Novas

Motoxubileo 2025: Solidariedade sobre rodas baixo a choiva

Onte  domingo 5 de xaneiro, motoristas lugueses, doutros lugares do país e mesmo de Asturias, fixeron, saíndo de Lugo, un roteiro ata a aldea de O Cebreiro.

Abofé que o día non era o máis acaído para  facer esta viaxe, pero  os motociclistas enfrontaron o intenso temporal de choiva e vento sen pestanexar. “O obxectivo era dobre: celebrar o inicio dun novo ano moteiro, coa segunda edición do Motoxubileo e axudar á asociación Somos unidos por el cancer”.

En colaboración con esta asociación, dedicaron o evento á loita contra o cancro infantil. A xornada comezou ás 9:30 nunha cafetería  de As Gándaras, onde almorzaron e se prepararon para acometer a ascensión. Cara o mediodía chegaron a asentamento prerromano de O Cebreiro onde voluntarios de Somos lles ofreceron chocolate quente e churros.

Durante a estadía no Cebreiro  venderon “as camisetas e firmas solidarias, inspiradas no triunfo do piloto lucense Jorge Prado, recente campión do mundo de motocrós”.

Tralo xantar, regresaron a Lugo pola estrada de Samos, realizando “unha emotiva parada no lugar onde se atopa a placa conmemorativa dedicada a J, un querido motorista lucense vinculado ao Motoclub Lóstregos-Lucus, falecido o pasado verán nun accidente en moto” . Quedaron para o vindeiro ano.

Os Reis Magos chegaron a Lugo esta tarde co espectáculo “Nómadas”

A cabalgata de Reis saíu ás 18 horas do parque da Milagrosa, continuando pola rúa Monte Faro e a avenida da Coruña e chegou á praza Maior ás 19:15. A cabalgata estivo formada por varios espectáculos precedendo ás carrozas, ademais de música e espectáculos a cargo da Tambukda e Cántigas e Frores, cun percorrido no que se repartiron máis de 4.000 quilos de caramelos.

Na súa chegada ao Concello, os Magos de Oriente agasallaron ao Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e á alcaldesa de Lugo cunhas cuncas de Rosalía e Castelao.

Antes da recepción dos Magos de Oriente ás nenas e nenos de Lugo, o rei Melchor dirixiuse a todas as persoas presentes na praza Maior, cunha mensaxe en liña coa temática dos espectáculos da cabalgata, dedicada a aquelas persoas reais ou de ficción que coma os Reis Magos fan da viaxe o seu modo de vida.

Aberto ata o 20 de xaneiro o prazo para participar no Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera

O prazo para participar no VIII Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera, convocado pola Deputación de Lugo, continúa aberto ata o 20 de xaneiro. O obxectivo deste certame é poñer en valor o patrimonio etnográfico material das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

Nesta edición, as fotografías deben estar vinculadas ao lema O Patrimonio Etnográfico Material das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. A iniciativa conta cunha dotación económica total de 1.600€, distribuídos entre os tres primeiros clasificados, con premios de 800€, 500€ e 300€, respectivamente.

A temática deste ano busca fomentar as actividades de lecer en espazos naturais, especialmente nos sendeiros que percorren estes territorios. As fotografías deben centrarse en elementos representativos do patrimonio etnográfico, como hórreos, muíños, aceas, lavadoiros, fontes, pontellas, cortíns, pallozas e outras construcións tradicionais, que son testemuño do aproveitamento sostible dos recursos naturais polos nosos devanceiros. O xurado seleccionará as mellores imaxes segundo os criterios de composición, orixinalidade e calidade estética.

As persoas interesadas deberán presentar unha única fotografía inédita, que non pode ter sido premiada en edicións anteriores. As fotografías deberán ser enviadas ou entregadas no Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos ou remitidas por correo certificado. Se a solicitude se presenta nun rexistro distinto ao da Deputación Provincial de Lugo, será necesario remitir, na mesma data da presentación, un correo electrónico ao enderezo medioambiente@deputacionlugo.org, co xustificante da presentación da solicitude no rexistro correspondente.

As fotografías, que poden ser en branco e negro ou en cor, deberán ser tomadas dentro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. As imaxes deben presentarse en formato dixital (CD ou memoria USB), acompañadas dunha copia en papel fotográfico. Toda a documentación deberá ir dentro dun sobre no que se inclúan os datos persoais do participante, o título da obra e o nome do lugar onde se realizou a fotografía.

 

Todo preparado para a Cabalgata de Reis 2025

Xa están listas as carrozas nas que viaxaran por Lugo as súas maxestades os reis de oriente mañán domingo, 5 xaneiro, na cabalgata de Reis. Serán 4 as carrozas, e despois da súa chegada á nosa cidade engalanaranse e preparanse para que participen na Cabalgata que este ano será acompañada por música e 14 espectáculos que farán vibrar a todas as persoas presentes.

O percorrido definitivo da cabalgata volverá ser o habitual, partindo do Parque e continuando pola avenida da Coruña. A entrada no recinto histórico será pola Porta de San Fernando e continuará percorrendo as rúas San Fernando e San Marcos, para chegar á praza de Santo Domingo e continuar pola rúa da Raíña, antes de rematar na praza Maior. O desfile contará con 4 carrozas e 14 espectáculos que inclúen a partipación de 80 actrices, actores e músicas.

Durante o desfile polas rúas de Lugo repartiranse 1.500 quilos de caramelos, e as nenas e nenos que saúden aos Magos de Oriente no Concello recollerán un dos 3.000 cornetes de lambetadas, que levarán tamén un pequeno xoguete como recordo da chegada dos Magos a Lugo.

Mostra bibliográfica “75 anos da sinatura de As cruces de pedra na Galiza”

A mostra inaugurada esta tarde dá comezo a programación conmemorativa “75 cabodano de Castelao (1950-2025)” coa que o Museo Provincial de Lugo difundirá o legado artístico e político de Castelao no primeiro trimestre deste ano, coa colaboración de diferentes institucións galegas.
Coordinada polo Museo do Pobo Galego, reúne primeiras edicións desta publicación, representativa do labor de investigación e estudo que Castelao realizou sobre os cruceiros valorizándoos como patrimonio artístico popular e como mostra das conexións culturais entre Galiza e os países do arco atlántico.
Xunto a primeiros exemplares da obra, cuxo primeiro intento de impresión, en 1936, se truncou polo alzamento militar, e de “As cruces de pedra na Bretaña”, figuran publicacións sobre esta temática de Portugal, Irlanda, Bretaña, Illa de Man, Escocia, Cornualles e Gales.

A mostra poderá verse no Museo Provincial de Lugo ata o 30 de marzo.

O XXIII Circuíto Corre con Nós terá ata xuño seis probas

O vixésimo terceiro circuíto Corre con Nós ten previsto para este novo ano seis probas, a disputar entre xaneiro e xuño, con cambios de trazados nalgunhas das carreiras e máis protagonismo para determinados barrrios e contornas do municipio. 

A tradicional carreira nocturna abrirá o calendario desta competición popular, o vindeiro día 18 de xaneiro, cunha proba na que os participantes percorrerán o centro da cidade, co que se dará o pistoletazo de saída á tempada atlética popular de Lugo, que xa tivo como preámbulo a vixésimo primeira edición da Lugo Monumental do pasado mes de decembro. Nos vindeiros días abrirase a inscrición para esta primeira carreira do Circuíto Larsa Corre con Nos na páxina web www.correconnos.com.

Ademais da carreira do vindeiro sábado, 18 de xaneiro, xa están previstas as datas para o resto das probas, que se disputarán os domingos 6 de febreiro, 16 de marzo e 20 de abril; o sábado 10 de maio e a última das probas coa que rematará o Corre con Nós, fixada para o domingo 8 de xuño.

A organización esta a estudiar o cambio de trazado nalgunhas das probas, que será anunciado no seu momento, co obxectivo de dar un maior protagonismo a determinados barrios da cidade e distintas contornas do municipio, ademais de variar algún trazado xa moi empregado nas ultimas edicións. Para todo iso, o Concello de Lugo, desde a área de Xuventude e Deportes, xa está a traballar na organización das diferentes probas, que novamente contarán coa máxima colaboración de Cruz Vermella, Policía Local e Protección Civil.

O festival “Presto! Maxia en Nadal” terá lugar os días 2, 3 e 4 de xaneiro

O festival ‘Presto! Maxia en Nadal’ que comezou esta tarde na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, inclúe espectáculos unipersoais a cargo de tres dos magos con máis renome a nivel nacional.

O evento comezou coa actuación do Mago Rafa, ao que seguirán os números de Adrián Carratalá -mañá venres- e de Dani Polo –o sábado-. Todos os espectáculos comezan ás 18.30 horas e teñen unha duración aproximada dunha hora.

O Mago Rafa e o Goberno galego organizan conxuntamente o festival, ao que se convidou aos escolares de Educación Primaria do municipio de Lugo, co obxectivo de promover a cultura, a diversión e o entretemento familiar durante estas datas de Nadal.

Magos de renome nacional

O Mago Rafa, o ilusionista lucense que creou a primeira escola da maxia en Galicia en 2007 e que, ademais da súa faceta como artista, é produtor e organizador de festivais de maxia coma este, cos que consegue levar a ilusión a un público cada vez máis amplo.

Mañá venres será a quenda de Adrián Carratalá, un dos magos máis creativos do noso país, tres veces campión de España e vencedor en 2019 do prestixioso programa de televisión estadounidense ‘Penn and Teller Fool Us’.

O festival pecharase o sábado coa actuación de Dani Polo, artista polifacético que foi recoñecido do Premio Nacional de Maxia e galardoado co premio Ali Bongo como mago novo revelación en Europa.

 

O mercado Nadalmente Lucense permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro

O mercado Nadalmente Lucense chega á súa recta final con actividades pensadas para que pequenos e maiores desfruten dun Nadal cheo de maxia e ilusión. O emisario real estará presente durante esta última fin de semana de programación, recollendo as cartas dos nenos e nenas para os Reis Magos e compartindo momentos únicos con eles.

O mercado Nadalmente Lucense, situado na Praza Maior, permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro, en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 16:30 a 21:00 horas, ofrecendo un espazo decorado con encanto e actividades para todos os públicos.

A programación de actividades para os vindeiros días será a seguinte:

 Venres 3

  • De 11:00 a 14:30h: Visita do emisario real
    • De 11:00 a 13:00h: Xogos tradicionais
    • De 13:00 a 14:30h: Xogo “A caixa máxica”
  • De 16:30 a 21:00h: Visita do emisario real
    • De 18:00 a 19:00h: Visita e xogos navideños con Mickey e Minnie (Guachilandia)
    • De 18:00h: Exhibición de Ritmo Lugo
    • De 20:00 a 21:00h: Obradoiro de manualidades “Escribindo a carta aos Reis Magos”

Sábado 4

  • De 11:00 a 14:30h: Visita do emisario real
    • De 11:30 a 13:00h: Obradoiro de manualidades “Escribindo a carta aos Reis Magos”
    • De 13:00 a 14:30h: Xogos tradicionais
  • De 16:30 a 21:00h: Visita do emisario real
    • De 17:30 a 19:00h: Exhibición da Fábrica de Sons, Escola de Música
    • De 19:00 a 21:00h: Obradoiro de manualidades “Escribindo a carta aos Reis Magos”

Domingo 5

  • De 11:00 a 14:30h: Visita do emisario real
    • De 11:00 a 13:00h: Obradoiro de manualidades de Nadal
    • De 13:30 a 14:30h: Xogos tradicionais

Presunta agresión sexual en Noitevella

A pasada Noitevella, ao redeor das 3:00h do mércores, e mentres o Grupo Operativo Nocturno realizaba patrulla preventiva pola Rolda da Muralla, os axentes son requiridos por un rapaz que manifesta que, instantes antes, un home abusara da súa noiva, achegando unha descrición completa do individuo, que é localizado de inmediato na confluencia da citada rolda coa Rúa Santiago.  

Os axentes contactan coa nova, de 16 anos de idade, que manifesta que, cando saía dun local de lecer nocturno próximo, foi rodeada por varios homes, dous dos cales (un deles o interceptado) comezaron a realizarlle tocamentos, ante o cal quedou paralizada ata que puido chamar ao seu noivo. Os axentes proceden á detención do home, de 24 anos de idade, o cal é trasladado a dependencias policiais para a instrución das dilixencias correspondentes.

Foto: Arquivo Policía Local (contro nocturno).

 

Queixas

Un amigo que disfruta de oitenta e tres anos recén cumpridos e goza dunha presencia que desperta a envexa de moitos do noso tempo, queixábaseme hai uns días das cousas que nos aqueixan aos maiores polo funcionamento dun organismo que bastante ben o está facendo. E agudizaba a expresión da súa inquedanza sinalando que o médico de cabeceira, amigo, dictaminaba – “sen examinarme”, dicía – sobre as que nin siquiera son averías, recordándolle que a idade era a causante dese imperfecto funcionamento.

Por outra banda, veño observando que amigos cos que falo se queixan de trancazos, antes chamabámoslles gripe, que se supón producidos por temperaturas ás que non estamos afeitos e algunha que outra choiva, recalcando todos que están vacinados contra estas cousas sen que noten o efecto benéfico da necesaria prevención.

E aínda que xa o teño sufrido outros anos e este ano máis, cada dúas semanas, e na ultima dúas, síntome atacado por dolores, carraspeiras e outros síntomas desagradables que de inmediato ataco con fármacos que resultan taumatúrxicos para saír do atraco de xeito inmediato, pero nada me garante que a tranquilidade de narís, cabeza e ollos resista un cento de horas.

Penso que se non estivera vacinado contra o Covid, a gripe, e participado nun experimento especial de protección, sería moito peor ca o que agora me acontece, porque non se conforma o que non quere. Pero non se me ocorre comentarlle nada á miña Médica de familia, que ademais é amiga, non vaia ser que veña recordarme – con toda a razón do mundo – que estas cousas, hai cincuenta anos, non me pasaban.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com