos e papeleiras. a plataforma da nova entrada vai ser de 32,5 metros de ancho.

Estes traballos tamén inclúen a renovación e dotación dos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables.

Esta proposta vertebra todas as súas accións tendo en conta o Plan de Mobilidade e Espazo Público de Lugo, onde se establece unha nova xerarquía no uso da cidade, onde o peón é o protagonista, seguido dos medios de transporte non motorizados e o transporte público e, en último termo, o vehículo privado.

 

 

 

Os cines Codex estrean este venres o filme “Desmontando un elefante”

Este venres os Codex Cinema estrean o filme DESMONTANDO UN ELEFANTE”, dirixido por Aitor Echeverría e protagonizada por Emma Suárez e Natalia de Molina. Unha película que profundiza nas relacións persoais e a falta de comunicación a través do conflicto entre unha nai e unha filla.

Sinopse:  Marga, unha arquitecta de éxito, regresa a casa despois dun internamento de dous meses nun centro de rehabilitación para afrontar un problema de adicción co cal a súa familia conviviu en silencio durante anos. Cando volve, intenta reconstruír a súa vida. A súa filla máis nova, Blanca, decátase de que a atención que lle dedica á nai afecta tanto ás súas relacións como ao seu soño de ser bailarina profesional. Un ano despois, o “elefante” no cuarto que representa o problema non resolto da adicción, segue sendo tan enorme como sempre, aínda que agora todos son conscientes da súa presenza.

 

Abre o prazo para participar na segunda edición do programa “Exploradores do Miño”

A Deputación de Lugo pon en marcha a segunda edición do programa gratuíto Exploradores do Miño, a iniciativa de educación ambiental na que poden participar nenos e nenas de entre 6 a 11 anos. Nesta convocatoria incorpóranse case unha vintena de actividades de lecer dirixidas a concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de conservar e coidar do medio ambiente, ao tempo que tamén facilita a conciliación das familias.

A programación, na que se inclúen un total de 20 prazas por proposta, desenvolverase todos os venres do 24 de xaneiro ata 27 de xuño en horario de 17:00 horas a 19:00 horas no Centro de Interpretación Terras do Miño.

Desde este venres, 10 de xaneiro, ás 12:00 horas poden formalizarse as inscricións na páxina web https://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais ou a través do correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org. As persoas interesadas en consultar máis información poden facelo chamando ao 982 227 812.

 Ademais, os nenos e nenas que participen conseguirán un kit de produtos coa imaxe desta iniciativa. As actividades previstas son:

  • Aprender a reciclar.
  • Aprender a compostar.
  • Aprender a vermicompostar.
  • Papel reciclado.
  • Encadernación de libros en papel reciclado.
  • Saída para recoñecer árbores, recoller follas e facer herbario.
  • Xoguetes con materiais reciclados.
  • Saída para recoñecer herbas.
  • O ciclo da auga.
  • Creación dun xogo de mesa sobre medio ambiente.
  • Facemos un niño de paxaros.
  • Recoñecer animais da biosfera.
  • Facer un mapa con topónimos.
  • Representamos lendas da Terra do Miño.
  • Protexer a nosa contorna, con saída para recoller restos non biodegradables.
  • Deportes ao aire libre.
  • Plantación de especies hortícolas autóctonas.

Fotografía: Arquivo Primeira Edición “Exploradores do Miño”.

 

Morre unha muller tras ser atropelada en Vilalba

Os feitos tiveron lugar pasadas 7:30 horas, cando o 112 Galicia tivo constancia do accidente a través do aviso de Urxencias Sanitarias de Galicia-061: unha persoa acababa de ser atropelada en Árbol, á altura do quilómetro 8 da LU-120. Nese momento, os alertadores explicaron que a situación semellaba especialmente grave.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a acción da Garda Civil de Tráfico e dos servizos de mantemento da estrada.

Cando chegaron ao lugar, os servizos sanitarios nada puideron facer pola súa vida e confirmaron o falecemento da persoa.

Xuntanza sobre aparcadoiros para a cidade de Lugo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo esta mañá unha reunión coa alcaldesa de Lugo Paula Alvarellos e persoal técnico das dúas administracións, convocada polo representante autonómico, co ánimo de desbloquear proxectos que se atopan “en distintas fases de execución” e cos que se pretende “favorecer unha mobilidade sostible e mitigar o problema da falta de aparcamentos na cidade”.

O delegado da Xunta e alcaldesa  analizaron tres proxectos en concreto: as posibilidades para a creación dun aparcamento na avenida de Fontiñas e a apertura dos aparcamentos dos institutos e do construído pola Xunta na Avenida de Breogán.

No tocante á construción dun aparcadoiro en Fontiñas, Arias reiteroulle á alcaldesa a “plena disposición” do Goberno galego a colaborar neste proxecto, se ben trasladoulle que a proposta inicial presentada polo Concello -que plantexaba ubicar o aparcamento nunha parcela que linda coas rúas Rof Codina, Illa da Toxa e Xoan Rico Pérez- “non resolve en absoluto os problemas dos veciños e veciñas de Fontiñas e demais usuarios desa vía”. A rexedora rectificou da súa proposta e na reunión plantexáronse xa outras posibles localizacións na contorna da propia avenida. “A Xunta acometará integramente a construción deste aparcamento e por iso analizaremos a fondo as distintas propostas e falaremos tamén cos veciños para ver cal é a alternativa que ofrece a resposta máis eficaz ás súas necesidades”, explicou o delegado.

Nun segundo punto, abordouse a apertura ao público dos aparcadoiros dos institutos, en horarios compatibles coa actividade lectiva. A Xunta abrirá en primeiro lugar o aparcadoiro do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, un trámite para o que é necesario que se convoque previamente a Xunta local de seguridade co fin de asinar un convenio entre as Administracións que permita definir as responsabilidades e competencias que asume cada parte en cuestións como, por exemplo, a retirada de vehículos dentro do espazo. “A alcaldesa comprometeuse a convocar canto antes a xunta local de seguridade, así que agardamos que sexa así para poder abrir o aparcamento do instituto á maior brevidade posible, coa seguridade xurídica necesaria”, dixo Arias.

O delegado, lembrou ademais a vontade do Goberno galego de abrir tamén o aparcamento do IES Lucus Augusti pero explicou que neste caso haberá que agardar a que as obras de rehabilitación integral que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está a executar no centro, cun investimento de 3,3 millóns de euros, permitan usar o espazo do aparcamento e facelo en condicións de seguridade.

A xuntanza serviu tamén para avanzar na apertura do aparcadoiros disuasorio construído pola Xunta na Avenida de Breogán, e que suporá poñer a disposición da cidade 148 novas prazas. O delegado territorial conseguiu o compromiso da alcaldesa de que se axilizará a concesión da autorización necesaria para que a Xunta poida actuar dentro do dominio público municipal e realizar así as obras que dean solución aos problemas de drenaxe de auga que xa existían previamente na contorna do aparcadoiro, afectando principalmente na rúa Monte Pena Rubia.

Velaí os planos coas novas ubicacións propostas para construción do aparcadoiro de Fontiñas, e que esta mañá se estudiaron. En vermello figura marcada a  nova proposta presentada polo Concello (na que habería que urbanizar a parcela e abrir unha rúa) e en azul as propostas da Xunta (aparcamentos en altura e nos que, segundo Arias, se gañarían máis prazas.

 

A Furgoteca

A ruta de “A Furgoteca” achega ao rural unha ampla programación cultural

A Xunta de Galicia ten xa en marcha a programación de actividades da ruta de A Furgoteca na provincia de Lugo. Trátase dun amplo abano de propostas no rural que se chegará aos municipios de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organiza varias iniciativas culturais para todas as idades que van desde contacontos ou xogos ata diversas citas nas distintas localidades que forman parte do circuíto. O programa, que coincidirá coa celebración do segundo aniversario desta ruta, inclúe un obradoiro ou a posta en marcha do Reto Lector deste ano 2025.

A primeira parada para este mes de xaneiro chegará o xoves a As Nogais, que permanecerá na Casa do Concello desde as 11,00 ata as 15,30 horas. Ademais, A Furgoteca levará a narración oral A aldea que eu soñei ao Incio o día 22 ás 11,40 horas, mentres que o 27 de xaneiro Inma Soto ofrecerá Xela, aventura na Fraga no centro sociocultural de Baleira, ás 12,00 horas. Os vindeiros días 28 e 29, en Triacastela ás 11,00
horas, e Navia de Suarna ás 13,45 horas, respectivamente, os usuarios poderán gozar do contacontos a cargo de Paula Buján. Pola súa banda, o día 30 terá lugar un obradoiro de postais, que homenaxeará a Xosé Vizoso no Día da Ilustración, no colexio Nogueira de Muñiz ás 11,30 horas. Finalmente, o 31 de xaneiro a localidade de Samos contará coa narración A aldea que eu soñei, ás 11,35 horas.

O PP esixe responsabilidades ante o caos na reparación de fugas de auga en Lugo

O Partido Popular denuncia a grave situación que están a vivir os veciños de Lugo á hora de xestionar o servizo de reparación de fugas de auga. Nos tres últimos días rexistráronse múltiples incidencias, xa que coincidindo coa fin de semana e o luns festivo, tiveron lugar seis fugas en distintos puntos da cidade e algunha destas avarías continúa hoxe mercores.  Unha das fugas que máis preocupou aos técnicos foi a que afectou ao veciños do Sagrado Corazón e a Calzada das Gándaras que tanto o día de Reis como onte martes estiveron todo o día sen auga, e que non foi ata última hora de onte que se restableceu o suministro.

Os populares esixen “explicacións inmediatas sobre as razóns que levan a que, malia que o pasado 19 de decembro se adxudicou o contrato para a reparación de avarías nocturnas e durante festivos e fins de semana, os atrasos continúan a ser a norma”. Esta situación evidencia, segundo o grupo municipal, “a incapacidade do goberno local para garantir un servizo básico e esencial”

Desde o PP lembran “que o desmantelamento da brigada municipal de augas marcou o inicio dunha xestión errática, agravada pola implantación dunha solución temporal que non foi capaz de cumprir cos obxectivos”. “Estamos ante un exemplo claro de mala organización e
falta de previsión, e os veciños non poden seguir pagando as consecuencias deste desleixo”, sinalan.

E insisten que “urxe que o goberno actúe con contundencia para evitar máis demoras na reparación de avarías na rede de abastecemento. A cidade non pode permitirse seguir padecendo un servizo deficiente que prexudica gravemente o día a día da veciñanza”.

Un cento de incidencias este mércores polo temporal de chuvia e vento

O temporal de chuvia e vento está a deixar preto dun cento de incidencias nas estradas provinciais nas últimas horas, polas intensas precipitacións e fortes rachas de vento que afectan ao conxunto da provincia de Lugo.

Ata o de agora mantéñense abertas todas as vías ao tráfico e traballase de maneira puntual en cada unha das alertas que se vai detectando ao longo da xeografía da provincia. Os principais danos pasan pola caída de árbores e pólas, desprendementos de terra e bolsas de auga.

O Concello pechará esta tarde os parques da cidade ante o aviso de alerta por fortes refachos de vento

O Concello de Lugo informa de que a última hora desta tarde está previsto que se proceda ao peche dos parques da cidade ante a chegada dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel amarelo, por ventos de compoñente sur que poden deixar refachos de ata 70 quilómetros por hora e que afectarán o centro da provincia de Lugo.

Dende Transición Ecolóxica explícase que operarios dos servizos municipais precintarán, por tanto, os parques de Rosalía de Castro, Frigsa, Paxariños e Marcos Cela, quedando prohibida a entrada aos mesmos dende ese momento.

Ademais, faise un chamamento á cidadanía para pedirlle que respecten estas limitacións, evitando correr riscos innecesarios para non poñer en perigo a súa seguridade.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com